Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 25 de outubro de 1999 Páx. 12.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos da Mancomunidade de Municipios Río Ouro.

Visto o texto dos estatutos que rexerán a Mancomunidade de Municipios Río Ouro, observándose que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola asemblea de concelleiros dos concellos de Alfoz e O Valadouro.

Segundo.-Coa data do 8 de marzo de 1999, o devandito proxecto foi informado favorablemente pola Deputación Provincial de Lugo.

Terceiro.-Segundo certificación da secretaría do Concello de Alfoz e da Comisión Xestora da Mancomunidade de Alfoz e O Valadouro, o proxecto foi exposto a información pública durante o prazo dun mes, mediante edictos nos taboleiros dos concellos de Alfoz e O Valadouro, así como no BOP de Lugo (BOP nº 48, do 1 de marzo de 1999), sen que se producise ningunha reclamación ou alegación ó respecto.

Cuarto.-Así mesmo, coa data do 12 de maio de 1999, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local informou favorablemente o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da comisión xestora remitiu, coa data de entrada nesta consellería do 21 de agosto de 1999, copia certificada dos acordos dos concellos de Alfoz e O Valadouro de aprobación definitiva dos estatutos e da constitución da Mancomunidade de Municipios para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios Río Ouro no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 1999.

José A. Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local

ANEXO

ESTATUTOS DA MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS RÍO OURO

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Constitución e ámbito territorial.

1. Os municipios de Alfoz e O Valadouro constitúense, voluntariamente, en mancomunidade con personalidade xurídica propia e capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins.

2. Constitúen o ámbito territorial da mancomunidade os termos municipais de Alfoz e O Valadouro, ámbolos dous da provincia de Lugo.

Artigo 2º.-Denominación e sede.

A mancomunidade denominarase Mancomunidade de Municipios Río Ouro, e a súa sede radicará no concello da corporación do cal sexa membro o presidente.

Capítulo II

Fins da mancomunidade

Artigo 3º.-Dos fins da mancomunidade.

1. Os fins da mancomunidade, no seu ámbito territorial, son:

a) A prestación do servicio da escola-obradoiro.

b) Calquera outro que no futuro se lle poida asignar, logo da modificación dos seus estatutos polo procedemento establecido nos artigos 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, e 18 destes estatutos.

Artigo 4º.-Das competencias.

1. De acordo cos fins que ten que cumprir na súa calidade de Administración pública, correspóndelle á mancomunidade, dentro do seu ámbito competencial e de conformidade co disposto na lexislación de réxime local, exerce-las potestades atribuídas no artigo 6.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A potestade tributaria referirase, exclusivamente, ó establecemento de taxas, contribucións especiais e prezos públicos.

3. A potestade expropiatoria será exercida polo municipio ou provincia por petición e en beneficio da mancomunidade.

4. En xeral, e dentro da legalidade e do seu ámbito competencial, a comunidade pode posuír, adquirir, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens, e formalizar contratos, establecer e explotar servicios e realizar calquera acto necesario para o cumprimento dos seus fins.

Capítulo III

Organización e atribucións

Artigo 5º.-Dos órganos de goberno.

Os órganos de goberno da mancomunidade son:

a) O Pleno da Mancomunidade.

b) O presidente.

c) O vicepresidente.

d) A Comisión de Goberno.

Artigo 6º.-Do Pleno da Mancomunidade.

1. O Pleno da Mancomunidade, órgano supremo do goberno e administración desta, estará integrado por seis membros, representando tres deles a cada un dos concellos mancomunados, e un secretario.

2. Os representantes dos concellos serán elixidos polo Pleno da Corporación respectiva, de entre os seus membros, e tendo en conta o pluralismo político existente nestas.

3. Son atribucións do Pleno da Mancomunidade as previstas no artigo 64 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, para o pleno das corporacións, agás as dos epígrafes b) e c).

4. Non serán delegables as relacionadas no punto 4º do referido artigo 64.

Artigo 7º.-Do presidente e do vicepresidente.

1. O presidente e o vicepresidente serán elixidos polo pleno, de entre os seus membros. A súa elección realizarase en sesión extraordinaria, e por maioría simple de votos dos presentes.

2. A moción de censura ó presidente rexerase polo disposto na lexislación electoral xeral.

3. Ó presidente, dentro do ámbito competencial da mancomunidade, correspóndenlle as atribucións asignadas ó alcalde no artigo 61 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

4. O vicepresidente substitúe o presidente, coas mesmas facultades, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 8º.-Dos membros da xunta.

Correspóndelles ós membros da Xunta da Mancomunidade os dereitos e deberes seguintes:

a) Recibir, cunha antelación mínima de dous días, a convocatoria na que se conteña a orde do día das reunións. Os expedientes sobre os temas que figuren nela, estarán á súa disposición por igual prazo.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exerce-lo seu dereito ó voto e formula-lo seu voto particular, así como expresa-lo sentido deste e os motivos que o xustifican.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obte-la información precisa para cumpri-las súas funcións.

f) En xeral, e unha vez que tomen posesión do seu cargo, tódolos que establece a lexislación de réxime local.

Artigo 9º.-Do secretario.

1. O cargo de secretario, que levará anexo o de interventor, será exercido, en réxime de acumula

ción, por calquera dos funcionarios de habilitación nacional que exerzan o cargo nos municipios mancomunados.

2. A súa designación será efectuada polo Pleno da Mancomunidade, a proposta do presidente.

3. Mentres tanto non se produza esta designación, seguirá actuando, como tal, o da comisión xestora.

4. Son funcións do secretario-interventor:

a) A de secretaría, comprensiva da fe pública e do asesoramento legal, nos termos dos artigos 2 e 3 do R.D. 1174/1987, do 18 de setembro, regulador do réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación nacional.

b) A dirección dos servicios de control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, e de contabilidade, tesourería e recadación.

Artigo 10º.-Da comisión de goberno.

1. A Comisión de Goberno estará integrada polo presidente da mancomunidade e dous membros desta, un por cada concello dos que a compoñen, nomeados ou separados libremente polo presidente, que deberá darlle conta disto ó pleno.

2. Corresponderalle á Comisión de Goberno:

a) A asistencia ó presidente no exercicio das súas funcións.

b) As atribucións que o presidente ou o pleno lle deleguen e as que lles atribúan as leis.

3. A delegación de atribucións efectuarase nos termos previstos no artigo 64.5º da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Capíbulo IV

Funcionamento e réxime xurídico

Artigo 11º.-Do goberno e administración.

1. O goberno e a administración da mancomunidade correspóndelle á xunta e ó seu presidente.

2. Dentro do mes seguinte ó da publicación dos Estatutos no Diario Oficial de Galicia, o alcalde do municipio no que radique a sede da mancomunidade convocará a tódolos representantes dos municipios mancomunados para realizar sesión extraordinaria para os efectos de resolver sobre os seguintes puntos:

a) Elección de presidente e vicepresidente.

b) Designación de secretario.

c) Constitución da Comisión de Goberno.

d) Periodicidade das sesións.

e) Delegación de competencias na Comisión de Goberno.

3. A sesión anterior será presidida, ata o momento da elección e toma de posesión do presidente, polo

alcalde convocante, asistido polo secretario da comisión xestora.

Artigo 12º.-Do réxime xurídico.

O réxime xurídico da xunta da mancomunidade axustarase, dentro das súas singularidades, ás normas contidas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 13º.-Dos dereitos e deberes dos concellos.

1. Son dereitos e deberes dos concellos mancomunados:

a) Participar na xestión da mancomunidade de acordo co disposto nestes estatutos.

b) Recibir información directa dos asuntos que sexan do seu interese.

c) Presentar propostas de actuación no ámbito das materias de competencia municipal.

d) Consulta-la documentación dos arquivos e rexistro da mancomunidade.

e) Intervir nas sesións dos órganos da mancomunidade, con voz e voto, a través dos seus representantes lexítimos, e nos supostos específicos que determinan os estatutos.

f) Consignar nos seus orzamentos as cantidades precisas para atender, nos sucesivos exercicios, as obrigas derivadas dos compromisos contraídos coa mancomunidade, que serán a partes iguais por parte dos dous concellos.

g) Achegar, para os gastos da escola-obradoiro, as cantidades que determinen a consellería da Xunta de Galicia que outorgue as subvencións.

2. Transcorrido o prazo para o ingreso das contribucións dos concellos mancomunados, o presidente da mancomunidade poderá dirixirse á Xunta de Galicia para a retención dos fondos do concello debedor e o seu ingreso na facenda da mancomunidade.

Capítulo V

Réxime económico

Artigo 14º.-Da facenda da mancomunidade.

1. Para a realización dos seus fins, a mancomunidade contará cunha facenda propia integrada por:

a) As taxas.

b) Os prezos públicos.

c) As contribucións especiais.

d) Os ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

e) As subvencións.

f) O producto de operacións de crédito.

g) O producto de multas e sancións no ámbito da súa competencia.

h) As contribucións dos concellos mancomunados, tal como se establecen no artigo anterior destes estatutos.

2. Serán de aplicación á mancomunidade, verbo dos ingresos antes enumerados, as disposicións da Lei de facendas locais.

Artigo 15º.-Do orzamento.

A xunta da mancomunidade formará e aprobará anualmente o seu orzamento, de conformidade coas disposicións da Lei de facendas locais.

Capítulo VI

Do persoal

Artigo 16º.-Do cadro de persoal e postos de traballo.

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a xunta da mancomunidade aprobará anualmente, a través do orzamento, o cadro de persoal, que ten que comprender tódolos postos de traballo reservados a funcionarios, persoal laboral e eventual, de acordo coas normas reguladoras do persoal ó servicio dos entes locais.

2. A xunta da mancomunidade determinará, de se-lo caso, o xeito de provisión e alcance da dedicación dos postos de traballo que se compartan co dalgún concello mancomunado.

Capítulo VII

Térmo de vixencia, modificación e disolución da mancomunidade

Artigo 17º.-Da duración.

A mancomunidade constitúese coa mesma duración que teña a escola-obradoiro, ou coa dos novos fins que, logo de modificación dos estatutos, se lle puidesen asignar.

Artigo 18º.-Da modificación dos estatutos.

Estes estatutos poderán ser modificados, incluso no que atine ós fins da mancomunidade, seguindo o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Artigo 19º.-Da disolución da mancomunidade.

1. A mancomunidade poderá disolverse:

a) Por imposibilidade legal ou material de cumpri-las súas finalidades.

b) Por transcorre-lo seu tempo de duración.

2. O procedemento que se debe seguir para a disolución será o previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, cos efectos do artigo 144 da lei.

Artigo 20º.-Da liquidación do patrimonio.

Ó disolverse a mancomunidade, o seu patrimonio reverterá nos concellos mancomunados por partes iguais.