Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 16 de novembro de 1999 Páx. 13.473

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 1999 pola que se somete a información pública o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Bértola, en Vilaboa (Pontevedra).

Aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Vilaboa, con data do 25 de xuño de 1998, o plan parcial do parque empresarial de Bértola-Vilaboa (Pontevedra) que segundo o disposto no artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, implica a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos terreos e edificacións correspondentes para os efectos de expropiación forzosa.

Vistos os artigos 145 e seguintes da Lei 1/1997, do 24 de marzo, polo que se aprobou a Lei do solo de Galicia, así como os artigos 202 e seguintes do Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento de xestión urbanística, sométese a información pública o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do mencionado parque empresarial de conformidade co planeamento aprobado.

O expediente estará exposto no Concello de Vilaboa e na Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Pontevedra, sita na rúa Alcalde Hevia, nº 7, polo termo dun mes, notificándoselles individualmente ós que aparezan como titulares dos bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que poidan formular alegacións no prazo dun mes contado a partir da data de notificación ou da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Durante o citado prazo, todas aquelas persoas e entidades que se consideren afectadas poderán presenta-las alegacións que consideren oportunas, por triplicado exemplar na Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Pontevedra, sita na rúa Alcalde Hevia, nº 7.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1999.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego

da Vivenda e Solo