Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 24 de setembro de 1999 Páx. 11.597

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 10 de setembro de 1999 pola que se regulan as competencias da autoridade sanitaria establecidas no Regulamento dos servicios de prevención aprobado polo Real decreto 39/1997.

O mandato constitucional de velar pola seguridade e hixiene no traballo comporta a necesidade de desenvolver unha política de protección da saúde dos traballadores mediante a prevención dos riscos derivados do seu traballo. Para iso o Estado, a través da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos, determina o corpo básico de garantías e responsabilidades preciso para establecer un adecuado nivel de protección da saúde dos traballadores fronte ós riscos derivados das condicións de traballo. Así mesmo, a dita lei unifica a dispersión de normativa vixente de diverso rango e orientación actualizando aquela xa desfasada e regulando situacións novas non recollidas con anterioridade.

O Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, aproba o Regulamento dos servicios de prevención, desenvolvido pola Orde do 27 de xuño de 1997, do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferida a organización dos servicios médicos de empresa, organización que queda extinguida coa entrada en vigor da referida Lei 31/1995; as funcións da OSME pasarán a ser desempeñadas pola Administración sanitaria competente nos termos da referida lei.

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobou, na súa sesión do 15 de decembro de 1997, os criterios básicos sobre a organización de recursos para a actividade sanitaria dos servicios de prevención propios e alleos.

A Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, na súa sesión do 28 de febreiro de 1998, recomendou que as distintas comunidades autónomas publicasen nos seus diarios oficiais os criterios sanitarios e técnicos en virtude do disposto na disposición adicional oitava do Regulamento dos servicios de prevención (R.D. 39/1997).

Para poder actuar como servicios de prevención, as entidades especializadas deberán ser obxecto de acreditación pola Administración laboral e logo de aprobación da Administración sanitaria en canto ós aspectos de carácter sanitario. Ó non existir normativa na comunidade que regule os aspectos sanitarios dos servicios de prevención e tendo en conta todo o exposto anteriormente, en virtude das facultades que se confiren nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e

o seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde é de aplicación ós servicios de prevención, propios, alleos ou mancomunados, que desenvolvan as funcións recollidas no artigo 31.3º da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, e no artigo 37.3º do R.D. 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Será tamén de aplicación ás entidades que se autoricen para realizar funcións de auditoría ou avaliación externa dos servicios de prevención e recollidos no artigo 30 do R.D. 39/1997, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 2º.-Competencia.

A autoridade sanitaria competente na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de prevención relacionada coa vixilancia e o control da saúde dos traballadores é a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a través da súa secretaría xeral á que corresponde:

a) Resolución de apertura e cerramento dos centros sanitarios dos servicios de prevención no ámbito da comunidade logo de inspección e informe das unidades periféricas de saúde laboral adscritos ó Servicio de Inspección e Asistencia Sanitaria das direccións provinciais do Sergas.

b) Emiti-los informes preceptivos á autoridade laboral dos servicios de prevención na especialidade de medicina do traballo.

Artigo 3º.-Complementariedade.

Esta orde é complementaria, nos aspectos sanitarios, da Orde do 27 de xuño de 1997 pola que se desenvolve o R.D. 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención, e da Orde do 22 de abril de 1997 pola que se regula o réxime de funcionamiento das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social no desenvolvemento de actividades de prevención de riscos laborais.

Artigo 4º.-Criterios básicos.

Os criterios básicos sobre a organización de recursos para a actividade sanitaria dos servicios de prevención, para seren acreditados como tales, serán os fixados nos anexos adxuntos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Criterios básicos sobre a organización de recursos para a actividade sanitaria dos servicios de prevención alleos en desenvolvemento do capítulo IV, do Regulamento dos servicios de prevención e da normativa sanitaria de aplicación

1.1. Consideracións previas.

Tódolos locais sanitarios así como o seu equipamento e instrumental que existan nos servicios de prevención alleos deberán estar autorizados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais de forma previa ó inicio da súa actividade.

1.2. Recursos humanos.

Os profesionais sanitarios que formen parte dos servicios de prevención dedicarán a súa actividade nos ditos servicios ás funcións descritas no artigo 31.3º da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, e nos capítulos VI e VII do Regulamento dos servicios de prevención (Real decreto 39/1997), garantindo o respecto á dignidade e intimidade da persoa e a confidencialidade dos datos médicos persoais que traten.

O persoal contará coa cualificación necesaria para o desempeño das súas funcións: os médicos/as deberán ser especialistas en medicina do traballo ou con diploma de médico de empresa. Os ATS/DUE deberán ser diplomados en enfermería de empresa.

Tamén poderán participar no Servicio de Prevención outros profesionais sanitarios de diversas especialidades en función dos riscos que hai que vixiar, sen que iso supoña obrigatoriedade.

O persoal sanitario non poderá simultanear no mesmo horario actividades noutros servicios públicos e/ou privados, séndolles de aplicación a normativa xeral sobre incompatibilidades, se é o caso.

Coa finalidade de garanti-la confidencialidade dos datos médicos persoais, non podrán traballar noutros organismos ou servicios públicos con actuación administrativa en prevención de riscos laborais.

O persoal sanitario dos servicios de prevención das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, co obxecto de cumpri-lo previsto no artigo 10.1º da Orde do 22 de abril de 1997 pola que se regula o réxime de funcionamento destas entidades no desenvolvemento de actividades de prevención de riscos laborais, e para salvagarda-la confidencialidade dos datos médicos persoais, non poderán traballar no control da prestación económica da incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais ou comúns. O mesmo será de aplicación no resto de entidades especializadas que queiran actuar como servicios de prevención.

Polo que se refire á asignación de recursos e tempo de dedicación dos profesionais sanitarios, o criterio que hai que considerar no proxecto de actividade que as empresas presenten ás autoridades para a súa acreditación, é que o número de profesionais e o seu horario sexa adecuado á poboación que haxa que vixiar, ós riscos existentes e ás funcións que

vaian desenvolver, tanto para os médicos/as do traballo ou de empresa como para os ATS/DUE de empresa, indicando número de profesionais e a súa especialidade ou diplomatura, engadíndose nome e número de colexiado cando se trate da acreditación definitiva, así como a dedicación horaria ás actividades propias do servicio de prevención.

Neste sentido, considérase Unidade Básica Sanitaria (UBS) a constituída por 1 médico/a do traballo ou de empresa e un ATS/DUE de empresa, a xornada completa, sendo a asignación de recursos a seguinte:

-Ata 1.000 traballadores, 1 UBS.

-A partir de 1.000 traballadores, utilizarase o criterio horas/traballador/ano para dimensiona-la área sanitaria dos servicios de prevención, e para establece-lo tempo de dedicación dos profesionais sanitarios, considerando 68 minutos/traballador/ano, no caso de traballadores de empresas que desenvolvan algunha das actividades incluídas no anexo 1 do Regulamento dos servicios de prevención e aqueles traballadores que efectúen tarefas en empresas doutras actividades que estean expostos a algún risco laboral que teña normativa específica de aplicación, e 34 minutos/traballador/ano para o resto de traballadores.

-Ó elevarse o número de membros do Servicio de Prevención, debe terse en conta a maior eficacia do traballo en equipo, o que fai innecesario deseñar servicios de prevención sobredimensionados.

-O persoal de apoio administrativo que se lle asigne ó servicio de prevención e teña acceso a información relacionada co estado de saúde dos traballadores deberá garanti-la confidencialidade da dita información.

-Noutra orde de cousas, as administracións sanitarias velarán para que exista unha mellora periódica da competencia profesional do persoal sanitario interveniente nos servicios de prevención. En concreto, fomentará a formación continuada en prevención de riscos e promoción da saúde no ámbito laboral deste persoal.

1.3. Recursos materiais.

Dentro do Servicio de Prevención, para levar a cabo a actividade sanitaria, e de acordo co artigo 18, punto 3º, do regulamento, contarase coa estructura e os medios adecuados ás funcións que realicen, debendo comprender instalacións, equipos e materiais sanitarios, así como material de arquivo.

a) Instalacións que garantan en todo caso a dignidade e intimidade das persoas, separadas do resto do servicio de prevención, sen menoscabo da necesaria coordinación:

-Sala de recepción e espera.

-Despacho/s médico/s, con áreas de consulta e exploración (con lavamáns).

-Despacho/s de enfermería e salas de curas (con lavamáns).

-Locais específicos en función do resto de actividades que realicen, se é o caso (salas de radiodiagnóstico, laboratorio de análises clínicas, cabina audiométrica, etc.).

-Aseos independentes no recinto ou nas súas proximidades.

b) Condicións dos locais: deberán cumpri-la normativa vixente referente a iluminación, ventilación, temperatura, auga potable, accesibilidade, anti-incendios, etc., así como posuír accesos sen barreiras arquitectónicas.

c) Equipos e materiais sanitarios adecuados para a vixilancia da saúde dos traballadores, en relación cos principais riscos derivados do traballo na empresa ou empresas atendidas e número de traballadores. A dotación mínima ó respecto será:

-Electrocardiógrafo.

-Peso clínico.

-Medidor.

-Megatoscopio.

-Otoscopio.

-Rinoscopio.

-Oftalmoscopio.

-Fonendoscopio.

-Esfigmomanómetro.

-Neveira e termómetro de máximas e mínimas.

-Espirómetro homologado.

-Equipo para control visión homologado.

-Audiómetro e cabina homologados.

-Laboratorio: propio ou concertado.

-Equipo de radiodiagnóstico: propio ou concertado.

-Contedor de residuos sanitarios.

d) Equipos e material de arquivo cos sistemas de custodia que garantan a confidencialidade dos datos.

e) Deben quedar establecidos no proxecto de actividade para o que solicitan acreditación os mecanismos de actuación nas empresas asociadas para os primeiros auxilios, evacuación e traslado, en forma de protocolo de actuación que describa procedementos e competencias que hai que cumprir.

O persoal sanitario do servicio de prevención que, se é o caso, exista no centro de traballo deberá proporciona-los primeiros auxilios e a atención de urxencia ós traballadores víctimas de accidentes ou enfermidades no lugar do traballo (artigo 37.3.h do RSP).

f) En caso de dispoñer de equipos sanitarios móbiles complementarios para o desenvolvemento da actividade de vixilancia da saúde, estes deben cumpri-los requisitos suficientes que garantan a vixilancia e atención adecuadas dos traballadores, a súa seguridade así como a confidencialidade dos seus datos. Concretamente, os equipos móbiles disporán de:

Persoal sanitario: 1 Unidade Básica Sanitaria.

Persoal non sanitario: conductor, en posesión do permiso de conducción establecido pola normativa vixente.

Instalacións: vehículo cos permisos de circulación establecidos pola normativa vixente e que dispoñan

polo menos de: despacho médico illado, sala de recoñecemento, sala de curas e extraccións e lavamáns.

Material:

-Electrocardiógrafo.

-Peso clínico.

-Medidor.

-Megatoscopio.

-Otoscopio.

-Rinoscopio.

-Oftalmoscopio.

-Fonendoscopio.

-Esfigmomanómetro.

-Espirómetro homologado.

-Equipo para control visión homologado.

-Neveira e termómetro de máximas e mínimas.

-Contedor de residuos sanitarios.

1.4. Subcontratación parcial de actividades sanitarias.

Pódese subcontratar con centros especializados debidamente autorizados ou acreditados actividades que transcendan a actividade sanitaria básica do servicio con determinadas técnicas diagnósticas complementarias.

As actividades sanitarias susceptibles de subcontratación, e os termos dela deberán ser autorizados explicitamente pola autoridade sanitaria competente.

1.5. Accesibilidade das instalacións.

a) Cando as instalacións, medios e persoal dos servicios de prevención se dispoñan nunha área xeográfica determinada ou nun polígono industrial, as isócronas en medio de transporte ordinario estarán arredor de 60 minutos ou 75 km. Os equipos sanitarios móbiles complementarios só poderán usarse con carácter excepcional fóra do límite xeográfico do Servicio de Prevención cando a empresa ou o centro de traballo asociado diste del máis de 75 km e menos de 125 km.

b) As autoridades sanitarias poderán eximir do cumprimento dos extremos descritos anteriormente cando existan condicións excepcionais (dispersión xeográfica, insularidade, etc.) que así o aconsellen.

1.6. Actividade sanitaria dos servicios de prevención.

O persoal sanitario dos servicios de prevención deberá levar a cabo especificamente, ademais das actividades en coordinación cos outros integrantes do servicio, as seguintes funcións:

a) Vixilancia da saúde dos traballadores, nos termos establecidos no punto 3º do artigo 37 do Regulamento dos servicios de prevención.

b) Estudio das enfermidades que se produzan entre os traballadores, para os únicos efectos de poder identificar cualquera relación entre as causas de enfermidade e os riscos para a saúde que poidan presentarse nos lugares de traballo.

A verificación das razóns da ausencia do traballo non corresponderá ó Servicio de Prevención, polo que non deberá realizarse co persoal, os locais nin os arquivos do Servicio de Prevención.

c) Formación.

d) Información.

e) Promoción da saúde no lugar de traballo.

f) Asistencia a primeiros auxilios e urxencias.

g) A colaboración co Sistema Nacional de Saúde, tal e como establece o artigo 38 do Regulamento dos servicios de prevención.

h) A colaboración coas autoridades sanitarias para prove-lo Sistema de Información Sanitaria de Saúde Laboral, de acordo co establecido no artigo 39 do Regulamento dos servicios de prevención.

i) A asistencia médico-farmacéutica ós traballadores de acordo coa lexislación vixente ó respecto.

1.7. Control institucional e auditoría.

1.7.1. Autorización administrativa.

a) Para poderen actuar como servicios de prevención, as entidades especializadas deberán ser obxecto de aprobación pola autoridade sanitaria competente, en canto ós aspectos de carácter sanitario, e antes do inicio das súas actividades.

b) Os equipos sanitarios móbiles que, se é o caso, existan deberán dispoñer da correspondente autorización outorgada pola autoridade sanitaria competente.

1.7.2. Verificación do mantemento das condicións de aprobación.

A autoridade sanitaria poderá controlar, coa periodicidade que se determine, o mantemento das condicións establecidas, así como avalia-la actividade sanitaria desenvolvida.

ANEXO II

Criterios básicos sobre a organización de recursos para a actividade sanitaria dos servicios de prevención propios en desenvolvemento do artigo 15 do Regulamento dos servicios de prevención e da normativa sanitaria de aplicación

2.1. Consideracións previas.

Tódolos locais sanitarios así como o seu equipamento e instrumental que existan nos sistemas de prevención das empresas deberán estar autorizadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais de forma previa ó inicio da súa actividade.

2.2. Recursos humanos.

a) Os profesionais sanitarios que formen parte de dous servicios de prevención dedicarán de forma exclusiva a súa actividade neles ás funcións descritas no artigo 31.3º da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, e nos capítulos VI e VII do Regulamento dos servicios de prevención e garantirán o respecto á dignidade e intimidade da persoa e a confidencialidade dos datos médicos persoais que tratan.

b) O persoal debe contar coa cualificación necesaria para o desempeño das súas funcións: os médi

cos/as deberán ser especialistas en medicina do traballo ou con diploma de médico de empresa. Os ATS/DUE deberán ser diplomados en enfermería de empresa.

Tamén poderán participar no Servicio de Prevención outros profesionais sanitarios de diversas especialidades en función dos riscos que haxa que vixiar, sen que iso supoña obrigatoriedade.

c) O persoal sanitario non poderá simultanear no mesmo horario actividades noutros servicios públicos e/ou privados, séndolles de aplicación a normativa xeral sobre incompatibilidades, se é o caso.

Co fin de garanti-la confidencialidade dos datos médicos persoais, este persoal sanitario non poderá traballar noutros organismos ou servicios públicos con actuación administrativa en prevención de riscos laborais.

Tampouco poderán traballar como persoal en control da prestación económica por incapacidade temporal derivada de accidente de traballo, enfermidade profesional, enfermidade común ou ambas desa empresa cando esta actúe como entidade colaboradora na xestión da Seguridade Social.

d) Polo que se refire á asignación de recursos e tempo de dedicación dos profesionais sanitarios, o criterio que hai que considerar no proxecto de actividade que as empresas presenten ás autoridades para a súa aprobación, é que o número de profesionais e o seu horario sexa adecuado á poboación que haxa que vixiar, ós riscos existentes e ás funcións que haxa que desenvolver, tanto para os médicos/as do traballo ou de empresa como para os ATS/DUE de empresa, indicando número de profesionais e a súa especialidade ou diplomatura, engadíndose nome e número de colexiado cando se trate da acreditación definitiva.

Neste sentido considérase Unidade Básica Sanitaria (UBS) a constituída por 1 médico/a do traballo ou de empresa e un ATS/DUE de empresa, a xornada completa, sendo a asignación de recursos a seguinte:

-Ata 1.000 traballadores, 1 UBS.

-A partir de 1.000 traballadores, utilizarase o criterio horas/traballador/ano para dimensiona-la área sanitaria dos servicios de prevención, e para establece-lo tempo de dedicación dos profesionais sanitarios, considerando 68 minutos/traballador/ano, nas empresas que desenvolvan algunha das actividades incluídas no anexo I do Regulamento dos servicios de prevención e aqueles traballadores que efectúen tarefas en empresas doutras actividades que estean expostos a algún risco laboral que teña normativa específica de aplicación e 34 minutos/traballador/ano para o resto de traballadores.

-Ó elevarse o número de membros do Servicio de Prevención, debe terse en conta a maior eficacia do traballo en equipo, o que fai innecesario deseñar servicios de prevención sobredimensionados.

e) O persoal de apoio administrativo que se lle asigne ó Servicio de Prevención e teña acceso a información relacionada co estado de saúde dos tra

balladores, deberá garanti-la confidencialidade da dita información.

f) Noutra orde de cousas, as administracións sanitarias velarán porque exista unha mellora periódica da competencia profesional do persoal sanitario interveniente nos servicios de prevención. En concreto, fomentará a formación continuada en prevención de riscos e promoción da saúde no ámbito laboral deste persoal.

2.3. Recursos materiais.

De acordo co establecido no artigo 15, punto 2º, do Regulamento dos servicios de prevención, a dotación destes servicios deberá ser adecuada ás funcións que realicen debendo comprender equipos e materiais sanitarios adecuados, así como equipos e material de arquivo.

a) Instalacións que garantan en todo caso a dignidade e intimidade das persoas, separadas do resto do servicio de prevención, sen menoscabo da necesaria coordinación:

-Sala de recepción e espera.

-Despacho/s médico/s, con áreas de consulta e exploración (con lavamáns).

-Despacho/s de enfermería e salas de curas e primeiros auxilios (con lavamáns).

-Locais específicos en función do resto de actividades que realicen, se é o caso (salas de radiodiagnóstico, laboratorio de análises clínicas, cabina audiométrica, etc.)

-Aseos independentes no recinto ou nas súas proximidades.

b) Condicións dos locais: deberán cumpri-la normativa vixente referente a iluminación, ventilación, temperatura, auga potable, accesibilidade, anti-incendios, etc., e, na medida do posible, deberán contar con accesos sen barreiras arquitectónicas.

c) Equipos e materiais sanitarios adecuados para a vixilancia da saúde dos traballadores, en relación cos principais riscos derivados do traballo na empresa ou empresas atendidas e número de traballadores. A dotación mínima ó respecto será:

-Electrocardiógrafo.

-Peso clínico.

-Medidor.

-Negatoscopio.

-Otoscopio.

-Rinoscopio.

-Oftalmoscopio.

-Fonendoscopio.

-Esfigmomanómetro.

-Neveira e termómetro de máximas e mínimas.

-Espirómetro homologado: propio ou concertado.

-Equipo para control visión homologado: propio ou concertado.

-Audiómetro homologado: propio ou concertado.

-Laboratorio: propio ou concertado.

-Equipo de radiodiagnóstico: propio ou concertado.

-Contedor de residuos sanitarios.

d) Equipos e material de arquivo cos sistemas de custodia que garantan a confidencialidade dos datos.

e) Equipos e materiais sanitarios para a prestación de primeros auxilios e curas ós traballadores enfermos e/ou accidentados.

f) En caso de dispoñer de equipos sanitarios móbiles complementarios para o desenvolvemento da actividade de vixilancia da saúde, estes deben cumpri-los requisitos suficientes que garantan a vixilancia e atención adecuadas dos traballadores, a súa seguridade así como a confidencialidade dos seus datos. Concretamente, os equipos móbiles disporán de:

Persoal sanitario: 1 Unidade Básica Sanitaria.

Persoal non sanitario: conductor en posesión do permiso de conducción establecido pola normativa vixente.

Instalacións: vehículo cos permisos de circulación establecidos pola normativa vixente e que dispoñan polo menos de: despacho médico illlado, bus de recoñecemento, sala de curas e extraccións e lavamáns.

Material:

-Electrocardiógrafo.

-Peso clínico.

-Medidor.

-Negatoscopio.

-Otoscopio.

-Rinoscopio.

-Oftalmoscopio.

-Fonendoscopio.

-Esfigmomanómetro.

-Espirómetro homologado.

-Equipo para control visión homologado.

-Neveira e termómetro de máximas e mínimas.

-Contedor de residuos sanitarios.

2.4. Subcontratación parcial de actividades sanitarias.

Pódese subcontratar con centros especializados, debidamente autorizados ou acreditados, actividades que transcendan a actividade sanitaria básica do servicio, como determinadas técnicas diagnósticas complementarias.

As actividades sanitarias susceptibles de subcontratación e os termos dela deberán ser autorizados especificamente pola autoridade sanitaria competente.

2.5. Accesibilidade das instalacións.

a) Nos servicios de prevención propios que conten con actividade sanitaria, as instalacións, medios e persoal sanitario deberá dispoñerse no propio centro de traballo, tendo en conta os supostos recollidos

no punto 3º do artigo 15 do Regulamento dos servicios de prevención.

b) Nos servicios de prevención mancomunados, cando as instalacións, medios e persoal destes servicios se dispoñan nun polígono industrial ou área xeográfica determinada, as isócronas en medio de transporte ordinario non serán superiores a 20 minutos ou 30 km. Os equipos sanitarios móbiles complementarios só poderán utilizarse con carácter excepcional, fóra do límite xeográfico do Servicio de Prevención cando a empresa ou o centro de traballo asociado diste del máis de 30 e menos de 80 km.

c) As autoridades sanitarias poderán eximir do cumprimento dos extremos descritos cando concorran condicións excepcionais (insularidade, dispersión xeográfica, etc.) que así o aconsellen.

2.6. Actividade sanitaria dos servicios de prevención.

O persoal sanitario dos servicios de prevención deberá levar a cabo especificamente, ademais das actividades en coordinación cos outros integrantes do servicio, de acordo co disposto para o efecto na lexislación vixente, as seguintes funcións:

a) Vixilancia da saúde dos traballadores, nos termos establecidos no punto 3º do artigo 37 do Regulamento dos servicios de prevención.

b) Estudio das enfermidades que se produzan entre os traballadores, para os únicos efectos de poder identificar calquera relación entre as causas de enfermidade e os riscos para a saúde que poidan presentarse nos lugares de traballo. A verificación das razóns da ausencia do traballo non corresponderá ó Servicio de Prevención, polo que non deberá realizarse co persoal, os locais nin os arquivos do Servicio de Prevención.

c) Formación e información.

d) Promoción da saúde no lugar de traballo.

e) Asistencia de primeiros auxilios e urxencias.

f) A colaboración co Sistema Nacional de Saúde, tal e como establece o artigo 38 do Regulamento dos servicios de prevención.

g) A colaboración coas autoridades sanitarias para prove-lo Sistema de Información Sanitaria en Saúde Laboral, de acordo co establecido no artigo 39 do Regulamento dos servicios de prevención.

h) A asistencia médico-farmacéutica ós traballadores de acordo coa lexislación vixente ó respecto.

2.7. Control institucional e auditoría.

2.7.1. Autorización administrativa.

a) As empresas con sistemas de prevención propios que inclúan actividade sanitaria deberanlles solicitar ás autoridades sanitarias a correspondente autorización administrativa con carácter previo ó inicio da súa actividade.

b) Os equipos sanitarios móbiles que, se é o caso, existan deberán dispoñer da correspondente autorización outorgada pola autoridade sanitaria correspondente.

2.7.2. Verificación do mantemento das condicións de autorización.

a) A autoridade sanitaria poderá controlar coa periodicidade que considere oportuna o mantemento das condicións establecidas, así como avalia-la súa actividade sanitaria. Esta avaliación e control é independente da auditoría establecida no Regulamento dos servicios de prevención.

2.7.3. Criterios para a auditoría da actividade e instalacións.

a) A persoas físicas ou xurídicas ou entidades especializadas que pretendan realiza-la auditoría ou avaliación externa da actividade sanitaria dos servicios de prevención deberán contar, como mínimo, cun médico especialista en medicina do traballo ou médico de empresa.

A avaliación e auditoría deberán ter en conta as funcións e os obxectivos fixados por estes servicios.

Deberá facer referencia tanto á súa estructura e procesos como ós resultados obtidos, en forma de indicadores do grao de utilización dos recursos (exames de saúde, patoloxía descuberta, información sanitaria obtida), indicadores de calidade da actividade etc.

b) En caso de optar polo disposto no punto 3º do artigo 32 do R.D. 39/1997 os requisitos ós profesionais serán os mesmos cós sinalados no anterior punto a).