Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 08 de setembro de 1999 Páx. 11.037

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de agosto de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Meendinho e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Meendinho, con domicilio en Ourense, rúa Nosa Señora da Saínza, 14-1ºB.

Supostos de feito:

Primeiro.-José Manuel Aldea Moscoso, na súa calidade de vicepresidente da fundación, en escrito do 21 de maio de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 26 de abril de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia César Cunqueiro González-Seco co número oitocentos oitenta e tres do seu protocolo, por Bernardo Penabade Rei, Guadalupe-María-Lourdes Ces Rioboo, Ramón Piñeiro Almuiña, Rosa-María Verdugo Matés, María-Beatriz Arias López, José-Manuel Aldea Moscoso, María-Eugenia Pedreira Sánchez, Isaac Alonso Estravis, María-Manuela Rivera Cascudo, Carlos Penela Martín, que interveñen en nome propio e dereito como fundadores e, ademais, Bernardo Penabade Rei como mandatario sen poder de José-Ramón Rodríguez Fernández.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Meendinho, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei

7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 27 de xullo de 1999 (DOG do 9 de agosto) clasificouse como de interese cultural a Fundación Meendinho, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é contribuír para a plena normalización da lingua e a cultura galega ben como para a súa proxección e divulgación nacional e internacional. Así mesmo, terá como finalidade impulsar e promover ideas e proxectos que leven a un potenciamento dos históricos lazos culturais e lingüísticos con tódolos países de fala portuguesa, especialmente co veciño Portugal. Estes fins inspíranse, non só en razóns históricas, senón tamén na idea de supresión de fronteiras culturais que se abre camiño na Europa actual.

Para o cumprimento destes fins, a fundación fomentará a literatura, artes plásticas, música tradicional e moderna, vídeo, cinema, etnografía, socioloxía, intercambios docentes, viaxes cultuais e tódolos traballos que contribúan a unha maior relación de Galicia coa cultura portuguesa. As actividades referidas serán levadas a cabo pola fundación na medida en que o permitan os seus medios económicos e de acordo cos programas concretos que, en cada caso, sexan aprobados pola xunta do padroado.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Meendinho, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Bernardo Penabade Rei como presidente, José-Manuel Aldea Moscoso como vicepresidente, María-Manuela Rivera Cascudo como secretaria e Rosa María Verdugo Matés como tesoureira.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27. 26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Meendinho, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21. 2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Meendinho.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada

a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo