Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 03 de setembro de 1999 Páx. 10.910

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de agosto de 1999 pola que se convocan cursos en colaboración coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Dentro do programa de actividades da EGAP para 1999, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse en colaboración coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria os cursos que figuran no anexo, que deberán desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

As solicitudes de admisión para os cursos, segundo o modelo que figura ó final da convocatoria, dirixiranse á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e presentaranse no seu rexistro xeal ou en calquera das súas delegacións provinciais sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Prazo.

O prazo de presentación de instancias será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución.

Terceira.-Selección.

Os criterios de selección serán os que figuran no anexo, atendendo ás características de cada curso, respectando en todo caso os criterios selectivos sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública, do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149 do 3 de agosto).

Cuarta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta

de asistencia inxustificada do 15% das horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do certificado.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, que supere o 15% das horas lectivas programadas, imposibilitará igualmente a expedición do certificado, e dará lugar á baixa do curso con perda de tódolos dereitos.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

-Curso: Informática aplicada en producción vexetal.

1. Obxectivos.

Actualiza-los coñecementos específicos en producción vexetal.

2. Destinatarios.

Persoal que intervén na execución de programas de producción vexetal da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. Criterios de selección.

Daráselles prioridade ás solicitudes daqueles funcionarios e persoal contratado que teñan máis relación cos temas de producción vexetal, tanto na xestión administrativa como na execución dos programas de campo.

4. Desenvolvemento.

4.1. Número de edicións: 1.

4.2. Duración de cada curso: 20 horas.

4.3. Datas: outubro ou novembro de 1999, a data de comezo e lugar de realización, notificaráselles persoalmente ós seleccionados.

4.4. Horario: das 9 a 20 horas, horario de mañá e tarde segundo o día.

4.5. Número de prazas: 20.

5. Contido.

Nocións básicas do programa informático Arc View. Manexo e concepto das funcións, correspondentes a xeneralidades e aplicacións da ferramenta Arc View para a xestión de datos -numéricos e cartográficos e unha aplicación específica de Arc View adaptada ó Rexistro Vitivinícola Comunitario, como instrumento técnico indispensable para o mellor coñecemento da situación real da viticultura galega, para a recollida de información que implica, así como o seu control e xestión por parte do Servicio de Pro

ducción Vexetal da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Curso: Informática aplicada ó laboratorio.

1. Obxectivos.

Mellora-los coñecementos específicos para a utilización da informática no laboratorio.

2. Destinatarios.

Persoal do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

3. Criterios de selección.

Daráselles prioridade ás solicitudes daqueles funcionarios e persoal fixo que teñan relación, tanto na análise das mostras como no seu rexistro.

4. Desenvolvemento.

4.1. Número de edicións: 1.

4.2. Duración de cada curso: 40 horas.

4.3. Datas: setembro de 1999, a data de comezo e o lugar de realización, notificaráselles persoalmente ós seleccionados.

4.4. Lugar: Guisamo.

4.5. Horario: de 16 a 20 horas, de luns a venres.

4.6. Número de prazas: 20.

5. Contido.

Nocións básicas de informática. Manexo dun procesador de textos, folla de cálculo, base de datos, etc. e as súas aplicacións específicas ó cálculo e presentación de resultados analíticos.

-Curso: calidade nos laboratorios. Técnicas analíticas instrumentais.

1. Obxectivos.

Mellora-los coñecementos específicos en materia de calidade nos laboratorios acreditados, e nos fundamentos das distintas espectrometrías e cromatografías.

2. Destinatarios.

Persoal analista e auxiliares de laboratorio da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. Criterios de selección.

Daráselles prioridade ás solicitudes do persoal fixo do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

4. Desenvolvemento.

4.1. Número de edicións: 1.

4.2. Duración de cada curso: 40 horas.

4.3. Datas: outubro de 1999, a data de comezo e o lugar de realización, notificaráselles persoalmente ós seleccionados.

4.4. Lugar: Mabegondo

4.5. Horario: de 16 a 20 horas, de luns a venres.

4.6. Número de prazas: 20.

5. Contido.

Análise da norma EN 45001. Elaboración de procedementos. Calibración de equipos e cálculo de incertezas. Validación de métodos. Auditorías internas de calidade. Técnicas espectrométricas. Técnicas cromatográficas.

-Curso: técnicas analíticas de laboratorio. Interpretación de resultados de productos agrarios e agroalimentarios.

1. Obxectivos.

Mellora-los coñecementos nas técnicas analíticas de laboratorio e na interpretación dos resultados da análise de productos agroalimentarios.

2. Destinatarios.

Persoal de laboratorio da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. Criterios de selección.

Daráselles prioridade ás solicitudes do persoal fixo no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia con preferencia dos analistas e auxiliares de laboratorio.

4. Desenvolvemento.

4.1. Número de edicións: 1.

4.2. Duración de cada curso: 40 horas.

4.3. Datas: novembro de 1999, a data de comezo e o lugar de realización notificaráselles persoalmente ós seleccionados.

4.4. Lugar: Mabegondo.

4.5. Horario: de 16 a 21 horas.

4.6. Número de prazas: 20.

5. Contido.

Volumetrías. Gravimetrías. Outras técnicas analíticas. Limpeza do material e preparación de reactivos, principais fontes de erro nos resultados analíticos. Preparación de mostras, técnicas analíticas e interpretación de resultados na análise de: medios da producción agraria; productos para alimentación animal; productos derivados da vide; aceites; productos lácteos; productos cárnicos, conservas, meles e outros; residuos no medio agrario; fitopatoloxía.