Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 18 de outubro de 1999 Páx. 12.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 1999, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. (código de convenio nº 8200482) que se suscribiu coa data do 12 de xullo de 1999, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decre

to 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1999.

José María Fernández Olea

Director xeral de Relacións Laborais

Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A.

Convenio colectivo 1999

Artigo 1º.-Ámbito.

O presente convenio colectivo regulará a partir da súa entrada en vigor as relacións laborais entre a empresa Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. nos centros de traballo de Serrabal, Carballo, Ladra, Frades e A Coruña.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999, sexa cal fose a data da súa sinatura. A súa duración será dun ano a partir da súa entrada en vigor e entenderase prorrogado por períodos anuais se non é denunciado no prazo oportuno.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia do convenio, na que se propoña a súa rescisión ou revisión, deberá formulala calquera das partes cunha antelación de tres meses, como mínimo, á data da súa expiración.

Artigo 4º.-Respecto ós dereitos adquiridos.

Respectaranse as situacións persoais que, no seu conxunto, sexan máis beneficiosas cás estipuladas no presente convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Réxime e condicións de traballo

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

Para 1999, a xornada de traballo será de corenta horas semanais equivalentes, como máximo, a 1.760 horas anuais, agás o persoal da Coruña, que seguirá mantendo a xornada intensiva desde o 1 de xuño ó 30 de setembro.

Artigo 6º.-Calendario laboral.

Para 1999 considerarase festivo non recuperable dentro da xornada anual de traballo, independentemente das festas establecidas no calendario oficial, o día 4 de decembro, festividade de Santa Bárbara.

Así mesmo, consideraranse festivos non recuperables os días 11 de outubro e 7, 24 e 31 de decembro, quedando pendentes tres días para completa-la xornada máxima establecida no artigo anterior, que se desfrutará a elección e conveniencia de cada centro de traballo.

Artigo 7º.-Vacacións.

Establécense vintedous días laborables de vacacións ó ano, dos que se desfrutarán once días como mínimo, sen interrupción, podendo fraccionarse o resto.

O período do seu desfrute fixarase de común acordo entre os traballadores e a dirección da empresa, en función da actividade productiva. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes do comezo do desfrute.

Os días de vacacións serán retribuídos co soldo base, antigüidade e complemento de asistencia.

Establécese unha bolsa de vacacións para todo o persoal, consistente en trinta e sete mil cincocentas pesetas, que se fará efectiva por tercios nas pagas extras de marzo, xullo e decembro.

Artigo 8º.-Licencias retribuídas.

A tódolos traballadores que o soliciten e logo de xustificación da súa necesidade, seralles concedida licencia sen perda de retribución polos seguintes motivos:

a) Por matrimonio: quince días naturais.

b) Por matrimonio de fillos e irmáns: dous días naturais.

c) Por parto de esposa: catro días naturais.

d) Por enfermidade grave de pais, avós, fillos e cónxuxe, pais, avós e fillos políticos: tres días naturais, que poderán ampliarse ata dous máis cando o traballador necesite realizar un desprazamento para o efecto.

e) Por morte de pais, avós, fillos, netos, cónxuxe e irmáns, pais, avós, fillos e irmáns políticos: catro días naturais, que poderán ampliarse ata dous máis cando o traballador necesite efectuar un desprazamento para o efecto.

f) Por morte de primos, tíos e sobriños en primeiro grao: dous días.

g) Por traslado de domicilio habitual: dous días.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou privado.

i) Polo tempo necesario para consulta médica.

Artigo 9º.-Permisos.

Os traballadores inscritos en cursos organizados por centros oficiais recoñecidos polo Ministerio de Educación e Ciencia ou Traballo, para a obtención dun título académico a teor da Lei xeral de educación, terán dereito a permiso polo tempo necesario para concorreren a exames finais e demais probas de aptitude, avaliación ou trimestrais, sen alteración ou diminución ningunha nos seus dereitos laborais, nin das retribucións que por calquera concepto viñesen percibindo.

Artigo 10º.-Comité de seguridade e saúde.

O comité de seguridade e saúde estará composto por catro membros do comité de empresa e catro persoas designadas pola dirección da empresa.

Será función do dito comité promove-la observancia das disposicións en materia de seguridade e hixiene no traballo, así como estudiar e promove-las medidas que considere oportunas para a prevención de riscos profesionais e cantas sexan convenientes para a debida protección da vida e saúde dos traballadores.

Os membros do comité de seguridade disporán de dez horas mensuais para o exercicio das súas funcións, dentro da súa xornada laboral.

Cada ano, a empresa, por mediación do organismo competente do Ministerio de Traballo, instará o recoñecemento ambiental por áreas ou zonas de traballo, coa presencia do membro do comité elixido polos traballadores. Se no dito recoñecemento se detectasen niveis non aceptables, a empresa fixará o prazo máis breve posible para a súa eliminación e informará o comité de seguridade e saúde sobre o curso dos traballos de corrección que se efectúen.

A empresa informará o comité de seguridade e saúde dos casos que se poidan presentar de traballadores afectados por enfermidades profesionais, procedendo a investiga-las causas que os motivaron, para a súa oportuna e rápida corrección, así como a destina-lo traballador afectado a outro posto de traballo acorde coa súa categoría profesional e condición física.

Conceptos retributivos

Artigo 11º.-Salario base.

O salario base por cada categoría profesional será o indicado no anexo I e servirá de base para o cálculo dos complementos de antigüidade, nocturnidade, toxicidade, etc.

Se concluído o ano 1999 a suba do IPC fose superior ó 2%, antes de transcorrido un mes trala súa publicación oficial, efectuarase unha revisión salarial procentual igual á diferencia entre o IPC real e o mencionado 2%.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Computarase a razón do 5% para cada un dos dous primeiros trienios, pasando a continuación a computarse quinquenios a razón do 8%, calculados sobre o salario base de cada categoría.

Artigo 13º.-Complemento de posto de traballo.

Manteranse, como mínimo, os actuais complementos de postos de traballo.

Artigo 14º.-Complemento de asistencia.

O complemento de asistencia será do trinta por cento do salario base para cada categoría profesional e aboarase por cada día realmente traballado e, así mesmo, nas vacacións polos días laborables correspondentes.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade, toxicidade e perigosidade.

A tódolos traballadores con dereito a percibir calquera destes complementos satisfaráselle-lo trinta por cento do seu salario base, de acordo coas seguintes condicións:

Complemento de nocturnidade: aboarase polos traballos efectuados entre as 22 e as 6 horas.

Complemento de perigosidade e toxicidade: aboaráselles a perforistas e persoal de voadura, contabilizándolles a estes últimos media xornada de traballo por voadura. Procurarase destinar a esta tarefa sempre o mesmo persoal, para evita-lo risco de accidentes.

Este complemento non será acumulable.

Complemento de toxicidade: aboaráselle a todo o persoal que o comité de seguridade e saúde considere conveniente.

Artigo 16º.-Complemento de quendas.

Aboaránselle tres mil pesetas mensuais a todo o persoal que traballe en quenda rotatoria.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

Este complemento queda fixado para tódalas categorías profesionais en catrocentas corenta pesetas por cada día realmente traballado.

Artigo 18º.-Pagas extraordinarias.

Aboaranse tres gratificacións extraordinarias que se farán efectivas nos meses de marzo, xullo e decembro. Consistirán no aboamento de trinta días de salario base e antigüidade, se é o caso.

A do mes de marzo ratearase en proporción ó tempo traballado durante o ano anterior e as de xullo e decembro, por semestre natural.

Artigo 19º.-Complemento de baixa por accidente ou enfermidade.

A todo o persoal en activo que cause baixa por accidente, a empresa complementaralle ata o 100% da media do seu salario total durante os últimos tres meses as prestacións que por incapacidade laboral transitoria aboe a mutua de accidentes ou a Seguridade Social, cun límite máximo de dezaoito meses.

Seguirase o mesmo procedemento nos casos de baixa por enfermidade con hospitalización, cun límite máximo de seis meses.

Artigo 20º.-Premios de nupcialidade e natalidade.

O persoal percibirá a cantidade de vintecatro mil pesetas ó contraer matrimonio, en caso de encontrarse en activo e ter unha antigüidade mínima dun ano. De non alcanza-la dita antigüidade, o premio quedará reducido a doce mil pesetas.

Establécese un premio de vinte mil pesetas con motivo do nacemento de cada fillo.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

Ámbalas dúas partes acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, que se realizarán por petición da empresa cando veñan esixidas pola necesidade de mantemento, reparación de sinistros e outros danos urxentes, así como en caso de risco grave de perda ou deterioración de materias primas.

Nestes casos, de acordo co artigo 35.3º do Estatuto dos traballadores, non se terán en conta para efectos da duración máxima da xornada, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas.

As horas extraordinarias aboaranse polo mesmo valor do ano 1998, incrementadas nun 3%, cunha recarga do 100% para as realizadas en sábados a partir das 14 horas, domingos e festivos.

Artigo 22º.-Premio de vinculación.

Establécese un premio de vinculación á empresa en función dos anos de servicios prestados, de acordo coa seguinte escala:

Escala 1. Ós vintetrés anos de servicio continuado: unha mensualidade de salario real.

Escala 2. Ós trinta e cinco anos de servicio continuado: dúas mensualidades e media de salario real.

En caso de xubilación cobrarán este premio aqueles traballadores que, no momento de xubilarse, teñan vinte anos ou máis de servicio, para a primeira escala, e trinta anos ou máis para o segundo, se non o cobrasen.

Artigo 23º.-Premio de xubilación.

Ó se xubilar, o traballador percibirá unha cantidade resultante de computar dez mil pesetas por ano de servicio activo e continuado na empresa, suxeita á condición de que a dita xubilación se realice ó cumpri-los sesenta e cinco anos de idade, ou antes se é de mutuo acordo coa empresa.

Artigo 24º.-Lote de Nadal.

Establécese unha gratificación da empresa por este concepto e para cada traballador en activo. Esta gratificación será sempre en especie e para cada traballador en activo na data da entrega.

Artigo 25º.-Auxilio por defunción.

En caso de falecemento dun traballador por accidente de traballo, os seus dereito habentes percibirán a cantidade de dous millóns de pesetas, cantidade que se elevará a catro millóns de pesetas se o traballador quedase con incapacidade permanente total.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

Independentemente da roupa de protección prevista na ordenanza xeral de seguridade e hixiene no traballo ou aquela que o comité de seguridade e hixiene crea necesaria, a empresa facilitaralle inicialmente ó persoal de planta dúas fundas ou traxes de traballo (chaqueta, camisa e pantalón), un dos cales será renovado cada seis meses, e ó persoal de mantemento, catro fundas ou traxes, que serán necesariamente de algodón e renovables cada tres meses.

A empresa facilitará igualmente elementos de aseo persoal en cantidade suficiente a xuízo do comité de seguridade e hixiene.

Artigo 27º.-Gastos de desprazamento.

O persoal que deba efectuar un desprazamento por conta da empresa percibirá dela os gastos de locomoción, aloxamento e manutención e a empresa deberá efectuar un anticipo para tales gastos e xutificalos posteriormente, no caso de que así o solicitase o traballador.

Se o traballador utilizase o seu propio vehículo aboaráselle a quilometraxe a razón de 34 pesetas/km.

Artigo 28º.-Cobro do salario.

Os traballadores que perciban as súas retribucións por talón ou transferencia bancaria, ós que o seu horario e/ou proximidade entre o centro de traballo e a entidade bancaria pola que se efectúa o pagamento non lles permita percibi-los seus salarios fóra da xornada laboral, disporán de media hora, que será fixada entre os tres primeiros días en que a transferencia estea á disposición do traballador, logo de solicitude ó seu xefe de departamento.

Artigo 29º.-Asembleas e información.

Os traballadores terán dereito a convocar por parte do comité de empresa, ou polo menos un 25% do cadro de persoal, cantas asembleas crean convenientes, que se realizarán dentro dos respectivos centros de traballo.

Estas asembleas estarán presididas polo comité de empresa, de forma colexiada e a elas poderán asistir unicamente os integrantes do cadro de persoal da empresa.

Estas asembleas poderán celebrarse dentro das horas de traballo cun máximo de 6 horas anuais.

Os membros do comité de empresa poderán, con cargo ó seu crédito de horas mensuais retribuídas, dar información ou atender calquera consulta de temas laborais.

O persoal que deba consultar cos seus representantes disporá en horas de traballo e sen mingua ningunha das súas percepcións dun tempo prudencial para realiza-la consulta, notificándolle con antelación ó seu mando inmediato a ausencia momentánea do seu posto de traballo.

Artigo 30º.-Traballo da muller.

O persoal feminino terá dereito en caso de parto a un período de descanso laboral de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables, por parto múltiple, a dezaoito semanas.

O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que as seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade. Este permiso pode ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai, no caso de que ambos traballen.

No non disposto neste artigo aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 31º.-Xubilación.

A empresa e os representantes dos traballadores acordan que:

1. Aqueles empregados que cumpran os requisitos de cotización establecidos pola lexislación vixente

para teren dereito á pensión de xubilación, xubilaranse obrigatoriamente á idade teórica de 65 anos.

Enténdese por idade teórica aquela que resulte de sumarlle á súa idade real os períodos correspondentes da aplicación dos coeficientes reductores, previstos para a minería ou outros réximes especiais a que teñan dereito.

2. Aqueles traballadores que, no momento da entrada en vigor deste convenio, cumpran as condicións que se citan nos parágrafos anteriores, causarán baixa por xubilación.

3. Este artigo será de aplicación á totalidade do persoal da empresa.

Artigo 32º.-Comisión mixta.

Estará composta por dous representantes do comité de empresa e dous representantes da empresa, que se designarán no seu momento.

As súas funcións serán as de velar polo cumprimento das estipulacións contidas neste convenio e aclarar cantas dúbidas poidan xurdir ó respecto.

Artigo 33º

Todo o que non estea reflectido no presente convenio rexerase pola lexislación establecida no Estatuto da minería. Lei orgánica de liberdade sindical e demais disposicións vixentes no sector.

Táboa salarial

Categoría

Soldo/día

Soldo base

Complmto.

Asist./día

Titulado superior5.356160.6801.607

Titulado medio4.019120.5701.206

Encargado3.641109.2301.092

Topógrafo3.598107.9401.079

Analista3.598107.9401.079

Delineante 2ª3.488104.6401.046

Analista 2ª3.488104.6401.046

Administrativos

Xefe 1ª Admón.3.673110.1901.102

Xefe 2ª Admón.3.598107.9401.079

Oficial 1ª Admón.3.488104.6401.046

Oficial 2ª Admón.3.445103.3501.034

Auxiliar Admvo.3.11093.300933

Garda xurado2.98289.460895

Listeiro2.98289.460895

Operarios

Maquinista canteira3.33299.9601.000

Artilleiro barrenista3.17895.340953

Oficial 1ª3.22896.840968

Maquinista3.22896.840968

Oficial 2ª3.11593.450935

Especialista2.68380.490805