Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 16 de setembro de 1999 Páx. 11.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa El Pote, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa El Pote, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa, o día 19-7-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de marzo, sobre reistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión engociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 4 de agosto de 1999.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial

Convenio colectivo El Pote, S.A. 1999

Artigo 1º

Este convenio establece as condicións de traballo entre El Pote, S.A. e os seus traballadores.

En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e no acordo para a substitución da ordenanza do comercio, publicado no BOE do 9 de abril de 1996 pola resolución da Dirección Xeral de Traballo do 21 de marzo de 1996.

Artigo 2º

O convenio será de aplicación para os distintos centros de traballo que a empresa ten na Coruña e na súa provincia.

Artigo 3º

Afectará a tódolos traballadores pertencentes a esta, coa excepción dos altos cargos, de acordo co establecido no número un a) do artigo segundo do Estatuto dos traballadores. Exceptúanse desta norma os traballadores complementarios e os de tempo parcial, que se rexerán polas condicións do seu contrato individual sen afectarlles este convenio.

Artigo 4º

A vixencia do presente convenio iniciarase a partir do 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Prorrogarase automaticamente se ningunha das partes o denuncia cun mes de antelación polo menos, ó termo da súa vixencia.

Artigo 5º

A clasificación do persoal será establecida na ordenanza laboral do sector, sendo a súa definición a reflectida nela. Así mesmo, mantéñense as categorías profesionais creadas no convenio nacional de grandes almacéns publicado no Boletín Oficial del Estado número 307, do 23 de decembro de 1975.

Artigo 6º

A xornada de traballo queda establecida en corenta horas semanais, equivalentes a mil oitocentas quince (1.815) en cómputo anual. Non obstante, para as vendas especiais do Nadal, Reis, agosto e balances e outras datas de significación especial, prolongarase a xornada o tempo suficiente, retribuíndoo como horas extraordinarias que terán a consideración de horas estructurais. Todo o persoal fixo no 1 de xaneiro de 1991 que traballe os sábados pola tarde, librará a mañá do luns seguinte. Respecto ó persoal por tempo determinado, aplicaráselle o disposto no artigo segundo do Real decreto 860/1976, do 23 de abril (disposición derradeira cuarta, parágrafo segundo, do Estatuto dos traballadores).

Artigo 7º.-Retribucións.

Os soldos base deste convenio son os que figuran no anexo que se xunta, resultantes de aplicar un aumento do 2,5% ós da táboa salarial de 1998. O convenio revisarase con efectos do 1-1-1999 se o IPC de 1999 supera o 2,5% e na cantidade que supere a devandita porcentaxe.

Artigo 8º.-Complemento persoal de antigüidade.

Durante a vixencia deste convenio, os aumentos por antigüidade estarán constituídos por cuadrienios do seis por cento sobre os soldos base do anexo que se xunta, coas limitacións establecidas no artigo 25.2º do Estatuto dos traballadores na redacción da Lei do 20 de marzo de 1980. A data inicial do cómputo da antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa, comezando a devengarse desde o primeiro do mes no que se cumpra o período, se este ten lugar do un ó quince, e desde o primeiro do mes seguinte se este fose do dezaseis en diante. Esta mesma norma aplicarase tamén nos casos de ascensos.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

Mantéñense as catro xa establecidas, é dicir, as de xullo, Nadal, beneficios e fomento á cultura, rateándose esta última en doceavas partes como se viña facendo. Cada gratificación estará constituída por trinta días do soldo base maila antigüidade, e o seu importe sera rateado en proporción ó tempo traballado.

Artigo 10º.-Complemento de distancia e transporte.

Para compensa-los gastos de locomoción que por estes conceptos se ocasionasen, a empresa aboaralle a cada traballador un complemento mensual de nove mil vintenove pesetas (9.029 ptas.), sen distinción de categorías, mesmo nos períodos de baixa por incapacidade laboral transitoria e durante as vacacións.

O persoal que ingrese ou cese no transcurso do mes percibirá a parte proporcional dos días traballados. O referido importe obtense da aplicación dun 2,5% do incremento sobre o complemento vixente no 1998.

Artigo 11º.-Seguro de accidente.

A empresa comprométese a subscribir un seguro de accidente que cubra durante as 24 horas do día os seguintes riscos:

a) Morte por accidente.

b) Invalidez absoluta e total por accidente.

O capital asegurado será dun millón duascentas mil pesetas (1.200.000 ptas.) en ámbolos casos.

Unha vez subscrita a póliza correspondente cunha compañía aseguradora, El Pote, S.A. non responderá subsidariamente, en ningún caso, do pagamento da indemnización correspondente ós accidentes aquí recollidos.

Artigo 12º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas cláusulas económicas ou de calquera índole contidas neste convenio, consideradas no seu conxunto, establécense co carácter de mínimas, polo que outros pactos, cláusulas ou situacións actualmente vixentes na empresa que impliquen condicións máis beneficiosas do que as convidas, serán respectadas e non absorbidas. Serán non obstante absorbibles, as cantidades entregadas por conta deste convenio.

Artigo 13º

Salvo disposición legal en contrario, o contido económico deste convenio manterase inalterable durante 1999.

Artigo 14º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días naturais independentemente da categoría laboral de cada traballador por cada ano de servicio na empresa, liquidándose por ano natural, como se viña facendo. O persoal que ingrese ou cese no transcurso do ano desfrutará ou liquidaráselle a parte proporcional que lle corresponda. O seu desfrute efectuarase en dous períodos, un de nove días no inverno e outro de vinteún (tres semanas) no verán; entenderase por meses de verán a partir do un de xuño ata o trinta de setembro e de inverno os restantes. Ó comeza-lo ano a empresa establecerá o calendario de quendas de cada período. As quendas serán confeccionadas por plantas, salvo o almacén e as oficinas que o farán no seu conxunto. Seguidamente e antes do 31 de xaneiro confeccionaranse os cadros de vacacións que non serán modificados salvo acordo entre as partes. O traballador que por causa imputable á empresa non puidese desfruta-lo período de vacacións de verán, percibirá, como compensación, unha bolsa de

trinta mil (30.000) pesetas. Cando por causas alleas á vontade da empresa, como nos casos de enfermidade ou accidente, o traballador que non puidese desfruta-las súas vacacións no período previsto, non se alterarán as quendas establecidas para os demais traballadores, e concederanllas noutras

datas de común acordo coa empresa, sen que teña dereito a ningunha bolsa, calquera que sexa a época de desfrute, seguindo a norma destes últimos anos. As quendas de vacacións do verán comezarán sempre un luns aínda que este sexa festivo, pero para non alteralos, neste caso o traballador desfrutará un día noutra data que se fixará de común acordo entre as partes. Respecto ás do inverno, se o desfrute destas comezase un venres, o traballador non terá a obriga de reintegrarse ó traballo ata a xornada da tarde do luns na que comezaría a traballar. No tocante á elección das quendas, farase de forma rotatoria seguindo a norma do costume.

Artigo 15º.-Excedencia por maternidade.

O persoal feminino terá dereito a desfrutar un ano de excedencia voluntaria non retribuída por maternidade, con dereito a reserva de praza, para atención do acabado de nacer, contado desde o día da alta médica pola dita causa, solicitándoa cun mes de antelación como mínimo, tanto esta como logo o reingreso, para a súa efectividade.

Artigo 16º

As atribucións do comité de empresa serán en todo momento as establecidas pola lei.

Artigo 17º

Constitúese unha comisión paritaria composta por Luis Conde Gogorza e Miguel Calderón Acero por parte da empresa, e Gloria Liñeira Martínez e Javier Buján Chamorro pola dos traballadores, para resolver cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes, na aplicación ou interpretación deste convenio.

Artigo 18º

En todo o que non se regule neste convenio, observarase o disposto na lexislación xeral do traballo e especialmente, no Estatuto dos traballadores e o acordo para a substitución da ordenanza de comercio, publicada no BOE do 9 de abril de 1996 por resolución da Direccion Xeral de Traballo, do 21 de marzo de 1996.

Artigo 19º.-Premio por xubilación anticipada.

A empresa aboaralles un complemento de xubilación ós traballadores que con dez anos de antigüidade, como mínimo, nesta se xubilen voluntariamente. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 16 mensualidades de salario e antigüidade.

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 13 mensualidades de salario e antigüidade.

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 10 mensualidades de salario e antigüidade.

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 7 mensualidades de salario e antigüidade.

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 3 mensualidades de salario e antigüidade.

Para a súa percepción, solicitarase antes de cumpri-la idade correspondente. Nas xubilacións ós 60, 61 e 62 anos a empresa poderá fracciona-lo pagamento en tres mensualidades.

A partir dos 65 anos a xubilación será obrigatoria para tódolos traballadores con dereito ó 100% da base reguladora.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralle a cada traballador ó inicia-lo traballo, dúas fundas ou pezas de roupa de protección necesarias, de acordo coa ordenanza de seguridade e hixiene no traballo.

Estas pezas de roupa serán renovadas a medida que o uso as deteriore; en calquera caso, a empresa entregaralles unha nova cada ano.

Artigo 21º.-Permisos retribuídos.

Ademais dos establecidos na lexislación vixente, os traballadores terán dereito a un día por asuntos propios logo da solicitude á empresa. Este día non será acumulable ás vacacións.

ANEXO I

Táboas salariais 1999

Categorías

Soldo

mensual

Cómputo

anual

Director152.2552.544.428
Xefe de división135.3312.273.644
Xefe de centro ou sucursal118.2862.000.924
Xefe de sección107.5841.829.692
Dependente maior98.4331.683.276
Dependente 25 anos91.1551.566.828
Dependente 22 anos88.5441.525.052
Dependente con menos dun ano na empresa84.5611.461.324
Axudante84.5611.461.324
Oficial 1ª administrativo98.2491.680.332
Oficial 2ª administrativo91.1551.566.828
Auxiliar administrativo86.0521.485.180
Decorador107.5841.829.692
Axudante decoración e publicidade91.1551.566.828
Escaparatista106.5241.812.732
Montador de escaparates91.1551.566.828
Profesional oficio de 1ª91.1551.566.828
Profesional oficio de 2ª88.5441.525.052
Mozo86.0521.485.180

Plus de transporte9.029