Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 01 de outubro de 1999 Páx. 11.832

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 1999 pola que se convoca un curso sobre documentoscopia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre documentoscopia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos o coñecemento de diferentes técnicas que lle permitan distinguir documentos falsos e outras actividades que lle sirvan para o seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de novembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito suporá a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes

temas: 1. Falsificacións. 2. Análise de documentos. 3. Análise caligráfica, etc.

Datas.

O curso terá lugar do 29 de novembro ó 3 de decembro.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 15 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de setembro de 1999.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade