Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 04 de novembro de 1999 Páx. 12.928

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 20 de outubro de 1999 pola que se convocan axudas para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

A Política Agraria Común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e o ocio como instrumentos da política ambiental.

En particular, o Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño, promove métodos de producción agrícola propicios para o desenvolvemento dunha agricultura compatible coas esixencias ambientais e de conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas, cofinanciadas polo Feoga-Garantía, para compensa-las perdas de renda orixinadas pola reducción da producción ou o aumento de custos que supoñen os ditos métodos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1º, 2º e 3º, regula a aplicación por parte dos estados membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona e, no punto 4º, autoriza que estes establezan un marco regulamentario xeral que dispoña a aplicación horizontal na totalidade do seu territorio dunha ou varias das axudas previstas.

De acordo co anterior, o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro, estableceu un réxime de medidas horizontais para fomentar métodos de producción agraria

compatibles coas esixencias da protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte, a decisión da Comisión C(95) 18, do 19 de xaneiro, aproba o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se atopan medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia e con participación do Feoga-Garantía nos gastos financiables.

Neste marco, o sector agrario de Galicia debe combina-la súa adaptación a sistemas productivos máis eficientes co mantemento dunha cultura agraria propia, derivada dunha acción continua nun medio, ás veces hostil, encamiñada á conservación de tódolos recursos animais e vexetais. Cómpre, polo tanto, conservar e fomenta-las razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción pola súa adaptación para o aproveitamento dos recursos forraxeiros naturais, contribuíndo ó mantemento da biodiversidade animal e vexetal, e polo seu inestimable valor como recursos xenéticos da comunidade.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a el a execución en Galicia das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as agroambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga.

En consecuencia, ó abeiro do disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivos.

Co establecemento deste réxime de axudas preténdese alcanza-los seguintes obxectivos:

-Contribuír ó mantemento e conservación dun recurso xenético autóctono.

-Axudar ó mantemento da renda nestas zonas de orixe das ditas razas contribuíndo a evita-la despoboación destas zonas e achegando unha riqueza natural e paisaxística.

-Fomenta-lo aproveitamento de terras onde poidan sobrevivir só razas autóctonas.

-Contribuír a conserva-lo medio natural, así como a diminuí-la incidencia dos incendios forestais, ó manter limpo o sotobosque.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O programa aplicarase para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con preferencia naquelas explotacións situadas nas zonas de orixe destas razas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas reguladas na presente orde as personas físicas ou xurídicas titulares da explotación onde exista algún exemplar destas razas autótonas en perigo de extinción, sexa en réxime de propiedade ou de cesión pola Administración autonómica, así como os propietarios de exemplares destas razas criadas en liberdade en terreos veciñais ou montes en man común, que cumpran, por un período de cinco anos, os seguintes requisitos:

A. Beneficiarios das axudas por explotar gando bovino autóctono en perigo de extinción:

1. Ser titular da explotación.

2. Face-lo saneamento gandeiro en cada campaña.

3. Ter un ou máis exemplares puros dalgunha das razas autóctonas de vacún en perigo de extinción: limiá, cachena, vianesa, frieiresa ou caldelá.

4. Te-lo gando destas razas inscrito no Rexistro de Razas Autóctonas de Fontefiz (Ourense).

5. Participar ou solicita-la participación no programa de conservación e preservación das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, cumprindo as súas directrices técnicas.

6. Facer unha reproducción adecuada das femias adultas, con exemplares puros da mesma raza, e conservar e recria-las femias nadas desta forma.

B. Beneficiarios das axudas por teren en propiedade exemplares puros de gando equino autóctono en perigo de extinción:

1. Ter exemplares adultos da raza autóctona cabalo galego do monte.

2. Facer un control de existencias e incidencias no rabaño, polo menos unha vez ó ano.

3. Te-los exemplares puros identificados individualmente e inscritos no Libro de Rexistro da Raza Cabalo Galego do Monte, dependente da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

4. Participar ou solicita-la participación no programa de conservación, preservación e mellora da raza cabalo galego do monte.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

Os beneficiarios deste programa poderán percibir, como máximo, unha prima de 10.000 ptas./UGM (unidades de gando maior) anualmente. Para o cálculo das equivalencias entre as cabezas e UGM entre as distintas especies terase en conta o anexo II do Regulamento (CEE) 950/1997.

Artigo 5º.-Solicitude e documentación complementaria.

Ás solicitudes de axuda, en modelo oficial conforme o anexo I (solicitante por primeira vez) ou anexo II (solicitante de anos anteriores) da presente orde, deberá xuntarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI/NIF do solicitante.

2. No caso de axudas para o gando vacún:

a) Fotocopia da folla de saneamento gandeiro deste ano ou do ano anterior.

b) Fotocopia das fichas de rexistro de cada un dos animais adultos destas razas que teña na súa explotación.

c) Copia ou fotocopia do impreso das primas a que ten dereito, asinado polos técnicos do programa de conservación das razas autóctonas da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

3. No caso de axudas para o gando cabalar, presentarase fotocopia das fichas de rexistro de cada un dos animais adultos destas razas que teña na súa explotación.

Artigo 6º.-Tramitación e control administrativo.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e os órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria funcionalmente dependentes daquela realizarán as funcións de tramitación previas á resolución e pagamento, así como as inherentes ó servicio técnico, é dicir, efectuarán a recepción e rexistro, se é o caso, das solicitudes, a comprobación e verificación de que a documentación presentada está completa, solicitando, se procede, a documentación complementaria necesaria co fin de emitir informe sobre a adecuación dos feitos que serven de base para a determinación da cantidade que lle deberá ser aboada a un beneficiario, conforme coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven. Posteriormente emitirán un informe e remitirán os expedientes completos ós servicios provinciais do Ilgga para o seu tratamento informático, os que elaborarán a proposta correspondente para a súa aprobación polo director do Ilgga e

director xeral de Producción Agropecuaria.

Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos para a realización do programa entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e os solicitantes da axuda.

Artigo 7º.-Control e seguimento do programa.

O control da aplicación do programa será efectuado polo técnico correspondente do programa de conservación das razas autóctonas en perigo de extinción, adscrito ós servicos técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, que ademais efectuará o seguimento, controis e comprobacións que coide oportunas para garanti-la correcta execución do programa e o oportuno cumprimento dos requisitos esixidos para beneficiarse das axudas desta orde.

Non obstante, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que se consideren necesarios para comproba-lo cumprimento de calquera requisito esixido na normativa comunitaria, estatal ou autonómica que resulte de aplicación.

Unha vez realizado o control, o técnico asinará o impreso de axuda a que ten dereito por esta orde.

Artigo 8º.-Xustificación e aboamento da axuda.

1. A constatación do cumprimento das condicións deste programa será realizada polos técnicos correspondentes dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria os cales cubrirán o espacio correspondente do impreso de solicitude de primas. Esta comprobación poderá facerse aproveitando a visi

ta do técnico á explotación polo técnico por razóns do programa de conservación e preservación das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción ou por razóns do programa de conservación, fomento e mellora da raza cabalo galego do monte.

2. Sen embargo, será responsabilidade do titular da explotación solicita-la dita comprobación e visita dos técnicos, polo menos unha vez ó ano antes do 30 de outubro.

3. O pagamento das axudas establecidas nesta orde farase unha vez ó ano, e estará condicionado á comprobación polos técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria do cumprimento dos compromisos asumidos polo titular da explotación solicitante da axuda. A dita comprobación servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

4. Para os efectos previstos neste artigo, os titulares das explotacións beneficiarias deberán colaborar nas medidas que se adopten para o seguimento e control do programa, así como permiti-lo libre acceso á súa explotación e a toma de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

5. Os servicios técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderán requirirlle en todo momento ó beneficiario da axuda a presentación de calquera documentación adicional que considere necesaria para a concesión, aboamento e control da axuda.

Artigo 9º.-Réxime sancionador.

9.1. Aplicaranse as sancións correspondentes de acordo co establecido no punto seguinte deste artigo, cando se dea algún dos seguintes supostos:

1. Que exista discrepancia entre as UGM declaradas e comprobadas.

2. Cando se observe incumprimento dos compromisos técnicos e de conservación das razas autóctonas ás que está destinada a axuda.

3. Cando non se presente a solicitude anual de renovación dos compromisos plurianuais.

9.2. Ante falsa declaración, ben deliberada ou ben por neglixencia grave, rescindirase o contrato, e o beneficiario non poderá incorporarse ó programa ata que transcorran dous anos.

En todo caso será de aplicación o disposto no Regulamento CE 746/1996, en relación co establecido nos Regulamentos CEE 3887/1992, CEE 3508/1992 e CEE1648/1995, relativos ó sistema integrado de xestión e control.

Artigo 10º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As axudas reguladas na presente orde serán compatibles coas relativas á conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas extensivos de pastoreo, conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión en viñas da Ribeira Sacra e á protección integrada da viña mediante métodos biotecnolóxicos.

Así mesmo, serán acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento

Artigo 11º.-Agricultor a título principal.

1. Cando o titular da explotación exerza a súa actividade como agricultor a título principal (ATP) de acordo coa definición do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, as contías establecidas incrementaranse nun 20%, tendo en conta o establecido no artigo anterior.

2. A xustificación da condición de ATP realizarase, como norma xeral, mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa rematase o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales polo mesmo durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos, imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

1. As de actividade agraria da explotación.

2. As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas por traballos desenvolvidos fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente estea obrigado a declarar.

3. O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

Deberase xuntar á citada xustificación un informe de vida laboral emitido pola Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 12º.-Lugar e prazo para a presentación das solicitudes, prazo para emendas, órgano competente para resolver e prazo para dictar e notifica-la resolución.

As solicitudes de axuda poderán presentarse, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de novembro de 1999.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nesta orde, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

O órgano competente para resolver é o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e presidente do Ilgga, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria e director do Ilgga.

O prazo máximo para dictar e notifica-la correspondente resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A dita resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de

Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da data da súa notificación.

Artigo 13º.-Financiamento das actuacións.

1. As accións previstas na presente orde financiaranse de acordo co convenio de colaboración establecido entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do Feoga-Garantía no seu financiamento.

3. No exercicio 1999, as axudas concedidas por primeira vez con cargo á presente orde, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.712 A.773.0 Apoio á eficacia dos sistemas productivos do orzamento de gastos do Ilgga para o dito exercicio, dotado con 2.500.000 (dous millóns cincocentas mil) pesetas para esta finalidade.

Artigo 14º.-Control interno.

En todo o que atinxe á execución deste programa, os órganos xestores e os beneficiarios dela recollidos nos artigos precedentes, quedarán sometidos á actividade de auditoría interna da Sección de Inspección e Control do Ilgga, ó actuar este como organismo pagador dos fondos Feoga-Garantía.

Disposición transitoria

Tendo en conta que o Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xullo, estará en vigor ata o 31 de decembro de 1999, os novos contratos asinaranse para este ano e incluirán o compromiso do beneficiario de integrarse e adaptarse ós novos plans que emanen do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello do 17 de maio de 1999.

Disposición adicional

Única.-Ó procedemento para a concesión da subvención regulada na presente orde seralle de aplicación o sistema de recursos establecidos no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera otra condición ou requisito dos establecidos na orde cando se deban a modificacións habidas na normativa estatal ou comunitaria reguladora da presente axuda.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 1999.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria