Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 03 de setembro de 1999 Páx. 10.913

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 1999 pola que se convoca un seminario galego-luso sobre formas de xestión dos servicios públicos locais.

A EGAP, dentro do programa operacional europeo Interreg-II para 1999, organiza un seminario galego-luso sobre formas de xestión dos servicios públicos locais.

Colaboran nesta actividade, co patrocinio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal as seguintes institucións:

-A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Xunta de Galicia.

-A Direcção Regional de Administração Autárquica do Norte de Portugal.

-O Instituto de Gestão e Administração Pública do Porto.

-A Deputación Provincial de Lugo.

1. Obxectivos.

Mellora-lo coñecemento dos asistentes sobre as modalidades xestoras dos servicios públicos locais, desde a perspectiva da lexislación galega e portuguesa, a través dun intercambio de experiencias entre expertos de ámbalas dúas comunidades.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As concesións administrativas. Situación actual.

-As empresas de economía mixta actual.

-A cooperación transfronteiriza: experiencias actuais.

-Os contratos na Administración local: obras concertadas, servicios e bens.

-A contratación da xestión de servicios públicos locais: o caso de Portugal.

-As empresas públicas municipais: modelo xurídico portugués.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas e portuguesas, e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado desenvolverase no salón de sesións da Deputación Provincial de Lugo (r/ San Marcos s/n, da citada cidade), os días 22 e 23 de setembro de 1999.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 20 de setembro de 1999.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, o día 21 de setembro, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública