Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 15 de setembro de 1999 Páx. 11.252

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de agosto de 1999, conxunta das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio, pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o fomento da cooperación en materia de investigación e desenvolvemento correspondente ó Programa de Apoio á I+D Industrial. Tecnoloxías Industriais do Plan Galego de IDT, en réxime de concorrencia competitiva.

Os institutos, centros tecnolóxicos e departamentos universitarios xogan un papel fundamental no desenvolvemento da capacidade innovadora dunha rexión. Estas infraestructuras poñen á disposición do tecido empresarial uns medios humanos e técnicos de grande utilidade á hora de promover e executar proxectos de investigación e desenvolvemento, o que xustifica a necesidade de incentiva-los esforzos na cooperación entre estas institucións e a empresa galega. Neste sentido, establecer canles de cooperación que permitan enlaza-las actividades dos institutos, centros tecnolóxicos ou departamentos universitarios coas empresas, sobre todo coas Pemes, que en moitos casos non dispoñen de medios suficientes para pór en marcha proxectos de forma individual ou autónoma, é un obxectivo que se pretende a través da presente orde, no eido do Programa de Apoio á I+D industrial. Tecnoloxías industriais do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Esta convocatoria pretende fomenta-los proxectos conxuntos entre as empresas da Comunidade Autónoma galega e os institutos, centros tecnolóxicos ou departamentos universitarios coa finalidade de crear un hábito de cooperación entre os diversos contornos do sistema rexional de innovación, pero tamén co obxectivo de aproveitar ó máximo a capacidade e potencial dos ditos organismos.

Por outra banda, é tamén unha finalidade desta convocatoria contribuír a incrementa-la presencia de empresas e asociacións empresariais galegas nas convocatorias de axuda nacionais e europeas en materia de investigación e desenvolvemento. As ditas convocatorias poñen á disposición dos seus beneficiarios recursos financeiros e coñecementos de gran importancia para mellora-la súa posición competitiva, polo tanto, debe ser un obxectivo da Administración autonómica eleva-la participación galega a niveis comparables cos doutras rexións españolas.

Por outra banda, esta orden desenvolve, en determinados ámbitos o Decreto 309/1995, do 23 de

novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, e co fin de pór en marcha os instrumentos previstos no Plan Galego de IDT para a execución dos seus programas e neste caso concreto para a execución do programa de Apoio á I+D industrial. Tecnoloxías industriais,

DISPOÑEMOS

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde desenvolve-lo marco que regule a convocatoria de axudas, que se concedan no exercicio de 1999, para a incentivación de actuacións de cooperación en materia de investigación básica e aplicada e desenvolvemento entre empresas e institucións que realicen este tipo de actividades, tales como centros e institutos tecnolóxicos ou departamentos universitarios, así como o apoio á presentación de propostas a convocatorias nacionais e europeas en materia de IDT aplicada, todo isto no marco do Programa de Apoio á I+D industrial. Tecnoloxías Industriais do Plan Galego de IDT.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Convócanse axudas para a cooperación en materia de investigación e desenvolvemento aplicados, dentro dos límites dos créditos autorizados das seguintes partidas orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999: 08.03.432A.770.0 «Apoio á IDT industrial. Tecnoloxías Industriais» da Consellería de Industria e Comercio, 04.07.432A.770 «Colaboración con empresas privadas para I+D» e 04.07.432A.740 «Proxecto, infraestructuras e convenios de I+D» (estas dúas últimas correspondentes ó orzamento da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento).

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas á cooperación en materia de investigación e desenvolvemento aplicados as empresas, agrupacións ou asociacións de empresas que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento das seguintes actuacións:

a) Identificación, análise, transferencia e execución de proxectos de investigación e desenvolve-

mento tutelados por institutos, centros tecnolóxicos ou departamentos universitarios coa finalidade de aplicación no beneficio da presente orde.

b) Contratación de consultores externos para a presentación de propostas a convocatorias nacionais ou europeas en materia de investigación e desenvolvemento aplicados.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.

Os conceptos subvencionables para cada unha das actuacións serán:

a) Identificación, análise, transferencia e desenvolvemento de proxectos de investigación e desenvolvemento tutelados por institutos, centros tecnolóxicos ou departamentos universitarios:

-Identificación e análise. Será subvencionable o custo asociado ó equipo multidisciplinar definido para tal efecto (empresa/instituto, centro tecnolóxico ou departamento universitario) para a prospectiva e definición do proxecto de investigación e desenvolvemento que se realice no beneficiario.

-Transferencia. No caso de proxectos de investigación e desenvolvemento básicos realizados por instituto, centro tecnolóxico ou departamento universitario e que teñan como finalidade a transferencia dos ditos coñecementos e a súa aplicación práctica no beneficiario, será incentivable o custo recollido na fórmula contractual de colaboración pola que se defina o custo de transferencia e o seu custo de aplicación ó beneficiario.

-Execución de proxectos. No caso de proxectos novos que se desenvolven por instituto, centro tecnolóxico ou departamento universitario será subvencionable o custo que se estableza no correspondente contrato de colaboración.

-Con carácter xeral para os puntos anteriores, poderá considerarse especificamente o custo vinculado á dedicación parcial de doutores de departamentos universitarios, institutos ou centros tecnolóxicos que desenvolven as súas actividades no seo da empresa, regulada mediante a fórmula de cooperación que proceda e sempre que teña como finalidade o desenvolvemento material de tarefas ou a titoría na execución da actuación.

b) Será subvencionable o custo dos servicios prestados por consultores externos a empresas para a elaboración e presentación de propostas a convocatorias de axuda nacionais e europeas en materia de investigación e desenvolvemento aplicados tales como as que convoca o CDTI ou as incluídas dentro do Quinto Programa Marco da Unión Europea ou

outras de natureza similar. Os ditos consultores deberán ter experiencia demostrable neste tipo de actividades.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 70% do custo da actuación subvencionable no caso de investigación industrial básica e do 45% no caso de investigación aplicada e desenvolvemento. Para tal efecto rexerá o disposto no punto 1º do artigo 9 do Decreto 309/1995. Para actuacións contidas no punto b) do artigo 4º, as axudas non superarán o 45% do importe cun máximo de 1.000.000 de pesetas por beneficiario.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas terase en conta a traxectoria da empresa en actividades de I+D, a calidade do proxecto, a contribución do proxecto ó desenvolvemento da empresa e do sector, a contribución do proxecto á xeración de coñecemento tanto na empresa como nos centros ou institutos, a aplicabilidade práctica dos resultados do proxecto, a contribución do proxecto a unha mellor explotación dos recursos dispoñibles en Galicia, o carácter cooperativo do proxecto e a mellor utilización da capacidade dispoñible nas infraestructuras de apoio á innovación existentes na Comunidade Autónoma galega.

TÍTULO II

Tramitación administrativa

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro da Presidencia ou ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou a través dalgunha das formas previstas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entra as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o efecto disponse dun modelo de solicitude informática nas páxinas de Internet: http://www.cesga.es/sxid e en http:///www.xunta.es/conselle/preside/sxid.

O prazo para a súa presentación será de 25 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo modelo que figura nos anexos I e II desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Memoria explicativa do proxecto, que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das súas actividades principais, descrición detallada do proxecto que desexan acometer e efectos esperados.

-Para as actuacións referidas na alínea a) do artigo 4º deberá indicarse na memoria o instituto, centro tecnolóxico ou departamento universitario co que se asinará o contrato de cooperación, así como unha breve descrición dos mecanismos de cooperación que se establecen nel e as responsabilidades da cada unha das partes no proxecto.

-Para as actuacións da alínea b) do artigo 4º, documentación acreditativa da experiencia do consultor externo contratado.

-Orzamento desagregado da actuación.

-Calendario de execución, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran no proxecto (mes de inicio/mes finalización).

-Incluirase, segundo o anexo III, declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública, indicando a súa contía; declaración expresa que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido pola Delegación Provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial en que conste tal circunstancia.

-Copia compulsada da licencia fiscal ou NIF/CIF, así como xustificante de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e de estar ó día no seu pagamento.

-Documento público acreditativo do poder con que actúe o solicitante e fotocopia do seu DNI.

-No caso de empresas, asociacións ou agrupacións de empresas acollidas ó réxime de exención do IVE, documentación acreditativa desta.

-No caso de asociacións ou agrupacións de empresas, copia compulsada do estatuto da dita entidade ou documento acreditativo da natureza e réxime xurídico do solicitante, incluíndose a xustificación da inscrición no rexistro correspondente.

Artigo 9º.-Corrección de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Valoración dos proxectos.

Servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos requisitos administrativos.

As solicitudes, acompañadas do dito informe serán valoradas de acordo co disposto na Resolución do 28 de decembro de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta do 18 de decembro de 1998.

Artigo 11º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión técnica de valoración, o conselleiro de Presidencia e Administración Pública e o de Industria e Comercio dictarán resolución conxunta. Na resolución especificarase a partida orzamentaria á que se imputa a axuda e, en consecuencia, o centro directivo que se encargará dos correspondentes pagamentos.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de tres meses contados desde o día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexítima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións, expresas ou presuntas, que se dicten ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpor, se é o caso, recurso potestativo de reposición, ou ben

directamente recurso contencioso-administrativo, nos termos que establezan os artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, e o 46.1º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A resolución de concesión determinará, polo menos, o importe do orzamento subvencionable, de acordo co establecido no artigo 4º desta orde, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos polo artigo 6º e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo os orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. En caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais, que pasen do exercicio de 1999, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, tendo en conta o prazo de execución do investimento, e rexerá o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

No caso de proxectos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderán realizarse anticipos ou pagamentos parciais, a conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determina o artigo 35.dous.B) e) da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Artigo 13º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá ter realizado antes do 15 de novembro do ano que corresponda, as actuacións que foron obxecto de subvención, debendo presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou na Secretaría Xeral de Investigación

e Desenvolvemento a documentación acreditativa de ter realizado o investimento que estará formada por tres exemplares dos seguintes documentos:

-Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

-Para as actuacións incluídas na alínea a) do artigo 4º, copia do contrato asinado entre a empresa beneficiaria da axuda e o instituto, centro tecnolóxico ou departamento universitario.

-Para as actuacións da alínea b) do artigo 4º, xustificante acreditativo da presentación da proposta elaborada á correspondente convocatoria nacional ou europea.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación, que incluirá copia das facturas correspondentes ou documento equivalente. Será necesario presenta-las facturas orixinais para comproba-la veracidade das copias presentadas.

-Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

-No caso de tratarse dunha subvención plurianual, xustificante acreditativo da constitución por tempo indefinido de aval bancario (ou de entidade aseguradora) que garanta o importe da anualidade do que se está tramitando o seu pagamento así como os seus correspondentes xuros de demora (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea no momento vixente), por un prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 14º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o establecido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso das actuacións incluídas no punto a) do artigo 4º as cantidades que deban percibi-las institucións públicas participantes de acordo co previsto na presente orde e o estipulado no contrato asinado, poderanse librar directamente á institución pública con cargo á aplicación 07.04.432A.740 dentro dos límites de dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 15º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varían o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidos no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondente cambios, solicitando a conformidade á Consellería da Presidencia e Administración Pública ou a Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro do ano correspondente. A conformidade expresa da consellería correspondente ás ditas modificacións requirirá informe favorable da Secretaria Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, segundo o caso, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

Artigo 16º.-Reducción e concorrencia de axudas.

Cando a actuación realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda poderá reducirse proporcionalmente.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, pro

cederá o reintegro do exceso percibido á Administración Autónoma, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e o reintegro da cantidade percibida e os seus xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior e ó que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico da administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, terá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposiciones derradeiras

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicten as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 1999.

Jaime Pita VarelaAntonio Couceiro Méndez

Conselleiro da PresidenciaConselleiro de Industria

e Administración Públicae Comercio