Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 07 de outubro de 1999 Páx. 12.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de setembro de 1999 pola que se establecen os modelos a que deberán adaptarse as memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

Polo Decreto 316/1990, do 8 de xuño (DOG do 19), modificado polo Decreto 15/1998, do 15 de xaneiro (DOG do 20), regúlanse as publicacións da Xunta de Galicia, e por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 5 de maio de 1997 (DOG do 21), regúlanse determinados aspectos das devanditas publicacións.

Con esta orde preténdese completa-la regulación das publicacións institucionais, abordando as características que deben presenta-las memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, entes e mailas empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º

As memorias que editen os organismos que se expresan no artigo 2 adaptarán as súas características formais ó modelo que se establece no anexo I desta orde. En canto ás cores poderá adoptarse calquera das establecidas no anexo II desta orde.

Ademais das características que expresamente se definen nos anexos, cando as memorias se destinen á venda ó público deberán incluí-lo número de ISBN, co correspondente código de barras.

Artigo 2º

Deberán adaptarse ó devandito modelo tódalas memorias que editen:

-A Administración autónoma e os organismos autónomos dependentes dela.

-As entidades de dereito público vinculadas á Administración da Comunidade Autónoma.

-As fundacións constituídas maioritariamente ou na súa totalidade por achegas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polos seus organismos autónomos ou entidades de dereito público vinculadas ou dependentes ou cuns ingresos que proveñan maioritariamente de subvencións con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma, sempre

que neste último caso a Comunidade Autónoma forme parte dos seus órganos de goberno ou dirección.

-As sociedades mercantís no capital das cales exista participación maioritaria, directa ou indirecta, da Administración da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das demais entidades de dereito público.

Artigo 3º

As memorias que se vaian editar sometaranse ó mesmo procedemento de aprobación có resto das publicacións da Xunta de Galicia.

Calquera modificación que se pretenda introducir no modelo que se establece, por mor de adaptalo a unha determinada estructura, deberá ser aprobada en cada caso concreto pola Comisión Permanente de Publicacións.

Artigo 4º

Os respectivos órganos interventores velarán polo cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública