Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 21 de outubro de 1999 Páx. 12.485

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Amalis, S.A. para o seu persoal de limpeza que presta os seus servicios no Hospital do Meixoeiro de Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Amalis, S.A. para o seu persoal de limpeza que presta os seus servicios no Hospital do Meixoeiro de Vigo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-9-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empesa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 23-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto

dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 16 de setembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do persoal de limpeza de Amalis, S.A. que presta os seus servicios no Hospital do Meixoeiro de Vigo

Artigo 1º.-Ámbito funcional, persoal e territorial.

Este convenio colectivo será de aplicación ó persoal de limpeza que presta os seus servicios no centro de traballo do Hospital do Meixoeiro de Vigo pola empresa adxudicataria do mencionado servicio e que actualmente é a empresa Amalis, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha duración de tres anos. Entrará en vigor o día da sinatura deste, se ben os seus efectos económicos se retrotraen ó día 1 de xaneiro de 1999, sendo a súa duración ata o día 31 de decembro do ano 2001.

Artigo 3º.-Denuncia.

Este convenio entenderase tacitamente prorrogado de ano en ano se ningunha das partes o denunciase cun mes de antelación ó final da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Retribucións.

As retribucións correspondentes a cada un dos anos de vixencia deste convenio, que deberán percibi-los traballadores afectados por el, aboaranse cos mesmos conceptos e contías que a categoría pinche do Sergas (grupo E) (soldo base, complemento de destino, productividade fixa, P.R.D. e P.R.D. por quendas). De tal xeito que os incrementos retributivos que se produzan a partir da entrada en vigor deste convenio serán aplicados igualmente ós afectados por este.

No suposto de que as pinches do Sergas (grupo E) reciban algunha contía en concepto de revisión salarial, esta será aboada igualmente ó persoal afectado por este convenio.

Os pagamentos do salario mensual realizaranse o derradeiro día de cada mes.

Artigo 5º.-Equiparación salarial e en xornada.

Os traballadores afectados por este convenio quedan equiparados salarialmente e en xornada á categoría pinche do Sergas, de tal forma que, a partir desta equiparación, toda mellora que repercuta na mencionada categoría aplicaráselles ós traballadores afectados por este convenio.

En relación coa equiparación salarial e en xornada pactada no parágrafo anterior, páctase expresamente que se nun futuro desaparecera a categoría de pinche do Sergas, ou variara a súa denominación, a equiparación que neste convenio se fai coa dita categoría e polo tanto coa referencia que, nos distintos artigos deste convenio, se fai a esta, deberase entender referida a aquela outra categoría ou denominación que veña a substituíla ou comprendela.

No suposto de que, desaparecida a categoría de pinche, non exista de forma clara e concreta unha categoría profesional que a substitúa ou comprenda, acudirase á comisión paritaria do convenio para alcanzar un acordo en tal sentido e no caso de non concretarse o acordo no seo deste órgano, acudirase ós procedementos de solución extraxudicial de conflictos previstos no AGA.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Por cada tres anos de servicio ininterrompido, os traballadores percibirán en concepto de antigüidade as seguintes contías:

Todos aqueles trienios que venceran con anterioridade ó 1-1-1995 quedarán establecidos na cantidade de 3.808 ptas./mensuais, manténdose tal contía invariable a partir da dita data.

Tódolos trienios que venzan a partir do 1-1-1995 aboaranse coa mesma contía que no momento do vencemento teñan establecido as pinches do Sergas (grupo E).

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio colectivo percibirá dúas pagas extraordinarias, que se denominan de verán de Nadal, na mesma contía que as pinches (grupo E) do Sergas, é dicir, unha mensualidade de salario base, complemento de destino e antigüidade.

As datas que se computan para o devengo das pagas serán as seguintes:

Paga de verán: do 1 de xullo dun ano ó 30 de xuño do ano seguinte. Data de pagamento: 15 de xullo.

Paga de Nadal: do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do mesmo ano. Data de pagamento: 22 de decembro.

Artigo 8º.-Nocturnidade.

Os traballadores que presten os seus servicios en xornada nocturna, é dicir, entre as dez da noite e as seis da mañá, percibirán en concepto de complemento de nocturnidade a mesma contía que por tal concepto perciba a pinche do Sergas.

As persoas que suplan os descansos do persoal de noite, cobrarano por días traballados.

Artigo 9º.-Traballo en domingos e festivos.

O persoal que traballe en domingos e festivos percibirá en concepto de complemento festivo a mesma contía que perciba a pinche do Sergas (grupo E).

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 7 horas diarias por día de traballo, sendo, en cómputo anual, a mesma que en cada momento teña establecida o Sergas (Servicio Galego de Saúde) para a categoría de pinche.

O descanso semanal do domingo, así como dos festivos regulamentarios anuais, poderá coincidir ou non co día correspondente, sendo neste último caso compensado co descanso en calquera outro día laborable da semana.

Os traballadores con xornada ordinaria disporán de 30 minutos diarios para tomar alimentos, considerándose o dito descanso como traballo efectivo.

Artigo 11º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 17 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que convivan co traballador, 1 día natural.

c) Parto da esposa, 5 días laborables.

d) Falecemento, hospitalización, intervención cirúrxica que leve consigo a convalecencia ou enfermidade grave:

Do cónxuxe, 5 días naturais.

Pais, sogros e fillos, 3 días naturais.

Falecemento ou enfermidade grave de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 2 días naturais.

Se entre o traballador e os parentes anteriormente detallados houbera convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producira fóra da praza.

e) Falecemento de tío consanguíneo, 1 día natural. Se houbera convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia será de 2 días naturais.

Falecemento de tío por afinidade, 1 día natural.

f) Traslado de domicilio, 2 días laborables.

g) Os traballadores/as que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial, académico e profesional terán dereito a un permiso retribuído de ata seis días ó ano para concorrer a exames, logo da comunicación do traballador á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor dun ano, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, á súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Os/as traballadores/as que teñan que presentarse a unha citación xudicial, terán dereito a dispor do tempo necesario para asistir a ela.

Igualmente o traballador, solicitándoo coa debida antelación terá dereito a dispor de ata 5 días de licencia e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

Nos casos de licencias referidas a esposo/a ou cónxuxe, igualmente se referirá a compañeiro/a en situación estable, sempre que se acredite a convivencia mediante certificación oficial.

Artigo 12º.-Excedencias.

Todo traballador fixo cunha antigüidade polo menos dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes e non maior a cinco anos.

O traballador excedente, cando a súa categoría se encontre entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de cinco anos. A reincorporación á empresa deberá ser solicitada cun aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous a cinco anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa en calquera momento durante o prazo do primeiro ano da dita excedencia. En todo caso, o traballador deberá poñer en coñecemento do empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasado o primeiro ano do exercicio da excedencia sen que o traballador fixera uso do seu dereito, xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo periodo de excedencia solicitada.

Artigo 13º.-Posto de traballo en situación de embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde co seu estado. Nesta materia haberá que aterse, en todo caso, ó establecido no R.D.L. 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. En todo caso, respectarase a lexislación vixente en cada momento na materia.

Artigo 14º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a efectuar unha revisión médica anual por conta da empresa, que inclúa as probas de audiometría, control de vista, análises de sangue, análises de ouriños, espirometría e exploración clínica. Así mesmo, ás traballadoras realizaránselles as pertinentes probas xinecolóxicas de carácter voluntario.

A partir do 1-1-2000 levaranse a cabo dúas revisións médicas anuais.

A campaña de vacinación voluntaria consistirá nas correspondentes probas para a hepatite B e tétano.

O/a traballador/a que por calquera causa non desexe someterse ós controis médicos deberá notificalo por escrito.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

Os traballadores serán provistos da seguinte roupa de traballo:

-Persoal feminino:

1 pixama cada seis meses.

1 par de zocos cada seis meses.

1 chaqueta curta.

-Persoal masculino:

1 camisa e pantalón cada seis meses.

1 par de zapatillas cada seis meses.

1 cazadora ó ano.

1 roupa de abrigo cada tres anos.

Ademais do establecido os traballadores serán dotados daqueles elementos de protección persoal que poidan necesitar no desempeño das súas funcións.

Ás traballadoras que, no momento de recibi-la roupa de traballo, se encontren en situación de embarazo, deberá serlles entregada unha roupa de acordo co seu estado.

Xestionarase doa dirección do hospital a posibilidade de que a roupa de traballo sexa lavada unha vez á semana no propio centro hospitalario a partir do día 1-1-2000. E a partir do 1-1-2001, a empresa lavaraa o necesario cun máximo de dúas veces por semana.

Artigo 16º.-Xubilación.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no R.D. 1194/1985, para tal efecto a empresa obrígase a contratar simultaneamente no lugar do xubilado a outro traballador, de acordo co establecido no mencionado real decreto

Aquelas persoas que, a partir do día 1-1-2000, se xubilen anticipadamente, logo do acordo coa empresa, percibirán un premio indemnizatorio consistente nas seguintes cantidades:

Xubilación ós 60 ou 61 anos de idade: 3 mensualidades do salario.

