Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 29 de outubro de 1999 Páx. 12.790

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución do ramal a Redondela, promovido pola empresa Gas Galicia, SDG, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia, SDG, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Doctor Teijeiro, 1-3º A, 15701 Santiago de Compostela, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 17 de febreiro de 1997, a Consellería de Industria e Comercio otorgoulle a Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa para a subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais en distintos termos municipais da provincia de Pontevedra, entre os que se atopan Redondela e Pazos de Borbén.

Segundo.-Con data do 25 de marzo de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a aprobación do proxecto de ramal a Redondela, xuntándose á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e do 9 de marzo de 1994.

As características do trazado, que afectan ós termos municipais de Redondela e Pazos de Borbén, son as que se expoñen a continuación:

-Termo municipal de Pazos de Borbén.

Parte da posición I-023 do gasoducto de transporte Vilalba-Tui, ó seu paso polo termo municipal de Pazos de Borbén nas proximidades do alto de Castelo.

Cruza o oleoducto Coruña-Vigo e sae do termo municipal de Pazos de Borbén para entrar no termo municipal de Redondela.

-Termo municipal de Redondela.

Unha vez que entra neste termo municipal, discorre por un camiño ata cruza-lo Regueiro Vello. Prosegue noutro camiño en zona boscosa ata chegar ó Fogar de San Antonio. Posteriormente prosegue por camiños ata as inmediacións de Redondela na rúa Xoán Real, onde se deixará a válvula soterrada de entrada á estación de regulación e medida de onde nacerá a rede urbana.

A lonxitude total do ramal é de 4.346 m.

O orzamento ascende a sesenta e cinco millóns trescentas sesenta e sete mil cento setenta e seis pesetas (65.367.176 ptas.).

Terceiro.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 22 de abril de 1999, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de maio de 1999, no BOP de Pontevedra do 25 de maio de 1999, no diario Faro de Vigo do 10 de maio de 1999 e no taboleiro de anuncios do Concello de Redondela.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido non se presentou ningunha alegación ó proxecto.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sexto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así coma as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Gas Galicia, SDG, S.A. procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Gas Galicia, SDG, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto segun

do dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais de Redondela e Pazos de Borbén.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobarlle a Gas Galicia, SDG, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto ramal a Redondela, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento xeral de servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro e normas que o cumplementan; o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974; e demáis normativa e directrices vixentes.

Segunda.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses a partires da data desta resolución.

Terceira.-As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa concesionaria, subscrito polo enxeñeiro Salvador Soler González, con orzamento de sesenta e cinco millóns trescentas sesenta e sete mil cento setenta e seis pesetas.

Cuarta.-As características e datos básicos das instalacións que se autorizan son as seguintes:

a) Gas que se vai distribuír: gas natural.

b) Presión de distribución: 16 bar.

c) Rede de distribución:

-O encanamento será de aceiro, segundo especificación API 5L.

-Caudal punta horario: 6.000 m(n)/h.

-Diámetros das canalizacións: 6''.

-Lonxitude da rede: 4.346 m.

Quinta.-Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes afectadas. Previo ó levantamento do acta de posta en marcha solicitará da empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así coma o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, no que conste que a construcción e montaxe das instalacións se efectuán de acordo co proxecto correspondente, acreditando así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta.-Gas Galicia, SDG, S.A. deberá inicia-la subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na que a delegación provincial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima.-As instalacións receptoras de gas deberán cumpri-la normativa específica aplicable para a súa posta en servicio.

Oitava.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Novena.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria