Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 11 de novembro de 1999 Páx. 13.284

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 1999 pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución ramal a Feiraco, nos termos municipais de Ames, Brión e Rois.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 1 de marzo de 1994, a Consellería de Industria e Comercio otorgoulle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación de servicio público de conducción e subministración de gas natural canalizado para usos industriais en distintos termos municipais da provincia da Coruña, entre os que se atopan Ames, Rois e Brión.

Segundo.-Con data do 25 de marzo de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido nos artigos 89.3º e 104 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de instalacións ramal a Feiraco, así como a declaración de utilidade pública das mencionadas instalacións, xuntando á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As modificacións no trazado afectan os termos municipais de Ames, Rois e Brión, e en resumo serán as seguintes:

-Termo municipal de Rois.

Parte da posición I-019 do gasoducto de transporte Vilalba-Tui, discorrendo desde este punto en sentido NO ata acadar a pouca distancia a estrada AC-300. A continuación diríxese en dirección NE en paralelo a esta, ata atoparse co límite do termo entre Rois e Brión.

-Termo municipal de Brión.

Neste punto, continúa paralelo á estrada AC-300, para aloxarse a partir do vértice V-C-008 dentro dela, entre a liña branca do pavimento e a beirarrúa, ata o V-C-014 nas proximidades do río Sar, onde se separa para cruzar ó pavimento da súa marxe esquerda e pasar polas inmediacións de Ralo e Babenzo.

Desde o vértice V-C-55 o trazado distánciase da estrada en sentido LE dirixíndose cara a Soutullos e cruza-lo regato Perros entre os vértices V-C-079 e V-C-084. Máis tarde, vólvese aproximar á estrada AC-300 cruzando o río Sanín para aparecer no vértice V-C-092 e cruza-la dita estrada.

A partir de aquí, o trazado discorre en sentido norte cruzando a estrada C-543 e o regato Pego, para seguir pola estrada AC-541 ata o vértice V-C-133 pasando por Pedrouzos. Desde aquí alóxase nun camiño asfaltado ata o vértice V-C-157 onde nas súas proximidades está o límite do termo entre Brión e Ames.

-Termo municipal de Ames.

Iníciase nas proximidades do vértice V-C-157 xa citado, seguindo unha serie de camiños asfaltados ata o vértice V-C-179, onde toma o camiño de acceso á industria Feiraco.

A partir deste, diríxese cara ó norte ata o V-C-184, no cal hai un cambio de aliñación practicamente de 90º para chegar ó V-C-191, onde se aloxa noutro camiño que rodea en parte a industria Feiraco, para rematar no V-C-201 onde se sitúa a válvula de acometida. Aproximadamente 26 m despois, está a ERM da industria Feiraco.

A lonxitude total do ramal é de 13.349 m.

O orzamento ascende á cantidade de 281.388.594 ptas.

Terceiro.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 19 de abril de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia do 28 de maio, no BOP da Coruña do 19 de maio, no diario El Correo Gallego do 27 de abril e no taboleiro de anuncios dos concellos de Ames, Rois e Brión.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto:

1. José Manuel Arca Antelo, propietario do predio identificado co núm. C-BR-149, solicita que a canalización ó longo da súa parcela sexa desviada ó outro lado do camiño e circule pola marxe contraria á súa propiedade, xa que hai sitio para esta canalización na fochanca contraria, debido a que a concentración parcelaria deixou sitio nela para unha posible ampliación do camiño e a que a parcela de enfronte está case en estado de abandono. Así, non se afectaría a fosa séptica, depósito de gasóleo, horta e árbores, encanamentos de formigón por onde discorren as augas estremeiras e, finalmente, ó proxecto de pechamento da finca.

2. José Antonio Lesta Fraga, Carmen Rey Fraga e Carmen Ruso, propietarios dos predios referenciados cos núms. C-AM-30, C-AM-44, C-AM-32, C-AM-47, C-AM-49, C-AM-31, C-AM-45, C-AM-46 e C-AM-50, manifestan que a afección que se produce co dito trazado limita a producción e aproveitamento dos predios ó atravesalos na súa maioría polo medio deles, sendo de destacar como en dous predios se afectan dúas minas de auga, actualmente en servicio. Por tanto, solicitan a realización da seguinte variante:

-Que o trazado que discorre entre os vértices V-C-160 e V-C-163 se traslade ó linde sur do predio C-AM-30, discorrendo o trazado paralelo ó dito linde ata entroncar co predio C-AM-32 polo cal tamén discorrerá paralelo ó linde sur ata o camiño situado no linde leste, seguíndoo ata o vértice V-C-163.

-Que desde o vértice V-C-164 discorra o trazado alternativo polo camiño de concentración parcelaria existente na zona, continuando en liña recta ata o vértice V-C-164.

3. Rosa Casal Freire e outros propietarios de predios afectados, solicitan a busca doutro trazado alternativo porque alegan que existen en paralelo ó gasoducto franxas de terreo con dedicación a monte por onde podería discorre-la conducción, evitando desta forma o prexuízo que lles causaría ás vivendas, ós cultivos e en especial a un manancial de augas catalogadas como de utilidade pública no lugar de Soigrexa-Os Ánxeles. Tamén fan referencia ó impacto ambiental que producirán as instalacións ó tratarse de zona verde.

4. Rogelio Zumalave Zumalave, propietario do predio con número C-BR-27, solicita que o trazado entre os vértices V-C-005 e V-C-006 discorra paralelo á estrada, en vez de atravesa-lo seu predio ó estar afectado, ademais, pola liña eléctrica do referido proxecto.

5. José Castro Buján, propietario do predio núm. C-BR-188, alega que o predio afectado está cualificado coma solo urbano e quedaría seriamente prexudicado, polo que solicita a realización dunha variante do trazado propoñendo que desde a intersección da canalización co río Pego (no predio núm. C-BR-187) siga pola zona de servidume do río ata a estrada C-543.

6. José Luis García García, alcalde do Concello de Brión, conforme o acordado en Comisión de Goberno do pasado 21 de maio do presente ano, manifesta o malestar xeral que existe entre os veciños pola obra proxectada. Expresan que cando o gasoducto discorre por zona urbana non se poderán cumprir en múltiples casos as normas dos distintos cruzamentos e paralelismos. Desexan unha aclaración en relación coas servidumes que afectan a edificacións consolidadas, zonas urbanas, etc. Tamén cren que os pasos dos ríos Sar, Sanín e Pego deberían ter outro tratamento, propoñendo un alargamento das respectivas pontes anexas ó trazado. Finalmente,

manifesta que o orzamento para reposicións (1.900 ptas./m) considérase moi escaso para deixa-los elementos afectados en perfecto estado.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sexto.-A solicitude obxecto deste expediente foi obxecto de informe favorable pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro, e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa Enagás, S.A. e resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. En canto á solicitude presentada por José Manuel Arca Antelo, Enagás, S.A. manifesta que a conducción non afecta en ningún punto a fosa séptica nin o depósito de gasóleo, xa que discorrerá a uns cinco metros destes. Aínda que argumentan que a pista de traballo afecta minimamente a horta, deberán restablecer todo ó seu primitivo ser e estado. O contratista tamén terá que repoñer tódolos encanamentos de formigón que deteriore e permitir en todo momento a circulación das augas na fochanca. Na fase de obra modificarase lixeiramente o trazado do predio afectado, para evitar obstáculos que poidan xurdir, e de acordo co afectado e sempre dentro da súa parcela.

2. En contestación á alegación presentada por José Antonio Lesta Fraga, Carmen Rey Fraga e Carmen Ruso, Enagás, S.A. axustará o trazado entre os vértices V-C-164 e V-C-168 na fase de levantamento de actas previas á ocupación para levarse a cabo durante a obra, causándolles un menor prexuízo sempre que fose posible. En cambio, non se pode acepta-la variante entre os vértices V-C-160 e V-C-163, xa que supón un alongamento innecesario da con

ducción respecto do trazado inicial. Por outra parte, a variante proposta non elimina a afección senón que a traslada a outros propietarios que poderían manifestarse no mesmo sentido que os alegantes.

3. Fronte á alegación presentada por Rosa Casal Freire e outros propietarios, Enagás, S.A. argumenta que o trazado foi consensuado na súa totalidade cos técnicos do Concello de Rois. A empresa deberá repoñer ó remata-la obra ó seu primitivo ser e estado tódolos pechamentos ou outros obstáculos que se demolesen. Por último, durante a fase de construcción modificará o trazado para evita-la afección ó citado manancial, aínda que non se indique a súa localización.

4. Non pode ser aceptada a variante proposta por Rogelio Zumalave Zumalave, ó existir un poste de alta tensión situado a dez metros da estrada, mínima distancia recomendable entre este tipo de instalacións, o que a situaría na fochanca da estrada, zona de imposible afección por tratarse do dominio da dita vía.

5. Non se pode acepta-la alternativa proposta por José Castro Buján, ó non ser viable por discorre-lo encanamento contiguo ó regato, poñendo en perigo a seguridade da canalización. Ademais, a dita modificación afectaría un novo propietario (C-BR-187) non incurso neste expediente que podería pola súa banda opoñerse.

6. Finalmente, en contestación da alegación presentada por José Luis García García, alcalde do Concello de Brión, Enagás, S.A. deberá restituí-las beiravías e beirarrúas afectadas ó remata-las obras. Por outra parte, o cruzamento dos ríos deberase facer baixo o seu leito para garanti-la seguridade do encanamento.

Cuarto.-Enagás procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados, ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto segundo dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais de Rois, Brión e Ames.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

-Outorgarlle a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se recollen no ramal a Feiraco, no tramo relacionado previamente, correspondente ós termos municipais de Rois, Brión e Ames.

-Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa outórgase de acordo coas condicións xerais previstas na Lei

34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro, e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto, será necesario a autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias (ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas de alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión), aprobadas por Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así coma a norma UNE 20.322-86: clasificación de localizacións con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302, as zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo, así mesmo, establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados desde a data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficente, acreditando posteriormente ante a citada delegación

provincial que os ensaios previstos foron realizados por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitiráselle á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un. A expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se construirán os elementos de instalación fixa en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

a) Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terrreo de dous (2) metros de largo, un a cada lado do eixe, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas e que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que puidera danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os encanamentos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

b) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e realizaranse as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas para ós ditos fins.

Tres. Para o paso de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica:

a) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores de protección catódica, a franxa de terreo onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largo o correspondente ó da instalación máis un (1) metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos e realizar todo tipo de obra, construcción ou edificación a unha distancia inferior a un metro e medio, a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

b) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así coma realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro. Para as liñas eléctricas de media tensión:

a) Servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro a cada lado do eixe da liña e en todo o seu trazado que implicará:

1. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

b) Servidume permanente de voo nunha franxa de quince (15) metros centrada co eixe da liña, na que se establecen:

1. Prohibición de levantar edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar calquera acto que poida dana-lo bo funcionamento da liña, a unha distancia inferior a sete metros e medio do eixe da liña de postes do tendido.

2. Prohibición de plantar árbores cunha altura máxima superior a catro (4) metros, a unha distancia inferior a tres (3) metros do eixe da liña de postes do tendido.

c) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada liña nos planos parcelarios, para realiza-las obras necesarias.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de urxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de urxencia. Así mesmo, deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria