Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 08 de setembro de 1999 Páx. 11.038

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 26 de agosto de 1999, de delegación de competencias nos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Comunidade Autónoma galega.

A fórmula da delegación competencial é utilizada polas administracións públicas co fin de conseguir unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos administrativos, en beneficio tanto do funcionamento da Administración como dos administrados.

Unha vez publicada a Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e tendo en conta o seu fin principal, como é o de garantirlles ós cidadáns de Galicia un acceso rápido, oportuno e equitativo á atención farmacéutica que necesiten, a experiencia aconsella neste momento delegar nos Colexios Oficiais de Farmacéuticos a tramitación de determinados expedientes.

Todo isto sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e logo de conformidade dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos

DISPOÑO:

Artigo único

Delégase nos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra:

1. A tramitación e proposta de resolución dos seguintes expedientes en relación coas oficinas de farmacia:

a) Autorización de novas oficinas, unicamente ata o momento procedemental da proposta de resolución de autorización nos municipios que poidan contar con novas oficinas de farmacia, segundo o disposto

na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

b) Autorización de locais para apertura e posta en funcionamento.

c) Traslado e modificación de locais.

d) Transmisión e peche.

2. A tramitación e autorización dos nomeamentos de rexente, substituto e adxunto de oficinas de farmacia, sen prexuízo de que a toma de posesión dos interesados se efectúe ante os órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. O establecemento, nos termos previstos na normativa de aplicación, de horarios, quendas de servicios de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, sen prexuízo da correspondente comunicación á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais