Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 20 de outubro de 1999 Páx. 12.448

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 1999, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso leste ó Grove. (Clave N/PO/95.3).

En cumprimento do disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, esta subdirección xeral

DISPÓN:

Que se faga pública como anexo a Resolución do 19 de xullo de 1999 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso leste ó Grove, no Concello do Grove; promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 1999.

Gerardo Pallares Sánchez

Subdirector xeral de Estradas

ANEXO

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impactos ambientales para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade, das abranguidas no anexo da devandita disposición.

Considerando que o proxecto de referencia se sitúa no ámbito do espacio natural denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove e de acordo co punto 13 do anexo ó Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, deberán someterse a declaración de impacto ambiental todas aquelas actuacións que produzan unha alteración física ou unha perda dos valores naturais, culturais, científicos ou educativos dos espacios naturais en réxime de protección xeral, incluídos no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia, polo que procede somete-lo mencionado proxecto a avaliación do impacto ambiental.

En virtude do establecido no artigo 5, punto 2º do citado decreto, a Dirección Xeral de Obras Públicas, no proceso da súa tramitación, trala aprobación técnica do estudio informativo o día 16 de abril de 1999 e mediante a publicación no DOG nº 85, do 5 de maio de 1999, da Resolución da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sométese ó trámite de información pública o proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso leste ó Grove, de clave N-PO-95.3, no municipio do Grove (Pontevedra) e anúnciase a apertura do proceso de información pública, por un período de trinta días

hábiles, contados a partir da data de publicación no DOG.

En aplicación do estipulado no Decreto 442/1990, de avaliación dos impactos ambientais, os documentos e proxectos técnicos, sometidos a consulta e información pública, foron remitidos á Delegación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da provincia de Pontevedra, Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Urbanismo e Dirección Xeral de Saúde Pública. Xunto co informe da Dirección Xeral de Obras Públicas, recíbense os informes dos organismos consultados. A continuación preséntanse as datas de solicitude e resposta dos ditos informes, incluíndose no anexo II os seus resultados.

ORGANISMOS CONSULTADOSSOLICITUDERESPOSTA

D.X. MONTES E MAN9-2-998-4-99

D.X. URBANISMO20-4-9921-4-99

D.X. PATRIMONIO CULTURAL20-4-9912-5-99

D.X. SAÚDE PÚBLICA20-4-9916-6-99

SERVICIO PROVINCIAL DE ESTRADAS20-4-9917-6-99

Durante o proceso de información pública foron presentadas alegacións referentes a consideracións ambientais, que malia térense presentado unha vez superado o prazo legal, aparecen reflectidas no anexo III.

Sobre o contido do proxecto e do estudio de impacto ambiental presentados, os resultados de información pública e os informes recibidos sobre as consultas efectuadas, este órgano ambiental impón no condicionado desta DIA as medidas e condición que se citan, encamiñadas a defini-los motivos polos que se resolveu a viabilidade do proxecto.

Efectuada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso leste Ó Grove. Clave N-PO-95.3, localizado no municipio do Grove (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

No anexo I faise unha descrición do proxecto.

A relación de organismos consultados e o resumo das súas respostas figura no anexo II.

No anexo III faise un resumo das alegacións formuladas ó respecto do proxecto constructivo.

Declaración de impacto ambiental

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de alargamento e acondicionamento do acceso leste á península do Grove (Pontevedra), de clave N-PO-95.3, promovida pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, que se realizará no concello do Grove, co fin de levar a cabo o alar

gamento e acondicionamento da estrada C-550 no istmo da Lanzada.

Para calquera ampliación ou modificación do proxecto ou que afecte ó seu ámbito ou da presente DIA precisaríase unha nova declaración.

Examinada a documentación presentada e os antecedentes expostos, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera ambientalmente viable o proxecto proposto e pola presente declaración de impacto ambiental e co obxecto de garanti-la minimización dos efectos ambientais negativos establece, ademais das medidas incluídas no estudio de impacto ambiental, as seguintes condicións:

1. Sobre a protección da atmosfera.

Controlaranse as emisións de po en fase de movemento de terras mediante a humidificación de vías. Queda prohibida a queima de restos ou calquera outro tipo de material en fase de obra.

Posto que non se pode elimina-la emisión de gases procedentes dos motores de combustión interna dos camións e da maquinaria, para reducir no posible os seus efectos, será responsabilidade do promotor a correcta posta a punto de tódolos motores antes do inicio das obras, levada a cabo por un servicio autorizado, do que terá que existi-la oportuna certificación.

2. Sobre a protección do solo.

Co obxecto de reduci-la necesidade de ocupación de terreos, realizaranse os estudios necesarios para minimizar ó máximo técnico posible, o largo das beiravías interiores e mediana, co obxectivo de reduci-lo largo da calzada na medida do tecnicamente posible e evitando afecta-los condicionantes de seguridade vial.

As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria faranse fóra da zona de obras, en instalacións axeitadas para tal fin. A xestión dos aceites provenientes destes equipos e maquinaria ó longo da fase de obras deberá cumpri-los requisitos da normativa vixente.

Delimitarase un espacio dedicado a parque de maquinaria e almacenamento de materiais, que deberá situarse nun terreo degradado e carente de interese ambiental. Aplicarase o mesmo criterio para localizar aquelas instalacións auxiliares que puidesen necesitarse (plantas de fabricación de aglomerado asfáltico...). Unha vez establecidos os lugares para a localización destas instalacións, seralle comunicado á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

En todo caso e baixo ningunha circunstancia, as instalacións auxiliares situaranse máis alá dos límites da zona balizada ó nivel do istmo da Lanzada, pertencente ó espacio natural denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Tódolos residuos, tanto os non perigosos (materiais sobrantes das escavacións, excedentes de terra, ...) como os perigosos (aceites, hidrocarburos, pinturas, ...), resultantes da execución do proxecto de alargamento e acondicionamento do acceso leste ó Grove,

deberán xestionarse de acordo coa lexislación vixente. Estes e segundo a súa natureza, serán entregados ós correspondentes xestores legalmente autorizados para garanti-la súa adecuada xestión.

Retirarase e almacenarase, seguindo as técnicas ó uso, o substrato areoso e, se se dese o caso, a terra vexetal, procedentes dos labores de preparación e movementos de terras, co obxecto de utilizalo posteriormente nos labores de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras, tal e como se sinala no estudio de impacto ambiental.

3. Sobre a protección das augas e leitos.

De forma previa á execución das obras, procederase ó balizado da zona de traballo, en especial pola marxe oeste da vía, co obxecto de evitar afeccións innecesarias ós sistemas lacustres e dunares do istmo da Lanzada.

Queda prohibido o vertido de calquera tipo de material ou substancia ás augas continentais, en especial cemento e hidrocarburos, así como o depósito de materiais relacionados coas obras sobre a marxe e noiro que limita coa marisma do Bao.

A rede de drenaxe transversal debe face-lo desaugamento de xeito que non produza efectos erosivos, non debendo servir esta de comunicación entre as lagoas do istmo e a enseada do Bao.

4. Sobre a prevención do ruído.

Atenderase, en todo caso, ó establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto) e ó Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica (DOG nº 100). Así mesmo haberá que aterse ó disposto nas ordenanzas municipales ó respecto.

Adoptaranse as medidas correctoras necesarias para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de funcionamento non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito de localización da estrada.

5. Sobre a protección das comunidades faunísticas.

Disporase, a todo o longo da marxe oeste da vía, un sistema de valado que impida o paso dos compoñentes da herpetofauna e micromamíferos, salvo por aqueles puntos onde se dispoñan as estructuras de paso para fauna e as estructuras de drenaxe transversal.

6. Sobre a protección da paisaxe.

Implantarase unha pantalla vexetal pola marxe leste da vía, propoñéndose como especies a empregar Arundo donax e Tamarix gallica.

7. Sobre a protección do patrimonio.

En fase de movementos de terras e na zona da traza que discorre polo ámbito costeiro do Grove débese realizar un seguimento e control arqueolóxico conforme a un proxecto que debe ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. En función dos resultados obtidos, a Dirección Xeral de Patri

monio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Os traballos arqueolóxicos que se desenvolverán deberán ser realizados conforme a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e de acordo co Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Sobre o proxecto de restauración.

Procederase a actualizar, no que respecta ó orzamento e dispoñibilidade de especies para plantación, o proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico incluído no estudio de impacto ambiental (EIA).

A dita actualización deberá incorporarse ás correspondentes partidas orzamentarias e ser remitido ó órgano ambiental.

9. Sobre o seguimento e vixilancia ambiental.

Procederase a actualizar, no que respecta ó orzamento e inclusión dos novos condicionantes establecidos pola presente declaración, o programa de vixilancia ambiental incluído no estudio de impacto ambiental.

Unha vez recibidos por parte desta Dirección Xeral os informes e documentación anteriormente mencionados, procederase a súa avaliación e unha vez feita a mesma, remitiráselle á Dirección Xeral de Obras Públicas informe ó respecto.

10. Documentación adicional.

O órgano substantivo, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de forma previa ó inicio das obras, documentación acreditativa e un informe sobre a incidencia no que se certifique a incorporación ó proxecto da documentación e prescricións adicionais establecidas pola presente declaración de impacto ambiental e se detalle o seu contido. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental procederá a avaliación desta documentación, remitindo á Dirección Xeral de Obras Públicas informe ó respecto.

11. Condicións adicionais.

-A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

-As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento, sen embargo, a Dirección Xeral de Obras Públicas, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA con obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamante presentasen graves deficiencias para a súa execución ou implicasen modificación importantes, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstacia, a Dirección Xeral de Obras Públicas solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Direc

ción Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado.

-Tódolos datos e conceptos relacionados coa execución das medidas correctoras recollidas no estudio de impacto ambiental e na presente declaración, figurarán xustificados tecnicamente na memoria e anexos do proxecto constructivo, establecendo o seu deseño, localización e dimensións no documento planos, as súas esixencias técnicas no prego de prescricións e a súa definición económica no orzamento do proxecto.

-O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes, no caso de observarse anomalía ou incorrecta execución das obras con repercusión ambiental, o que comunicará ó organo substantivo.

ANEXO I

DESCRICIÓN DO PROXECTO E RESUMO DE MEDIDAS CORRECTORAS

Descricion do proxecto:

O proxecto de alargamento e acondicionamento do acceso leste á península do Grove (Pontevedra), de clave N-PO-95.3, que unicamente afecta ó territorio do Concello do Grove, pretende defini-las características técnicas e valora-las obras necesarias para levar a cabo o alargamento e acondicionamento da estrada C-550 no istmo da Lanzada, en acordo coa orde de estudio e recomendacións da Dirección Xeral de Obras Públicas, CPTOPV, Xunta de Galicia, as cales recollen as seguintes características:

Tipo: proxecto de construcción.

Situación: provincia de Pontevedra. Concello do Grove.

Clase: alargamento e acondicionamento.

Características do trazado:

Lonxitude: 2.200 m

Velocidade específica: 90 km/h.

Radio mínimo: 350 m.

Rampla máxima absoluta: 1%.

Acordos convexos: 5.500.

Acordos cóncavos: 3.500.

Largo de calzada: 2x7,00 m por sentido de circulación.

Largo de beiravías interiores: 2,00 m.

Ancho de beiravías exteriores: 2,50 m.

Mediana: 2,00 m.

Largo de plataforma: 25,00 m.

Características xeométricas:

-Trazado.

O proxecto recolle a actuación sobre unha lonxitude de 2.200 metros na estrada C-550, correspondentes ó istmo da Lanzada.

No seu extremo sur iníciase no punto no que foi realizada unha glorieta no marco do proxecto de recu

peración ambiental do istmo da Lanzada, redactado polo Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente. Discorre en dirección norte, dispoñendo dunha nova glorieta no entrocamento coa antiga estrada C-550 pola costa, que actualmente é debido á execución do citado proxecto de recuperación ambiental do istmo da Lanzada, dá acceso a un aparcamento disposto sobre o antigo aeródromo.

A continuación, mantendo o mesmo rumbo prolóngase ata unha nova rotonda que se corresponde co acceso oeste do Grove (San Vicente do Mar). A partir dese punto efectúase o acondicionamento dun pequeno tramo do trazado da estrada existente para facilita-lo seu entrocamento coa última glorieta sinalada.

-Seccións transversais tipo.

A sección tipo adoptada está formada por dúas calzadas de 3,50 m cada unha, unha beiravía exterior de 2,50 m e unha beiravía interior de 2,00 m por cada sentido da circulación. A mediana será de 2,00 m, totalizando un largo de plataforma de 25,00 m.

Sen embargo, está previsto que en fase de execución de obras e xa sobre o terreo, se minimice ó máximo técnico posible e sen afectar ós condicionantes de seguridade, o largo das beiravías interiores e mediana, sendo o obxectivo que se vai alcanzar reduci-lo largo da calzada.

Descrición das obras:

-Movemento de terras.

Con respecto a este aspecto do proxecto, resalta-la escasa entidade deles dada a suavidade xeral do relevo na zona afectada polo proxecto. Así, o volume do movemento de terra resultante é de 74.726 m en terraplén ou pedraplén.

-Afirmado.

O firme está dimensionado para un tráfico tipo T2 e unha explanada E2. Disponse da seguinte sección:

Capa de rodadura: 4 cm de aglomerado asfáltico drenante tipo PA-12.

Capa intermedia: 6 cm de aglomerado asfáltico en quente tipo D-20.

Base bituminosa: 15 cm de aglomerado asfáltico en quente tipo G-20.

Subbase granular: 20 cm de saburra artificial.

-Drenaxes e pasos para fauna.

* Drenaxes.

No sentido transversal as drenaxes da estrada establécense mediante a subbase granular, á cal lle foi dada unha pendente do 4% con bombeo nas aliñacións rectas e a unha auga co seu peralte correspondente nas curvas.

As obras de drenaxe transversal do presente proxecto, ademais, correspóndense na súa totalidade coa ampliación das xa existentes que se realiza coa mesma sección, localizándose nos seguintes Pks: 0+290, 0+630, 0+920 e 1+920.

A drenaxe lonxitudinal resólvese por medio dunha drenaxe central e foxos interiores de desmonte, completándose, nos casos nos que se estimou necesario, con foxos na base dos terrapléns.

* Pasos para fauna.

Proxéctanse un total de 4 estructuras de paso para fauna dispostas baixo a calzada e consistentes en caixón lineal de formigón. As súas características básicas son as seguintes:

Obra de paso nº 1: Pk 0+400. 3,00 m de largox0,70 m de altura.

Obra de paso nº 2: Pk 1+300. 3,00 m de largox0,70 m de altura.

Obra de paso nº 3: Pk 1+400. 5,00 m de largox0,70 m de altura.

Obra de paso nº 4: Pk 2+000. 5,00 m de largox0,70 m de altura.

-Ocupación.

A zona de ocupación comprende a superficie necesaria para a execución da estrada.

Ocupación:

Propietario: dominio público marítimo-terrestre.

Lugar: istmo da Lanzada.

Superficie: 68.560 m..

Resumo de medidas correctoras:

-Sobre emisións á atmósfera.

Incídese nos aspectos de diminución de emisións, minimización de zonas alteradas, planificación na execución dos traballos e transportes, correcto mantemento e funcionamento da maquinaria.

-Sobre o ruído.

Propóñense cotrola-las emisións de ruídos innecesarios no curso da obra, reducción de ruídos esporádicos e discontinuos, control dos sistemas de insonorización da maquinaria e planificación de rutas de subministración.

-Sobre o solo.

Con respecto ás características edáficas propóñense medidas enfocadas no sentido de minimización de superficies afectadas e planificación delas, recuperación e tratamento do máximo volume de solo fértil e prevención de vertidos accidentais.

Con respecto ás medidas correctoras que se realizarán para a minimización de impactos sobre a xeoloxía, erosión e inestabilidade, estas céntranse no deseño adecuado dos noiros e terrapléns, a planificación apropiada de acopios e préstamos, tal e como se establece nos estudios xeolóxicos-xeotécnicos.

-Sobre as augas.

En relación coa calidade das augas proponse a definición dos diferentes plans para evita-la dispersión de maquinaria, e minimiza-lo risco de accidentes de vertido nas augas e nas súas proximidades.

Con respecto ós procesos de escorrentía, deséñanse e dimensiónanse os correspondentes sistemas de drenaxe, recomendado a realización dun seguimento co obxecto de comproba-lo seu correcto funcionamento. No caso dos foxos, proponse empregar medios mecánicos para a eliminación de vexetación.

-Sobre a fauna.

As medidas correctoras sobre a compoñente faunística fan referencia á época de comezo das obras indicando o período primaveral como o máis indicado, e sobre o efecto barreira, indican que deberá realizarse un deseño do sistema de drenaxe transversal e lonxitudinal de forma este poida chegar a servir para o paso a través da vía dos compoñentes da herpetofauna.

-Sobre o acondicionamento paisaxístico.

Co obxecto de minimiza-lo impacto paisaxístico proponse a posta en práctica dun proxecto de restauración.

-Sobre o patrimonio.

Indican que a priori non se afecta a ningún elemento patrimonial coñecido, facendo un seguimento arqueolóxico no plan de vixilancia e control ambiental proposto.

-Sobre o medio socioeconómico.

Establecen medidas como a correcta sinalización, humidificación do terreo no caso de que a fase de construcción sexa coincidinte coa época estival, restauración do viario rural e construcción de pasos e valoración adecuada dos terreos que se van expropiar.

ANEXO II

RESULTADO DAS CONSULTAS EFECTUADAS

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa favorablemente o proxecto constructivo, aínda que fan unha serie de recomendacións:

-A rede de drenaxe transversal debe face-lo desaugamento de forma que non produza efectos erosivos nin encharcamentos.

-A rede de drenaxe non debe servir de comunicación entre as lagoas do istmo e a enseada do Bao.

-Para a localización de instalacións auxiliares en fase de obra e dos materiais resultantes da demolición da estrada existente, deberase consultar co Servicio Provincial de Medio Ambiente.

-Estiman necesaria a creación dunha pantalla vexetal pola marxe leste da vía. Suxírese sexan utilizadas especies como Arundo donax e Tamarix gallica. Ofrécese a axuda para o replantado destas pantallas, de persoal da D.X. de Montes e Medio Ambiente Natural.

-Recoméndase un cumprimento escrupuloso dos condicionantes establecidos polo EIA para a fase de construcción.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente o proxecto constructivo.

A Dirección Xeral de Urbanismo informa favorablemente indicando que, en todo caso, debe respectarse a normativa urbanística vixente.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural informa favorablemente o proxecto constructivo, pois considera que non se afecta a ningún ben do patrimonio cultural inventariado, á vez que considera pouco pro

bable a existencia de depósitos arqueolóxicos na zona, aínda que en todo caso, considera que deben tomarse as seguintes medidas preventivas:

-En fase de movementos de terras e na zona da traza que discorre polo ámbito costeiro do Grove, débese realizar un seguimento e control arqueolóxico conforme a un proxecto que debe ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-En función dos resultados obtidos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

-Os traballos arqueolóxicos que se desenvolverán, deberán ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, en acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e en acordo co Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO III

RESUMO DE ALEGACIÓNS DE CARÁCTER AMBIENTAL

O Colectivo Ecoloxista do Salnés presenta escrito de alegación no que se recollen os seguintes puntos:

1. Opóñense ó proxecto por realizarse nunha zona protexida de alto valor ecolóxico.

2. Indican que é necesario actualiza-lo EIA por terse realizado no 1995, desde entón, o Plan de Recuperación Ambiental de Costas e estar en execución a prolongación da VRG-4.1 ata o sur do istmo.

3. Consideran errónea a análise de tráficos e a súa adecuación ás características das vías existentes, nos termos en que consta no EIA e proxecto, pois consideran que a apertura do novo tramo da VRG-4.1, entre Sanxenxo e o sur do istmo, solucionará os problemas de tráfico na zona.

4. En concreto, opóñense ó proxecto por:

-A duna e a vexetación, que consideran que son os principais valores ecolóxicos da área, verse afectados.

-Consideran que a proposta contida no EIA, respecto da recuperación ambiental de támaras, terrapléns e glorietas está condenada ó fracaso porque estes espacios serán invadidos por especies ruderais.

-Consideran inadecuada a selección orientativa de especies para restauración de glorietas contida no Programa de Medidas Correctoras do EIA.

A Sociedade Galega de Historia Natural presenta escrito de alegación no que se recollen os seguintes puntos:

1. Consideran que esta obra non solucionará de ningún xeito os problemas de tráfico na zona, pois o foco dos problemas non é o tramo da C-550 que discorre polo istmo da Lanzada

2. Indican ademais que, en calquera caso, o problema se da na saída da península do Grove e non na entrada, argumento que aducen para xustifica-lo innecesario do desdobramento.

3. Consideran inadecuadas algunhas das especies propostas para a restauración en glorietas.

4. Consideran que os movementos de terras proxectados (75.330 m) implicarán desprazamentos de terras cara ás dunas e estuario do Bao, co que quedará afectado o hábitat de Cistanche phelypaea.

5. O achegamento de terra vexetal en támaras favorecerá a implantación de flora ruderal.

6. Indican que a ocupación duns 33.000 m de superficie do istmo é incompatible co Plan de Recuperación Ambiental executado por costas.

7. Consideran insuficientes os 4 pasos para fauna proxectados, polo que propoñen:

-Establecer unha barreira para a herpetofauna e pequenos mamíferos.

-Situar pasos amplos e cada 100 m baixo a calzada de alomenos 0,5 m de diámetro.

-Os pasos deben ser rectos.

8. Consideran que as obras deben empezar en setembro.

9. Consideran que as achegas de terras á marisma que se producirán como consecuencia das operacións de movemento de terras implicarán a desaparición de zonas de alimentación de limícolas e anátidas.

10. Suxiren:

-Que só se duplique a calzada no sentido sur, é dicir, de saída da península do Grove.

-Que se actualice o EIA.

-Que as obras comecen en setembro e non na primavera.

-Que se limite a velocidade de circulación.