Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de xullo de 1999 pola que se autoriza definitivamente a implantación dos ciclos formativos de grao superior Desenvolvemento de Productos Electrónicos e Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, ó centro privado Montecastelo de Vigo.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro privado Montecastelo de Vigo, polo que se solicita autorización para poder imparti-los ciclos formativos de grao superior de Desenvolvemento de Productos Electrónicos e Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, Real decreto 620/1995 (BOE do 9 de agosto ), polo que se establece o título de técnico superior en Desenvolvemento de

Productos Electrónicos, Real decreto 1661/1994 (BOE do 30 de setembro), polo que se establece o título de técnico superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, Decreto 223/1997 (DOG do 21 de agosto), polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que o mencionado centro ten autorización definitiva para impartir 12 unidades de educación primaria, 8 unidades de educación secundaria obrigatoria e 6 unidades de bacharelato coas modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar-lo centro privado Montecastelo de Vigo para poder imparti-los ciclos formativos que se relacionan no anexo. As ensinanzas, que pola presente orde se autorizan, deberanse desenvolver en sesións de tarde-noite, tendo en conta que as instalacións do dito centro, non reúnen os requisitos para a presencia simultánea da totalidade do alumnado das ensinanzas que se imparten xunto coas que por esta orde se autorizan.

Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Terceiro.-O centro que pola presente orde se autoriza, deberá cumpri-la Norma Básica da Edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo esto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Enderezo: rúa Doutor Paz Pardo, 84, A Gandariña.

Código do centro: 36011191.

Denominación específica: Montecastelo.

Titular: Fomento de Centros de Enseñanza Sociedad Anónima.

Ensinanzas que se autorizan, en quenda de tarde-noite:

1 ciclo formativo de grao superior de desenvovemento de productos electrónicos da familia profesional de electricidade e electrónica. 2 unidades para 30 alumnos/unidade.

1 ciclo formativo de grao superior de Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas da familia profesional de informática. 2 unidades para 30 alumnos/unidade.

Composición resultante:

Quenda: diurno.

a) Centro de educación primaria: 12 unidades.

b) Centro de educación secundaria: 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.

c) Centro de bacharelato: 6 unidades coas modalidades de ciencias da natureza e da saúde; humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.

Queda: tarde-noite.

1 ciclo formativo de grao superior de Desenvolvemento de Productos Electrónicos. 2 unidades para 30 alumnos/unidade.

1 ciclo formativo de grao superior de Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas. 2 unidades para 30 alumnos/unidade.