Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 29 de outubro de 1999 Páx. 12.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de outubro de 1999 pola que se modifica a do 17 de setembro de 1999, relativa ó procedemento para a adquisición de cantidade de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e á asignación da reserva nacional.

A través da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 17 de setembro do presente ano (DOG do 27) estableceuse, para os gandeiros desta Comunidade Autónoma, no período 1999-2000, o procedemento para a adquisición de cantidade de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e a asignación da reserva nacional. Esta convocatoria fíxose ó abeiro do establecido en distintas normas de ámbito estatal como o Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, o Real decreto 1888/1991, do 30 de decembro, e o Real decreto 324/1994, do 28 de febreiro, así como o Real decreto 174/1998, do 16 de febreiro.

Mais, no texto da devandita orde, nos seus artigos 4, 5.2º e 6.1º figuran disposicións cunha redacción pouco clara, polo que convén modificalas para que non xurdan dúbidas na súa interpretación e aplicación.

Xa que logo, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a redacción do parágrafo terceiro do artigo 4, o último parágrafo do artigo 5.2º, así como o artigo 6.1.g) da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 17 de setembro de 1999, pola que se establece, para os gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, no período 1999-2000, o procedemento para a adquisición de cantidade de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e a asignación da reserva nacional, que quedan redactados do seguinte xeito:

-Artigo 4, parágrafo terceiro: exceptúanse do establecido nos parágrafos anteriores os casos de herdanza, doazón e cambio de titularidade, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

-Artigo 5.2 derradeiro parágrafo: as condicións sanitarias indicadas no punto 1.f) consideraranse cumpridas cando os resultados das ánalises de leite da explotación, efectuadas polos laboratorios interprofesionais de analise do leite ou os laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondentes ós meses de maio, xuño e xullo de 1999, demostren

que, cando menos, nas medias dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas/ml inferior a 400.000, non hai presencia de residuos de substancias farmacolóxicamente activas, nin auga engadida, de acordo co establecido nos capítulos III e IV do anexo A do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo.

-Artigo 6.1.g): ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para a campaña 1998-1999 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos.

Disposición adicional

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria