Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servicios Semat, S.A. e os seus traballadores adscritos ó servicio de xestión e explotación da Torre de Hércules

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Servicios Semat, S.A. e os seus traballadores adscritos ó servicio de xestión e explotación da Torre de Hércules que tivo entrada nesta delegación provincial o día 30-6-1999, subscrito en representación

da parte económica pola empresa, e, da parte social polo delegado de persoal o día 8-7-1999 e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegacion provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 15 de xullo de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo que regula a relación entre

a empresa Servicios Semat, S.A. e os traballadores

adscritos ó servicio de xestión e explotación

da Torre de Hércules

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais da empresa Servicios Semat, S.A. e os seus traballadores adscritos á Torre de Hércules.

Artigo 2º.-Ámbito xeográfico.

O ámbito xeográfico deste convenio circunscríbese ó citado servicio.

Artigo 3º.-Duración.

O convenio entrará en vigor o 1 de xullo de 1999 e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro do 2000.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes asinantes poderá denuncia-la expiración da vixencia do citado convenio, debéndoo facer cun mínimo de tres meses antes do respectivo vencemento.

A denuncia farase efectiva mediante comunicación fidedigna á outra parte e á Dirección Provincial de Traballo.

De non mediar denuncia anticipada del, prorrogarase automaticamente e levará consigo incremento de tódolos conceptos económicos pactados equivalente ó IPC do ano anterior máis 0,5 puntos.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que a xurisdicción laboral declarase contrario ás disposicións legais vixentes no momento do asinamento do convenio algún dos pactos del, este quedará nulo na súa totalidade, comprometéndose ámbalas partes a renegocialo de novo.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

1. Co obxecto de velar pola correcta aplicación e cumprimento do contido deste convenio, créase unha comisión mixta paritaria que entenderá de tódalas cuestións relacionadas coa interpretación das normas contidas nel.

2. A comisión mixta paritaria estará formada por dous traballadores e dous representantes da empresa. Cada parte poderá nomear un asesor que terá voz pero non voto.

3. Para que exista un acordo requirirase o voto acorde da metade máis un dos membros da comisión.

4. Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta na que figurarán as decisións tomadas, e deberán ser asinadas tódalas actas pola totalidade dos membros asistentes a elas.

5. A comisión reunirase cando o solicite unha das partes.

Capítulo II

Xornada laboral

Artigo 7º.-Xornada.

A xornada laboral será de trinta e cinco horas semanais.

Artigo 8º.-Horarios.

A xornada laboral nunca será superior a oito horas diarias e cando se realicen de forma continuada haberá un período de descanso de vinte minutos.

Entre quenda e quenda de traballo terán que transcorrer como mínimo doce horas.

Os cuadrantes de traballo serán negociados co comité de empresa ou delegados de persoal, e será obrigatoria a súa exposición nos taboleiros de anuncios de cada centro de traballo con quince días de antelación. A xornada de descanso será a indicada nos cuadrantes de traballo.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal terá vacacións retribuídas de trinta días naturais. Aqueles traballadores cunha antigüidade inferior a un ano desfrutarán os días correspondentes por vacacións de forma proporcional á súa antigüidade.

O calendario de vacacións será pactado entre a empresa e a representación dos traballadores.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Os traballadores poderán ter permisos retribuídos nos seguintes casos:

-Por nacemento de fillo: 4 días.

-Por matrimonio do traballador: 16 días.

-Por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou parella estable e ata segundo grao de consanguinidade: 4 días.

-Por matrimonio de fillo ou pais: 1 día.

Cando se teña que realizar un desprazamento de máis de 300 km corresponderanlle dous días máis en cada caso.

-Por traslado de domicilio habitual: 2 días.

-En caso de visita médica nos servicios da Seguridade Social e mediante xustificación de consulta, concederase o tempo necesario para ela.

-O traballador terá dereito a desfrutar de xornada retribuída de 4 días de asuntos propios para o ano 2000.

Capítulo III

Emprego, contratación e ascensos

Artigo 11º.-Ascensos e promoción.

Cando nas empresas se produzan vacantes, se creen ou aumenten certos postos de traballo (tanto mandos intermedios como de categorías medias), antes de contratar persoas alleas a ela tratarase de cubrir estas prazas con traballadores do cadro de persoal, pasándose a cubri-la vacante que estes orixinen polas novas contratacións.

Cando un traballador realice traballos de categoría superior durante máis de 90 días ininterrompidos ou de 120 días alternos dentro do mesmo ano, concederáselle-la categoría superior, figurando con ela na correspondente escala.

Tódolos traballadores que realicen estudios, regrados ou non regrados, poderán solicitar quenda de traballo adecuada a eles, e a súa concesión, unha vez estudiada e aprobada, realizarase por acordo entre os representantes dos traballadores e a empresa. Os permisos necesarios serán dunha hora retribuída durante a duración do curso. Deberase presentar xustificante da duración do dito curso así como do seu horario.

Para concorrer a exames facilitaráselle-lo tempo necesario retribuído, e será imprescindible a xustificación da asistencia ós mencionados exames.

Todos aqueles cursos ós que a empresa ordene asistir, se fosen realizados fóra da xornada laboral, serán considerados horas extraordinarias e, en calquera caso, tódolos gastos serán por conta da empresa.

Capítulo IV

Axudas sociais

Artigo 12º.-Incapacidade temporal.

Para os supostos de incapacidade temporal acórdase o seguinte:

Durante as ausencias por incapacidade temporal a empresa aboará ó seu cargo, a partir do primeiro día, en caso de hospitalización ou intervención cirúrxica, independentemente de que se trate de

accidente de traballo, enfermidade común ou accidente non laboral, durante o tempo en que se manteña a situación de IT un complemento ás prestacións da Seguridade Social, de tal xeito que entre ambos se cubra o 100% da retribución bruta por tódolos conceptos.

En caso de IT por enfermidade común comezarase a cobra-lo 100% da retribución bruta por tódolos conceptos a partir do sétimo día da baixa.

Artigo 13º.-Xubilación.

Establécese para o persoal que se xubile anticipadamente unha gratificación na contía seguinte:

-Ós 64 anos: 300 000 pesetas.

-Ós 63 anos: 350 000 pesetas.

-Ós 62 anos: 400 000 pesetas.

-Ós 61 anos: 500 000 pesetas.

-Ós 60 anos: 600 000 pesetas.

Capítulo V

Dereitos sindicais

Artigo 14º.-Información sobre a contratación.

A dirección da empresa está obrigada a facilitar ós representantes sindicais información periódica sobre contratación, que incluirá:

-Previsións en materia de emprego e contratación.

-Modalidades de contratación.

-Grao de cumprimento das previsións anteriores.

Esta información entregarase trimestralmente. Os sindicatos asinantes do presente convenio serán consultados previamente á adopción de decisións empresariais en materia de:

-Número de traballadores que se van contratar.

-Modalidades de contratos e número deles.

-Data de celebración de contratos e duración.

-Modo de selección de persoal.

Liquidación de contratación: o aviso previo de extinción de contrato deberá ir acompañado de proposta de liquidación con quince días de antelación ó momento do cesamento, que deberá especificar con toda claridade os conceptos debidos ó traballador, correspondentes a atrasos de convenio e os derivados da aplicación da cláusula de revisión.

Os membros do comité de empresa poderán acumula-las horas entre si. O sindicato que teña vinte afiliados e a sección sindical constituída terá dereito a dezaseis horas mensuais.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 15º.-Asistencia xurídica.

Tódolos traballadores terán dereito a que a empresa lles proporcione a asistencia de avogado e procurador desde o inicio ó final do proceso xurídico,

nos casos en que pola prestación e durante o desenvolvemento do seu cometido, se producise algún tipo de incidente que dese lugar a proceso xudicial. Así mesmo, se se vise obrigado a acudir a un xulgado ou comisaría de policía fóra da súa xornada laboral, será compensado como horas extraordinarias o tempo para iso, salvo dolo ou culpa por parte do traballador.

Artigo 16º.-Seguro de vida e invalidez.

Establecerase unha póliza de seguros de vida ou invalidez para tódolos traballadores durante a súa permanencia en activo, consistente nunha indemnización de 3.000.000 de pesetas. A póliza terá efectos desde que se asine o convenio. As primas dese seguro son por conta da empresa, a cal deberá dar copia ós traballadores.

Indemnización por falecemento: a empresa aboará tres mensualidades compostas por tódolos conceptos do mes completo no que faleza sen ter en conta o día en que tal feito ocorra; a cantidade que se aboará por loito será de 100.000 pesetas.

Artigo 17º.-Protección ó embarazo.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o seu embarazo un posto de traballo e unha quenda distintos ós seus, se existise prescrición do facultativo que atende o embarazo, sen modificación de categoría nin mingua dos seus dereitos económicos.

En caso de baixa por IT, durante o embarazo a traballadora terá dereito a percibi-lo 100% de tódolos conceptos salariais.

A traballadora embarazada terá dereito a permisos retribuídos para preparación ó parto, así como a elixi-la data das súas vacacións regulamentarias.

Capítulo VII

Retribucións salariais

Artigo 18º.-Pagas extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias que se denominarán de verán, beneficios e Nadal, en contía de salario base e antigüidade. As ditas pagas percibiranse nas primeiras quincenas de xullo, setembro e decembro, respectivamente.

Artigo 19º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio devengará as antigüidades de acordo coas seguintes táboas:

-De 3 a 6 anos: 5 %.

-De 6 a 9 anos: 10 %.

-De 9 a 12 anos: 15 %.

-De 12 a 15 anos: 20 %.

-De 15 a 18 anos: 25 %.

-De 18 a 21 anos: 34 %.

-De 21 a 24 anos: 50 %.

-De 24 ou máis anos: 60 %.

Artigo 20º.-Complemento de polivalencia.

Dadas as especiais características deste servicio, no cal á parte da dilixencia na atención ós usuarios, os traballadores se ven obrigados dentro do seu grupo profesional a efectuar diversos labores nunha mesma xornada, dependendo da afluencia de visitantes, establecerase o citado complemento como de polivalencia funcional, sendo o seu importe o indicado nas táboas adxuntas e a súa suba equivalente ós incrementos que se vaian producindo segundo o convenio colectivo.

Artigo 21º.-Compensación festivos.

Tódolos traballadores percibirán 2.000 pesetas diarias cando traballen en domingos ou festivos.

Este complemento será rateado en proporción ás horas efectivamente traballadas.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

As partes comprométense a reducir ó mínimo indispensable as horas extras, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extras que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou danos extraordinarios ou urxentes, así como o risco de que se perdan as materias primas: realización.

b) Horas extraordinarias habituais: supresión.

c) Horas extraordinarias estructurais, serán as necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas: realización.

d) As partes comprométense ó estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Revisión salarial.

Para o ano 2000 realizarase unha revisión o 1 de xaneiro do 2000 consistente no IPC do ano anterior máis 0,5 puntos sobre tódolos conceptos salariais, regularizándose co IPC real máis medio punto, sempre que sexa superior ó previsto.

Artigo 24º.-Uniformidade.

A empresa dotará os traballadores de uniforme de verán e de uniforme de inverno, así como as roupas de abrigo e calzado, necesarios en cada posto de traballo.

Artigo 25º.-Subrogación.

Este artigo ten como finalidade garanti-la estabilidade no emprego dos traballadores deste sector, cando unha empresa cese na adxudicación dos servicios contratados dun cliente, público ou privado, por rescisión, por calquera causa, de contrato de arrendamento de servicios, a nova empresa adxudicataria está, en todo caso, obrigada a subrogar a tódolos traballadores do cadro de persoal, calquera que sexa a modalidade de contratación deles e/ou categoría laboral. A relación de traballadores do

cadro de persoal constatarase mediante a presentación dos seguros sociais (modelo TC-2).

Disposición transitoria

Grupo profesional I.

-Criterios xerais: os traballadores pertencentes a este grupo profesional contan para o desempeño das súas tarefas con propia autonomía e responsabilidade sobre o ámbito ou unidade de traballo que lles fose encomendado.

Tal desempeño tradúcese na realización de cometidos relacionados coa organización e control dos procesos de traballo que se vai realizar e, se é o caso, dos traballadores que os levaron a cabo, así como a súa motivación, integración e formación.

Grupo profesional II.

-Criterios xerais: os traballadores pertencentes a este grupo profesional contan para o desempeño das súas tarefas con certo grao de autonomía para executar ou realizar tarefas no ámbito da súa competencia, así como para proceder á resolución de problemas técnicos ou prácticos propios do seu campo de actuación. Deben seguir para estes efectos normas, directrices ou procedementos ordinarios ó uso na empresa.

Estes traballadores prestarán a súa colaboración ós do grupo profesional I e poderanos substituír nas súas ausencias.

Grupo profesional III.

-Criterios xerais: os traballadores pertencentes a este grupo están suxeitos ó seguimento de instruccións detalladas para o desempeño das súas tarefas que consisten en operacións instrumentais básicas, simples, repetitivas, mecánicas ou automáticas, de apoio ou complementarias.

Estes grupos profesionais son enunciativos e non implican que se cubran todos. Do mesmo xeito ámbalas partes comprométense en cada negociación do convenio a revisar este punto para facer un encadramento dos traballadores, que estean adscritos ás diversas contratas nas que nese momento preste os seus servicios a empresa.

Táboa salarial ano 1999

ConceptosGrupo 1Grupo 2Grupo 3

Salario base95.00085.00075.000

Plus de polivalencia15.00015.00015.000

Plus de transporte12.00012.00012.000

Total122.000112.000102.000