Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 23 de setembro de 1999 Páx. 11.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de setembro de 1999 pola que se establece o réxime de subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario.

O Decreto 195/1994, do 16 de xuño, establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario, fixando as regras xerais do procedemento e os criterios básicos polos que se rexerá a concesión das axudas ás ditas organizacións profesionais. Nel habilítase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que o desenvolva, tanto en materia de subvencións coma no relativo á subscrición dos convenios de colaboración.

En consecuencia, e de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario para a realización de actividades de representación e de formación dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas establecidas nesta orde as organizacións profesionais vinculadas co sector agrario, as organizacións representativas das cooperativas agrarias e outras organizacións vinculadas ó sector agroalimentario, legalmente constituídas, o obxecto social das cales recolla a representación profesional dos seus asociados.

Para a concesión destas axudas atribuiráselles preferencia a aquelas entidades que teñan carácter xeral.

Artigo 3º.-Avaliación das solicitudes.

1. A concesión das subvencións dependerá da natureza e o alcance das accións realizadas, de acordo cos obxectivos descritos no artigo 1º desta orde.

Na súa avaliación terase en conta, como criterio preferente, o maior grao de implantación destas organizacións no sector agrario galego, que se valorará considerando, entre outros, os seguintes criterios: número de socios, número de oficinas abertas ó público, número de traballadores no cadro de persoal, orzamento anual de funcionamento, grao de

dependencia económica que teña cada organización respecto das axudas públicas para o desenvolvemento das súas actividades, etc.

Tamén se analizará o interese e a calidade das actuacións realizadas, que se poderán valorar a título indicativo en función da dimensión e tipoloxía dos servicios prestados ós agricultores, das comunicacións e publicacións informativas elaboradas, das actividades específicas de fomento do asociacionismo agrario desenvolvidas, etc.

2. Para tal efecto, as entidades peticionarias acreditarán, de se-lo caso, mediante certificación expedida polo seu presidente ou persoa legalmente acreditada, os seguintes datos:

a) Número de socios.

b) Número e localización das oficinas abertas, horario de atención ó público e servicios que prestan.

Para este efecto xuntarase fotocopia compulsada dos documentos que acrediten a titularidade dos locais de oficina ou dos contratos de aluguer deles.

c) Subsectores agrarios nos que está implantada e a entidade da dita presencia.

d) Número de traballadores, con especificación das tarefas que realizan e a duración do seu contrato.

A este respecto xuntarase fotocopia compulsada dos contratos de traballo e copia autentificada dos documentos de cotización á Seguridade Social no último ano.

e) Orzamento anual de gastos da entidade, ó que se xuntará certificación do acordo de liquidación do orzamento do ano anterior. Se pertencen a unha organización de ámbito estatal, farase especificación documentada da contía da súa achega correspondente.

f) Subvencións recibidas no último ano, por tódolos conceptos, procedentes das administracións públicas, desagregadas e xustificadas documentalmente mediante copia compulsada da súa concesión.

3. Así mesmo acreditarán, mediante certificacións expedidas polos organismos públicos competentes, os requisitos esixidos pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 4º.-Actividades subvencionables.

Serán obxecto de subvención as seguintes actividades:

a) Representación ante as institucións autonómicas.

b) Participación nas comisións, mesas de traballo ou calquera órgano colexiado que, para a defensa

dos dereitos dos seus representados, constituíra a Administración autonómica.

c) Formación dos asociados e demais membros familiares, así como dos xerentes e persoal técnico das cooperativas agrarias.

d) Impulso do asociacionismo agrario.

Artigo 5º.-Subscrición de convenios de colaboración.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria, poderá subscribir convenios de colaboración coas organizacións beneficiarias desta axuda para a realización de actividades concretas que solicitasen e que se consideren de elevado interese. Os convenios de colaboración rexeranse polas súas disposicións específicas.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, mediante instancia segundo modelo anexo, e presentaranse nos rexistros dos servicios centrais e periféricos desta consellería, ou por calquera dos medios e forma que se especifican no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Ás solicitudes xuntaráselle-la seguinte documentación:

-Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicita-la subvención.

-Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas, ou que se desenvolvan ó longo de 1999.

-Fotocopia compulsada do CIF da organización solicitante e do DNI do seu representante.

-Certificación bancaria do número de conta.

-Declaración expresa do cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde, e de permiti-las comprobacións que ó respecto acorde a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Certificación do presidente da organización solicitante, ou da persoa legalmente acreditada, sobre os datos que se requiren no artigo 3º desta orde, xunto cos documentos complementarios que nel se citan para acredita-las circunstancias descritas no devandito artigo.

4. Calquera irregularidade ou ocultación de datos que poida afectar á concesión ou á aplicación desta axuda será causa suficiente para a súa denegación.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, para que o servicio competente comprobe se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde.

Se o impreso de solicitude non está debidamente cuberto, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de 10 días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará por desistido da súa petición logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Unha vez examinadas as solicitudes elaborarase a proposta de resolución, que o director xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería. Seguidamente elevarase ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para resolver.

3. A consellería notificaralles ás organizacións profesionais beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto segundo as normas e os criterios establecidos nesta orde.

4. O prazo para resolver será dun mes, contado desde a data de entrada da solicitude debidamente cuberta no rexistro correspondente. A solicitude entenderase desestimada unha vez transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa.

Artigo 8º.-Xustificación do destino das axudas.

As entidades beneficiarias desta axuda poderán percibir pagamentos parciais dos gastos realizados a medida que os vaian xustificando, ata un máximo dun 80% do importe total da subvención que lle fose concedida.

As subvencións ás que se refire esta orde son incompatibles con calquera outra que se aplique para a mesma actividade.

O pagamento da citada axuda, tanto no relativo ós pagamentos parciais como ó definitivo, farase efectivo con base na presentación dunha memoria da organización profesional beneficiaria na que se concreten as actividades desenvolvidas, e se desagreguen detalladamente os gastos contraídos como consecuencia da realización das actividades obxecto de subvención. Con carácter xeral, xuntaranse nóminas, TC e facturas orixinais, ou as súas copias compulsadas, debidamente conformadas polo presidente ou polo representante legal da organización peticionaria.

En todo caso, as ditas xustificacións terán que presentarse antes do 30 de outubro deste ano.

Artigo 9º.-Partida e dotación orzamentaria.

As subvencións concedidas e os convenios de colaboración que se poidan establecer segundo esta orde, imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.611A.480.0, axudas ó asociacionismo agrario, dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, por un importe de trinta e oito millóns de pesetas (38.000.000 de ptas.). Para os convenios de colaboración poderase reservar ata un 25% da dotación orzamentaria citada.

Artigo 10º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

1. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá solicitar en calquera momento a documentación complementaria que considere necesaria para o correcto desenvolvemento desta orde; e así mesmo, tamén poderá realiza-las comprobacións oportunas sobre a aplicación das subvencións concedidas para os fins previstos.

2. O incumprimento dos requisitos e fins establecidos nesta orde levará consigo a obriga por parte dos beneficiarios de reintegrarlle ó Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia as subvencións recibidas, incrementado o seu importe nos xuros legais que procedan. A Xunta de Galicia poderá interpo-las accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades ás que houbese lugar en dereito.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións complementarias necesarias para o correcto desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria