Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 1999 pola que se publica o convenio asinado o día 28 de xullo de 1999 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixa de Aforros de Vigo, Caixa de Aforros de Pontevedra, Caixa de Aforros de Ourense, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para o financiamento de estudios universitarios de terceiro ciclo.

Dunha parte Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro de 1983, da Xunta e do seu presidente.

Doutra parte Carlos Bravo Franco, con DNI: 72.427.026, actuando en nome e representación do Banco Pastor.

José Manuel Fernández García, con DNI: 34.231.540-L, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Galicia.

Manuel Arca Castro, con DNI: 76.855.938-N, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Vigo.

Roberto Rodríguez Moreira, con DNI: 36.034.233-H, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Pontevedra.

José Luis Veiga Varela, con DNI: 33.769.627, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Ourense.

José Conles Fuentes, con DNI: 76.853.490-W, actuando en nome e representación do Banco Gallego.

Ubaldo Rodríguez Carreiras, con DNI: 32.437.690-P, e Ramón Salvador Gómez Blanco, con DNI: 35.207.372-F, actuando en nome e representación do Banco Simeón.

Francisco Botas Ratera, con DNI: 32.782.987-Y, actuando en nome e representación do Banco Etcheverría.

Tódalas partes recoñécense con capacidade xurídica para actuar no presente acto

EXPOÑEN:

I. Que é obxecto da Xunta de Galicia a realización dun programa de axudas dirixidas a apoiar financeiramente os estudiantes universitarios da comunidade galega, que reúnan unha serie de requisitos que se determinarán mediante as oportunas convocatorias públicas.

II. Entre os obxectivos das entidades financeiras galegas arriba indicadas, está cubrir todos aqueles programas que teñan por finalidade eleva-lo nivel cultural, educativo e científico da comunidade onde se asenta, así como colaborar nos programas de

fomento da ocupación e de inserción laboral de tódolos colectivos en xeral e do de estudiantes recentemente titulados en particular.

III. Dentro da filosofía das ditas entidades financeiras de fomenta-lo emprego, as entidades procurarán dedica-los esforzos necesarios para facilita-la inserción laboral dos estudiantes beneficiarios, mediante dous tipos de medidas:

a) Concesión de préstamos en condicións preferenciais, unha vez finalizada a posibilidade de acollerse á convocatoria de préstamos subsidiados.

b) Promove-la realización de prácticas profesionais nas empresas dos grupos financeiros das ditas entidades, e facilita-la realización de prácticas noutras empresas clientes delas, mediante a subscrición dos oportunos convenios de colaboración.

En virtude diso

ACORDAN:

Primeiro.-Obxecto do convenio.

O obxecto deste convenio é establece-la forma e características en que se desenvolverá a colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as entidades financeiras indicadas, para a concesión de créditos ós estudiantes universitarios de terceiro ciclo que reúnan os requisitos e condicións que establezan as oportunas convocatorias oficiais.

Segundo.-Beneficiarios do préstamo.

Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado os estudiantes da comunidade galega matriculados en estudios universitarios de 3º ciclo que cumpran as condicións establecidas na convocatoria.

Terceiro.-Características do préstamo.

Os préstamos terán a contía e condicións seguintes:

-Contía: a contía será de 500.000 pesetas ó ano, sen prexuízo da súa posible acumulación nos termos que máis adiante se indican.

-Tipo de xuro: o tipo de xuro aplicable será do 4% tipo fixo durante a vixencia do convenio.

-Comisións: poderá establecerse unha comisión de apertura, por unha única vez, do 0,50%.

-Garantías: con carácter xeral poderá esixirse para a concesión dos créditos o aval ou garantía dun familiar ou titor do estudiante.

-Prazo de duración e amortización: o prazo de amortización de capital será de tres anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Tódolos prazos se computarán contando desde o inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral constante de capital e xuros. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen penalización ningunha.

Cuarto.-Financiamento dos xuros.

Os xuros serán financiados da seguinte forma:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento do 1,34% dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo, con cargo ós orzamentos do presente exercicio económico, sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de 3 anos, de acordo co disposto en cada convocatoria se as necesidades presupostarias da consellería así o permitisen. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.

b) A entidade financeira pola que opte o alumno farase cargo dun tercio dos xuros, sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada no punto a) anterior. Nos casos de caixas de aforros, esta axuda poderá computarse con cargo ó orzamento da obra socio-cultural.

c) A terceira parte dos xuros restante será a cargo do alumno prestatario, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. Polo tanto, o préstamo liquidarase ó alumno ó tipo de xuro neto do 1,33% nominal anual. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería citada no punto a) desta cláusula, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 4% nominal anual.

Quinto.-Publicación das convocatorias e concesión dos préstamos.

A Xunta de Galicia publicará anualmente a convocatoria de concesión de préstamos subsidiados e resolveraas no prazo previsto na propia convocatoria.

A Xunta de Galicia facilitará ás entidades financeiras a relación de beneficiarios dos préstamos subsidiados no prazo dos 7 días seguintes á resolución da convocatoria, para que as entidades poidan tramita-la formalización dos préstamos no prazo dun mes.

As entidades financeiras remitirán copia á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos contratos de préstamo que formalicen entre os beneficiarios da dita convocatoria no prazo de quince días desde que se subscriban os contratos.

O importe global máximo dos créditos que se vaian conceder para o curso 1999/2000 será de setecentos millóns de pesetas (700.000.000 ptas.), con carácter experimental.

Sexto.-Comisión de seguimento.

Co obxecto de asegura-la precisa eficacia no logro dos obxectivos propostos, créase unha comisión de seguimento do programa, que terá como función primordial a de avalia-la súa aplicación.

Estará integrada por unha representación paritaria das partes asinantes, ás que someterá os seus informes e conclusións.

Sétimo.-Prazo de vixencia e denuncia.

A duración do presente convenio será desde o día da súa sinatura ata o 31 de decembro de 1999. O convenio prorrogarase anualmente, salvo denuncia dalgunha das partes.

Será causa suficiente para a rescisión automática por denuncia do presente convenio o incumprimento de calquera das cláusulas.

Non serán tramitadas as solicitudes de préstamos que, con cargo a este convenio, sexan presentadas con posterioridade á data da notificación da súa denuncia feita fidedignamente.

Da denuncia do convenio, a Dirección Xeral de Universidades dará oportuna conta ás entidades financeiras participantes neste convenio.

E para que así conste, en proba de conformidade logo da a súa lectura, asinan o presente convenio no lugar e data «ut supra».

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 1999.

José Eduardo López Pereira

Director xeral de Universidades