Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 30 de setembro de 1999 Páx. 11.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Coruñesa Motor, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Coruñesa Motor, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-8-1999, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 25-6-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 11 de agosto de 1999.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo para a empresa

Coruñeza Motor, S.A. (Cormosa)

Domicilio en Iñás-Oleiros (A Coruña)

En Iñás-Oleiros (A Coruña), o vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove, reunidos dunha parte, en representación da empresa, Juan Luis Pita Toledo; doutra parte, en representación dos traballadores, José Luis Mosquera Casanova, expoñen que concluíron as reunións e deliberacións encamiñadas á redacción do convenio colectivo que vai regula-las relacións entre empresa e traballadores durante os anos mil novecentos noventa e nove e dous mil, que subscriben o presente convenio colectivo, que aceptan, asinan e cumprirán.

Convenio colectivo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas do presente convenio colectivo aplicaranse á empresa Coruñesa Motor, S.A., a tódolos traballadores fixos ou eventuais dela, mesmo ós que se integren nela durante a vixencia, sen prexuízo

do disposto no artigo 7º deste convenio, que ten como ámbito territorial o do concello de Oleiros (A Coruña).

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O ámbito temporal do presente convenio será de dous anos de duración a partir do un de xaneiro de mil novecentos noventa e nove e para tódolos conceptos establecidos. Quedará automaticamente prorrogado ata a negociación dun novo convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións sinaladas neste convenio terán o carácter de mínimas e, na súa virtude, serán nulos e non producirán efecto ningún entre as partes os pactos ou cláusulas del que impliquen condicións menos favorables para o traballador, sen que o convenio poida limitar ou diminuír en ningún caso situacións máis vantaxosas obtidas polos traballadores individual ou colectivamente.

As melloras económicas e de traballo que se implaten en virtude do presente convenio, así como as voluntarias que estean establecidas ou se establezan no futuro, poderán ser absorbidas ou compensadas ata onde alcancen cos aumentos ou melloras que existan ou poidan establecerse por disposicións legais que no futuro se promulguen, as cales só terán eficacia no que superen o nivel deste convenio.

Artigo 4º.-Antigüidade.

Para o cómputo do complemento de antigüidade considerarase data inicial a de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría coa que se efectuou, conservándose a antigüidade en caso de ascenso.

Os trienios serán do cinco por cento (5%) sobre o soldo convenio, e computaranse durante a permanencia do traballador no cadro de persoal da empresa. Considerarase tempo hábil para os efectos de trienios o período de aprendizaxe, percibíndose cando se reúnan tres anos ou múltiplo de tres no servicio da empresa.

Artigo 5º.-Cesamento na empresa.

O traballador que se propoña cesar no servicio da empresa comunicarallo á dirección dela polo menos con dez días de antelación ó da data en que decidise causar baixa, facéndoo por escrito e con xustificante de recepción. O incumprimento desta obriga de aviso previo daralle dereito á empresa a descontar da liquidación finiquita que se lle practique o importe dun día de salario por cada un de atraso no aviso previo. Esta cantidade, así como as procedentes de sancións ó persoal, destinarase a un fondo social da empresa, a administración do cal lles corresponde ós delegados dos traballadores.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán, aumentadas cos incrementos que resulten deste convenio, as pagas extraordinarias de beneficios, xullo, setembro e Nadal.

Estas pagas aboaranse antes do día quince do mes no que correspondan.

Os traballadores que non leven un ano no servicio da empresa no momento en que corresponda a percepción destas pagas extraordinarias cobraranas en cantidade proporcional ó tempo traballado. Os que abandonen a empresa antes de cumpriren o ano de servicio terán tamén dereito a percibiren a parte proporcional correspondente ós meses transcorridos desde o seu ingreso nela.

Nestas pagas extraordinarias incluiranse as cantidades correspondentes a: soldo base, antigüidade, mellora voluntaria e, os traballadores que veñen recibindo mensualmente a parte proporcional da paga de beneficios, a parte proporcional que corresponda, é dicir, total fixo.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais, de luns a venres, sendo o cómputo anual de mil setecentas setenta e oito.

O horario será desde as 8.30 á 13.30 e desde as 14.30 ás 18.30 horas.

Sobre o horario de entrada concédese unha marxe de cinco minutos sesaxesimais durante os cales a chegada ó traballo non será considerada atraso senón puntual e dentro do horario.

A empresa autoriza o seu persoal a consumir un bocadillo durante as horas de traballo, sempre que non se entorpeza ou interrompa a continuidade do traballo e comprometéndose, como se comprometen, os traballadores á boa fe e boa vontade.

Os días 24 e 31 de decembro serán considerados non laborables.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta días naturais para os traballadores que leven un ano ou máis no servicio da empresa e desfrutaranse de forma ininterrompida, salvo acordo entre empresa e traballador.

O período de vacacións desfrutarase, con preferencia, durante os meses de xuño, xullo e agosto, sempre cumprindo a normativa laboral vixente. En caso de desacordo co reparto da data de vacacións efectuado no cadro xeral, haberá que aterse tamén ó disposto na lei.

Os traballadores que non completasen un ano efectivo no cadro de persoal da empresa, desfrutaranas durante un tempo proporcional ó traballado.

Respecto do salario do mes de vacacións, ós empresgados do taller, en substitución dos incentivos de producción, aboaráselles precisamente no mes de agosto, vaian de vacacións nese mes ou noutro, a cantidade de sete mil pesetas (7.000) como compensación do incentivo. Para os empregados de vendas garántese a cantidade de tre mil pesetas (13.000) como compensación do incentivo. Esta cantidade percibirana precisamente no mes de agosto, vaian de vacacións nese mes ou noutro. Non a percibirán se no mes de desfrute de vacacións superan os seus

incentivos esa cantidade polas súas vendas, ou completaránselles ata acadaren a dita cifra.

Artigo 9º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores afectados de capacidade diminuída poderán ser destinados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional adecuada á súa aptitude, respectándoselle-lo salario que tivesen acreditado antes de pasaren á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que por pactos, convenios, etc. experimente no sucesivo a categoría que tiveron no momento de se produci-lo feito determinante da diminución da súa capacidade.

Para a asignación destes postos requirirase o informe previo dos delegados dos traballadores que, formulado, non será vinculante para a empresa.

Artigo 10º.-Baixa por enfermidade.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente laboral debidamente xustificado, a empresa completará as percepcións económicas que se sinalan: total fixo, primas fixas e incentivos (estes pola media dos últimos doce meses) ata un máximo de dezaoito meses.

A empresa poderá verifica-lo estado de enfermidade ou o accidente laboral alegado polo traballador para xustifica-la súa ausencia do traballo, mediante recoñecemento por conta do persoal médico.

Artigo 11º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse pola normativa laboral vixente coas modificacións que a seguir se expoñen:

-Matrimonio do traballador: quince (15) días naturais.

-Parto da esposa: tres (3) días, polo menos dous laborables.

-Enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos: cinco (5) días naturais.

-Traslado do domicilio habitual: dous (2) días naturais.

-Falecemento de pais, neto, avós ou irmáns: tres (3) días naturais.

-Falecemento de tíos ou sobriños: dous (2) días naturais.

Cando o falecemento se producise fóra da provincia incrementase o período en dous días naturais.

A empresa poderá requiri-lo traballador para as xustificacións que correspondan e procurará atende-las perentorias necesidades do traballador, de tempo, nestes casos.

Artigo 12º.-Servicio militar.

Os traballadores da empresa que se incorporen ó servicio militar con carácter forzoso ou voluntario para anticipa-lo cumprimento dos seus deberes, e leven seis meses no cadro de persoal da empresa, tendo cargas familiares acreditadas, recibirán mensualmente o setenta e cinco por cento (75%) do salario fixo (total fixo). Estes traballadores percibirán

a parte proporcional que lles corresponda nas pagas extraordinarias referidas ó momento da súa percepción.

Os traballadores que leven un ano ou máis no cadro de persoal da empresa e carezan de cargas familiares no momento da súa incorporación a filas percibirán mensualmente o cincuenta por cento (50%) do salario fixo mensual e as catro pagas extraordinarias completas. Os que perciban rateada mensualmente a paga de beneficios percibirana tamén na proporción que corresponda.

Os traballadores sen cargas familiares acreditadas e co tempo de servicio na empresa inferior a un ano no momento da súa incorporación a filas percibirán soamente a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 13º.-Cesamento por matrimonio.

Os traballadores que cesen voluntariamente na empresa por motivo de contraeren matrimonio terán dereito a unha gratificación de tantas mensualidades do total fixo como anos de servicio prestasen na empresa, sen que poidan exceder de oito mensualidades. En caso de fracción anual computarase o exceso proporcionalmente. A empresa poderá esixi-la exhibición do certificado de matrimonio antes de aboar estas cantidades.

Artigo 14º.-Premios de nupcialidade e natalidade.

Ós traballadores da empresa concederánselle-los seguintes premios de nupcialidade e natalidade:

Ó contraeren matrimonio, quince mil pesetas (15.000).

Ó nacemento de cada fillo, quince mil pesetas (15.000).

O traballador deberá acredita-la causa destas percepcións.

Artigo 15º.-Axudas por defunción e xubilación.

Ó falecemento dun traballador da empresa, esta aboará unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción, cun máximo de once mensualidades.

A cantidade correspondente á axuda por falecemento seralle entregada pola empresa á persoa ou persoas designadas polo traballador, e no seu defecto, haberá que aterse á lexislación vixente.

Á xubilación dun traballador da empresa, esta aboaralle ó traballador unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción, cun máximo de oito mensualidades.

A xubilación será obrigatoria ós sesenta e cinco anos (65) se o traballador ten dereito ó cento por cento da súa pensión de xubilación.

Artigo 16º.-Fondo de estudios.

A empresa constituirá anualmente un fondo de estudios en contía de cento trinta mil pesetas (130.000), a fondo perdido para os traballadores e os seus fillos que cursen estudios de calquera clase, logo de relación deles presentada polos delegados

dos traballadores ou outra comisión designada para o efecto coa denominación fondo de estudios.

As idades dos fillos dos traballadores estarán comprendidas entre os os catro e os dezaoito anos, ambos inclusive, e a cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador e dos seus fillos. Esta cantidade será repartida anualmente no mes de agosto, con criterio fundamentalmente social.

Artigo 17º.-Fondo de anticipos sociais.

Mantense para os empregados da empresa a caixa de anticipos sociais, a contía da cal se establece para este ano en seiscentas cincuenta mil (650.000) pesetas anuais.

O valor de crédito solicitado non poderá exceder de trescentas mil pesetas (300.000) e será descontado da nómina do traballador nun prazo máximo de dezaoito meses. Practicarase o desconto sen xuros. O pagamento farase mediante descontos proporcionais na nómina mensual e nas correspondentes pagas extraordinarias. O desconto será acumulable en caso de liquidación finiquita por baixa no cadro de persoal.

A este anticipo terán dereito tódolos empregados da empresa, prevalecendo o criterio de maior atención ós traballadores con menos ingresos e máis cargas familiares.

Para solicitar un préstamo será indispensable ter liquidado completamente outro anterior.

A necesidade deberá xustificarse e explicarse por escrito. Os delegados dos traballadores deberán recibir e visa-las solicitudes que se formulen, que trasladarán de inmediato á dirección da empresa.

Artigo 18º.-Axudas de custo.

Os traballadores da empresa que por necesidades dela e pola súa orde efectúen viaxes ou desprazamentos a poboacións distintas ás do centro de traballo terán dereito a percibir axudas de custo consonte o seguinte cadro:

Axuda de custo completa: 4.368 ptas.

Almorzo: 364 ptas.

Xantar: 2.080 pas.

Cea: 1.560 ptas.

O gasto de hotel, conforme as características e normas habituais da empresa, xustificarase á parte.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

A) Horas extraordinarias que veñan esixidas para reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas.

B) Horas extraordinarias necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate: mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola uti

lización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

C) A dirección da empresa informará mensualmente os delegados dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas especificando as causas e distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e os criterios sinalados nos puntos A) e b), a empresa e os delegados dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias, notificándollo mensualmente á autoridade laboral para os efectos de lle dar cumprimento á normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

A prestación do traballo en horas extraordinarias será voluntaria e haberá que aterse en todo á lexislación vixente.

Artigo 20º.-Seguro de vida.

A empresa manterá en vigor o seguro de vida que actualmente ten concertado en beneficio do seu persoal para o caso de invalidez ou morte.

Artigo 21º.-Diminuídos físicos.

A empresa aboaralles ós traballadores que teñan ascendentes ou descendentes subnormais ou diminuídos físicos de calquera cualificación, que non estean capacitados para o traballo e que con eles convivan e deles dependan economicamente, a cantidade de doce mil (12.000) pesetas mensuais.

Artigo 22º.-Compra de vehículos.

Os traballadores da empresa poderán adquirir vehículos de turismo novos na empresa Turismos Motor, S.A., ó prezo de compra do distribuídor máis portes e revisións. Para a compra a crédito poderán acollerse ás mellores normas da financeira.

Os pais, fillos e irmáns do traballador poderán acollerse a este dereito.

Para os vehículos usados considerarase o prezo de taxación máis os gastos de reacondicionamento que precisasen. Os pais, fillos e irmáns tamén poderán acollerse a este dereito. Deste dereito non poderá facerse uso ata dous anos despois de o utilizar.

Artigo 23º.-Vacantes.

Cando na empresa se produzan vacantes para cubrir ou se creen novos postos de traballo, agás os de dirección, terán preferencia para cubrilos os traballadores que xa presten servicios na empresa ou os seus familiares, sempre que estean cualificados para iso.

Os auxiliares administrativos e os mozos que leven máis de cinco anos na empresa deberán ser ascendidos a oficiais ou a especialistas respectivamente, se existen tales vacantes e, de non ser así, asignaráselle-lo soldo correspondente ás ditas categorías aínda que conserven a anterior.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

O persoal adscrito a talleres ou a recambios terá dereito a que a empresa o provexa cada ano de dúas

pezas de roupa de traballo e dúas toallas. O mesmo dereito terán tamén os conductores.

Estes artigos entregaranse para o seu uso durante o mes de xaneiro de cada ano ou ó causar alta o traballador no cadro de persoal da empresa e destinado ás ditas seccións.

Cando por razóns do traballo a roupa se deteriore gravemente, será substituída.

Artigo 25º.-Complemento de transporte.

O complemento de transporte é de cincocentas setenta e dúas (572) pesetas por día efectivo de traballo.

Artigo 26º.-Complemento de xornada partida.

O complemento de xornada partida constitúese en dúas mil seiscentas pesetas (2.600), mensualmente que se van percibir durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, setembro, outubro, novembro e decembro, sempre que o traballador non utilice vehículo da empresa para o seu traballo.

Artigo 27º.-Complemento de reténs de xornada.

Establécese en oitocentas (800) pesetas diarias para tódolos traballadores durante os meses de xuño, xullo e agosto, por día efectivo de traballo. Os viaxantes non percibirán este complemento dadas as características do seu traballo.

Artigo 28º.-Delegados dos traballadores.

En canto ós dereitos e obrigas dos delegados dos traballadores, as partes axustaranse en todo ó establecido no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente en cada momento.

Artigo 29º.-Salarios.

Para o ano mil novecentos noventa e nove e con vixencia desde o día un de xaneiro, incrementaranse tódalas táboas salariais en todo o establecido nun dous setenta e cinco por cento (2,75%) para tódalas categorías, que afectará a tódolos conceptos económicos, resultando a táboa salarial anexa.

Para o ano 2000 e con vixencia desde o día 1 de xaneiro, incrementaranse as táboas salariais en todo o establecido nun tres por cento (3%) para tódalas categorías, que afectará a tódolos conceptos económicos, resultando a táboa salarial anexa.

Rematado o ano 2000, procederase a unha revisión salarial consistente en aplica-la diferencia positiva entre o 3% e o IPC (incremento de prezos ó consumo). Esta revisión, en caso de operar, terá carácter retroactivo ó 1 de xaneiro do ano 2000 e será aboada nunha soa paga, tan pronto como o IPC sexa publicado polo INE. Esta paga pasará a formar parte dos parámetros de cálculo para o incremento do 2001.

Artigo 30º.-Normas suplementarias.

En todo o non previsto no presente convenio haberá que aterse ó disposto na lexislación xeral e ás normas supletorias deste convenio que existen na empresa.

Artigo 31º.-Comisión mixta.

A comisión mixta será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento deste convenio nas seguintes funcións específicas:

1. Interpretación do convenio.

2. Vixilancia do cumprimento do pactado.

3. Seguimento da evolución das relacións entre as partes contratantes.

4. Entender previamente en cantas cuestións tendan á maior eficacia práctica deste convenio.

As resolucións adoptadas por mutuo acordo terán carácter vinculante. En caso de dúbida a comisión poderá eleva-la consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase dun pola empresa e un polos traballadores, delegado destes; a comisión reunirase ineludiblemente antes de calquera reclamación e en caso de dúbida.

E para que conste, asínase este convenio entre a empresa e os traballadores dela representados polo delegado dos traballadores, en Iñás-Oleiros, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove.

ANEXO

Táboa salarial ano 1999

CategoríaMesAno

Director115.0221.840.352
Xefe de administración113.9111.822.576
Xefe de vendas103.0941.649.504
Xefe de almacén recambios101.9011.630.416
Mestre taller97.1371.554.192
Oficial 1ª95.5381.528.608
Oficial 2ª90.9781.455.648
Oficial 3ª86.8511.389.616
Xefe de contabilidade101.9011.630.416
Oficial administrativo97.1201.553.920
Auxiliar administrativo86.8511.389.616
Aspirante administrativo83.0431.328.688
Viaxante97.7681.564.288
Dependente 25 anos97.1201.553.920
Mozo especializado85.7651.372.240
Mozo85.7651.372.240

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e complementos.

Iñás, 25 de xuño de 1999.

Táboa salarial ano 2000

CategoríaMesAno

Director118.4731.895.568
Xefe de administración117.3281.877.248
Xefe de vendas106.1871.698.992
Xefe de almacén recambios104.9581.679.328
Mestre taller100.0511.600.816
Oficial 1ª98.4041.574.464
Oficial 2ª93.7071.499.312

CategoríaMesAno

Oficial 3ª89.4571.431.312
Xefe de contabilidade104.9581.679.328
Oficial administrativo100.0341.600.544
Auxiliar administrativo89.4571.431.312
Aspirante administrativo85.5341.368.544
Viaxante100.7011.611.216
Dependente 25 anos100.0341.600.544
Mozo especializado88.3381.413.408
Mozo88.3381.413.408

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e complementos.

Iñás, 25 de xuño de 1999.