Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 21 de setembro de 1999 Páx. 11.466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 6 de setembro de 1999 pola que se desenvolve o exercicio das competencias en materia de prestación social substitutoria.

O Decreto 227/1998, do 10 de xullo, regula a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e establece como órgano competente para a xestión das funcións en materia de prestación social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, na que se encadra o Servicio de Obxección de Conciencia.

Sendo preciso, de acordo coa disposición derradeira primeira do citado decreto, o seu desenvolvemento en canto ó exercicio das competencias na materia, especialmente trala sinatura o día 5 de xullo de 1999 dun convenio co Ministerio de Xustiza para a colaboración na xestión e na inspección da prestación social substitutoria dos obxectores de conciencia, subscrito ó amparo do artigo 12.2º da Lei 22/1998, do 6 de xullo, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria e do Real decreto 700/1999, do 30 de abril, polo

que se aproba o Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Correspóndelle ó director xeral de Xustiza e Administración Local, no marco das competencias que lle asigna o artigo 5 do Decreto 227/1998, do 10 de xullo, a dirección, coordinación e supervisión da xestión e da inspección da prestación social, e en particular as seguintes funcións:

a) Propoñerlle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a subscrición de concertos coas entidades que queiran adquiri-la condición de colaboradoras da prestación social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cursar instruccións e ordes de servicio ós centros nos que os obxectores realicen a prestación social.

c) Autoriza-los programas de prestación social que se desenvolverán na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A inspección do cumprimento efectivo da prestación social por parte dos obxectores, contando coa colaboración da Área de Obxección de Conciencia da Delegación do Goberno en Galicia.

e) Instar ante a xurisdicción competente, nos supostos de incumprimento por non incorporación ou por abandono da prestación.

f) Conceder permisos extraordinarios de noventa días, por proposta da Comisión Galega de Obxección de Conciencia.

Segundo.-Á Subdirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza correspóndenlle executa-las directrices da dirección xeral nas materias relacionadas coa obxección de conciencia e a prestación social, e en particular, as seguintes funcións:

a) Realiza-lo seguimento dos programas da prestación social.

b) Asignar ás delegacións provinciais os obxectores de conciencia adscritos pola Dirección Xeral de Obxección de Conciencia do Ministerio de Xustiza.

c) Acorda-lo cambio de destino de obxectores entre provincias ou Casas de Galicia no exterior.

d) Autoriza-la suspensión da incorporación e da actividade dos obxectores destinados nas Casas de Galicia no exterior.

e) Acorda-la incoación dos procedementos disciplinarios ós obxectores de conciencia incorporados ós programas de prestación social nas Casas de Galicia no exterior, polas infraccións previstas na Lei 22/1998, do 6 de xullo, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

f) Formula-lo expediente, para a correspondente denuncia ante a xurisdicción competente, de incumprimentos por non incorporación ou por abandono da prestación social dos obxectores de conciencia nas Casas de Galicia no exterior.

g) Efectua-lo seguimento das non incorporacións por enfermidade.

h) Emiti-la orde de incorporación, asignando destino e data ós obxectores que teñan que realiza-la prestación social nas Casas de Galicia no exterior.

i) E calquera outra que lle encomende o director xeral de Xustiza e Administración Local.

Terceiro.- O Servicio de Obxección de Conciencia, regulado no artigo 5.1º.2 do Decreto 227/1998, do 10 de xullo, executará as seguintes funcións no marco da xestión dos concertos da prestación social substitutoria:

a) Organiza-la formación básica.

b) Xestiona-lo vestiario.

c) Xestiona-los gastos que se orixinen nos programas que inclúan aloxamento e/ou manutención.

d) Xestiona-lo haber en man dos obxectores incorporados.

e) Mante-la comunicación coa Dirección Xeral de Obxección de Conciencia do Ministerio de Xustiza en cantos asuntos sexan da competencia desta.

f) E calquera outra que lle encomende o director xeral de Xustiza e Administración Local.

Cuarto.-Ós delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais encoméndanselles, no ámbito das súas respectivas provincias, as seguintes funcións:

a) Emiti-la orde de incorporación, sinalando destino e data, ós obxectores de conciencia que foran asignados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local á súa respectiva provincia.

b) Trasladar á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, as peticións de aprazamento ou exención que presenten os obxectores por causa sobrevida antes da incorporación ou durante a prestación social.

c) Recibir e tramita-las actas de incorporación de obxectores.

d) Autoriza-los cambios de destino dentro da provincia.

e) Autoriza-la suspensión da incorporación e da actividade.

f) Ordena-la baixa do período de actividade.

g) Controla-los horarios, os permisos e as vacacións, así como as condicións de realización da prestación.

h) Formula-lo expediente, para a correspondente denuncia ante a xurisdicción competente, por incumprimentos, por non incorporación ou por abandono da prestación social dos obxectores de conciencia.

i) Acorda-la incoación dos procedementos disciplinarios ós obxectores de conciencia incorporados ós programas de prestación social, polas infraccións previstas na Lei 22/1998, do 6 de xullo, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 1999.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais