Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 30 de setembro de 1999 Páx. 11.774

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de setembro de 1999 pola que se convocan axudas para a conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas extensivos de pastoreo.

A política agraria común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e o ocio como instrumentos da política ambiental.

En particular, o Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño, (en vigor ata o 31 de decembro do presente ano, data a partir da cal se aplicarán as disposicións do Regulamento 1257/1991, do Consello, do 17 de maio) promove métodos de producción agrícola propicios para o desenvolvemento dunha agricultura compatible coas esixencias ambientais e de conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas, cofinanciadas polo FEOGA-Garantía, para compensa-las perdas de renda orixinadas pola reducción da producción ou o aumento de custos que supoñen os ditos métodos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1, 2 e 3, regula a aplicación por parte dos Estados

membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona e, no punto 4, autoriza que estes establezan un marco regulamentario xeral que dispoña a aplicación horizontal na totalidade do seu territorio dunha ou varias das axudas previstas.

De acordo co anterior, o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro, estableceu un réxime de medidas horizontais para fomentar métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte, a decisión da Comisión C(95) 18, do 19 de xaneiro, aproba o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se atopan medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia e con participación do FEOGA-Garantía nos gastos financiables.

Neste marco, o sector agrario de Galicia debe combina-la súa adaptación a sistemas productivos máis eficientes co mantemento dunha cultura agraria propia. En Galicia hai grandes superficies de pastos de uso comunal que, tradicionalmente, con pastoreo e con cortas de matagueira, manteñen o uso gandeiro do monte, uso que cómpre conservar, racionalizando o pastoreo coa utilización de cercas e controlando os rebrotes de pasto e rebrotes de matagueira por medios mecánicos, mantendo unha carga gandeira

equilibrada e evitando os incendios e a erosión do solo.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a este a execución en Galicia das actuacións derivadas da aplicación da reforma da política agraria común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as agroambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga.

En consecuencia, ó abeiro do disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde a regulación dos requisitos e o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento das axudas para a conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas extensivos de pastoreo, no marco do fomento das prácticas agrícolas compatibles co ambiente, ó abeiro do disposto no artigo 3 do Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño de 1992, que continuará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.

Artigo 2º.-Finalidade.

Co desenvolvemento deste programa preténdese alcanza-los seguintes obxectivos:

1. Mante-los pastos de montaña de uso comunal que tradicionalmente foron pastoreados polo gando vacún, ovino ou cabalar, co fin de controla-la vexetación arbustiva.

2. Contribuír ó equilibrio ecolóxico da flora e da fauna autóctonas e ó emprego de razas autóctonas adecuadas a este sistema de pastoreo.

3. Revaloriza-la paisaxe do contorno destas zonas e permiti-lo sostemento dunha poboación rural en constante regresión.

4. Previ-los incendios e a erosión producida pola desaparición da cuberta vexetal en zonas de ladeira.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O programa aplicarase nos montes veciñais en man común situados nas zonas de montaña da Comunidade Autónoma, definidas segundo o establecido no punto 3º do artigo 3 da Directiva CEE 75/268, e municipios limítrofes.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as comunidades de montes veciñais en man común regu

lamentariamente constituídas, que cumpran os requisitos establecidos a continuación:

1. Dispoñer dunha superficie de pastos de uso comunal, cercada perimetralmente na súa totalidade e que poderá comprender:

a) Superficie de pasto cun aproveitamento adicional para sega e conservación de alimentos para inverno, cercada totalmente.

b) Superficie de pasto cun control por sega mecánica dos rebrotes da matagueira.

c) Superficie cun control da vexetación unicamente mediante pastoreo.

Non se poderá incluír no programa a superficie de monte con matagueira no que esta cubra máis do 70% da superficie do terreo.

A superficie incluída nas letras a) e c) non poderá supera-lo 50% e o 80%, respectivamente, da superficie total de pastos incluída no programa.

2. Realizar un programa de conservación, manexo, aproveitamento e pastoreo para cada tipo de superficie das incluídas no número 1, por un período mínimo de 5 anos e que comprenda:

a) Superficie para alimentos conservados.

-Número de hectáreas e localización.

-Datas de fertilización con 70 unidades PO e 50 de KO.

-Período do pastoreo de primavera e identificación individual do gando utilizado.

-Datas de colleita dos conservados.

-Período de pastoreo de outono e identificación do gando.

-Data de realización e remate do mantemento das cercas.

b) Superficie para control por sega mecánica.

-Número de hectáreas e localización.

-Datas de fertilización con 60 unidades PO e 50 de KO.

-Períodos de pastoreo e identificación individual do gando utilizado.

-Datas do control de restos e matagueira por medios mecánicos.

-Data de realización e remate do mantemento das cercas.

c) Superficie para control por pastoreo.

-Número de hectáreas e localización.

-Períodos de pastoreo e identificación individual do gando utilizado.

-Data de realización e remate do mantemento das cercas.

Este plan de aproveitamento deberá ser aprobado polo Ilgga.

3. Manter unha carga gandeira maior de 0,3 UGM/Ha e menor de 1,5 UGM/Ha.

4. Subscribir un contrato co Ilgga para a realización do programa.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

Establécense as seguintes axudas aplicables durante o ano 1999, por un período de cinco anos, para a execución dos plans de manexo ou aproveitamento dos montes veciñais en man común:

Superficies para alimentos conservados: 15.000 ptas./ha.

Superficies con control por sega mecánica: 10.000 ptas./ha.

Superficies con control por pastoreo: 3.000 ptas./ha.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación complementaria.

6.1. As solicitudes de axuda, no modelo oficial que figura como anexo I á presente orde, poderán presentarse, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Ilgga, ademais de nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte ó da publicación da presente orde.

6.2. Coas solicitudes de axuda deberá xuntarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia do CIF do solicitante.

2. Fotocopia do DNI do representante e documento acreditativo da representación que ostenta.

3. Relación de parcelas, coas súas referencias catastrais, dedicadas a cada un dos tipos de aproveitamento indicados no artigo 4º punto 1 desta orde, segundo modelo do anexo II e plano da súa situación e das cercas perimetrais e exteriores. Esta documentación, en casos excepcionais, poderá substituírse pola existente no expediente de declaración de monte veciñal en man común ou outra documentación existente na delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria na que figuren planos coa situación e superficies dedicadas a cada tipo de aproveitamento.

4. Plan de conservación, manexo, aproveitamento e pastoreo segundo modelos dos anexos III e IV.

5. Fotocopias das follas de saneamento das explotacións, sinalando as cabezas que aproveitarán os pastos.

6. Certificación da entidade financeira na que se indique un número de conta, coa especificación do código conta cliente, aberta a nome do solicitante para o ingreso da axuda.

Artigo 7º.-Tramitación e control administrativo.

As delegacións provinciais do Ilgga efectuarán a recepción e rexistro das solicitudes, a comprobación e verificación de que a documentación presentada está completa, solicitando, se procede, a documen

tación complementaria necesaria, co fin de emitir informe sobre a adecuación dos feitos que serven de base para a determinación da cantidade que deberá ser aboada ós beneficiarios, conforme coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven. Así mesmo, efectuarán o tratamento informático e elaborarán a proposta correspondente para a súa aprobación polo director do Ilgga.

Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos para a realización do programa entre o Ilgga e os solicitantes da axuda.

Artigo 8º.-Control e seguimento do programa.

1. O control da aplicación do programa será efectuado polos técnicos dos servicios provinciais do Ilgga que realizarán as comprobacións que coiden oportunas para garanti-la súa correcta execución.

2. Os beneficiarios das axudas deberán permiti-lo acceso dos técnicos ás parcelas e colaborar con eles nas medidas que se adopten para o control e o seguimento do programa.

Artigo 9º.-Xustificación e aboamento da axuda.

1. A xustificación da execución do programa será realizada, anualmente, polo interesado coa presentación, antes do 30 de outubro, nos servicios provinciais do Ilgga, da comunicación da finalización das medidas previstas no plan anual de conservación e manexo.

2. O pagamento da axuda estará supeditado á certificación polos servicios técnicos dependentes do Ilgga do cumprimento dos compromisos asumidos. A dita certificación servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

3. Se da verificación e control realizados se deducise unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase parcial ou totalmente a axuda aprobada a percibir polo solicitante.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

10.1. Aplicaranse as sancións correspondentes, de acordo co establecido no punto seguinte deste artigo, cando se dea algún dos seguintes supostos:

1. Que exista discrepancia entre a superficie declarada e comprobada.

2. Cando se observe incumprimento dos compromisos técnicos e ambientais.

3. A non presentación da solicitude anual de renovación dos compromisos plurianuais.

10.2. Ante falsa declaración, ben deliberada ben por neglixencia grave, rescindirase o contrato, e o beneficiario non poderá reincorporarse ó programa ata que transcorran dous anos.

En todo caso será de aplicación o disposto no Regulamento CE 746/1996, en relación co establecido

nos regulamentos CEE 3887/1992, CEE 3508/1992 e CEE 1648/1995, relativos ó sistema integrado de xestión e control.

Artigo 11º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As subvencións reguladas na presente orde serán compatibles coas relativas á conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión en viñedos da Ribeira Sacra, protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos e para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

Así mesmo, serán acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño de 1992.

Artigo 12º.-Agricultor a título principal.

1. Cando a maioría dos comuneiros da comunidade de montes veciñais en man común sexan agricultores a título principal (ATP), de acordo coa definición do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, as contías establecidas incrementaranse nun 20%, tendo en conta o establecido no artigo anterior.

2. A xustificación da condición de ATP realizarase, como norma xeral, mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa rematase o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales polo mesmo durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos, imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

a) As de actividade agraria da explotación.

b) As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas por traballos desenvolvidos fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente estea obrigado a declarar.

c) O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

Deberase xuntar á citada xustificación un informe de vida laboral emitido pola Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 13º.-Financiamento das actuacións.

1. As accións previstas na presente orde financiaranse de acordo coa addenda ó convenio de colaboración establecido entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía no seu financiamento.

3. No exercicio 1999, as axudas concedidas por primeira vez con cargo á presente orde, financiaranse

con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.712 A.773.0 «Apoio á eficacia dos sistemas productivos» do orzamento de gastos do Ilgga para o dito exercicio, no que existe crédito adecuado para esta finalidade por un importe de 10 millóns de pesetas.

Artigo 14º.-Solicitantes de anos anteriores.

Os que xa foran beneficiarios destas axudas no ano anterior, cando non variasen as parcelas, nin outros medios nin métodos de producción no ano actual, poderán presenta-la solicitude correspondente sen incluí-los anexos II e III utilizando o anexo V.

Disposición transitoria

Tendo en conta que o Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, nº 30 de xullo estará en vigor ata o 31 de decembro de 1999, os novos contratos asinaranse para este ano e incluirán o compromiso do beneficiario de integrarse e adaptarse ós novos plans que emanen do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio de 1999.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando nun mesmo ámbito territorial coincidan accións relacionadas coa aplicación desta orde con outras consecuencia da aplicación do Regulamento 2080/1992, sobre forestación de terras agrarias, ou do Real decreto 378/1993, do 12 de marzo, polo que se establece un réxime de axudas para fomentar investimentos forestais en explotacións agrarias e accións de desenvolvemento e aproveitamento dos bosques en zonas rurais, coordinaranse as actuacións precisas para a aplicación de ámbolos regulamentos.

Segunda.-Ó procedemento para a concesión da subvencion regulada na presente orde seralle de aplicación o sistema de recursos establecidos no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar, por resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde cando se deban a modificacións habidas na normativa, estatal ou comunitaria, reguladora da presente axuda.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria