Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 15 de novembro de 1999 Páx. 13.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convocan catro cursos de iniciación ó mergullo profesional.

A Orde do 23 de abril de 1999 establece a normativa para a realización dos cursos para a obtención das titulacións de mergullo profesional, determinando os requisitos para acceso a eles mesmos e as condicións para o seu desenvolvemento.

Para poder inicia-los cursos, é necesario convocar aqueles que se van impartir antes de xuño do ano 2000 e establece-lo mecanismo de matrícula neles, tendo en conta a preinscrición realizada en xullo deste ano. Polo exposto, esta dirección xeral, en uso das facultades que ten atribuídas en virtude do Decreto 206/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica e funcional da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e da disposición derradeira da Orde do 23 de abril de 1999, xa citada,

RESOLVE:

Primeiro.-Proceder a convocar catro (4) cursos de iniciación ó mergullo con doce prazas por curso, que se desenvolverán sucesivamente a partir do inicio do primeiro curso na Escola Galega de Mergullo, sita no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) da Illa de Arousa.

Segundo.-Ábrese un período de matrícula de 45 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución.

Os candidatos deberán solicita-la súa admisión ó curso mediante instancia dirixida ó director do Igafa.

Para a formalización da matrícula será preciso presenta-la seguinte documentación:

1. Solicitude debidamente cuberta.

2. Unha fotografía recente de tamaño carné, co nome escrito no dorso.

3. Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade.

4. Xustificante de aboamento das correspondentes taxas.

5. Certificado médico de aptitude para o nivel de iniciación ó mergullo.

6. Certificado de avaliación psicolóxica de aptitude para o mergullo.

7. Graduado escolar ou equivalente.

8. No caso de ser menor de 18 anos e ter 16 anos cumpridos, autorización do pai, nai ou titor.

Terceiro.-A orde de inscrición nos cursos será segundo a da presentación da matrícula no rexistro do centro, con preferencia para os preinscritos no período aberto no mes de xullo. Para os efectos de determina-lo momento de presentación, este será o de recepción da última documentación entregada que complete a necesaria para a matrícula.

Cuarto.-As mencionadas solicitudes poderán presentarse en calquera das seguintes dependencias administrativas:

a) No rexistro da Consellería de Pesca Marisqueo e Acuicultura ou de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais.

b) Na Secretaría do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) na Illa de Arousa.

Quinto.-O Igafa, á vista das solicitudes recibidas, fará público no taboleiro de anuncios do centro as listas de admitidos e excluídos, e fixará o día e hora para inicia-la realización das probas físicas en terra e piscina.

Con tódolos solicitantes que superen estas fixaranse as listas de inscritos por curso, tendo en conta as preferencias da base terceira.

De existiren máis solicitudes que cumpran os requisitos que prazas convocadas, os solicitantes non inscritos pasarán a inscribirse en espera para cubri-las baixas que poidan darse no momento de inicia-los cursos ou as novas convocatorias deles.

Sexto.-A data de iniciación do primeiro e sucesivos cursos será fixada pola dirección do centro tendo en conta a capacidade da Escola Galega de Mergullo e o número de inscritos, e farase público no taboleiro de anuncios do Igafa.

Dada a complexidade das probas e a duración dos cursos, a data de iniciación do primeiro curso fixarase unha vez se cubra o número de prazas.

Sétimo.-Facultase o director do Instituto Galego de Formación en Acuicultura para dicta-las instruccións necesarias para a execución da presente resolución, que serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 1999.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación