Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 01 de outubro de 1999 Páx. 11.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 1999 pola que se convoca un curso sobre o control parlamentario do Goberno e a Administración.

En execución do Plan de Formación da EGAP para 1999 e conforme as funcións atribuídas pola

Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase o curso referido no anexo I a esta resolución, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da ins

tancia e certificación que, como modelos oficiais, se recollen nos anexos II e III desta resolución, respectivamente.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso neste ano.

3. O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As solicitudes, dirixidas ó director da EGAP, presentaranse no rexistro xeral da escola, sita na rúa de Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos no aludido anexo I.

Terceira.-Selección.

1. Os criterios selectivos que se van utilizar serán os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27 de xuño de 1994 (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto).

2. A relación de seleccionados para participar no curso previsto publicarase nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública e do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Cuarta.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselle-lo correspondente certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso, sen prexuízo de que, se é o caso, a Escola Galega de Administración Pública poida fixa-la realización daquelas probas ou controis que considere oportunos para os efectos de avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos, ou ben poida requiri-la realización dun traballo final de prácticas.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

3. Para coñecemento e constancia no seu expediente, os participantes no curso deberán facilitarlles copia das certificacións recibidas ós servicios de persoal do centro directivo ó que estean adscritos.

Quinta.-Modificacións.

1. A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailos contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito de suspende-la realización do curso utilizando para o efecto os medios de notificación ós interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

O control parlamentario do Goberno e a Administración.

1. Obxectivos.

O estudio dos procedementos seguidos nas relacións de confianza e control político entre a Cámara galega e o Executivo.

2. Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A e B e persoal laboral dos grupos I e II da Xunta de Galicia, que no desempeño do seu posto de traballo realicen funcións relacionadas co obxectivo do curso, reservándose 5 prazas para o persoal da universidade, do Parlamento, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.

3. Desenvolvemento:

3.1. Duración: 25 horas.

3.2. Lugar: EGAP.

3.3. Datas: 2, 3, 4, 8, 9, 10, 11 e 15 de novembro.

3.4. Horarios: das 17 a 20 horas.

3.5. Prazas: 25.

4. Contido:

4.1. As distintas facetas do control parlamentario.

4.2. Os procedementos xurídicos de control e a súa fiscalización polo Tribunal Constitucional.

4.3. A Administración galega e o control polo lexislativo: instrumentos para a súa efectividade.