Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de agosto de 1999 pola que se autoriza o centro privado de formación profesional Sanitex de Vigo, para imparti-lo ciclo formativo de grao superior de documentación sanitaria.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro privado de formación profesional Sanitex de Vigo, polo que se solicita autorización definitiva para imparti-lo ciclo formativo de grao superior de documentación sanitaria.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Real decreto 777/1998 (BOE 8 de maio) polo que se desenvolven determinados

aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, Real decreto 543/1995 (BOE do 5 de xuño) polo que se establece o título de técnico superior en documentación sanitaria, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que desenvolve o antedito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado de formación profesional Sanitex de Vigo para poder imparti-lo ciclo formativo de grao superior de documentación sanitaria, segundo se especifica no anexo da presente orde.

Segundo.-Nos ciclos formativos de grao superior, que o dito centro ten autorizados, de hixiene bucodental e próteses dentais, modifícase a ratio alumnos/unidade segundo se especifica no anexo da presente orde.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-O centro que pola presente orde se autoriza, deberá cumpri-la Norma Básica da Edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Quinto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Enderezo: Ramón y Cajal nº 16 (Esq. Gran Vía nº 70).

Código do centro: 36020210.

Denominación: centro de formación profesional Sanitex.

Titular: Héctor Juan Lobaina Maresma.

Ensinanzas que se autorizan:

Familia profesional: sanidade.

1 ciclo formativo de grao superior de documentación sanitaria (1 unidade para 20 alumnos).

Composición resultante:

1 ciclo formativo de grao superior de hixiene bucodental (1 unidade para 20 alumnos).

1 ciclo formativo de grao superior de próteses dentais (2 unidades para 20 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de documentación sanitaria (1 unidade para 20 alumnos).