Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 04 de novembro de 1999 Páx. 12.925

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de outubro de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Tuna Universitaria Femenina de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Tuna Universitaria Femenina de Galicia, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 18 de xullo de 1998, ante o notario Domingo Enrique Gutiérrez-Aller, co número tres mil trescentos trinta e catro do seu protocolo por Ramón Carlos Regueiro Mosteiro, Montserrat Regueiro Quintas, Begoña Regueiro Quintas, Carlos Regueiro Quintas, Rafael Pardo Pedernera e Gerardo Conde Roa, que interveñen no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é busca-las fórmulas, leis e medios, a través das universitarias vestidas de tunas como símbolo da nova muller universitaria galega; non só como grupo folclórico, senón tamén como base de Asociación de Mulleres Preparadas.

4. O padroado da fundación estará constituído por Ramón Carlos Regueiro Mosteiro como presidente, Rafael Pardo Pedernera como vicepresidente, Gerar

do Conde Roa como secretario e Montserrat Regueiro Quintas, Begoña Regueiro Quintas, Carlos Regueiro Quintas, José Manuel García Cánovas e Jesús Precedo Lafuente como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Tuna Universitaria Femenina de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de outubro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Tuna Universitaria Femenina de Galicia e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública