Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 14 de setembro de 1999 Páx. 11.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 248/1999, do 9 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto CV 323 Ponte dos Gozos-Parada de Sil, obra 472/POL/1999.

O Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), en sesión do día 18 de maio de 1999, aprobou o proxecto de CV 323 Ponte dos Gozos-Parada do Sil, obra nº 472/POL/1999 e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 16 de xullo de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque este tramo (entre os pp.kk. 18+200 e 19+000) presenta perigosas curvas e está entre outros dous xa alargados con cargo a planos anteriores, que reúnen características xeométricas moito mellores cás do proxecto que nos ocupa. Este feito é causa de perigo e de accidentes para os vehículos e autobuses que percorren unha ruta tan emblemática e importante para a provincia como é a da Ribeira Sacra.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución

das obras do proxecto de CV 323 Ponte dos Gozos-Parada do Sil, obra nº 472/P.O.L./1999.

Santiago de Compostela, nove de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais