Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 20 de setembro de 1999 Páx. 11.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 15 de setembro de 1999 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Co fin de conseguir unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos atribuídos ó titular da consellería que beneficia tanto a Administración como os administrados, sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas, os órganos da Administración utilizan a fórmula da delegación competencial.

Por razóns de técnica normativa reúnense nunha única norma tódalas delegacións, tanto nos órganos centrais coma nos periféricos, así como na presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais e introdúcense novas delegacións e aqueles cambios que se consideran aconsellables.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na secretaria xeral as competencias que se relacionan a seguir, sen prexuízo das que son obxecto de delegación no director xeral de Interior, nos delegados provinciais e na presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais reguladas nos artigos 2º, 3º e 4º desta orde:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As competencias que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 299/1990, do 24 de maio, de todo o persoal dependente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

e) As competencias que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel.

f) Dispoñer canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia doutra dirección xeral.

g) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan ó conselleiro nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.

En caso de ausencia ou enfermidade da secretaria xeral, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas nos directores xerais seguindo a orde de prelación establecida no decreto que, en cada momento, regule a estructura orgánica da consellería, durante o tempo que persistan as devanditas causas.

Artigo 2º

Deléganse no director xeral de Interior as seguintes competencias:

a) A resolución daqueles expedientes e recursos administrativos que lle correspondan ó conselleiro en materia de casinos, xogos e apostas, agás os que deriven de expedientes sancionadores, nos que se elevará a correspondente proposta de resolución.

b) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan ó conselleiro en materia de asociacións.

Artigo 3º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no seu respectivo ámbito territorial:

a) As autorizacións das comisións de servicios con dereito a indemnización no ámbito provincial a todo o persoal adscrito ás delegacións.

b) A contratación das subministracións de bens funxibles con cargo ó capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

Artigo 4º

Deléganse na presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, dentro do ámbito das súas competencias:

a) O despacho e a resolución de expedientes e asuntos de índole administrativa así como a resolución das reclamacións e queixas pola actuación do persoal ó servicio do consello.

b) As competencias que lle corresponden ó conselleiro en materia do persoal ó servicio do consello agás as reservadas á competencia exclusivas daquel.

c) As competencias en materia de contratación relativas ó Consello Galego de Relacións Laborais.

d) Autorizar e dispoñe-los gastos propios do consello, ata o límite dos créditos autorizados, excepto os casos reservados á competencia da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición

de créditos e o recoñecemento das obrigas e solicitar da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.

Artigo 5º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de atribucións efectuadas por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 6º

En calquera momento o conselleiro poderá avocar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde. Quedan excluídos, en todo caso, das delegacións contidas nesta orde, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

-Orde do 9 de febreiro de 1999 sobre delegación de competencias na secretaria xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Orde do 30 de xullo de 1996, sobre delegación de competencias en materia de casinos, xogos e apostas, no director xeral de Interior.

-Orde do 27 de abril de 1994 de delegación de atribucións nos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Orde do 28 de febreiro de 1997 sobre delegación de atribucións na presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais.

2. Así mesmo, quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 1999.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais