Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 18 de outubro de 1999 Páx. 12.350

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexitro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Onyx-Regasa, S.A., para o seu centro de traballo no concello de Ribeira (código 1503291).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Onyx-Regasa, S.A., para o seu centro de traballo no concello de Ribeira (código 1503291), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-8-1999, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, poilo delegado de persoal o día 14-7-1999 de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivo de traballo existentes

nesta delegación provincial, e notificación ás representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de agosto de 1999.

P.S. (Decreto 227/1998 do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Onyx-Regasa, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación para tódolos traballadores/as da empresa limpezas Onix-Regasa, S.A., que presten os seus servicios no centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos do concello de Ribeira.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórrogas.

O presente convenio entrará en vigor, independentemente da data da súa sinatura o 1 de xaneiro de 1999. A súa duración será de 2 anos, ate o 31 de decembro do 2000 a denuncia será de carácter automático.

As partes comprométense, tres meses antes do seu remate, a incia-las negociacións dun novo convenio.

Este convenio considérase automaticamente prorrogado durante o tempo que medie entre a data de expiración e a de aprobación do novo convenio ou norma que o substitúa.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Do non establecido no presente convenio aplicarase o disposto no convenio sobre o sector (convenio xeral do sector de limpeza pública, viaria, regas, recollida, tratamento e eliminación de residuos e limpeza e conservación da rede de sumidoiros).

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sea a súa natureza e orixe.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de aplicación xeral, só poderán afecta-las condicións pactadas no presente convenio, cando, consideradas as novas retribucións en cómputo anual, superen as aquí pactadas.

En caso contrario, serán absorbidas e compensadas por estas últimas, subsistindo o presente convenio

nos seus propios termos e sen modificación ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Comisión mixta de garantías.

Estará formada por un representante da parte económica e un representante da parte social, que será delegado de persoal. Ámbalas partes poderán contar con asesores e xuntaranse por instancia de calquera delas, cantas veces sexa preciso, debendo celebrarse a reunión dentro dos seguintes cinco días hábiles á convocatoria.

As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica da totalidade das cláusulas deste convenio.

2. Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio, que pudesen afecta-lo seu contido.

3. Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria antes de presenta-la reclamación pertinente ante o organismo competente.

A dita comisión deberá emiti-la súa resolución nun prazo máximo de cinco días hábiles, a partir do día en que foi solicitado.

As funcións e actividades da comisión mixta de garantías non obstruirán, en ningún caso, o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa previstas na lei.

Organización do traballo

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da empresa.

A empresa facilitará o exercicio do traballo de maneira que o persoal non sufra atrasos no desenvolvemento do seu cometido debido a persoas ou feitos alleos á dita empresa.

Cada traballador/a realizará o traballo propio da súa categoría. Se por necesidade do servicio un traballador/a viñera desempeñando funcións de categoría superior, cobrará, desde o primeiro día, o salario desa mesma categoría.

Artigo 8º.-Promoción.

No caso de existir prazas de superior categoría terán preferencia, para acceder a elas, o persoal acti

vo da empresa do centro de traballo, polo que se promocionará as ditas categorías ó persoal que demostre a súa aptitude, logo de supera-las probas selectivas, coas bases e requisitos necesarios que marcará a empresa, para o que esta se compromete a da-las facilidades para que o traballador poida acada-la formación precisa ós traballadores/as que pretendan acceder ás ditas prazas e que reúnan os requisitos adecuados.

No caso de que as prazas quedarán vacantes, a empresa podería solicita-los distintos profesionais das oficinas de emprego.

Artigo 9º.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais para este convenio, só no relativo ás condicións económicas, son as que figuran na táboa salarial do anexo I do convenio.

Artigo 10º.-Contratación.

A contratación de novos traballadores farase sempre por medio do Inem, en oferta pública, renunciando a outro tipo de contratacións, especialmente daquelas empresas que practiquen a cesión temporal (ETT).

Condicións de traballo

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada será de 38 horas semanais, o que supón unha xornada diaria de 6 horas de luns a sábado, con 2 horas máis este día (sábado) pola tarde para a limpeza do mercado, e incluíndo 20 minutos para o bocadillo, como tempo efectivo de traballo.

Os traballos que se teñan que realizar en domingos e festivos retribuiranse con 7.000 ptas. por festivo traballado ou serán compensados cun dúa de descanso.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas conforme a táboa salarial que se xunta como anexo I.

O persoal que se incorpore á empresa ó longo do ano desfrutará da parte proporcional das vacacións que lle correspondan. Se a dita contratación fose despois do 30 de setembro, desfrutará da parte proporcional dentro do mesmo ano nunha data que se acordará coa empresa.

As vacacións desfrutaranse ó longo de todo o ano, agás nos meses de xuño e agosto, de acordo co calendario exposto nos taboleiros da empresa, de acordo entre os traballadores e esta, de xeito que non existan discriminacións, e se non hai acordo, estas sexan rotativas entre os traballadores/as.

Artigo 13º.-Permisos e licencias.

O persoal terá dereito ó desfrute de permisos e licencias retribuídas nos seguintes supostos:

a) 15 días hábiles en caso de contraer matrimonio.

b) Tres días en caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao. Se o feito se produce fóra da localidade de residencia, o permiso será de 5 días.

c) 3 días en caso de falecemento de calquera familiar en primeiro grao, e 2 días se o é de segundo grao; se o feito ocorre fóra da localidade o permiso será de 2 días máis.

d) 3 días en caso de nacemento de fillos/as. Se o feito ocorre fóra da localidade de residencia, o permiso será de 5 días.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

f) 1 día por matrimonio de fillos/as e 2 se é fora da localidade.

g) O desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudios para a obtención dalgún título, tanto académico coma profesional. Deberá ser acreditada sempre a concorrencia ós ditos exames.

h) O tempo necesario para recibir asistencia médica ou sanitaria, sempre que sea por un médico especialista, debendo acreditarse documentalmente.

i) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

j) Polo tempo necesario para a renovación do carnet de conducir, aqueles traballadores que teñan a categoría de conductor.

k) Catro días laborables ó ano sen xustificar, que se desfrutarán antes do 31 de decembro de cada ano, logo de petición con 48 horas de antelación. A empresa reserva para si o dereito de non concede-las ditas licencias cando as solicitudes coincidentes nunha mesma data supoñan una grave deterioración no servicio. Estes días non terán carácter acumulativo dun ano a outro, nin poderán ser remunerados en caso de renunciar ó seu desfrute. Neste punto considéranse laborables aqueles festivos que por seren consecutivos sea necesario realiza-lo servicio de recollida.

As licencias e permisos serán retribuídos a salario real, como se se estivera traballando.

As licencias e permisos empezarán a contar na data en que se produza o feito que os motiva, ou no día seguinte se o traballador xa rematase a quenda de traballo. Cando se fala de días enténdense días naturais.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal.

No caso de baixa por incapacidade temporal derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, contraída como consecuencia da prestación de traballo neste centro, a empresa complementará ata o 100% do salario real, mentres dure a situación de IT. En caso de enfermidade común a empresa complementará o 100% do salario durante os primeiros 3 meses de IT, agás o complemento de nocturnidade, e transporte. En caso de maternidade ou hospitalización tamén terá dereito á dita prestación.

Artigo 15º.-Aviso previo de cesamento.

Aplicarase o que dispoñe a lexislación vixente nesta materia en cada momento.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitará cada ano as seguintes pezas:

-Conductores: 2 fundas ó ano, 1 anorak, 1 par de botas de seguridade, guantes anticorte, botíns de seguridade, un traxe de auga, e unhas botas de auga.

-Peóns: un traxe de inverno (cazadora, 2 pantalóns, 2 camisas, 1 xersei).

Un traxe de verán (cazadora, 2 pantalóns, 2 camisas.

1 anorak, 1 par de botas de seguridade, 1 par de botas de auga, 1 traxe de auga, guantes anticorte, 1 par de botíns de seguridade.

A roupa entregarase do 1 ó 15 de maio, e a roupa precisa para o inverno do 15 ó 30 de setembro.

Condicións sociais

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

En caso de accidente laboral ou enfermidade profesional como consecuencia da actividade desenvolvida para a empresa, da que se derive morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou gran invalidez para calquera actividade laboral, o traballador/a ou os seus beneficiarios percibirán en concepto de indemnización a cantidade de 3.000.000 de pesetas, independentemente das prestacións que puideran corresponderlle por este motivo.

Artigo 18º.-Excedencias.

Terá dereito a solicita-la excedencia todo traballador/a que teña unha antigüidade mínima dun ano na empresa concedéndose esta por un período compendido entre 1 e 5 anos.

A petición de excedencia deberá facerse cun mes de antelación, com mínimo.

A incorporación ó posto de traballo deberá ser solicitada un mes antes de remata-la excedencia.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A excedencia considerarase forzosa, cando sexa debida a algunha das causas seguintes:

1. Nomeamento para cargo público, político ou sindical.

2. Enfermidade.

3. Servicio militar ou civil substitutorio.

O/A traballador/a por lactación dun fillo/a menor de 9 meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderá ser ó principio ou ó final da xornada de traballo, esta ausencia poderá prorrogarse ata que o fillo/a cumpra nove meses.

Poderá solicitar excedencia todo traballador en activo que teña un cargo sindical, tanto sexa da estructura directiva da central sindical a que pertenza, como a institución galega ou estatal en calquera das súas modalidades, esta excedencia será con dereito a reserva de posto de traballo, debéndose avisar, cando menos, cunha antelación da súa reincorporación á empresa, que se fará de xeito automático, contándose o tempo de excedencia para efectos de antigüedade na empresa.

O traballador enfermo pasará á situación de excedencia forzosa cando se esgote o prazo máximo de permanencia na incapacidade temporal (IT).

A duración desta excedencia será a establecida pola lexislación da Seguridade Social para a invalidez provisional.

O traballador deberá solicita-lo reingreso, que será automático, dentro dos trinta días seguintes ó de alta por curación, en caso de non facelo así, agás causa forza maior, causará baixa na empresa.

Artigo 19º.-Servicio militar ou civil substitutorio.

Os traballadores pasarán á situación de excedencia polo tempo que dure o servicio militar ou civil substitutorio, debendo porse á disposición do seu centro de traballo, como máximo un mes despois do seu licenciamento, xa que, en caso de non facerse así, se considerará extinguida a relación laboral, agás en casos debidamente xustificados.

Artigo 20º.-Cobertura por retirada do carné de conducir.

Nos casos de retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará o conductor afectado a outro posto de traballo, conservándolle a categoría e soldo durante un período máximo de tres meses, transcorrido o dito prazo adaptaráselle tanto o soldo como a categoría e posto anterior nun prazo de 3 meses a partir da devolución do mencionado carné.

Este beneficio non terá efecto cando a dita retirada sexa por imprudencia temeraria, conducción baixo os efectos das drogas ou alcohol.

Artigo 21º.-Axuda escolar.

A empresa achegará unha axuda, anualmente, antes de remata-lo mes de outubro, para estudios oficiais de fillos de traballadores, que terá un importe de 7.000 ptas. por fillo para EXB, ou gardería; 10.000 ptas. ano por fillo en ensinanzas medias, e 25.000 ptas. ano por fillo para estudios superiores (universitarios).

Artigo 22º.-Comité de seguridade e hixiene.

Aplicarase o disposto na Lei de prevención de riscos laborais neste tema.

Artigo 23º.-Revisións médicas.

Aplicarase o disposto na Lei de prevención de riscos laborais neste punto.

Dereitos sindicais

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

Os delegados de persoal disporán dun crédito de horas sindicais mensuais retribuídas a salario real (como se estivese traballando), para o desenvolvemento das súas funcións representativas e sindicais. Estas horas poderán acumularse mensualmente. A empresa poderá pedir certificación xenérica da utilización destas horas.

As reunións para a negociación do convenio colectivo, así como as que convoque a representación empresarial, non se computarán para efectos do consumo de crédito de horas sindicais.

A empresa manterá en bo estado os taboleiros de anuncios de cada centro, e facilitaralle ó delegado o acceso ós medios de reproducción da empresa, sempre que os escritos ou documentos teñan relación coa actividade do delegado dentro da empresa.

Artigo 25º.-Cota sindical.

A empresa descontará da nómina dos traballadores/as que o soliciten por escrito a cota sindical correspondente.

Condicións salariais

Artigo 26º.-Retribucións salariais.

A estructura do salario está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.-Antigüidade.-Complemento de asiduidade.-Complemento de nocturnidade.-Complemento tóxico, penoso ou perigoso.-Complemento de transporte.-Pagas extraordinarias.

Artigo 27º.-Salario base.

É o que está recollido para cada categoría na táboa salarial que figura como anexo I deste convenio colectivo. Devengarase por día natural.

Artigo 28º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade queda establecido por bienios ó 5% sobre o salario base de cada categoría, ata un máximo dun 15% (tres bienios), e a partir deles devengaranse quinquenios dun 7%, sobre o salario base de cada categoría, respectando o tope máximo do 45%.

Este complemento devengará os mesmos días e có salario base.

Artigo 29º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte lineal de 7.782 ptas., non cotizable, para tódalas categorías, que se devengará en 11 pagas.

Artigo 30º.-Complemento de nocturnidade.

Todo o persoal afecto a este convenio que realice máis da metade da súa xornada laboral diaria entre as 22 e as 6 horas percibirá un complemento de nocturnidade por cada día efectivo de traballo, consistente nun 25% do salario base diario.

Artigo 31º.-Complemento de asiduidade.

Por cantidade e calidade do traballo e por día efectivo de traballo, cada traballador/a recibirá un complemento denominado de asiduidade, que está recollido para cada categoría no anexo I deste convenio.

Artigo 32º.-Complementos tóxicos, penosos ou perigosos.

Todo o persoal afecto ó servicio recibirá un complemento denominado de tóxicos, penosos o perigosos, que consistirá nun 20% do salario base diario, que figura no anexo I deste convenio.

Artigo 33º.-Pagas extraordinarias.

Durante o transcurso do ano percibiranse tres pagas extraordinarias que serán as seguintes:

1. Paga extraordinaria de verán, que se aboará coa mensualidade de xuño e se devengará semestralmente día a día desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño.

2. Paga de Nadal, que se aboará coa mensualidade de novembro e se devengará semestralmente e día a día, desde o 1 xullo ata o 31 de decembro.

3. Paga de beneficios, que se aboará coa mensualidade de marzo, computándose anualmente día a día, e rateándose naqueles traballadores que non cumprisen o ano na empresa.

Artigo 34º.-Horas extraordinarias.

Acórdase reducir ó mínimo as horas extraordinarias, estas só se realizarán en casos excepcionais, por necesidades perentorias do servicios, danos extraordinarios e urxentes, sendo comunicadas ós representantes dos traballadores e tendo a consideración de horas estructurais, serán aboadas de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 35º.-Anticipos.

A empresa porá a disposición dos traballadores cada ano unha cantidade de dous millóns de pesetas, á que se poderán acolle-los traballadores para necesidades urxentes e perentorias e que terán que devolver, sen ningún tipo de gasto para o traballador, nun máximo de doce mensualidades.

O persoal que así o solicite por escrito terá dereito a percibir un anticipo a conta do traballo realizado durante a mensualidade en que se solicita, por importe de ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos deberán solicitarse con 24 horas de antelación.

Esta cantidade será distribuída, despois das peticións oportunas, por unha comisión na que estará un representante da empresa e un representante dos traballadores, que será o delegado de persoal. As decisións deberán tomarse por unanimidade.

Artigo 36º.-Pagamento do salario.

O aboamento dos salarios será mensual e o pagamento realizarase mediante transferencia bancaria, para uso a empresa ordenará as ditas transferencias, como límite, antes dos 4 primeiros días do mes posterior ó que corresponda o pagamento.

Outras condicións

Artigo 37º.-Subrogación.

Ó remate, rescisión ou abandono da contrata pola concesionaria neste caso Onyx-Regasa, S.A., tódolos traballadores/as adscritos ó servicio de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do concello de Ribeira, pasarán a ser adscritos á nova empresa titular da dita contrata, respectando os dereitos e con

dicións laborais, económicas e sociais, así como as obrigas que contén este convenio colectivo.

A empresa facilitará toda a documentación e información necesaria para que poida efectuarse esta adscrición coa nova empresa contratista.

Artigo 38º.-Dereitos supletorios.

Nas materias non reguladas no presente convenio aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 39º.-Incrementos salariais.

1. Para o ano 1999.

Apróbase a táboa salarial adxunta como anexo I, que supón unha suba salarial para o ano 1999 dun 3% sobre tódolos conceptos, incluído o complemento de transporte.

Os atrasos devengados no ano 1999 pagaranse nunha soa vez, na nómina que corresponda ó mes en que se asine o convenio.

2. Para o ano 2000 a suba salarial será, para tódolos conceptos, a do persoal funcionario do Concello de Ribeira, sempre e cando esta non sexa inferior ó IPC, en caso contrario a suba será do IPC.

ANEXO I

Salario baseTPPC. Transp.C. Asiduid.C. extrasVacaciónsNocturn.Total ano

Encargado xeral193.92438.7857.78215.774193.924248.4843.649.174

Conductor día 87.88917.5787.78215.774 87.889121.2411.804.158

Conductor noite 87.88917.5787.78215.774 87.889121.24121.9722.045.852

Peón día 84.00316.8017.78215.774 84.003116.5781.736.538

Peón noite 84.00316.8017.78215.774 84.003116.57821.0011.967.546

Nº de veces ano11111111 3 111 1