Xubilación ós 62 ou 63 anos de idade: 2 mensualidades do salario.

Xubilación ós 64 anos sen acollerse ó R.D. 1194/1985: 1 mensualidade do salario.

A partir do 1-1-2001 as cantidades que se aboarán serán as seguintes:

Xubilación ós 60 ou 61 anos de idade: 4 mensualidades de salario.

Xubilación ós 62 ou 63 anos de idade: 3 mensualidades do salario.

Xubilación ós 64 anos sen acollerse ó R.D. 1194/85: 2 mensualidades do salario.

A xubilación de tódolos traballadores será obrigatoria á idade de 65 anos, sempre que se reúnan os requisitos e se teña o período de carencia necesario para obte-las prestacións da Seguridade Social.

Artigo 17º.-Complemento de IT, accidente e maternidade.

A partir do 1-1-1999, nos supostos de enfermidade común e accidente laboral, os traballadores percibirán o 100% do salario base, antigüidade, complemento de destino, productividade fixa, P.R.D. e P.R.D. por quendas, desde o primeiro día da baixa, mentres continúe a situación de IT e o traballador permaneza de alta na empresa.

As pagas extraordinarias percibiranse completas, en tódolos casos de IT.

Para os casos de maternidade haberá que aterse ó establecido na lexislación vixente.

Artigo 18º.-Adscrición do persoal.

1. Ó termo da concesión dunha contrata de limpeza, os traballadores da empresa saínte causarán alta na nova titular da contrata, quen lles respectará tódolos dereitos e obrigas que tiñan coa anterior contratista, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores que no momento do cambio de titularidade da contrata se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, en servicio militar ou situación análoga, sempre e cando prestaran os seus servicios no centro con anterioridade á suspensión do seu contrato e que reúnan a antigüidade mínima establecida no punto a).

c) Traballadores que con contrato de interinidade substitúan a algún dos traballadores mencionados no punto anterior.

d) Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran ó centro como consecuencia de ampliación de contrata, dentro dos catro últimos meses.

e) O persoal incorporado pola anterior titular a este centro de traballo dentro dos catro últimos meses seguirán pertencendo á devandita empresa e non se producirá a subrogación citada, salvo que se acredite a súa nova incorporación ó centro e á empresa.

2. Tódolos supostos anteriormente citados deberán serlle acreditados fidedigna e documentalmente pola empresa saínte á entrante no prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o momento no que a empresa entrante lle comunique fidedignamente á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Limpezas de Edificios e Locais de Pontevedra, se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, dará de alta no seu cadro de persoal a todo o persoal que preste os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento no que se produza o dereito á adscrición deste á nova adxudicataria.

3. A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballadores.

Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio suspendese este por un período inferior a dous meses; o dito persoal con tódolos seus dereitos adscribirase á nova empresa.

Documentos que a empresa saínte deberá facilitarlle á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, enderezo, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado na que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento de subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade.

Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Artigo 19º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute dun mes natural de vacacións retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de xullo e setembro, ámbolos dous incluídos.

As quendas de vacacións serán rotativas.

No suposto de estar en IT no momento de inicia-las vacacións, o traballador terá dereito ó seu desfrute noutro momento, fóra do período vacacional. Así mesmo, en caso de hospitalización do traballador durante o desfrute das súas vacacións, estas interromperanse, podendo o traballador desfruta-los días que estea hospitalizado e coincidan coas súas vacacións, a continuación do seu remate.

Ademais, terá dereito ó mesmo número de días de permiso, dos denominados moscosos, que desfruten as pinches do Sergas (grupo E) e que actualmente estean establecidos na contía de 9 días anuais.

Para o desfrute destes días de permiso teranse sempre en conta as necesidades do servicio.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

En todo o relacionado con este tema haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e na LOLS, determinándose que cando un representante legal dos traballadores deba saír da empresa para exercer funcións de representación, deberá comunicalo a esta como mínimo o día anterior, salvo situacións excepcionais que se deberán xustificar. Como xus

tificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

Os compoñentes do comité de empresa terán un crédito de 20 horas mensuais para o exercicio das súas funcións de representación.

As horas sindicais, en cómputo mensual, poderán acumularse nun ou máis membros do comité de empresa. Así mesmo, establécese que calquera membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ceder todas ou parte das súas horas sindicais en favor do responsable da sección sindical correspondente, logo da comunicación á empresa, sen que iso xere ningún dereito a horas sindicais para tales representantes.

-Desconto en nómina da cota sindical:

A empresa, logo da correspondente petición por escrito do traballador, descontará da súa nómina a cota sindical, enviando o dito importe á central sindical á que estea afiliado o traballador.

Artigo 21º.-Asembleas.

Os traballadores afectados por este convenio disporán de 18 horas ó ano para realizar asembleas, durante a xornada laboral, debendo comunicar á empresa a súa realización cunha antelación de 48 horas, salvo situacións excepcionais de conflicto ou folga, nas que chegará con avisar con 24 horas de antelación.

Artigo 22º.-Formación continuada do persoal.

A empresa impartirá como mínimo unha vez ó ano, entre o seu persoal, cursos co fin do perfeccionamento do servicio e, no que cómpre, á reciclaxe e información sobre novas técnicas e medidas de seguridade social e saúde laboral.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

As partes asinantes do convenio son, en representación dos traballadores, os compoñentes do comité de empresa que constan na acta final de convenio, representantes do persoal de limpeza que presta os seus servicios no Hospital do Meixoeiro de Vigo, así como os representantes das seccións sindicais de UGT e CC.OO., respectivamente, e por outro lado representación legal da empresa Amalis, S.A.

En aplicación do establecido no artigo 85.2º e) do Estatuto dos traballadores créase unha comisión paritaria de convenio como órgano mixto de interpretación, conciliación e arbitraxe, para entender de cantas cuestións lle sexan atribuídas.

A devandita comisión estará integrada por catro membros, dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores. Cada unha das partes poderá valerse dos asesores que considere convenientes, con dereito a voz pero sen voto.

As decisións deberán tomarse por maioría das representacións respectivas, é dicir, por dous representantes da empresa e dous dos traballadores. As decisións que non sexan aprobadas coas maiorías mencionadas carecerán de validez e, por conseguinte, as partes, para soluciona-las discrepancias que puideran existir, poderán acudir ós organismos administrativos ou xudiciais correspondentes, así como ás disposicións con

tidas no AGA para a solución extraxudicial de conflictos laborais.

Artigo 24º.-Mobilidade xeográfica.

A empresa respectaralles ós traballadores adscritos ó centro de traballo Hospital do Meixoeiro a súa permanencia no dito centro, do que non poderán ser trasladados máis que en virtude de acordo entre as partes, por motivo de forza maior, ou por causas alleas á organización da empresa. Neste último suposto, caso de desacordo entre as partes, ou desacordo no período de consultas a que se refire o artigo 40 do Estatuto dos traballadores a diverxencia someterase ás disposicións previstas no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (DOG do 4 de maio de 1995).

Artigo 25º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará un seguro de accidentes para os seus traballadores que cubra o risco de falecemento ou incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, por causa de accidente de traballo, por importe de 1.000.000 de ptas.

A partir do día 1-9-1999, as contías do seguro de accidentes mencionado serán as seguintes:

Falecemento e incapacidade permanente total: 1.700.000 ptas.

Incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez: 2.000.000 de ptas.

A partir do día 1-1-2001 os ditos importes pasarán a se-los seguintes:

Falecemento e incapacidade permanente total: 2.000.000 de ptas.

Incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez 2.500.000 ptas.

Artigo 26º.-Comité de seguridade e saúde.

De acordo co establecido na Lei de prevención de riscos laborais constituirase o comité de seguridade e saúde como órgano paritario para entender das cuestións correspondentes.

Artigo 27º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos traballadores terán dereito a tres horas cada vez que teñan que asistir á consulta do médico de medicina xeral. Cando o médico de medicina xeral que lle corresponda ó traballador tivera o seu consultorio en localidade distinta daquela na que prestan os seus servicios os traballadores, estes disporán do tempo necesario.

O traballador que teña que acudir a un consultorio médico está obrigado a avisar anticipadamente á empresa, debendo xustificar, por outra parte, que foi atendido polo médico de medicina xeral.

Para a súa asistencia á consulta do especialista os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario logo da presentación do volante do médico de medicina xeral. Ademais, terán dereito a un día de asistencia ó especialista fóra da localidade.

Así mesmo, terán dereito a 3 horas para asistir ó consultorio médico con fillos menores de 14 anos ou fillos minusválidos, calquera que sexa a súa idade,

cun máximo de tres veces ó mes, sempre que a súa xornada laboral sexa coincidente co horario de consulta médica e co horario de traballo do seu cónxuxe ou compañeiro/a.

Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado anteriormente.

Artigo 28º.-Procedemento sancionador.

Nos casos de faltas graves ou moi graves cometidas por algún traballador/a, a empresa deberá dar audiencia previa a este e ó comité de empresa, antes da imposición da sanción correspondente.

Artigo 29º.-Vacantes e substitucións.

Os/as traballadores/as adscritos á quenda de tarde terán preferencia para cubri-las vacantes da súa mesma categoría profesional, producidas na quenda da mañá, e que a empresa considere necesario cubrir, por vacacións, excedencias, maternidade, novas contratacións e baixas de IT de duración superior a 15 días. Nestes supostos, as persoas que se contraten para cubrir tales vacantes pasarán a presta-los seus servicios na quenda de tarde, independentemente de que o/a traballador/a en situación de IT, maternidade, etc, sexa da quenda da mañá.

Aquelas persoas da quenda da tarde que teñan dereito a cubrir unha vacante de acordo coa orde de preferencia que establezan de forma conxunta o comité de empresa e a empresa, e non a cubran, pasará automaticamente ó derradeiro lugar da lista de preferencia.

As persoas que se relacionan no anexo II deste convenio terán preferencia para cubrir aqueles contratos de traballo, fixos ou de interinidade, de categoría de limpador/a que subscriba a empresa co Hospital do Meixoeiro. Nos casos de interinidade contrataranse os/as traballadores/as de forma rotatoria e, nos casos de contratos fixos, será a empresa quen libremente determine en cada momento as persoas do anexo mencionado que deban ser contratadas.

Facúltase a comisión paritaria do convenio para desenvolver con posterioridade á sinatura deste a orde de preferencia, así como as situacións de excepcionalidade que se poidan dar nos contratos de interinidade.

Non se poderán realizar contratos a través de empresas de traballo temporal (ETT) para cubrir vacantes de carácter temporal, nin vacantes definitivas.

Cláusulas adicionais

Primeira.-As condicións pactadas neste convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica terán que ser consideradas globalmente, evitando interpretacións parciais.

Segunda.-En todo o nonrecollido neste convenio colectivo haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación laboral vixente, con exclusión expresa do convenio provincial de limpezas de edificios e locais de Pontevedra, así como de calquera outro convenio colectivo, excepto o artigo 23 do vixente convenio colectivo provincial de limpezas de edificios e locais.

ANEXO I

Táboa salarial (1-1-1999 ó 31-12-1999)

Salario base

Encargado74.630 ptas./mes.

Responsable de equipo74.630 ptas./mes.

Especialista74.630 ptas./mes.

Peón especializado74.630 ptas./mes.

Conductor-limpador74.630 ptas./mes.

Limpador/a74.630 ptas./mes.

Peón74.630 ptas./mes.

Complemento de destino31.925 ptas./mes.

Productividade fixa12.209 ptas./mes.

P.R.D.5.673 ptas./mes.

Segundo os anteriores conceptos, a distribución das retribucións en cómputo anual será a seguinte:

Salario base74.630x14=1.044.820 ptas./ano.

Compl. destino31.925x14=446.950 ptas./ano.

Prod. fixa12.209x12=146.508 ptas./ano.

P.R.D. 5.673x12=68.076 ptas./ano.

Total1.706.354 ptas./ano.

Antigüidade (trienios que venzan a partir do 1-1-1995): 1.825 ptas./mesx14 pagas.

Complemento festivo (Compl. atención continuada modalidade B): 2.950 ptas./festivo traballado.

Nocturnidade (Compl. atención continuada modalidade A): 39.055 ptas./mesx12 pagas.

P.R.D. por quendas:

Quenda fixa: 2.690 ptas./mesx12 pagas.

Quenda rotatoria simple: 4.848 ptas./mesx12 pagas.

ANEXO II

Relación de traballadores/as con preferencia para cubrir vacantes e substitucións.

Alfonso Cabaleiro, Salud

Alvarado Pérez, Rosa Mª.

Barreiro Vázquez, Amparo.

Blanco Domínguez, Josefa.

Carrera Alves, Mª Jesús.

Casal Carreira, Pilar.

Comesaña Salgueiro, Valentín.

Crespo Barciela, Olivia.

Feros Iglesias, Rosa Mª.

González Juncal, Carlos.

Hermida Rodríguez, Ana Mª.

Hermida Rodríguez Marcelina.

Iglesias Montes, Luisa.

Romero Vicente, Carmen.

Viso Bande, Begoña.