Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 10 de novembro de 1999 Páx. 13.225

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización de instalacións de ramal a Sogama promovido pola empresa Sogama.

De acordo co disposto na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e demais normativa específica de aplicación, sométese a información pública o proxecto de ramal a Sogama.

Peticionario: Sogama, con enderezo en r/ Morzós, 10. As Encrobas, 15187 Cerceda (A Coruña), como empresa consumidora cualificada.

Obxecto da petición: ó amparo do artigo 78 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, solicita a autorización administrativa e aprobación do proxecto de instalacións dunha liña directa ás súas instalacións de conducción de gas natural para a subministración da planta de tratamento de residuos e planta termoeléctrica que a sociedade está construíndo no termo municipal de Cerceda (A Coruña).

Características das instalacións: as características do proxecto que se vai realizar afectan ós termos municipais de Abegondo, Mesía, Ordes e Cerceda, e son as que se expoñen a continuación:

O trazado da conducción ten a súa orixe na posición I-016 de Enagás, pertencente ás instalacións do gasoducto Vilalba-Tui, toma aliñación norte para, discorrendo uns 200 m en paralelo á A-9, dirixirse cara ó paso inferior existente baixo a dita autoestrada, polo cal se atravesa a estrada LC-223. A partir de aquí, toma aliñación oeste e cruza novamente a estrada LC-223, á altura da poboación de Balbís.

Posteriormente, a conducción toma dirección sudoeste e, continuando polo termo municipal de Abegondo, atravesa o dos Santeiros, límite entre Abegondo e o termo municipal de Mesía.

Entra neste derradeiro concello e cruza o Rego de Adrán de Abelar, diríxese en dirección sudoeste pasando polas inmediacións do Seixo, para abandona-lo concello e introducirse no de Ordes.

Unha vez dentro e cruzada a estrada que une O Seixo con Hospital, a conducción efectúa un xiro e, tomando aliñación oeste, discorre paralelamente á estrada existente para o acceso á poboación do Seixo, desde a estrada N-550, ó longo duns 350 m para volver a entrar no termo municipal de Mesía e, continuando co paralelismo á estrada, discorrer durante uns 150 m polo dito concello para volver a entrar no de Ordes.

A conducción segue paralela á estrada de acceso ó Seixo (desde a N-550) e á altura da poboación da Filgueira atravesa a estrada N-550 para cruza-la estrada local que se dirixe a Morgade, partindo da CP-2405.

Cerca do Mesón do Vento toma dirección norte e manténdose paralela á citada CP-2405 atravesa a estrada de acceso a Casas de Forxil e posteriormente a estrada de acceso a Pousada, discorrendo paralelamente á dita instalación industrial ó longo de 450 m para abandona-lo termo muncipal de Ordes e entrar no de Cerceda.

Neste punto prevese unha futura ampliación para o consumo industrial, polo que se colocará unha arqueta de acometida.

Ó alonxarse destas instalacións industriais crúzase a CP-2405, para discorrer en paralelo a esta ó longo de 850 m e salva-las zonas habitadas moi próximas á estrada así como as balsas existentes. Despois vólvese a cruza-la estrada á súa beira dereita para evitar unha balsa de auga.

No derradeiro cruce aprovéitase o antigo trazado da CP-2405, ata chegar á estrada que bordea os terreos da empresa Limeisa. Crúzase a estrada e a conducción continúa en paralelo a ela uns 150 m tomando aliñación noroeste.

Posteriormente, a instalación efectúa tres xiros de 90º, para bordear unhas instalacións deportivas en

construcción, e vólvese a tomar dirección oeste para discorrer uns 300 m paralelamente ás cintas transportadoras e cruza-la estrada de acceso a Avieira.

A partir de aquí, a conducción xira de novo tomando dirección oeste e cruza perpendicularmente as cintas transportadoras para efectuar outro cruzamento coa CP-2405 e, a uns 150 m do dito punto de cruzamento, e fronte á entrada da empresa Sogama, realizar unha nova derivación con arqueta de acometida para subministración á dita empresa.

O ramal aínda se prolonga uns 80 m, para deixar outra arqueta de acometida á que se conectará a futura ampliación do ramal.

A lonxitude total do ramal é de 10.744 m, con diámetros de 4'', 6'', 12'' e 16''.

Termos municipais afectados: Abegondo, Mesía, Ordes e Cerceda.

Orzamento: o orzamento ascende a trescentos vintenove millóns setecentas setenta mil cincocentas noventa e unha pesetas (329.770.591 ptas.).

O que se fai público para coñecemento xeral, co fin de que se poida examinar esta na Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, e na Delegación Provincial da Coruña, praza Luis Seoane, 2-edificio administrativo Monelos, e presentar por triplicado nos ditos centros as alegacións que consideren oportunas no prazo de vinte días a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria