Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 16 de setembro de 1999 Páx. 11.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de hospitalización e internamento.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de hospitalización e internamento, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Sanatorios e Clínicas da Provincia de Pontevedra, e da parte social, pola central sindical CIG, e por Ana Mª de Jesús González de CC.OO, o 27-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de agosto de 1999.

P.A.

Luis Boullosa Nores

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para o sector de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas deste convenio rexerán para todo o territorio da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Para os efectos previstos no artigo anterior, regula as relacións de traballo entre as empresas ou establecementos sanitarios destinados á hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas, sexa cal fora a norma adoptada tanto na súa constitución como no seu nome, e o persoal que neles preste os seus servicios e estea comprendido no eido de aplicación da ordenanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, aprobada por O.M. do 25 de novembro de 1976.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de dous anos contados desde o 1 de xaneiro de 1999, finalizando os seus efectos o 31 de decembro do ano 2000.

Entrará en vigor ós quince días da sinatura, se ben os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1999.

Entenderase prorrogado por períodos anuais, salvo denuncia por unha das partes, cunha antelación mínima de tres meses á data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións económicas establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto, poderán ser compensadas nas xa existentes no momento da súa entrada en vigor. No caso de que iso supoña conxelación salarial, aboarase o 50% do incremento pactado a aqueles traballadores que se atoparan nesta situación. En todo caso, serán compensables as gratificacións voluntarias concedidas polas empresas a título persoal.

Non poderá ser absorbido ningún complemento salarial que figure no recibo oficial de salarios.

Así mesmo, poderán ser absorbidos por calquera outra condición superior que, fixada por disposición legal, convenio colectivo, etc., puidese aplicarse no sucesivo.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

Todo o persoal afectado por este convenio observará o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais ó respecto.

A xornada anual será de 1.812 horas de traballo efectivo en 1999 e de 1.805 horas de traballo efectivo no 2000. Cando a distribución supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo anual sinalado.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Procurarase efectua-las horas extras mínimas indispensables e, en todo caso, cos límites que determina o Estatuto dos traballadores.

En cada empresa, empresario e traballadores poderán pactar que as horas extraordinarias se aboen na contía determinada na lexislación laboral vixente ou a súa compensación por tempo de descanso, de acordo co previsto no Real decreto 2001/1983.

Artigo 8º.-Remuneracións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, haberá de rexerse durante os anos da súa vixencia polas táboas salariais anexas, que supoñen un incremento dun 2,2% para 1999 e dun 2,2% para o ano 2000.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC), establecido polo INE, rexistrase o 31 de decembro de 1999 respecto do 31 de decembro de 1998, un incremento superior ó 2,2%, efectuarase unha revisión da táboa salarial, tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso sobre a indicada cifra. A dita revisión efectuarase con efectos do 1 de xaneiro do 2000.

Artigo 9º.-Compensación pola supresión da antigüidade.

As partes asinantes do presente convenio acordan a supresión definitiva do concepto e tratamento do complemento persoal de antigüidade, tanto nos seus aspectos normativos coma retributivos.

Como consecuencia do dito acordo asumen, así mesmo, ámbalas dúas partes e como contrapartida, os seguintes compromisos:

a) Os traballadores manterán e consolidarán os importes ós que tiveran dereito, polo complemento persoal de antigüidade, a 30 de xuño de 1997. Estes importes manteranse como un complemento retributivo ad personam, extinguíndose xuntamente coa extinción do contrato do traballador afectado coa empresa. O dito complemento retributivo ad personam reflectirase nos recibos oficiais de salario coa denominación de antigüidade consolidada.

b) Para compensa-la desaparición co complemento de antigüidade nos termos citados aplicarase:

1. A todo o persoal afectado por este convenio que adquirise o dereito o 30 de xuño de 1997 a percibir un premio de antigüidade de acordo coas condicións do anterior convenio, un incremento lineal de 20.000 ptas. ó mes, para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos da seguinte maneira:

Ano 1998: 3.000 ptas. ó mes.

Ano 1999: 3.000 ptas. ó mes.

Ano 2000: 4.000 ptas. ó mes.

Ano 2001: 5.000 ptas. ó mes.

Ano 2002: 5.000 ptas. ó mes.

2. A todo o persoal afectado por este convenio, con contrato fixo antes do 30 de xuño de 1997, e que ata a dita data non adquirise o dereito a percibir un premio de antigüidade de acordo coas condicións do anterior convenio, un incremento lineal de 10.000 ptas. ó mes para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos da seguinte maneira:

Ano 1998: 1.500 ptas. ó mes.

Ano 1999: 1.500 ptas. ó mes.

Ano 2000: 2.000 ptas. ó mes.

Ano 2001: 2.500 ptas. ó mes.

Ano 2002: 2.500 ptas. ó mes.

Ademais, terán dereito a recibiren o importe equivalente á parte proporcional da antigüidade que o traballador tivera devengada e non cobrada á data do 30 de xuño de 1997, e que terá a consideración de antigüidade consolidada, de acordo coa letra a) deste mesmo artigo.

3. A todo o persoal afectado por este convenio, que antes do 30 de xuño de 1997 estivese ocupando un posto de traballo, baixo unha modalidade contractual temporal e o que posteriormente se lle transformase o contrato en fixo, un incremento lineal de 10.000 ptas. ó mes para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos da seguinte maneira:

Ano 1998: 1.500 ptas. ó mes.

Ano 1999: 1.500 ptas. ó mes.

Ano 2000: 2.000 ptas. ó mes.

Ano 2001: 2.500 ptas. ó mes.

Ano 2002: 2.500 ptas. ó mes.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal consistirán, cada unha, nunha mensualidade do salario base, incrementado coa antigüidade recoñecida.

Artigo 11º.-Complemento de postos de traballo. Complemento de toxicidade.

Por mor da maior especialidade, toxicidade, perigosidade ou penosidade, establécese un complemento retributivo equivalente a un 20% sobre o salario base do convenio, en favor do persoal sanitario dos grupos I, II e III que establece a ordenanza laboral, o cal desenvolve o posto de traballo nalgunha das seguintes seccións ou departamentos: quirófanos, radioterapia, radioelectroloxía, medicina nuclear, laboratorio de análises, unidades de coidados intensivos, psiquiatría, ril artificial, bacterioloxía ou pavillón de enfermidades infecto-contaxiosas.

Artigo 12º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade na contía do 25% sobre o salario base de cada traballador, o cal se percibirá sobre as horas traballadas de noite, entendéndose ó respecto como xornada nocturna a comprendida entre as 22 e as 8 horas.

Artigo 13º.-Complemento de posto de traballo.

Tódolos traballadores que presten servicios en centros hospitalarios cun número de camas superior a 300 percibirán un complemento de traballo de 9.000 ptas. mensuais, que se aboará igualmente nas pagas extraordinarias de xullo e Nadal.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un complemento de transporte que consistirá nas seguintes contías:

-Xornada continua: 225 ptas. por día efectivo de traballo.

-Xornada partida: 320 ptas. por día efectivo de traballo.

Artigo 15º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a un período de vacacións anuais dun mes natural de vacacións retribuídas. No caso de que non desfrutasen o dito período de forma continuada, terán dereito a 30 días naturais.

As vacacións desfrutaranse preferentemente durante o período de maio a setembro (ámbolos dous inclusive).

En cada empresa establecerase unha orde rotatoria de preferencia, de tal maneira que un traballador que un ano foi o primeiro á hora de escoller quenda, pasa a se-lo último o ano seguinte.

Artigo 16º.-Licencias e permisos.

Os permisos retribuídos ós que ten dereito o traballador serán os seguintes:

a) No caso de falecemento de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade e afinidade, e parellas de feito debidamente documentadas, esta

blécese en función do lugar no que aconteza o óbito: 3 días se ocorre na localidade ou na provincia, 4 fóra da provincia de Pontevedra e 5 fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) No caso de enfermidade grave, debidamente acreditada, das persoas do punto anterior, tanto parentes como as parellas de feito debidamente documentadas, en función do lugar en que aconteza o feito: 3 días se ocorre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e 5 días se ocorre fóra.

c) No caso de intervención cirúrxica das persoas do punto a), coa debida xustificación, 2 días naturais.

d) Por matrimonio, 15 días naturais.

e) Por razón de parto da esposa, 3 días naturais.

f) Por cambio de domicilio, 2 días naturais.

Estes permisos serán retribuídos e en ningún caso poderán ser descontados das vacacións correspondentes nin concedidas recentemente.

Artigo 17º.-Aviso para o peche.

Aplicarase o que establece a ordenanza aplicable e o Estatuto dos traballadores.

Artigo 18º.-Excedencias.

a) Excedencia maternal: os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, porá fin ó que viñera disfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

Os traballadores terán, neste caso, dereito á reincorporación ó posto de traballo reservado, sempre que o soliciten cunha antelación de 30 días á finalización da excedencia.

b) Excedencia voluntaria: a empresa estará obrigada a conceder a todo o persoal fixo que o solicite e leve na empresa o tempo mínimo de dous anos de servicio, a excedencia voluntaria, a cal terá unha duración mínima de seis meses e máxima de cinco anos, quedando a empresa obrigada a reserva-lo posto de traballo durante un máximo de trece meses. Solicitado o reingreso, de non ter posto vacante, a empresa comprométese a contrata-lo traballador en excedencia cada vez que necesite contratar algún traballador.

Artigo 19º.-Permiso oficial non retribuído.

A empresa concederalles un permiso non retribuído ata un máximo de 7 días ó ano, a aqueles traballadores que o soliciten por escrito xustificadamente, cunha antelación alomenos dunha semana.

Artigo 20º.-Incapacidade laboral transitoria.

As empresas complementarán ata o 100% do salario, as prestacións económicas derivadas de accidente laboral.

Artigo 21º.-Revisións médicas.

A todo o persoal afectado por este convenio efectuaráselle un recoñecemento médico anual obrigatoriamente e unha revisión xinecolóxica voluntaria cada seis meses ó persoal feminino logo de negociación, en ámbolos dous casos, entre o comité de empresa ou delegados de persoal e a dirección do centro para a elección do lugar no que se vaia realiza-la revisión indicada. A dita revisión inclúe a obriga de realizarlle ó persoal en raios as probas específicas legalmente establecidas para eles.

Artigo 22º.-Xubilación.

As empresas e os traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituí-los simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 23º.-Formación e promoción profesional.

As empresas facilitarán os medios e colaboración na formación e programación profesional do persoal afecto ós seus centros dentro das dispoñibilidades destes e fóra das horas de traballo.

Artigo 24º.-Contrato por acumulación de tarefas.

Segundo o establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores (modificado polo Real decreto lei 8/1997, do 16 de maio), os contratos de duración determinada, por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, poderán ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Os contratos acollidos a esta modalidade e vixentes o 30 de xuño de 1997 poderán prorroga-la súa duración ata o máximo de 13 meses e medio, de acordo co establecido no parágrafo anterior.

Artigo 25º.-Período de proba.

De acordo co establecido no artigo 14 do Estatuto dos traballadores, o período de proba non poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados e de 2 meses para o resto dos traballadores.

Artigo 26º.-Dereito de reunión.

Fíxase un tempo de 12 horas retribuídas ó ano para a celebración de asembleas, comprometéndose os representantes legais dos traballadores a garanti-lo funcionamento dos servicios imprescindibles, os cales serán determinados entre estes e a dirección.

Deberán observarse as normas previstas no Estatuto dos traballadores e concretamente as que se indican a continuación.

De conformidade co disposto no artigo 4 desta lei, os traballadores dunha mesma empresa ou centro de traballo teñen dereito a xuntarse en asemblea.

A asemblea poderá ser convocada polos delegados de persoal, o comité de empresa ou centro de traballo, ou por un número de traballadores non inferior ó 33% do cadro de persoal. A asemblea será presidida, en todo caso, polo comité de empresa ou polos delegados de persoal mancomunadamente, que serán responsables do normal desenvolvemento dela, así como da presencia na asemblea de persoas non pertencentes á empresa. Só poderán tratarse nela asuntos que figuren previamente incluídos na orde do día. A presidencia comunicará ó empresario a convocatoria e os nomes das persoas non pertencentes á empresa que vaian asistir á asemblea e acordará con este as medidas oportunas para evitar prexuízos na actividade normal da empresa.

Cando por traballar por quendas, por insuficiencia de locais ou por calquera outra circunstancia non poida reunirse simultaneamente todo o cadro de persoal, sen prexuízo ou alteración do normal desenvolvemento da producción, as diversas reunións parciais que teñan que celebrarse consideraranse como unha soa e datadas no día da primeira.

O lugar de reunión será o centro de traballo, se as súas condicións o permiten.

O empresario deberá facilita-lo centro de traballo para a realización da asemblea, agás nos seguintes casos:

a) Se non se cumpren as disposicións desta lei.

b) Se transcorresen menos de dous meses desde a última reunión realizada.

c) Se aínda non se resarcisen ou afianzase o resarcimento polos danos producidos en alteracións ocorridas nalgunha reunión anterior.

d) Peche legal da empresa.

As reunións informativas sobre convenios colectivos que lles sexan de aplicación non estarán afectadas polo punto b).

A convocatoria con expresión da orde do día proposta polos convocantes comunicaráselle ó empresario con corenta e oito horas de antelación, como mínimo, debendo este xustifica-la recepción.

Cando se someta á asemblea por parte dos convocantes a adopción de acordos que afecten ó conxunto dos traballadores, requirirase para a súa validez o voto favorable persoal, libre, directo e secreto, incluíndo o voto por correo, da metade máis un dos traballadores da empresa ou centro de traballo.

Nas empresas ou centros de traballo, sempre que as súas características o permitan, porán á disposición dos delegados de persoal ou do comité de empresa un local axeitado no que poidan desenvolve-las súas actividades e comunicarse cos traballadores, así como un ou varios taboleiros de anuncios. As posibles discrepancias resolveraas a autoridade laboral, logo de informe da Inspección de Traballo.

Artigo 27º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores afiliados a algunha das centrais sindicais asinantes, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical a que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente da caixa de aforros ou entidade bancaria a que debe de ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións, agás indicación en contra do traballador, durante períodos anuais.

Artigo 28º.-Acumulación de horas sindicais.

Os delegados de persoal ou membros do comité de empresa disporán de crédito de horas mensuais retribuídas determinadas pola lei, nas empresas estableceranse pactos ou sistemas de acumulación de horas dos distintos representantes legais dos traballadores, nun ou en varios dos compoñentes, sen supera-lo máximo total que determina a lei.

Artigo 29º.-Roupas de traballo.

As empresas facilitaranlles anualmente ós traballadores a roupa e o calzado sanitario necesitario de traballo, coa obriga do lavado pola propia empresa.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Créase a comisión paritaria do convenio, que terá as funcións e fins regulados pola normativa vixente, a cal estará presidida polo presidente da comisión deliberadora e estará composta por igual número de vocais representativos dos traballadores e técnicos por unha parte e de empresarios pola outra, a designación concreta dos cales recaerá sobre as mesmas persoas e en igual número de vocais titulares que foron nomeados para a negociación deste convenio.

Artigo 31º.-Cláusula de desvinculación.

As porcentaxes de incremento salarial establecidas no convenio poderán non aplicarse para aquelas empresas que acrediten obxectiva e fidedignamente a súa situación de déficit ou perdas mantidas nos exercicios contables oficiais dos dous últimos anos,

téndose en conta as previsións para o seguinte exercicio.

Nestes casos a empresa trasladará ós representantes dos traballadores e a comisión paritaria a proposta de fixación do aumento salarial. Para valorar esta situación teranse en conta circunstancias tales como o insuficiente nivel de facturación ou a perda incontrovertible de clientela, e atenderanse os datos que resulten da contabilidade das empresas, dos seus balances e das súas contas de resultados. De producirse acordo entre a empresa e a representación dos traballadores, este deberá ser comunicado á comisión paritaria. Este acordo deberá recolle-los seguintes requisitos:

-Que se manteña o nivel de emprego.

-Que os incrementos futuros se apliquen sempre sobre o convenio e non sobre os novos salarios da empresa.

-Non prolonga-la desvinculación por máis dun ano, renovable por outro máis sempre e cando houbese acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores.

No caso de discrepancia poderán utilizarse informes de auditores ou censores xurados de contas atendendo ás circunstancias e dimensións das empresas. O custo que supoña será aboado pola parte que o solicite.

A determinación, se é o caso, das novas condicións salariais producirase mediante acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores ou delegados sindicais, que estarán obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos ós que tiveron acceso como consecuencia do establecido na presente cláusula, observándose respecto de todo iso sixilo profesional. Naquelas empresas que non teñan elixidos representantes dos traballadores a negociación efectuarase no seo da comisión paritaria.

Artigo 32º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o que dispoña a ordenanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de xeral aplicación.

Artigo 33º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio a central sindical CIG (Confederación Intersindical Galega), Ana Mª de Jesús González por CC.OO. en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios de Sanatorios e Clínicas da provincia de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

Táboas de salarios para 1999 e 2000

1999

(Incremento

2,2% s/1998)

2000

(Incremento

2,2% s/1999)

-Persoal técnico sanitario
Director técnico141.565144.679
Xefe de servicios128.720131.552
Médico xefe de sección ou adxunto127.785130.596
Médico interno122.457125.151
Farmacéutico, psicólogo122.457125.151
Fisioterapeuta, logopeda112.032114.497
Axudante técnico sanitario107.943110.318
Asistente social107.943110.318
Xefe de enfermería122.457125.151
Auxiliares sanitarios especializados,

coidadores de centros especiais

99.091101.271

-Persoal subalterno sanitario
Coidadores, sanitarios, auxiliares

clínica

95.00197.091

-Persoal de cociña
Xefe de cociña103.358105.632
Cociñeiro de primeira100.018102.218
Cociñeiro de segunda96.15098.265
Axudante de cociña92.60594.642
Xefe de economato97.82199.973
Reposteiro96.45698.578
Fregador/a91.44793.459
Axudante de economato91.44793.459

-Persoal de servicios xerais
Encargada96.15098.265
Subencargada96.15098.265
Auxiliar de axuda a domicilio *95.00197.091
Pranchadora, costureira, lavandeira91.44793.459
Limpadora91.44793.459

-Persoal de servicios varios
Fotógrafo, electricista, conductor,

mecánico, xardineiro, albanel, pintor,

carpinteiro

101.783104.022
Peón de xardinería, albanel, etc.91.44793.459
Conserxe96.15098.265
Porteiro91.44793.459
Telefonista92.96695.011

-Persoal administrativo
Administrador96.98399.117
Xefe de contabilidade96.98399.117
Oficial administrativo96.25698.374
Auxiliar administrativo91.44793.459

-Persoal de pisos
Camareiras92.70194.740

* Funcións recollidas na Orde do 22 de xullo de 1996, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.