Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 29 de outubro de 1999 Páx. 12.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Fundación Hospital Verín de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Fundación Hospital Verín (código convenio nº 3200762) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica, pola dirección da Fundación Hospital Verín e, da parte social, polo comité de empresa, o día 19-8-1999, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 27 de setembro de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo Fundación Hospital Verín

1999-2000

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As normas deste convenio regularán o persoal laboral que preste os seus servicios na Fundación Hospital Verín.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de dous anos contados desde o 1 de xaneiro de 1999, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 2000.

No caso de non estar publicado o 1 de xaneiro de 1999, retrotraeranse os seus efectos á dita data.

Entenderase prorrogado por períodos bianuais salvo denuncia por unha das partes cunha antelación mínima de dous meses á data do seu vencemento.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse integramente na súa totalidade estrictamente ad personam aquellas condicións máis beneficiosas que teña o traballador concedidas pola empresa por pacto.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A xornada máxima anual será de 1.685 horas de traballo efectivo. Unha vez desfrutadas as vacacións, a libranza semanal regulamentaria e as correspondentes ós 14 días festivos. A dirección comprométese a entrega-las carteleiras anuais nos seguintes 15 días á sinatura deste convenio, levándose un control delas na comisión paritaria. A xornada nocturna será de dez horas.

Para o ano 1999, o persoal que teña quenda fixa partida terá xornada de verán, consistente en traballar de 8 horas a 15 horas, de luns a venres, empezando o dito horario o 1 de xullo e rematando o 31 de agosto.

A partir do ano 2000, o persoal que teña quenda fixa partida terá xornada de verán, consistente en traballar de 8 horas a 15 horas, de luns a venres, empezando o dito horario o 16 de xuño e rematando o 15 de setembro.

Artigo 5º.-Horas extraordinarias.

Procurarase efectua-las horas extras mínimas indispensables e, en todo caso, cos límites que determina o Estatuto dos traballadores.

No caso de que houbese horas extraordinarias, aboarase a contía determinada na lexislación laboral vixente ou compensaranse por tempo de descanso, de acordo co previsto no Real decreto 1561/1995.

A realización de horas extraordinarias é voluntaria e será o traballador o que realice a elección entre

a compensación económica ou o descanso, manifestando a súa elección ó superior inmediato que o reguira para a realización das horas extraordinarias. En todo caso, a elección do descanso compensatorio verase supeditado á acumulación das horas suficientes para compensar cunha quenda completa.

Artigo 6º.-Remuneracións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase pola táboa salarial anexa.

O incremento salarial para este convenio será o IPC fixado pola Xunta de Galicia para tódolos conceptos.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá un premio de antigüidade consistente no 7% do seu salario base por cada trienio cumprido desde a súa data de ingreso na empresa.

Para o recoñecemento desta antigüidade non se computará o tempo que se permaneza en situación de permiso sen soldo ou excedencia voluntaria.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e decembro consistirán, cada unha delas, nunha mensualidade do salario base, incrementada coa antigüidade recoñecida.

Estas gratificacións aboaranse antes do 25 de xullo e do 25 de decembro.

Os traballadores que desfruten dun permiso sen soldo no período de cálculo destas gratificacións verán minguadas as cantidades que vaian percibir na parte proporcional á duración do dito permiso.

Artigo 9º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade na contía seguinte:

Posto de traballoImporte

Enfermeiros/as 4.289 ptas. brutas, noite

TER 3.489 ptas. brutas, noite

TEL 3.489 ptas. brutas, noite

Auxiliares de enfermería 3.052 ptas. brutas, noite

Subalternos 3.052 ptas. brutas, noite

Artigo 10º.-Domingos e festivos.

Establécese un complemento de domingos e festivos consistente nas cantidades seguintes:

Posto de traballoImporte

Enfermeiros/as 3.541 ptas. brutas, por quenda

TER 3.243 ptas. brutas, por quenda

TEL 3.243 ptas. brutas, por quenda

Auxiliares de enfermería 2.950 ptas. brutas, por quenda

Auxiliar administrativo 2.950 ptas. brutas, por quenda

Subalternos 2.950 ptas. brutas, por quenda

Artigo 11º.-Complemento de transporte.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un complemento de transporte que consistirá na contía de 4.326 pesetas brutas mensuais.

Artigo 12º.-Baixas por IT.

Cando un traballador afectado polo presente convenio pase a situación de IT, as remuneracións que percibirá durante a dita situación serán as calculadas sobres as porcentaxes da táboa anexa e referidas á base de cotización de continxencias comúns correspondentes ó mes anterior ó da baixa, realizándose os axustes que foran precisos nas nóminas sobre as cantidades brutas do mes concorrente.

Desde o 1º día cobrará o 75%.

Se nos 6 meses seguintes á entrada en vigor deste convenio, o índice de IT supera nun 25% o do ano 1998 e 1999, a comisión paritaria estudiará as causas de tal incremento para efectos de revisa-las porcentaxes de retribución.

Nos casos das IT que requiran hospitalización, aboarase o 100% desde o primeiro día.

Artigo 13º.-Baixas por accidente laboral e enfermidade profesional.

A empresa complementará ata o 100% do salario as prestacións económicas derivadas de accidente laboral ou enfermidade profesional, correspondentes o soldo ó mes da data da baixa.

Artigo 14º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a un período de vacacións anuais de 30 días naturais retribuídos.

O dito período vacacional desfrutarase nos períodos quincenais, un elixido polo traballador e outro elixido pola empresa, podendo excepcionalmente desfrutarse os 30 días continuados, tras solicitude do traballador e valoración pertinente pola dirección.

O período vacacional para o persoal facultativo e non sanitario será de xuño a setembro, ambos inclusive.

O persoal sanitario non facultativo desfrutará as vacacións, a partir do ano 2000, entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, quedando para o ano 1999 de maio a outubro.

Os períodos vacacionais sinalados son con carácter xeral, podendo desfrutarse as vacacións fóra do dito período.

A fixación do calendario vacacional realizarase en marzo para todo o ano; nas unidades que non exista un sistema de rotación implantado, realizarase un sorteo; nos anos sucesivos tomarase en conta as vacacións desfrutadas durante o ano inmediatamente anterior.

Unha vez comunicados ó traballador os períodos vacacionais, non se poderán efetuar cambios a excepción de mutuo acordo, por escrito, entre traballadores da mesma categoría e área de traballo ou comunicación por parte da empresa cun aviso previo, por escrito, de dous meses de antelación, sendo precisa unha argumentación do dito cambio na comisión paritaria.

Os traballadores que así o soliciten poderán desfruta-las vacacións anexas á baixa por maternidade.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán das licencias e permisos legalmente recoñecidos coas seguintes peculiaridades:

-Como criterio de desprazamento xeral utilizarase a distancia de 100 km desde a Fundación Hospital Verín.

-Por cambio de domicilio, 2 días anuais consecutivos ó traslado se este se realiza nun radio menor de 50 km e 1 día anual se o traslado se realiza nunha distancia maior de 50 km ó centro de traballo.

-Cada traballador terá dereito a 5 días de libre disposición. Estes días de libre disposición solicitaranse por escrito ó inmediato superior con, polo menos, quince días de antelación.

-Os traballadores que os días 24 e 31 de decembro teñan quenda de tarde ou noite terán dereito a unha libranza, que se desfrutará dentro do primeiro trimestre do ano seguinte.

-Os traballadores que o día 25 de decembro teñan quenda de mañá ou tarde, terán dereito a unha libranza, que se desfrutará dentro do primeiro trimestre do ano seguinte.

-Os traballadores que o día 1 de xaneiro teñan quenda de mañá, terán dereito a unha libranza, que se desfrutará dentro do primeiro trimestre do ano seguinte.

-Os traballadores terán dereito ó desfrute de 3 días consecutivos, durante os 7 días seguintes ó nacemento ou adopción dun fillo.

Artigo 16º.-Permiso non retribuído.

A empresa concederalles un permiso non retribuído cun período mínimo de 15 días ata un máximo de 3 meses ó ano, a aqueles traballadores que leven prestando os seus servicios polo menos 6 meses ininterrompidos; e que o soliciten por escrito xustificadamente, con polo menos de 15 días de antelación.

Artigo 17º.-Revisións médicas e saúde laboral.

Sen menoscabo do que determine a normativa vixente no relacionado coa saúde laboral, a todo o persoal afectado por este convenio ofreceráselle a posibilidade dun recoñecemento médico anual.

Artigo 18º.-Excedencia voluntaria.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio cunha antigüidade mínima dun ano terán dereito a situarse en excendencia voluntaria coas seguintes peculiaridades:

-Solicitarase por escrito con quince días de antelación á data prevista para o inicio da excedencia.

-A excedencia terá como duración mínima un ano, cun máximo de cinco.

Se o traballador solicita a reincorporación no período mínimo da excedencia, terá dereito a reincorporarse no mesmo posto de traballo que tiña ó solicita-la excedencia. Despois dese momento conservarase un dereito

preferente a ocupar calquera posto de traballo da súa mesma categoría ou especialidade cuberto mediante contratación de duración determinada.

-A reincorporación solicitarase por escrito con, cando menos, 20 días de antelación á data prevista para facela efectiva.

Non se concederán novas excedencias volutnarias ata teren transcorrido tres anos desde a reincorporación dunha excedencia anterior.

Artigo 19º.-Excedencia especial en activo.

Situación do persoal que, con contrato indefinido, é nomeado para cargo directivo dunha empresa pública que implique a incompatibilidade do exercicio de ambas funcións.

A súa duración é ata o cesamento no cargo que motivou a situación da excedencia, debendo reingresar automaticamente no seu posto de traballo.

Mentres dure a dita excedencia computaráselle o tempo dela para efectos de antigüidade.

Artigo 20º.-Comisión paritaria.

Formarana 5 membros por parte da empresa e 5 por parte da representación social asinante deste acordo. Constituirase ó cabo dun mes desde a publicación do convenio, debendo comunicarlle a relación de integrantes ó presidente da comisión negociadora antes de 5 días da sinatura definitiva do acordo.

A comisión elaborará o seu regulamento de funcionamento. A empresa facilitaralle o local e os medios que precise. Reunirase de maneira ordinaria unha vez cada trimestre natural, ademais das reunións extraordinarias que se realizarán nas 48 horas seguintes á convocatoria asinada pola metade dos membros da comisión, sempre que transcorresen 15 días desde a anterior reunión extraordinaria.

A misión da comisión paritaria é vixia-lo cumprimento do convenio e o desenvolvemento dos acordos nel acadados; ámbalas partes someterán a esta comisión cantos problemas, conflictos ou discrepancias xurdan da interpretación deste convenio; recorrerase en caso de desacordo, ó sistema de conciliación de conflictos laborais.

Os acordos acadaranse por maioría de cada unha das representacións, dándose a publicidade conveniente para o caso. Os acordos desta comisión terán o valor de acordos de empresa e vincularán as dúas partes nos mesmos termos que este convenio, incorporándoos como anexos.

Artigo 21º.-Anticipos de nómina.

Os traballadores suxeitos a este convenio poderán solicitar anticipos de nómina sen xuro baixo as seguintes normas:

a) A empresa disporá dun fondo de 500.000 pesetas mensuais para repartir entre as solicitudes que entren nese mesmo mes.

b) O prazo de presentación de solicitudes será do 1 ó 10 de cada mes, comunicándoselle as cantidades concedidas a cada traballador do 11 ó 15, debendo

comunicarse a renuncia ó dito anticipo do 16 ó 20 e aboándose o importe concedido definitivo dentro dos 5 días seguintes.

c) O importe do dito anticipo poderase cobrar mediante cheque bancario ou ingreso na conta correspondente a cada traballador.

d) O desconto do dito anticipo será a partir do mes seguinte ó da concesión e aboamento deste.

e) A cantidade máxima que poderá solicitar cada traballador será de 250.000 pesetas.

f) A devolución realizarase como máximo en 10 meses, comprometéndose cada traballador a manter e respecta-la retención de haberes que o hospital sinale para a amortización deste anticipo, aínda que por outras retencións xudiciais ou gobernativas quede totalmente absorbida a parte de soldo legalmente embargable.

g) Mentres non se termine de pagar un anticipo non se poderá solicitar outro de novo.

h) Poderán solicitar anticipo da súa nómina tódolos traballadores, coa particularidade de que a devolución deberá realizarse dentro da duración coñecida do contrato.

Artigo 22º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o que non estea expresamente previsto neste convenio aplicarase o que dispoña o Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de xeral aplicación.

Artigo 23º.-Modificación das condicións de traballo.

Terán a consideración de modificacións colectivas das condicións de traballo aquelas que afecten á totalidade dos traballadores incluídos nunha carteleira ou dunha categoría.

Artigo 24º.-Priorización no despedimento por causas económicas.

Sen menoscabo do sinalado pola lexislación vixente no caso de que sexan precisos os despedimentos por causas expostas no punto 1º do artigo 51 do Estatuto dos traballadores, estes afectarán en primeiro lugar ó persoal con contrato por tempo determinado ou a tempo parcial. No caso de ser preciso o despedimento de persoal con contrato indefinido, procederase en primeiro lugar polo persoal con menor antigüidade, continuándose alternativamente entre os traballadores con maior antigüidade e os de menor antigüidade, resolvéndose os posibles empates tendo en conta as cargas familiares dos traballadores.

Artigo 25º.-Representación sindical.

Recoñécese a posibilidade de acumulación do crédito horario entre os representantes do comité de empresa elixidos por unha mesma central sindical.

Artigo 26º.-Formación continuada.

A empresa terá un fondo de 1.500.000 pesetas para a formación continuada do persoal laboral afectado por este convenio, e terá un seguimento por parte do comité de empresa.

Artigo 27º.-Promoción interna.

Cando exista unha excedencia ou unha praza vacante de calquera categoría cubrirase da seguinte maneira:

a) A primeira praza cubrirase, logo de informe favorable da dirección, con aquel traballador que reúna os requisitos académicos necesarios para cubri-la referida praza.

Neste proceso elaboraranse unhas listas de baremación seguindo os criterios establecidos na última oferta de emprego publicada.

b) A segunda praza cubrirase coa primeira persoa da lista de contratación.

Para os traballadores afectados por este convenio e que queran ser incluídos nas listas de promoción interna, abrirase un prazo de presentación de solicitudes.

O xerente establecerá cáles son as vacantes de libre designación.

Artigo 28º.-Acción social.

Crearase un fondo de acción social ó que contribuirán por unha parte os traballadores, dunha forma

voluntaria, afectados por este convenio, cunha contribución de 100 pesetas mensuais, que corresponde ó total anual ó 40% do dito fondo e sufragando a empresa o 60% restante.

O dito fondo terá como obxectivos a subvención de gastos de gardería (40%) e libros escolares (60%) para os fillos dos traballadores da Fundación Hospital Verín.

Artigo 29º.-Uniformes de traballo.

A fundación farase cargo da limpeza de toda a uniformidade do persoal. Así mesmo, o traballador estará obrigado a usar correctamente no seu traballo o uniforme facilitado e as medidas de protección que a fundación estableza.

Artigo 30º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio os membros do comité de empresa da Fundación Hospital Verín, elixidos polas centrais sindicais CC.OO., CEMSATSE, Grupo de Traballadores Independentes e SAE, en representación dos traballadores, e a dirección da Fundación Hospital Verín por parte da empresa.

ANEXO

Táboa salarial dos traballadores da Fundación Hospital Verín de 1998

CategoríasSoldo baseComplemento

transporte

Complemento

específico

Complemento

productividade fixa

Complemento

de destino

Complemento

de destino adicional

Persoal facultativo155.1524.32647.403102.170105.2190-411.717

Enfermeiros131.7154.3260,0022.50066.9760,00

TEL/TER98.2024.3260,0016.66748.9300,00

Auxiliares enfermería85.6234.3260,0013.33329.1210,00

Administrativos98.2024.3260,0019.16776.1670,00

Auxiliares administrativos85.6234.3260,0013.33329.6970,00

Subalternos82.3424.3260,0013.33332.9780,00

* Estes soldos son a xornada completa.