Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 26 de outubro de 1999 Páx. 12.650

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO (expediente 10/1999).

A Alcaldía-Presidencia con data 1 de outubro de 1999 adoptou a seguinte resolución:

Primeiro.-Incoar expediente para a aprobación de bases e estatutos da xunta de compensación que se constituirá para a execución do polígono G3.01 do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente.

Segundo.-Aprobar inicialmente o proxecto de bases e estatutos presentado por Mª Carmen García Seage en nombre e representación da comisión xestora constituída para estes efectos.

Terceiro.-Ordena-la citación persoal no expediente a aqueles que aparezan como interesados na súa calidade de titulares de bens e dereitos afectados, así como a publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio correspondente segundo modelo oficial que se xunta, facultando a comisión xestora, e no seu nome a Mª Carmen García Seage como presidenta dela, para a súa presentación e dilixenciamento ante o órgano correspondente.

O que se fai público de conformidade co disposto no artigo 133.4º en relación co 102, ambos da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (BOE nº 103, do 30 de abril), advertindo os interesados de que o expediente se encontra á súa disposición nas oficinas de xestión do Servicio de Urbanismo, sitas na Avda. da Mariña nº 18, entre as 12 e as 14 horas de luns a venres durante o prazo de 20 días a partir da publicación ou notificación do acordo que se traslada, onde poderá consultalo e presentar cantas alegacións teña por conveniente na defensa dos seus dereitos, incluída a petición de incorporación á comisión xestora, nese caso deberá achegar exacta identificación do predio ou predios da súa propiedade, así como copia dos títulos xustificativos do seu dominio.

A Coruña, 1 de outubro de 1999.

O alcalde

P.D.

Salvador Fernández Moreda

Estatutos da Xunta de Compensación do Polígono G3.01 da Coruña

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación.

A entidade urbanística colaboradora constitúese coa denominación de xunta de compensación do Polígono G3.01 da Coruña.

Artigo 2º.-Natureza.

1. A xunta terá natureza administrativa, personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento das súas finalidades. A personalidade xurídica entenderase adquirida desde a inscrición da xunta no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

2. A xunta poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar, vender, segregar, agregar toda clase de bens, realizar contratos, executar obras, obrigarse, interpor recursos establecidos e exerce-las accións previstas legalmente.

Ademais actuará como fiduciaria con pleno poder dispositivo sobre os predios pertencentes ós propietarios que son seus membros, sen máis limitacións que as establecidas nestes estatutos. A capacidade exercerase con suxeición á Lei do solo, ó Regulamento de xestión urbanística e estes estatutos.

Artigo 3º.-Domicilio.

O domicilio da xunta queda fixado na Coruña, praza de Pontevedra, 19, 5º B.

Este domicilio poderá ser trasladado por acordo da asemblea xeral.

Artigo 4º.-Obxecto e finalidades.

A entidade terá por obxecto desenvolve-lo Polígono G3.01 da Coruña e a súa realización mediante a actuación polo sistema de compensación, e con esta finalidade levará a cabo tódalas operacións necesarias para distribuír entre os asociados os beneficios e cargas fixados polo planeamento.

Terá entre os seus fins:

1. Actuar como entidade urbanística colaboradora inscribíndose no rexistro para o efecto e no mercantil por calquera motivo que se considere oportuno.

2. Execución da urbanización, mediante a redacción do proxecto e execución das obras e desenvolver toda a actuación compensatoria sobre os terreos ordenados polo Plan Xeral de Ordenación Municipal incluídos no polígono.

3. Requirir do concello a expropiación forzosa en beneficio da xunta, dos propietarios que non se incorporen en tempo e forma a ela e dos que incumpran as súas obrigas no seu seo, así como solicitar del a vía de constrinximento para o cobramento das débedas á xunta dos seus membros.

4. Incorpora-los terreos á xunta con capacidade de disposición fiduciaria establecida por estes estatutos, quedando afectos ó cumprimento das obrigas urbanísticas do proceso compensatorio. Desenvol

ve-lo sistema de compensación e entrega-las parcelas resultantes ós membros da xunta.

5. Actuar economicamente para o cumprimento dos seus fins incluso en operacións de crédito avaladas con garantías sobre os terreos.

6. Esixirlles ás compañías subministradoras de servicios e enerxía o reembolso dos custos das instalacións que lles afecten e legalmente lles corresponda satisfacer.

7. Tódolos restantes obxectivos previstos na Lei do solo e no Regulamento de xestión urbanística.

Artigo 5º.-Administración actuante.

1. A xunta de compensación actuará baixo a tutela do Concello da Coruña.

2. Para o exercicio da mencionada tutela corresponde ó concello:

a) Dar audiencia dos estatutos e bases de compensación ós propietarios non promotores da xunta, para a formulación de alegacións e, se é o caso, para a súa incorporación á xunta.

b) Aproba-los estatutos, as bases de actuación e as modificacións que sexan acordadas pola xunta.

c) Designar un representante na xunta de compensación.

d) Aproba-la constitución da xunta e remiti-lo acordo e a escritura de constitución ó Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras para a súa inscrición.

e) O exercicio da expropiación forzosa, a beneficio da xunta, respecto dos terreos dos propietarios non incorporados ou que incumpran as súas obrigas.

f) Utiliza-la vía de constrinximento para o cobramento das contías debidas por calquera dos membros da xunta.

g) Resolver en alzada os recursos contra os acordos da xunta.

h) Tódalas restantes atribucións que resulten da lexislación urbanística vixente.

Artigo 6º.-Duración.

A xunta terá unha duración indefinida desde a súa constitución en escritura pública ata o cumprimento total do seu obxecto e finalidades, con excepción de que se produza a súa disolución, de acordo co que se establece no artigo 33 deste estatuto.

Capítulo II

Asociados

Artigo 7º.-Asociados.

A xunta quedará integrada por:

a) Os propietarios dos predios incluídos no polígono de actuación, que promoveron o sistema e que representan máis do 60% da propiedade total da zona de actuación.

b) O resto de propietarios de predios incluídos no polígono de actuación que soliciten o ingreso na xunta en calquera dos supostos dos artigos 162

e 163 do Regulamento de xestión urbanística e acepten estes estatutos e as bases de actuación da xunta, mediante escrito ou comparecencia na que conste expresamente a aceptación, así como a presentación da documentación que se menciona no punto seguinte.

c) O Concello da Coruña figurará na xunta de compensación como administración urbanística actuante.

2. En calquera caso, os propietarios incorporados á xunta terán que achegar, no prazo de dez días desde a súa incorporación, os títulos e documentos acreditativos da súa titularidade e deberán declara-las situacións xurídicas, cargas e gravames, que afecten ós seus respectivos predios, con expresión, se é o caso, da natureza, nome ou domicilio dos titulares dos dereitos.

3. Tódolos asociados, sexan fundadores ou aheridos, terán, unha vez incorporados á xunta, os mesmos dereitos e obrigas.

Artigo 8º.-Constitución da xunta de compensación.

Transcorrido un mes desde a notificación que efectuará o concello de que se aprobaron definitivamente os estatutos e bases, el mesmo requirirá os interesados para constituí-la xunta en escritura pública que deberá comprender como mínimo o previsto no Regulamento de xestión urbanística.

Artigo 9º.-Empresas urbanizadoras.

1. A incorporación á xunta de empresas urbanizadoras que acheguen total ou parcialmente os fondos necesarios para a urbanización ou que procedan á súa execución, requirirá a aprobación da asemblea xeral co quórum sinalado no artigo 25º. No acordo determinaranse as condicións da incorporación, de acordo coas bases de actuación e, en especial, os compromisos e garantías da súa xestión na forma e contía determinadas pola xunta.

Neste suposto a empresa urbanizadora estará representada na xunta na forma que determina o artigo 166 f) do Regulamento de xestión urbanística.

2. Se se acordase, por parte da xunta e da empresa urbanizadora, a contraprestación dos gastos efectuados por esta última mediante a adxudicación de terreos resultantes da urbanización, estes valoraranse de acordo co valor urbanístico baseándose nun cadro de equivalencias que se terá que aprobar no momento do acordo de incorporación.

Artigo 10º.-Socios singulares.

Cando existan propiedades compartidas os comuneiros designarán unha persoa para o exercicio das súas facultades na xunta e responderán solidariamente das súas obrigas con ela; esta designación será requisito imprescindible para adhesión destas propiedades indivisas.

Cando exista núa propiedade dunha persoa e usufructo doutra, o nu propietario será quen teña a condición de socio da xunta.

Naqueles casos de propietarios menores ou incapaces, formarán parte da xunta os seus represen

tantes e a disposición do predio para efectos do proceso compensatorio non estará suxeita a limitacións de carácter civil.

Ata o momento que a xunta non posúa coñecemento formal da titularidade dalgunha parcela, esta será tratada como de propietario descoñecido, seguíndose todo o proceso co dito carácter e así se expropiará ou inscribirá no Rexistro da Propiedade o dereito resultante.

Para todos aqueles casos non descritos anteriormente aplicarase o que dispoña a Lei do solo, o Regulamento de xestión urbanística e o resto de disposicións xerais sobre urbanismo ou, no seu defecto, a Lei de réxime xurídico das sociedades anónimas.

Capítulo III

Dereitos e obrigas dos socios

Artigo 11º.-Dereitos.

Os membros da xunta gozan dos seguintes dereitos:

a) Participar con voz e voto na asemblea xeral. O voto será ponderado coas respectivas cotas de participación.

b) Ser elector e elixible para os cargos sociais.

c) Presentar propostas e suxestións.

d) Participar nos resultados da xestión de acordo coas bases de actuación e cos principios de solidariedade de beneficios e cargas.

e) Obter información da xunta e dos seus órganos.

f) Tódolos restantes dereitos que lles correspondan de acordo con estes estatutos e as disposicións legais aplicables.

2. Os cotitulares dunha cota de participación terán que designar, mediante documento fidedigno, un representante con facultades suficientes para o exercicio dos dereitos e obrigas como asociado, respondendo solidariamente das obrigas derivadas da súa condición.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Os asociados están sometidos ás obrigas de carácter xeral derivadas do cumprimento das prescricións e normas legais e de planeamento urbanístico vixente, así como dos acordos adoptados polos órganos de goberno e administración da xunta.

2. Os asociados estarán especialmente obrigados a:

a) Outorga-los documentos necesarios para a formalización das cesións obrigatorias e gratuítas fixadas polo planeamento vixente, así como regulariza-la titularidade e situación rexistral dos terreos da súa propiedade achegados á xunta de compensación nos prazos que esta sinale.

b) Satisfacer puntualmente as cantidades necesarias para atende-los gastos ordinarios de xestión da xunta. Para este efecto, o consello rector fixará a cantidade correspondente a cada membro en función da cota de participación que teña atribuída.

c) Paga-las cotas ou cantidades que lles correspondan para a execución das obras de urbanización,

de acordo co que establecen o artigo 58 e seguintes do Regulamento de xestión urbanística.

d) Comunicarlle á xunta o propósito de transmiti-los terreos ou a participación nela, cun mes de antelación.

e) Permiti-la ocupación dos predios para a execución das obras de urbanización ou outras actividades inherentes ós obxectivos e finalidades da xunta.

2. Os propietarios incorporados á xunta deberán facerse cargo das cargas e gravames que afecten ós terreos da súa titularidade así como das indemnizacións que resulten polo desafiuzamento de ocupantes ou inquilinos dos seus predios.

3. O incumprimento das obrigas por parte de calquera asociado determinará a responsabilidade definitiva nos artigos 181 e seguintes do Regulamento de xestión urbanística.

4. A incorporación dos propietarios á xunta non presupón a transmisión a ela dos inmobles afectos ós resultados da xestación común, pero en todo caso os terreos permanecen directamente afectados polo cumprimento das obrigas inherentes ó sistema de compensación, con anotación no Rexistro da Propiedade na forma sinalada no Regulamento de xestión urbanística,

Artigo 13º.-Transmisións.

Os membros da xunta poderán allea-los seus terreos ou a participación nela coas seguintes condicións e efectos:

a) O transmisor deberá notificarlle á xunta de maneira fidedigna as circunstancias do adquirente e as condicións da transmisión.

b) O adquirente, por calquera título, queda subrogado nos dereitos e en tódalas obrigas pendentes por razón da participación alleada, debéndose facer constar esta circunstancia no título de transmisión.

c) As transmisións de terreos que se realicen como consecuencia da constitución da xunta de compensación por achega dos propietarios da unidade de execución, ou en virtude de expropiación forzosa, e as adxudicacións de soares que se efectúen a favor dos propietarios membros da xunta e en proporción ós terreos incorporados por aqueles, estarán exentas, con carácter permanente, se se cumpren tódolos requisitos urbanísticos, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e non terán a consideración de transmisións de dominio para efectos da exacción do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana.

Capítulo IV

Órganos de goberno e administración

Artigo 14º

1. Rexen a xunta os seguintes órganos:

a) Asemblea xeral.

b) Consello Rector.

c) Presidente.

d) Secretario.

2. Potestativamente, cando o coide conveniente o Consello Rector, poderase designar un xerente, coas facultades que expresamente se determinen, e un tesoureiro, cargo que será por un vocal do Consello Rector.

Artigo 15º.-A asemblea.

Estará constituída por tódolos asociados e un representante do Concello da Coruña, designado expresamente por este.

Tódolos membros da xunta, mesmo os disidentes e os que non asistisen ás reunións, quedarán sometidos ós acordos adoptados validamente.

Artigo 16º.-Reunións.

A asemblea xeral reunirase en sesión ordinaria dúas veces ó ano e, en sesión extraordinaria, cando o coide necesario o presidente ou o Consello Rector, ou ben cando o soliciten por escrito asociados que representen, como mínimo, o 30% das cotas de participación. Neste último suposto, o presidente deberá convoca-la reunión solicitada dentro do mes seguinte á solicitude.

Artigo 17º.-Facultades.

Correspóndelle á asemblea xeral as facultades seguintes:

a) Proposta de modificación dos estatutos.

b) Nomeamento e cesamento do secretario, do presidente e, se procede, do xerente e do tesoureiro.

c) Aprobación da memoria anual e das contas.

d) Proposta de disolución da xunta.

e) Distribución de beneficios e perdas segundo o establecido nas bases de actuación.

f) Aprobación do proxecto de compensación.

g) Incorporación de empresas urbanizadoras e constitución de sociedades con fins de urbanización ou complementarios.

h) Calquera outro asunto que afecte, con carácter relevante, á vida da entidade.

i) Venda dos terreos que se reserve a xunta no proxecto de compensación para facer fronte ós gastos de urbanización.

j) Concertación de créditos para realiza-las obras de urbanización con garantía, incluso hipotecaria, dos terreos incluídos no sector.

Artigo 18º.-Consello Rector.

1. O Consello Rector é o órgano directivo superior da xunta e estará constituído por un presidente e un secretario, que o serán da entidade, e por un mínimo de tres e un máximo de sete vocais, en representación dos asociados e en función das súas cotas de participación.

Un dos vocais será designado polo Concello da Coruña.

2. O Consello Rector ten as seguintes atribucións:

a) Administración da xunta de acordo coa Lei do solo, o Regulamento de xestión urbanística e estes estatutos.

b) Execución dos acordos da asemblea xeral.

c) Formulación e remisión dos proxectos de compensación á asemblea xeral.

d) Encargo da redacción dos proxectos de urbanización, logo de aprobación da asemblea.

e) Análise das ofertas da execución de obras e proposta de contratación á asemblea.

f) Determinación dos recursos económicos e achegas ordinarias e extraodinarias, así como os prazos para as efectuar.

f) Desenvolve-la xestión económica e contabiliza-los resultados da xestión.

g) Exerce-lo resto das facultades de goberno e administración non reservadas expresamente á asemblea xeral e as que esta lle delegue.

3. O Consello Rector reunirase polo menos dúas veces ó ano para ter coñecemento do desenvolvemento da xunta e adopta-los acordos pertinentes. Tamén se reunirá sempre que sexa necesario para adopta-los acordos que requiran a súa intervención e tamén cando o considere adecuado o presidente ou a asemblea xeral, ou o pidan por escrito dous ou máis vocais. Neste suposto, o presidente deberá convoca-lo consello dentro dos quince días seguintes á data en que se reciba a petición.

Artigo 19º.-Presidente.

1. A presidencia da entidade e dos seus órganos colexiados corresponderalle ó membro do Consello Rector que designe a asemblea xeral.

2. Terá as seguintes atribucións:

a) Convocar, presidir e dirixi-las deliberacións dos órganos colexiados da entidade e dirimi-los empates con voto de calidade.

b) Representa-la xunta en toda clase de negocios xurídicos, podendo conferir poderes a terceiras persoas para o exercicio desta representación, tanto no ámbito xudicial como no extraxudicial.

c) Da-lo visto e prace ás actas da asemblea xeral e do Consello Rector e ás certificacións que se expidan, así como a todos aqueles documentos que precisen a súa autorización.

d) Exercer calquera actividade bancaria que se esixa para o funcionamento da entidade, na forma que determine o Consello Rector.

e) Calquera outra función inherente ó seu cargo que lle sexa delegada pola asemblea xeral ou polo Consello Rector.

3. En caso de ausencia ou enfermidade, o presidente será substituído polo vocal do Consello Rector que el mesmo designe, excluído o secretario.

Artigo 20º.-Secretario.

Actuará como secretario a persoa designada pola asemblea xeral, e non será necesario que sexa un asociado da xunta. Asistirá con voz e sen voto ás reunións dos órganos colexiados.

Redactará acta de cada sesión dos órganos mencionados, que será asinada por el, co visto e prace

do presidente, e aprobarase nesa mesma ou na seguinte reunión.

Advertirá de toda ilegalidade manifesta nos acordos que se pretenda adoptar. Se, malia esa advertencia, fose tomado o acordo, o secretario comunicarao ó Concello da Coruña para efectos do disposto no artigo 5 deste estatuto.

Artigo 21º.-Tesoureiro.

Será designado, se proceder, pola asemblea xeral entre os vocais do Consello Rector e as súas funcións consistirán na realización dos pagamentos e cobros que correspondan ó fondo da xunta, así como na custodia deste, na rendición de contas da xestión orzamentaria da entidade e no cumprimento de tódalas demais obrigas que, respecto das súas funcións, estableza a xunta.

Artigo 22º.-Recursos persoais.

A xunta funcionará mediante a prestación persoal dos seus asociados. Sen embargo, se a prestación mencionada fose inxustificada ou demasiado onerosa para quen desempeñe cargos sociais, poderá procederse, de acordo co Consello Rector, á contratación do persoal que se coide necesario, o cal será retribuído con cargo ós recursos económicos autorizados para o efecto.

Capítulo V

Funcionamento da entidade

Artigo 23º.-Convocatoria de sesións.

Os órganos colexiados da entidade serán convocados polo secretario, por orde do presidente. A convocatoria expresará os asuntos que hai que tratar sen que sexan válidos os acordos adoptados sobre outras materias, con excepción do que dispón o artigo 25º destes estatutos.

As convocatorias realizaranse mediante carta por correo certificado ós domicilios designados polos interesados para as notificacións e cunha antelación de oito días naturais á data da reunión.

Artigo 24º.-Quórum de constitución.

1. A asemblea xeral quedará constituída validamente en primeira convocatoria cando asistan a ela, presentes ou debidamente representados (por escrito e para cada reunión) a maioría dos membros ou calquera número deles que represente como mínimo o 60% da superficie do polígono.

En segunda convocatoria, que se celebrará unha hora despois da primeira, será válida a constitución da asemblea, calquera que sexa o número de asistentes ou cotas de participación representadas, sendo preceptiva a presencia do presidente e do secretario ou do quen os substitúa.

2. O Consello Rector quedará validamente constituído en primeira convocatoria, sempre que o número de asistentes sexa superior á metade dos seus compoñentes e, en segunda convocatoria, unha hora despois, calquera que sexa o número de asistentes, sendo preceptiva a presencia do presidente e do secretario ou de quen os substitúa.

3. Non obstante o expresado nos parágrafos anteriores, os órganos colexiados entenderanse convocados e validamente constituídos para tratar calquera asunto da súa competencia, sempre que estean presentes ou representados tódolos seus membros e así o acorden por unanimidade.

Artigo 25º.-Adopción de acordos.

1. Quórum ordinario. Os acordos dos órganos colexiados adoptaranse por maioría simple das cotas de participación, coas excepcións que se determinen no punto seguinte.

2. Quórum especial. A adopción de acordos, por parte do órgano colexiado que corresponda, referentes a modificación dos estatutos e das bases de actuación, aprobación do proxecto de compensación, determinación de achegas extraordinarias, proposta de modificación de planeamento, e de aprobación do proxecto de urbanización, así como incorporación de empresas urbanizadoras, requirirán o voto favorable da maioría dos membros que represente máis dos dous tercios de participación.

3. Cómputo de votos. Farase polas cotas de participación en proporción ó dereito ou interese económico de cada asociado.

Para efectos de quórum, as cotas de participación que correspondan á xunta en virtude de adquisicións como beneficiaria de expropiacións, atribuiranse ós membros da xunta na proporción na que contribuísen a sufraga-los custos de expropiación.

Artigo 26º.-Asistencia de persoal especializado.

Logo de acordo do Consello Rector, poderán asistir ás reunións da asemblea xeral, con voz e sen voto, os técnicos e persoal especializado que se consideren necesarios para informar sobre os diversos asuntos.

Artigo 27º.-Actas.

Dos acordos da asemblea e do Consello Rector redactarase acta que, unha vez aprobada, se transcribirá ó respectivo libro de actas, o cal deberá estar debidamente foliado, encadernado e legalizado.

Capítulo VI

Réxime económico

Artigo 28º

1. Os recursos económicos estarán constituídos polas achegas dos asociados e os créditos que se concerten coa garantía dos terreos incluídos no polígono.

2. As achegas dos asociados serán de dúas clases:

a) Ordinarias, destinadas a sufraga-los gastos xerais da xunta, de acordo coas precisións sinaladas polo Consello Rector para tal efecto.

b) Extraordinarias, destinadas ó pagamento do custo da xestión e execución da urbanización segundo o establecido nas bases de actuación en relación coa forma e prazos destas achegas.

Artigo 29º

1. A exacción de achegas corresponderalle á xunta na contía e prazo acordado mediante requirimento individual.

2. Se transcorrido un mes desde o requirimento do pagamento, algún membro incumpre a súa obriga, facéndose notoria a súa negativa ou atraso no pagamento das cantidades debidas á xunta, esta poderá solicitar ó Concello da Coruña que se aplique a expropiación ó membro moroso, ou ben que proceda ó cobramento pola vía de constrinximento. As cantidades percibidas pola aplicación deste procedemento entregaranse á xunta.

Artigo 30º

1. A xunta levará a contabilidade da xestión económica en libros adecuados para que en todo momento poida darse razón das operacións realizadas e poidan deducirse dos ditos libros as contas que hai que dar.

2. A contabilidade será por conta do tesoureiro ou, se é o caso, do secretario do Consello Rector, baixo a supervisión do presidente.

Capítulo VII

Réxime xurídico

Artigo 31º.-Executividade.

Os acordos dos órganos de goberno e administración da xunta serán executivos, sen prexuízo dos recursos e accións que procedan.

Artigo 32º.-Recursos.

Contra as actuacións e acordos da xunta, os interesados poderán interpor recurso de alzada fronte a Administración actuante no prazo de quince días, tal como prevé o artigo 184 do Regulamento de xestión urbanística.

Capítulo VIII

Disolución e liquidación

Artigo 33º

1. A disolución producirase polo cumprimento dos fins para os cales foi creada a xunta e requirirase, en todo caso, acordo do Concello da Coruña.

2. Non procederá a aprobación da disolución mentres non conste a aceptación, por parte do concello, das obras de urbanización e dos terreos obxecto de cesión; así mesmo deberá consta-lo cumprimento das obrigas pendentes.

Disposición derradeira

1. Estes estatutos, unha vez inscritos no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, terán natureza obrigatoria para a Administración e para os membros da xunta.

2. Calquera modificación dos estatutos que sexa acordada pola asemblea xeral requirirá a aprobación da Administración actuante e a súa inscrición no mencionado rexistro.

Disposición adicional

Para todo aquilo que non fose previsto nestes estatutos aplicarase o que dispoña a Lei do solo, o Regulamento de xestión urbanística e o resto de disposicións xerais sobre urbanismo ou, no seu defecto, a Lei de réxime xurídico das sociedades anónimas.

Bases de actuación da Xunta de Compensación do polígono G3.01 da Coruña

I. Disposicións xerais.

Primeira.-Obxecto.

Estas bases de compensación refírense á xunta de compensación do Polígono G3.01, no termo municipal da Coruña.

O Polígono G3.01 da Coruña foi aprobado definitivamente o 1 de outubro de 1999.

A finalidade das bases é regulamenta-la incorporación dos membros da xunta, no que se refire á valoración das achegas, ben de terreos, ben en metálico, para a execución da obra urbanizadora, á execución da urbanización e á liquidación dos efectos da xunta, mediante a determinación das normas referidas ó reparto de beneficios e cargas entre os seus integrantes, e baixo a tutela do Concello da Coruña, en canto que é Administración actuante e destinatario dos terreos de cesión obrigatoria.

Segunda.-Suxeitos interesados.

1. Unha vez aprobadas definitivamente estas bases e os estatutos da xunta de compensación, o Concello da Coruña constituirá a xunta mencionada, con efectos desde a inscrición do acordo de aprobación no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

2. Formarán parte da xunta os propietarios e, se é o caso, empresas urbanizadoras relacionadas no capítulo II dos estatutos da entidade.

3. Así mesmo, designarase un representante do Concello da Coruña no acordo de aprobación definitiva destas bases e estatutos da xunta, quen formará parte tanto do Consello Rector como da asemblea xeral da entidade.

Terceira.-Actuacións que comprende.

A actuación polo sistema de compensación comprenderá:

a) A expropiación dos predios dos propietarios non incorporados, en prazo e forma, do que será beneficiaria a xunta de compensación.

b) A cesión gratuíta ó Concello da Coruña dos terreos de cesión obrigatoria así como das obras e instalacións que se deban executar conforme o planeamento vixente.

c) O pagamento das obras de urbanización e outros custos inherentes, fixados no plan parcial e no proxecto de urbanización.

d) A xusta distribución dos terreos susceptibles de edificación privada, de acordo co que dispón a normativa urbanística entre os propietarios e outros membros, en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

II. Criterios de valoración.

Cuarta.-Criterios para a valoración dos predios achegados.

1. Sendo así que o polígono se executa en solo urbano consolidado, o dereito dos propietarios será

proporcional á superficie real dos seus predios respectivos incluídos no polígono.

2. Asignaráselle a cada un dos predios unha porcentaxe expresada en cotas de participación de acordo co criterio sinalado no punto anterior. Estas cotas de participación constituirán o coeficiente para a adxudicación dos predios resultantes da compensación.

3. As superficies computables acreditaranse mediante certificado do Rexistro da Propiedade ou, no seu defecto, mediante documento notarial acreditativo de título de adquisición, segundo o que estableza o artigo 7º.2 dos estatutos da xunta.

4. En caso de discrepancia sobre a propiedade dun predio, parte del, ou nos seus lindeiros, a superficie en discusión considerarase pertencente a partes iguais ós litigantes, mentres non se resolva a discusión por convenio entre os interesados ou por resolución xudicial.

5. O valor por metro de superficie estará comprendido entre a cantidade que resulte de aplica-la fórmula:

A=(MPx0,77x0,2x0,8x0,85x0,5x5/6)-2,80

Sendo MP o módulo ponderado establecido para o réxime de vivendas de protección oficial para o ano 1994:

85.733 * 1,0505

e un 20% máis deste valor, isto é:

A

Quinta.-Criterios de valoración dos dereitos.

Os titulares de dereitos reais que non se extingan coa compensación serán adxudicatarios no mesmo concepto en que o eran anteriormente, polo principio de subrogación real. O propietario deberá comparti-la cota atribuída co titular do dereito real.

A valoración doutros dereitos reais e das servidumes prediais realizarase de acordo coas disposicións sobre expropiación que especificamente determine a taxación deles, e subsidiariamente de acordo coas normas de dereito administrativo ou civil que regulan a institución e, no seu defecto, polas establecidas para os impostos de sucesións, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Sexta.-Criterios de valoración de edificacións, obras, plantacións ou instalacións que deban ser derribadas.

O valor das edificacións, obras, plantacións, instalacións e outros elementos existentes sobre os predios, e que deban ser derribados, determinarase con independencia do solo e de acordo cos criterios da Lei de expropiación forzosa, sempre e cando non formen parte da achega dos dereitos dos propietarios incorporados relacionados cos terreos.

Entenderase necesario o derribo cando sexa procedente a eliminación do elemento para realizar obras de urbanización previstas no plan, cando estea

situado nunha superficie que non vaia ser adxudicada integramente a un só propietario ou cando a súa conservación sexa incompatible coa ordenación, mesmo como uso provisional.

Sétima.-Taxacións.

As taxacións a que se refiren as dúas bases anteriores efectuaranse no proxecto de compensación.

Oitava.-Criterios de valoración das achegas de empresas urbanizadoras.

1. No suposto previsto no artigo 9º dos estatutos da xunta de compensación, a achega das empresas urbanizadoras determinarase tendo en conta o custo orzado no proxecto de urbanización ou o custo dos sectores ou partidas que teñan que ser executados, e no momento da incorporación convirase coa xunta se esta cifra é definitiva ou se serán de aplicación cláusulas de revisión de prezos ou de estabilización de custos; o acordo de aprobación deberá ser adoptado pola asemblea xeral.

Para a adxudicación de terreos, a asemblea xeral aprobará coa empresa urbanizadora o convenio polo cal se determinará a contrapartida á achega da empresa, segundo o que dispón o artigo 9.2º dos estatutos da entidade.

2. A participación da empresa diminuirá a dos membros da xunta.

III. Execución das obras de urbanización.

Novena.-Forma de contratación.

1. A execución das obras de urbanización levaraas a cabo unha empresa urbanizadora ou un contratista idóneo, por adxudicación directa da xunta de compensación.

2. Se se incorporase á xunta de compensación algunha empresa urbanizadora que achegue, total ou parcialmente, os recursos necesarios para a execución da urbanización, a execución será realizada directamente por esa empresa.

3. No contrato de obras garantirase o cumprimento das circunstancias esixidas no artigo 176.3º do Regulamento de xestión urbanística.

Décima.-Custos de urbanización.

1. Os custos de urbanización serán satisfeitos polos asociados proporcionalmente ás súas cotas de participación.

2. Consideraranse como custos de urbanización os seguintes:

a) Tódalas obras de vialidade necesaria e establecidas de acordo co planeamento e o proxecto de urbanización.

b) As obras de saneamento que afecten ó polígono.

c) Subministración de auga potable e de rega.

d) Subministración de enerxía eléctrica, que incluirá a conducción e a distribución, así como a luz pública.

e) Rede de telefonía.

f) Rede de gas.

g) Xardinería e arborado de parques, xardíns e vías públicas.

h) Custos de redacción e tramitación do proxecto de urbanización e do proxecto de compensación de acordo cos principios establecidos nestas bases.

IV. Distribución de beneficios e cargas.

Undécima.-Cesións obrigatorias de terreos e obras de urbanización.

1. Os terreos de cesión obrigatoria serán transmitidos ó Concello da Coruña en virtude do acordo de aprobación do proxecto de compensación.

Non obstante, a xunta, ou o contratista por ela designado, poderá ocupa-los terreos cedidos para a realización das obras de urbanización.

2. A cesión das obras de urbanización e daquelas instalacións das que a execución non estivese prevista, producirase a favor do concello.

Duodécima.-Cotas de participación.

1. A participación de cada propietario na entidade, tanto na distribución de beneficios como nas cargas ou perdas, será proporcional á superficie dos terreos respectivos dentro do sector, sen prexuízo do establecido na base sétima.

2. No caso de incorporación á xunta de empresas urbanizadoras, procederase no momento da súa integración ó reaxuste das participacións dos asociados, de acordo co establecido na base oitava e asignaranse as cotas correspondentes á empresa urbanizadora.

Décimo terceira.-Valoración e adxudicación dos predios resultantes.

1. Os predios que resulten valoraranse en función do aproveitamento do polígono, con criterios obxectivos e xerais para a súa totalidade.

A valoración basearase na superficie edificable corrixida segundo criterios de valoración do mercado.

2. A valoración poderase realizar en puntos ou unidades convencionais, que deberán ser taxadas en diñeiro, co fin de determina-las indemnizacións que procedan por diferencias de adxudicación e para as homoxeneizar coas achegas que se fagan en metálico.

3. A adxudicación dos predios resultantes ós membros da xunta farase en proporción ós bens ou dereitos achegados.

Procurarase que os predios adxudicados estean situados o máis cerca posible das antigas propiedades dos mesmo titulares.

4. Non se poderán adxudicar como predios independentes superficies inferiores á parcela mínima edificable establecida ou que non reúnan a configuración e características adecuadas para a súa edificación de acordo co planeamento.

En caso de que, debido á escasa contía dos dereitos de propietarios, non sexa posible adxudicar predios independentes a cada un deles, os soares que resul

ten adxudicaranse pro indiviso a estes propietarios. A mesma regra aplicarase ós excesos cando, por determinadas esixencias da parcelación, o dereito de certos propietarios non se esgote coa adxudicación independente que se realice no seu favor.

5. Cando non sexa posible a correspondencia exacta entre a cota de participación dun membro da xunta e a súa cota de adxudicación en terreos, tanto o defecto coma o exceso compensaranse en metálico, sempre e cando a diferencia non sexa superior ó 15% do valor dos terreos que lle sexan adxudicados.

Décimo cuarta.-Momento da adxudicación.

A aprobación definitiva por parte do Concello da Coruña do proxecto de compensación e o outorgamento de escritura pública co contido sinalado no artigo 172 do Regulamento de xestión urbanística, determinarán a inscrición do dito proxecto de compensación no Rexistro da Propiedade.

Décimo quinta.-Edificación.

Os soares adxudicados pola xunta poderán edificarse desde o momento en que comecen as obras de urbanización, sen prexuízo da solicitude de licencia do Concello da Coruña, mediante escrito, solicitando edificación e urbanización simultánea de acordo co establecido no Regulamento de xestión.

Décimo sexta.-Réxime económico.

1. O incumprimento por parte dos membros da xunta das obrigas e cargas que impón a Lei do solo e que se desenvolven no Regulamento de xestión urbanística, incluso nos casos nos que o dito incumprimento afecte ós prazos para cumpri-los ditos deberes e cargas, dará lugar á expropiación dos bens e dereitos destes que fará efectiva o Concello da Coruña a favor da xunta, que terá a condición xurídica de beneficiario.

2. Os membros da xunta teñen que realiza-las súas achegas, en metálico ou en terreos, polo menos quince días antes do vencemento dos prazos que para tal efecto fixase o Consello Rector.

O atraso no pagamento dos quiñóns en prazo será penalizado con xuros que se cargarán ó principal do quiñón na contía de dous puntos por riba do tipo de xuro legal.

3. A distribución de beneficios e perdas realizarase segundo as seguintes regras:

a) O Consello Rector formulará unha liquidación que someterá á aprobación definitiva da asemblea xeral.

b) A liquidación comprenderá tanto beneficios e perdas como a participación que corresponda a cada un dos membros da xunta.

c) A determinación de beneficios e perdas realizarase de acordo cos criterios de valoración establecidos nestas bases de actuación.

d) A distribución de beneficios e perdas realizarase a pro rata entre tódolos membros da xunta, adxudicatarios de predios resultantes, segundo o valor destas.