Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 14 de setembro de 1999 Páx. 11.206

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Fene.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Fene que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-7-1999, subscrito en representación da parte económica polo representante do concello, e da parte social polo comité de empresa o día 9-4-1999 e ratificado polo Pleno do Concello do 6-5-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscricióin no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 29 de xullo de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Fene 1999

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación a todo o persoal que preste os seus servicios para o Concello de Fene, baixo o réxime de contratación laboral.

Artigo 2º.-Vixencia temporal.

O convenio entrará en vigor, calquera que sexa a data da súa publicación no BOP o día 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do 2000.

A vixencia do presente convenio será de dous (2) anos, que rematará o 31 de decembro do 2000.

Artigo 3º.-Revisión.

As táboas salariais serán revisadas anualmente, con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, tendo a equiparación salarial ó persoal funcionario que realice as mesmas funcións.

Capítulo II

Réxime de traballo

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo establécese en 1.576 horas anuais de traballo efectivo.

Artigo 5º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias son aquelas que se realizan por riba da xornada laboral acordada. Por norma non se poderán facer nunca horas extraordinarias, quedando estas prohibidas. Tan só se poderán facer as imprescindibles para o bo funcionamento do servicio e garanti-la hixiene dos centros escolares e edificios públicos do concello, non podendo nunca supera-lo tope establecido no artigo 35 do Estatuto dos traballadores polo cal, no caso de ter que cubrir unha ausencia ou baixa por enfermidade, licencia ou vacacións, o concello estará obrigado a respecta-lo aquí acordado, polo que tería no caso de supera-lo límite establecido que contratar a unha nova persoa na modalidade de interinidade (artigo 15.1º do ET).

A hora extraordinaria é un 75% máis que o valor da hora normal.

O módulo para o seu cálculo é o seguinte:

Retribución anual/1.576= valor hora normal.

Valor hora normalx1,75= valor hora extra.

Artigo 6º.-Licencias e permisos.

Sen prexuízo do establecido no Estatuto dos traballadores, desfrutarán, se é o caso, os que teña recoñecido o persoal funcionario do concello.

Capítulo III

Retribucións

Artigo 7º.-Vacacións.

Todo o persoal terá dereito a 1 mes de vacacións ó ano, ó igual que o persoal funcionario do concello. Serán retribuídos a salario real. O período de desfrute será o acordado entre o concello e o comité de persoal laboral. Para o persoal de limpeza dos colexios nunca poderá cadrar en período de actividade escolar.

Artigo 8º.-Retribucións salariais.

A estructura salarial está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Complemento de antigüidade.

-Complemento de convenio.

-Pagas extras.

Artigo 9º.-Salario base.

O salario base será o establecido nas táboas salariais anexas a este convenio.

Artigo 10º.-Complemento e antigüidade.

Todo o persoal terá un complemento de antigüidade por trienio consolidado que será retribuído segundo aparece nas táboas salariais anexas a este convenio.

Artigo 11º.-Complemento de convenio.

Establécese un complemento por cantidade e calidade de traballo para todo o persoal que será para tódolos efectos un concepto salarial, retribuído segundo as táboas salariais anexas a este convenio.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

As pagas extras serán dúas e faranse efectivas do seguinte xeito:

-A paga extra de Día da Patria Galega coa mensualidade de xuño.

-A paga extra do Nadal coa mensualidade de novembro.

Cada paga extra retribuirase como unha mensualidade completa máis a razón de: salario base, complemento de antigüidade e complemento de convenio.

Artigo 13º.-Complemento de nocturnidade para o persoal de recollida do lixo.

1. O complemento de nocturnidade devengarase en once mensualidades (non se devengará o mes de vacacións).

2. O valor do complemento de nocturnidade será de 43.329 ptas. brutas cada mensualidade, o que fai un cómputo anual de 476.649 ptas. brutas.

3. Este complemento soamente será de aplicación para todo o persoal de recollida do lixo que realice o seu cometido no horario de 21 horas a 2 horas 50 minutos de maneira permanente e continuada.

4. O valor do complemento de hora nocturno será de 303 ptas. brutas, e será de aplicación ó persoal que por necesidades do servicio teña que incorporarse ó horario mencionado no punto 3, sempre e cando a permanencia neste horario non exceda da mensualidade; no caso contrario, aplicaríase o complemento do punto 2.

Artigo 14º.-Traballo en período festivo.

Enténdese por traballo en período festivo o realizado no tempo que medie entre as 22 horas da véspera e as 22 horas de cada domingo ou festivo.

Capítulo IV

Categorías profesionais

Artigo 15º.-Categorías profesionais.

Sen prexuízo das que poidan establecerse ou definirse no futuro, as categorías recollidas no convenio son as seguintes:

1. Encargado de redacción e locución.

2. Redactor locutor.

3. Pedagogo.

4. Asistente social.

5. Responsable da Axencia de Desenvolvemento Local.

6. Director de formación ocupación.

7. Administrador de instalacións deportivas municipais.

8. Administrativo.

9. Técnico de control e son.

10. Técnico de redacción e locución.

11. Auxiliar administrativo.

12. Conserxe de formación ocupacional.

13. Oficial de limpeza.

14. Persoal de limpeza.

15. Asistente a domicilio.

16. Peón.

Artigo 16º.-Definición e funcións.

As categorías establecidas no artigo anterior defínense da maneira seguinte:

a) Encargado de redacción e locución. É o profesional que con titulación superior ou media, e baixo as directrices do alcalde ou concelleiro ou organismo no que estea delegada esta facultade, ten encomendada a dirección e organización da emisora municipal.

Así mesmo, será o encargado da producción, programación, elaboración, difusión e locución dos programas radiofónicos desta.

b) Redactor locutor. É o profesional que con titulación superior ou media, e baixo a supervisión e control do encargado de redacción e locución, realiza tarefas similares a este, agás as de dirección da emisora.

c) Pedagogo. Realización de traballos e actividades necesaria para a realización dos proxectos de prevención de drogodependencias a través dos servicios sociais municipais.

d) Asistente social. Realización das funcións propias da súa titulación e, especificamente: orientar e informa-los órganos de goberno e os cidadáns sobre recursos sociais ofertados polas diferentes administracións, prestacións, dereitos, etc.

e) Responsable da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local. A realización das funcións de dinamización e xeración de novas actividades no medio rural con repercusión de emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral. Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de iniciativas locais de emprego, de proxectos pilotos de acción rural e outros proxectos empresariais. Difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividade entre desempregados, promotores, emprendedores e institucións colaboradoras. Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos. Servicio Galego de Colocación e Formación Ocupacional.

f) Director de formación ocupación e promoción do emprego. É o profesional que, con titulación superior ou media, e baixo as directrices do alcalde ou concelleiro ou organismo no que estea delegada esta facultade, organiza, planifica, desenvolve e executa todo tipo de plans de accións formativas, profesionais e de emprego que acometa o concello. Así mesmo, será o responsable da organización e dirección do persoal adscrito á formación e emprego, para consegui-los obxectivos fixados.

g) Administrador de instalacións deportivas municipais. É o profesional que, con titulación de bacharelato, FP2 especialidade administrativo ou titulación equivalente, realice as funcións de: executar e facer cumpri-los acordos dos órganos de goberno da corporación, administrar e inspecciona-los servicios das instalacións, velar pola boa conservación das instalacións e material, supervisa-los labores dos servicios de conserxería, vixilancia, limpeza e mantemento das instalacións, expedi-los carnés de usuarios das instalacións deportivas e cobra-las correspondentes taxas, elaborar informes mensuais, asignar horarios, e calquera outra de natureza análoga que expresamente lle confira a corporación.

h) Administrativo. É o profesional que, con titulación de formación profesional de 2º grao ou BUP, realiza todo tipo de tarefas administrativas como mecanografía, taquigrafía, contabilidade, arquivo, xestión e control de todo tipo de expedientes relacionados co departamento ó que está adscrito e en xeral todas aquelas complementarias a estas.

i) Técnico de control e son. É o profesional que con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, está encargado da instalación, mantemento e control de toda clase de aparellos eléctricos, electrónicos ou mecánicos relacionados coas instalacións radiofónicas do concello, tanto no estudio como no exterior, así como tarefas complementarias que se deriven da producción e emisión de programas.

j) Técnico de redacción e locución. É o profesional que con titulación mínima de formación profesional de 2º grao, BUP ou equivalente, está encargado da elaboración, difusión e locución dos programas radiofónicos que se lle encomenden.

k) Auxiliar administrativo. É o profesional que con titulación de FP de 1º grao, ou equivalente, está encargado da realización de tarefas de mecanografía, taquigrafía, despacho de correspondencia, cálculo, manexo de ordenadores e máquinas, arquivo de documentos e outros similares.

l) Conserxe de formación ocupacional. É o subalterno que ten encomendadas as tarefas de conservación, vixilancia e control de acceso a todo tipo de locais e dependencias do concello, así como efectuar labores que se lle encomenden relacionadas coa dependencia ou servicio ó que está adscrito, tales como recados, recoller e entregar correspondencia e similares.

m) Oficial de limpeza. Terá as mesmas funcións e tarefas do persoal de limpeza. Así mesmo, será o encargado do control de asistencia do persoal ó seu cargo, distribución e organización do traballo, control e reparto do material de limpeza, baixo as directrices do alcalde, concelleiro ou organismo no que estea delegada esta facultade.

n) Persoal de limpeza. É o personal que ten encomendadas as tarefas de limpeza de toda clase de locais e dependencias do concello.

o) Asistente a domicilio. É o personal que ten encomendadas as tarefas a través dos servicios sociais municipais de limpeza da vivenda e axuda ó usuario naquelas tarefas que por razón de idade ou enfermidade non pode realizar.

p) Peón. É o personal que ten encargadas as funcións de limpeza de locais e dependencias do concello así como rúas, cortado de herba, poda, etc. En xeral todas aquelas complementarias ó dito posto.

Capítulo V

Outras disposicións

Artigo 17º.-Complemento por incapacidade laboral transitoria.

O persoal laboral percibirá desde o primeiro día de baixa, derivada de calquera continxencia, un complemento que garanta a percepción do 100% das súas retribucións.

Artigo 18º.-Xustificantes médicos.

Será obriga do concello, proporcionarlle ó persoal laboral os volantes de asistencia médica, para uso no caso de enfermidade. Este volante asinado polo médico e debidamente cuberto deberá ser suficiente como xustificante do tempo de ausencia do persoal.

Artigo 19º.-Póliza de seguros.

O persoal afectado polo presente convenio, estará cuberto por unha póliza de seguros nas mesmas condicións que o persoal funcionario, así como no plan de xubilación.

Artigo 20º.-Revisión médica.

Todo o persoal laboral terá dereito e obriga de pasar unha revisión médica anual que será por conta do concello, así como para o persoal de recollida

do lixo que poderá vacinarse contra gripe, hepatites B e tétano.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

O concello estará obrigado a entregar anualmente a seguinte roupa de traballo:

-Dous mandilóns ou faenas.

-Un par de zocos ou calzado de traballo.

-Dous panos.

-Os pares de guantes necesarios para o desempeño do traballo.

Artigo 22º.-Absorción e compensación.

As condicións pactadas neste convenio compensan e absorben outra calquera con anterioridade, formando un todo orgánico e indivisible.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e aplicación do presente convenio, constituirase unha comisión paritaria, composta polos delegados de persoal ou comité, e unha representación do concello con igual número de membros. Esta comisión reunirase por petición de calquera das partes que a compoñen.

Artigo 24º.-Réxime disciplinario.

Potestade disciplinaria. Os traballadores poderán ser sancionados polos órganos da dirección do concello en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen neste capítulo, e en estricta aplicación do procedemento establecido.

Graduación. As faltas disciplinarias dos traballadores cometidas con ocasion ou como consecuencia do seu traballo, poderán ser en atención á súa importancia, reincidencia, reiteración e intencionalidade: leves, graves ou moi graves.

a) Serán faltas leves:

a.1) A incorrección ou falta de atención co público, compañeiros, subordinados ou superiores.

a.2) A neglixencia, atraso ou descoido escusable no cumprimento dos seus deberes.

a.3) A non comunicación, coa debida antelación, da falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

a.4) A falta de puntualidade, sen causa xustificada, ó horario de traballo establecido no centro, ata tres días no período dun mes, sempre que non exceda no seu conxunto de sesenta minutos ó mes.

a.5) O descoido na conservación dos locais, instalacións, material e documentos dos servicios.

a.6) A falta de aseo ou hixiene persoal, a embriaguez e toxicomanía, se repercuten negativamente no traballo, así como calquera conducta ou actitude, durante o exercicio do traballo, que supoña prexuízo para a imaxe.

a.7) Ausentarse do centro, posto ou lugar de traballo sen autorización expresa da dirección.

b) Serán faltas graves:

b.1) A indisciplina e desobediencia no traballo; o incumprimento de ordes e instruccións dos superiores en relación co traballo e o exercicio da venda.

b.2) O incumprimento das obrigas concretas do posto de traballo e as neglixencias das que se deriven, ou poidan derivarse, prexuízos graves para o servicio, conservación de locais.

b.3) O atraso inescusable no cumprimento das instruccións recibidas, ou a súa obstaculización.

b.4) A grave desconsideración cos compañeiros, superiores, subordinados e público.

b.5) As faltas de puntualidade no horario de traballo establecido no centro, sen causa xustificada, de catro a seis días no período dun mes, sen que exceda en ningún caso de 120 minutos no prazo de 30 días.

b.6) Non comunicar coa puntualidade debida os partes de baixa ou confirmación de ILT.

b.7) Empregar para usos propios, sen autorización, material e instalacións da entidade, se se producen prexuízos, ou o traballador obtén disto un beneficio particular.

b.8) O abandono ou desatención das funcións propias do posto de traballo sen causa xustificada.

b.9) A reincidencia na comisión de tres faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo semestre, cando teñan mediado sancións por elas.

c) Serán faltas moi graves:

c.1) A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza, a concorrencia e competencia desleais, así como calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

c.2) A manifesta e reiterada indisciplina ou desobediencia no traballo. Incorrerá tamén nesta falta o seu instigador ou inductor.

c.3) A negativa a prestar traballo de carácter extraordinario imprevisto e inaprazable, cando o ordene por escrito o xefe correspondente.

c.4) A denuncia de roubo ou expoliación que resulte falsa ou non axustada á realidade.

c.5) A falta de asistencia ó traballo, non xustificada, durante dous días ou máis no período dun mes.

c.6) As faltas reiteradas de puntualidade, non xustificadas, máis de seis días no período dun mes, ou máis de doce días no período de tres meses.

c.7) A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

c.8) As ofensas verbais sempre que supoñan prexuízo grave e manifesto para a dignidade ou imaxe dos compañeiros, superiores, subordinados ou público.

c.9) Agresións físicas ós compañeiros, superiores, subordinados ou público.

c.10) Realizar traballos por conta propia ou allea estando en situación de baixa laboral, así como realizar calquera outro acto fraudulento tendente a conseguir ou prolongar esta situación.

c.11) A simulación de enfermidade ou accidente.

c.12) Realizar actividades particulares durante a xornada de traballo, en detrimento grave do servicio.

c.13) A reincidencia nas faltas graves, ou moi graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun período de seis meses, cando mediase sancións.

Sancións.

1. As sancións que poderán impoñerse en función da cualificación de faltas serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de catro a vinte días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de vinteún a sesenta días.

-Traslado forzoso.

-Despedimento.

Tódalas sancións impostas serán executivas desde o día seguinte ó da súa notificación ó interesado. O tempo de suspensión disciplinaria non dará lugar a ningunha percepción retributiva, nin será computado como servicios prestados para ningún efecto.

2. A falta continuada de asistencia ó traballo sen causa xustificada que se prolongue durante un período dun mes, entenderase como abandono ou dimisión, quedando extinguida a relación contractual de acordo co disposto no artigo 49.4º do Estatuto dos traballadores.

Procedemento.

1. Nos casos de faltas cualificadas como leves, non será necesaria a instrucción de expedientes.

2. Non poderán impoñerse sancións por faltas graves ou moi graves se non en virtude de expediente contradictorio incoado para o efecto no que se dará audiencia ó interesado, e ó comité de empresa ou delegados de persoal, facéndolles sabe-lo dereito que os asiste a seren oídos no expediente. O interesado disporá dun prazo de 10 días naturais, contados desde a notificación do prego de cargos, para presenta-las alegacións que coide pertinentes en defensa dos seus dereitos. No mesmo prazo de 10 días poderá emitir un informe a representación legal dos traballadores.

Así mesmo, darase audienica ó delegado sindical acreditado polo sindicato no que o traballador esti

vera, se é o caso, afiliado, se o concello coñecera este dato.

3. De toda sanción darase traslado por escrito ó traballador, quen deberá xustifica-la recepción da comunicación. Nela describiranse claramente os actos constitutivos da falta, da data da súa comisión, graduación, e a sanción adoptada pola entidade.

Na citada comunicación faráselle saber ó interesado o dereito que o asiste para solicita-la revisión da sanción ante a xurisdicción laboral.

As resolucións disciplinarias por faltas graves e moi graves deberánselle comunicar ó presidente do comité de empresa, ou delegado de persoal.

4. Naqueles expedientes disciplinarios nos que a proposta de resolución sexa de despedimento, será oído o comité de forma previa á resolucióin.

Prescrición.

1. As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días a partir da data na que a empresa teña coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se ter cometido.

2. Estes prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente disciplinario, sempre que a duracióin deste, no seu conxunto, non supere o prazo de tres meses, a partir da incoación do prego de cargos, sen mediar culpa do traballador expedientado.

Garantías dos representantes dos traballadores.

1. Para a imposición de sancións por faltas graves ou moi graves ós representantes legais dos traballadores será preciso expediente contradictorio coa audiencia do comité cando se trate de representantes de ámbito estatal, ou dos demais representantes dos traballadores cando o seu ámbito sexa o do centro de traballo.

2. Os representantes legais dos traballadores non poderán ser despedidos nin sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, sempre que o despedimento ou sanción se basee na acción do traballador no exercicio da súa representación, sen prexuízo, por tanto, do establecido no artigo 54 da Lei 8/1980. Así mesmo, non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional en razón precisamente do desempeño da súa representación.

3. Os delegados sindicais, no suposto de que non formen parte do comité de empresa, terán as mesmas garantías que as establecidas legalmente para os membros do comité de empresa.

Outras garantías. Todo traballador poderá dar conta por escrito por si, ou a través dos seus representantes sindicais ou legais, dos actos que supoñan faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral. O concello a través do órgano directivo ó que estivera

adscrito o interesado, abrirá a oportuna información e adoptará as medidas disciplinarias ou de calquera outra índole que en cada caso procedan, das que dará conta á representación do traballador dentro do prazo máximo de trinta días.

Disposición adicional

As retribucións pactadas neste convenio son as recollidas no anexo, enténdese referidas á xornada ordinaria de traballo. Por conseguinte, o persoal con xornada reducida percibiraas en proporción á xornada efectivamente traballada.

Disposición derradeira

No non previsto por este convenio aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e disposicións de desenvolvemento.

Acórdase remitir este convenio colectivo, unha vez aprobado polo Pleno do Concello á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para o seu rexistro e publicación no BOP.

Cláusula de denuncia

A denuncia do presente convenio realizarase con dous meses de antelación á finalización da súa vixencia; de non realizarse a mencionada denuncia, considérase prorrogado o convenio en tódolos artigos.

ANEXO

Denominación do postoSalario

base/mes

Plus

convenio/mes

Total anualValor

trienio/mes

Encargado Redac. locución172.09747.7803.078.2784.855

Redactor locutor172.09719.0452.675.9884.855
Pedagogo/a172.09714.3762.610.6224.855

Asistente social147.0009.6192.192.6664.855

Responsable axencia D.L.147.00011.9712.225.5944.855

Director formación172.09740.7803.078.2784.855

Administrativo126.28034.1792.246.4263.644

Técnico de son126.28034.1792.246.4263.644

Auxiliar administrativo100.00046.9752.057.6502.434

Administrador do pavillón126.28034.1792.246.4263.644

Técnico Redac. e locución126.28034.1792.246.4263.644

Oficial limpeza100.00054.4232.161.9222.434

Conserxe formación Ocupac.100.00054.4232.161.9221.825

Persoal limpeza100.00050.4162.105.8241.825

Peón100.00032.3581.853.0001.825

Asistente a domicilio100.00027.2921.782.1001.825