Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 05 de novembro de 1999 Páx. 13.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de outubro de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de seis bolsas para a incorporación de titulados superiores ó Centro de Investigacións Forestais de Lourizán no marco do Programa de Investigación en Medio Ambiente do PGIDT e se procede á súa convocatoria.

Como complemento das accións relativas ó Programa de Investigación en Medio Ambiente do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico convocadas pola Orde do 26 de abril de 1999 (DOG nº 93), e co fin de contribuír á formación de persoal titulado superior de Galicia nas materias de ambiente e, ó mesmo tempo, apoia-la actividade investigadora do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental consideran oportuna a convocatoria de bolsas para colaborar nas actividades de investigación que se están a desenvolver no dito centro. En consecuencia

DISPONSE:

Artigo 1º

Convócanse seis bolsas dirixidas a titulados superiores para colaborar nas actividades de investigación no Centro de Investigacións Forestais de Lou

rizán conforme as bases que se especifican no anexo I a esta orde.

Artigo 2º

Para estas bolsas destinarase ata un máximo de 8.100.000 pesetas, con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.432A.480.0 (8.100.000 pesetas), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de tres meses contados a partir do día seguinte ó da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 1999.

Jaime Pita VarelaJosé Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro da Presidencia eConselleiro de Medio

Administración PúblicaAmbiente

Secretario Xeral de Investigación e Desenvolvemento. Director Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Bolsas convocadas.

Convócanse un total de 6 bolsas para realizar no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán nos seguintes campos de investigación:

-Mellora xenética forestal.-Fitopatoloxía.-Ecoloxía.-Climatoloxía.-Edafoloxía.-Protección ambiental (efectos do lume).

As titulacións que poden presentarse a esta convocatoria son as seguintes:

TitulaciónNúmero

Enxeñeiro de montes3

Licenciado en bioloxía2

Licenciado en química1

2. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é dun ano contado a partir da data que se indique na publicación da resolución desta convocatoria no DOG.

3. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

3.1. Unha asignación mensual bruta de 110.000 ptas.

3.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

4. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun pais membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, ou enxeñeiro (incluído o proxecto) nalgunha das titulacións que se indican na base 1.

5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial (que se publica como anexo II a esta orde e están á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid, http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm.), presentaranse no Rexistro Xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

5.1. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

5.2. No caso de estudios validados deberá presentarse, así mesmo, certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para os efectos de determina-la media do expediente académico deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados antes da data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese de licenciatura e o título dela.

5.3. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados. Utilizarase o modelo oficial de currículum da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento dispoñible nos mesmos puntos que o modelo oficial de solicitude.

6. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

7. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se tera por desistido da súa petición, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

8. Selección de candidatos.

8.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados polo director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

8.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase fundamentalmente en función dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

-Expediente académico: ata 4 puntos.

-Adecuación do currículum vitae do solicitante ós proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro de Investigacións de Lourizán: ata 4 puntos.

No caso de consideralo necesario, a comisión de selección poderá realizar unha entrevista a aqueles aspirantes que resulten preseleccionados; o resul

tado da entrevista poderá ser valorado cun máximo de 2 puntos.

Poderá/n declararse deserta/s a/s bolsa/s no caso de que os solicitantes non acaden unha puntuación mínima ó xuízo da comisión de selección e poderase incorporar a outra titulación a vacante deserta.

9. Resolución do concurso.

A comisión de selección elevará a proposta de resolución ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e ó director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental que a resolverán conxuntamente por delegación dos seus respectivos conselleiros. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Transcorridos tres meses desde a publicación desta orde sen que se teña dictado resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Contra a citada resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante os mesmos órganos que a dictaron, ou ben poderá impugnarse directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

10. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

No caso de producirse a renuncia dalgún dos beneficiarios destas bolsas procederase a adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese, que elabore a comisión de selección.

11. Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases.

12. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas da actividade de investigación na que se integren, debendo axustarse ás normas propias do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, con dedicación exclusiva á súa función.