A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día 28 de agosto de 1998, aprobou o proxecto de 94. Plan Obras e Servicios. 98. Ribadeo. De Ribadeo a Vilela, p.k. 5,000 ó 6,200 e na sesión do 26 de abril de 1999, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 5 de agosto de 1999.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 29 de setembro de 1999.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económica local e os terreos son necesarios para a iniciación das obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de outubro de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de 94. Plan de Obras e Servicios. 98. Ribadeo. De Ribadeo a Vilela, p.k. 5,000 ó 6,200.
Santiago de Compostela, sete de outubro de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais