Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 08 de novembro de 1999 Páx. 13.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 288/1999, do 14 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ares (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación ambiental do bordo litoral de Ares.

O Concello de Ares (A Coruña), en sesión celebrada o día 19 de xuño de 1998, aprobou o proxecto de recuperación ambiental do bordo litoral de Ares

e na sesión do 3 de setembro de 1999 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 16 de setembro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda así, como a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente, emitiron informes favorables con entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais os días 22 de setembro e 7 de outubro de 1999, respectivamente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque a obra pretende recuperar e ordena-la zona máis importante do núcleo urbano de Ares, cun tratamento acorde coas políticas ambientais sensibilizadas coa deterioración do ambiente, mediante a súa recuperación e ordenación, que, de non levarse a cabo, implicaría unha progresiva deterioración dunha das zonas naturais máis importantes dese termo municipal, ó tempo que establece unha ordenación urbanística racional, co conseguinte aumento da seguridade vial e peonil da zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ares (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación ambiental do bordo litoral de Ares.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais