Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 19 de outubro de 1999 Páx. 12.422

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente 403/1998).

Vista a solicitude para a autorización administrativa, recoñecemento de utilidade pública, coa relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados pola expropiación, así como para a aprobación do proxecto de execución que se cita:

Antecedentes do feito.

Solicitante: Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.

Domicilio social: Avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: L.M.T. a Campo Brick, S.L., tramo II, (Mesía e Cesuras).

Liña eléctrica aérea a 15/20 kV cunha lonxitude de 3.997 km con orixe na L.M.T. Campo Brick, S.L. (expediente 190/1998), e final no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio nº 27 . Liña de media tensión subterránea a 15 kV cunha lonxitude de 0,143 km con orixe no apoio nº 27 da L.M.T. proxectada e final na subestación de Cesuras, nos termos municipais de Mesía e Cesuras.

A petición someteuse a información pública, coa relación de propietarios, bens e dereitos afectados, e publicouse no DOG do 17-2-1999 e no BOP do 2-2-1999, no xornal El Correo Gallego do día 27-1-1999 e nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Mesía e Cesurás ó mesmo tempo, notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período no que se someteu a información pública os interesados formularon as alegacións que estimaron procedentes en defensa dos seus dereitos.

O expediente púxose de manifesto para tódolos interesados antes de dictarse a presente resolución, cumpríndose así co disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No dito trámite os interesados tamén fixeron as alegacións que estimaron pertinentes.

Esta delegación provincial comprobou que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non incorre en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 57.A da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE do 28), e no artigo 25 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro (BOE do 24).

Fundamentos de dereito.

Vista a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, os decretos 2617/1966, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, e cumpridos os trámites regulamentarios establecidos, esta delegación provincial é a competente para resolver este expediente.

O proxecto cumpre co disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión, y, en concreto, os seus artigos 5 e 6.

Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto ás alegacións referidas a que o anuncio está redactado de forma confusa, só cabe indicar que a súa publicación se realizou de acordo co establecido nos artigos 10 e 16 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, e co artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro.

De ningún modo pode deducirse que os posibles afectados estean indefensos e que vexan limitados os seus dereitos a opoñerse a todo o que o proxecto de instalación leva consigo, dado que a incorporación das súas propias alegacións ó expediente demostran o contrario, quedando aberta, no caso de que non estean conformes co contido desta resolución, a vía do recurso de alzada; ata este momento tódalas actuacións administrativas teñen que considerarse como actos de puro trámite nos que non se da ningunha das circunstancias previstas no artigo 107 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo que non poden ser obxecto de recurso.

2. No relativo a que se oculta o verdadeiro fin da liña, cabe indicar que na información pública se incluíu o texto abreviado habitual que se utiliza en tódalas peticións de instalacións eléctricas das empresas distribuidoras. Por último, reiterar que os interesados no expediente tiveron este á súa disposición durante o período de información pública e no trámite de toma de vista, podendo consulta-lo contido completo da solicitude presentada pola empresa distribuidora na que figura de forma pormenorizada os detalles do proxecto.

3. Con respecto ás alegacións de que debe de considerarse como unha liña directa, é preciso sinalar que este proxecto, se refire a unha liña eléctrica incluída na rede de distribución para o caso dos productores de enerxía eléctrica en réxime especial,

de transferencia ó sistema eléctrico, a través dunha compañía distribuidora de electricidade, a súa producción ou excedentes de enerxía eléctrica, segundo se recolle nos artigos 30 da Lei 54/1997 e artigo 18 do R.D. 2818/1998. O punto de conexión das instalacións que entreguen enerxía á rede xeral establecerase de acordo có titular e a empresa eléctrica, estando, neste caso, sito na factoría Campo Brick, S.L., o que reafirma a consideración de instalación como incluída na rede de distribución.

4. Sobre a posibilidade de atender ó servicio solicitado por Campo Brick, S.L. a través doutras liñas existentes na zona onde se sitúa a factoría, indicar que iso non é posible porque a arquitectura de rede da distribución existente na zona non ten capacidade suficiente para absorbe-los excedentes de enerxía producidos pola planta de coxeración en condicións regulamentarias; por iso é necesario construír unha liña ata a subestación transformadora máis próxima, neste caso a subestación de Cesuras. Outras opcións como a posibilidade de interconectarse ó sistema eléctrico a través da liña de 220 kV, que tamén se cita, non poden terse en conta, xa que a solución obriga á construcción dunha liña a unha subestación de 20/220 kV, o custo da cal faría prohibitivo o servicio solicitado.

5. Con respecto á autorización preceptiva dos concellos de Mesía e Cesuras, cabe sinalar que a autorización desta delegación e independente das autorizacións que deban outorgar outros organismos afectados.

6. No relativo ó estudio sobre impacto ambiental é de significar que o proxecto da liña eléctrica que nos ocupa non está sometido a avaliación de impacto ambiental dado que a disposición adicional duodécima da Lei do sector eléctrico, que ampliou a lista de obras, instalacións e actividades sometidas a avaliación do impacto ambiental, inclúe entre estas a construcción de liñas aéreas de enerxía eléctrica cunha tensión superior a 220 kV e unha lonxitude superior a 15 km, requisitos que non se dan nesta liña.

7. Con respecto ás alegacións relativas ós prexuízos económicos, non se valoran por non se-lo prezo xusto obxecto desta fase do expediente.

8. Así mesmo comprobouse por este organismo que as alegacións efectuadas polos interesados en canto á modificación do trazado da liña eléctrica non poden ser tidas en conta por non darse as condicións previstas no artigo 57.B. da citada lei e o artigo 26 do mencionado decreto.

No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta delegación provincial, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación da liña eléctrica aérea a 15/20 kV cunha lonxitude de 3.997 km,

con orixe na L.M.T. Campo Brick, S.L. (expediente 190/1998), e final no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio nº 27. Liña de media tensión subterránea a 15 kV cunha lonxitude de 0,143 km, con orixe no apoio nº 27 da L.M.T. proxectada e final na subestación de Cesuras, nos termos municipais de Mesía e Cesuras.

Segundo.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro.-Aproba-lo proxecto de execución das instalacións eléctricas que se citan.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente no seu dereito.

A Coruña, 30 de setembro de 1999.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña