Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 16 de novembro de 1999 Páx. 13.420

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 22 de outubro de 1999 pola que se regula a subministración e uso de talonarios de receitas oficiais do Sergas.

Para levar a cabo a prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde no ámbito do Servicio Galego de Saúde, é necesario que os facultativos médicos e odontólogos que presten servicios ós pacientes do Servicio Galego de Saúde, con independencia de que teñan a condición de persoal funcionario ou estatutario ou carezan de tal condición, dispoñan de talonarios de receitas médicas oficiais coa finalidade de poder realiza-la prescrición dos medicamentos e productos sanitarios que os pacientes precisen para a súa posterior dispensación polas oficinas de farmacia.

Co obxecto de garantir que as prestacións fármaco-terapéuticas ós pacientes sexan realizadas por cada facultativo médico e odontólogo nas receitas oficiais que lle foron entregadas, é preciso que existan uns mecanismos de control tanto na distribución coma na xestión e uso dos talonarios de receitas. Pero o feito de que na actualidade existan varios ámbitos de actuación -Dirección Provincial do Sergas e centros de distribución- para levar a cabo a subministración dos talonarios ós devanditos facultativos, dificulta o seguimento das prescricións realizadas por eles e a avaliación real da prestación farmacéutica.

En ausencia dunha regulación específica nesta materia na nosa Comunidade Autónoma, e para evitar calquera desviación ou anomalía na subministración e utilización de receitas oficiais, ponse de manifesto a necesidade de harmoniza-los criterios sobre subministración e uso de talonarios de receitas oficiais.

Polo anteriormente exposto, considérase necesario o control informatizado da distribución e asignación dos talonarios de receitas oficiais ós facultativos prescritores, a través da aplicación informática de xestión e control de receitas (Xecore), de proxima implantación, como medio para logra-lo coñecemento en todo momento da identidade do facultativo ó que se lle entregou cada talonario, facultativo que ademais é o responsable da súa custodia e utilización. Este control de datos informatizado non só mellorará os niveis actuais de control do ciclo administrativo da receita senón que tamén se pretende que, a curto prazo, constitúa a base de datos que permita mellora-la calidade do sistema informacional para a avaliación da prestación farmacéutica.

Por outra banda, preténdese que tódalas receitas oficiais leven impresas a súa numeración en código de barras, feito que facilitará a asignación inequívoca das receitas ós facultativos ós que se lle entreguen e a súa lectura automatizada e fiable nas receitas facturadas pola organización farmacéutica colexial.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Control de subministración e uso de talonarios e selos.

1. Correspóndelle á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas a xestión e control da subministración e uso dos talonarios de receitas oficiais e dos selos ós que se refire o anexo IV desta orde.

2. A autorización ou denegación do uso dos talonarios e selos oficiais seralle comunicada de forma inmediata pola División de Farmacia e Productos Sanitarios á Secretaría Xeral do Sergas e á dirección provincial e xerencia correspondentes.

Artigo 2º.-Adquisición e custodia dos talonarios.

1. Unha vez autorizada a adquisición dos talonarios oficiais, corresponderalles ás direccións provinciais do Sergas en coordinación coa División de Farmacia e Productos Sanitarios efectua-los pedidos destes ó provedor ou provedores adxudicatarios para a súa posterior distribución ós facultativos autorizados.

2. Así mesmo, correspóndelles ás direccións provinciais do Sergas a recepción, almacenamento, distribución e custodia, coas máximas garantías de seguridade, dos talonarios de receitas e dos selos oficiais no seu ambito de actuación, ata a súa posterior entrega ós facultativos que os soliciten.

3. De cada recepción levantarase a correspondente acta, segundo o modelo que figura no anexo I, na que o director provincial certifique para cada modelo de receitas o número de talonarios recibidos e a súa numeración. Unha copia da devandita acta será remitida á División de Farmacia e Productos Sanitarios.

Artigo 3º.-Deberes dos facultativos.

1. A partir da entrada en vigor desta orde, os facultativos serán autorizados para utiliza-los talonarios de receitas oficiais logo de compromiso, escrito segundo o modelo que figura no anexo II, de realizar unha axeitada custodia e uso deles desde o momento da súa recepción e de prescribir receitas única e exclusivamente ós pacientes do Sistema Nacional de Saúde con dereito recoñecido á asistencia, atendidos ou acollidos pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais nos centros de ámbitos asistenciais que lles correspondan.

2. O devandito compromiso será remitido á División de Farmacia e Productos Sanitarios acompañado, nos casos en que esta o solicite, dun informe da xerencia ou dirección responsable, no que figure a descrición da actividade que realiza o facultativo e do ámbito asistencial no que se desenvolve.

3. Unha vez autorizados para o uso dos talonarios oficiais, os facultativos solicitarán individualmente á dirección provincial correspondente os talonarios de receitas modelo P.3 e P.3/1 e P.3/6 segundo o modelo que figura no anexo III.

Artigo 4º.-Entrega de selos e talonarios.

1. A dirección provincial correspondente comprobará en cada solicitude que o selo do prescritor cuñado nela reúna as características que figuran no anexo IV, procedendo á renovación daqueles selos que non reúnan ou presenten fallos de impresión que impidan ou dificulten a súa lectura.

2. Antes da entrega dos talonarios, cumbriranse os datos da primeira folla do talonario, e o facultativo ou persoa por el autorizada na solicitude acreditará a recepción de cada talonario, asinando o devandito recibo, que se conservará na dirección provincial correspondente.

3. Os talonarios de receitas oficiais entregados ós facultativos serán nominativos e polo tanto persoais e intransferibles, calquera que sexa o carácter e a duración do seu contrato de vinculación ó Sergas nos centros e ámbitos asistenciais onde exerzan.

Artigo 5º.-Utilización de receitas.

1. A responsabilidade das prescricións realizadas nas receitas e da custodia dos selos corresponderá ó facultativo ó que se lle entregaron, agás que medie denuncia de substración ou extravío, caso no que deberá formula-la oportuna denuncia á policía ou garda civil, remitindo copia dela á dirección provincial correspondente.

2. A utilización dos talonarios de receitas e dos selos oficiais estará condicionada ó período de vixencia do contrato. Unha vez finalizado este, nun prazo improrrogable de tres días hábiles contados a partir do derradeiro día traballado, o facultativo médico devolverá as receitas que teña no seu poder á dirección provincial correspondente.

Artigo 6º.-Facultativos substitutos.

Ós facultativos substitutos que figuren nas listas de nomeamentos ou vinculacións temporais realizaráselles unha autorización anual para uso das receitas oficiais coa antelación suficiente respecto á formalización do primeiro contrato, logo de compromiso de correcto uso das receitas oficiais asinado por eles no modelo que se recolle no anexo V.

A entrega das receitas ós substitutos estará condicionada á formalización e entrega, nas dependencias sinaladas pola dirección provincial competente, da información contida no anexo VI.

Artigo 7º.-Actualización dos prescritores.

Co obxecto de realiza-la correcta avaliación das prescricións polos facultativos, as xerencias tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada do Sergas e as direccións dos centros e entidades autorizadas para dispoñer de receitas oficiais,

comunicarán mensualmente á Oficina Central da Tarxeta Sanitaria da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento as altas e baixas do persoal facultativo en cada un dos centros pertencentes á xerencia ou dirección correspondente.

No caso dos facultativos substitutos, cada xerencia ou dirección remitirá comunicacións á dirección provincial correspondente, polo medio máis urxente posible.

Artigo 8º.-Medios informáticos.

As direccións provinciais controlarán os movementos dos talonarios de receitas e os rexistros dos facultativos médicos autorizados a través da utilización e mantemento dunha aplicación informática de xestión e control de uso de receitas, que permitirá coñecer en todo momento a identidade do facultativo médico ó que se lle entregou cada impreso ou talonario, así como a avaliación das prescricións dos devanditos médicos.

Disposicións adicionais

Primeira.-A partir da entrada en vigor desta orde, para a identificación nas receitas do facultativo prescritor poderase utiliza-la placa identificativa do imprinter, sempre e cando se garanta a correcta impresión dos seus datos.

Segunda.-O uso de receitas oficiais polos médicos dos Servicios de Prevención que presten asistencia médico-farmacéutica, con base no establecido nos artigos 38 e 39 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención de riscos laborais, será autorizado logo do informe das unidades de Saúde Laboral das direccións provinciais correspondentes.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de rango inferior se opoñan ó disposto nesta orde e especificamente quedan sen efecto as instruccións do 21 de abril de 1997 e 13 de febreiro de 1998, dictadas pola Secretaría Xeral do Sergas para a autorización de subministración e uso de receitas oficiais a facultativos que non teñan a condición de estatutarios ou funcionarios, pero que presten servicios a pacientes do Servicio Galego de Saúde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral do Sergas para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais