Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 28 de setembro de 1999 Páx. 11.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 7 de setembro de 1999 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Gallega del Corazón.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Gallega del Corazón, con domicilio en Ourense, r/ Sáez Díez, nº 9 4ºF, 32003.

Supostos de feito.

1. Claudio Borrajo Aragones, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 30 de xuño de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día 18 de maio de 1999, ante o notario Luis Rajoy Brey, baixo o número 853 de protocolo por Claudio Borrajo Aragones, Miguel Ángel Pérez de Juan Romero, José Manuel de Toro Santos, Enrique Castro Rascado, e Luis Nieto Limia, sendo modificada por outra de emenda, do 31 de agosto de 1999, perante o mesmo notario e co número 1499 de protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a rehabilitación física e psíquica do cardíaco.

4. O padroado da fundación estará constituído por Claudio Borrajo Aragones como presidente, Miguel Ángel Pérez de Juan Romero como vicepresidente 1º, José Manuel de Toro Santos como vicepresidente 2º, Enrique Castro Rascado como secretario, e Luis Nieto Limia como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Gallega del Corazón, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de setembro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Gallega del corazón e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública