Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 02 de setembro de 1999 Páx. 10.864

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 1999 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de prazas de auxiliares de servicios vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Aprobada por Resolución do 10 de agosto de 1995 a oferta de emprego público para 1995 de persoal de administración e servicios da Universidade da Coruña,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17), modificado polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e ó obxecto de atende-las necesidades de auxiliares de servicios,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir 31 prazas de auxiliares de servicios da Universidade da Coruña, destinados a realizar tarefas de apoio na área de conserxería nos distintos centros e servicios desta universidade.

A totalidade de prazas convocadas reservaranse para seren cubertas pola quenda inicial de promoción interna por persoal laboral fixo da Universidade da Coruña, pertencente á categoría distinta cá das prazas convocadas.

As prazas que non sexan cubertas pola quenda de promoción interna, por non teren acadado os aspirantes a puntuación mínima esixida para a superación das correspondentes probas ofertaranse ó resto dos aspirantes polo sistema xeral de acceso libre.

Do total de prazas resultantes para o sistema de acceso libre resérvanse 3 para seren cubertas entre persoas con minusvalidez de grao igual ou superior ó 33 por cento, de conformidade co previsto na disposición adicional décimo novena da Lei 30/1984, do 2 de agosto.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntaráselle focotopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados

a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade na Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doctor Vázquez Cabrera, s/n CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

1.2. Os dereitos de exame serán de 5.015 pesetas que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas da Caixa Postal, na conta corrente número 1302-1700-42-0017957982, «Probas selectivas para auxiliares de servicios», ó nome da Universidade da Coruña. A solicitude deberá ir acompañada do resgardo acreditativo do ingreso, do que a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os méritos da fase de concurso correspondentes á antigüidade e ós servicios prestados polos aspirantes á Universidade da Coruña deberán acreditarse mediante certificación expedida pola Xerencia, referida á data de publicación no DOG da presente convocatoria, que será incorporada á solicitude.

1.4. Os aspirantes que concorran ás prazas reservadas para quen teña a condición legal de minusvalidez deberán formula-la correspondente opción coa declaración expresa de reuni-la condición esixida ó respecto.

1.5. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade, poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, de se-lo caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.6. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitido ás realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou te-la nacionalidade de calquera dos demais estados membros da Unión Europea, logo de acreditación dela, neste último caso.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do certificado de estudios primarios ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Igualmente, os aspirantes dos paises da CEE deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Os aspirantes pola quenda de promoción interna deberán reunir ademais os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de persoal laboral fixo da Universidade da Coruña.

b) Pertencer a categoría distinta cá das prazas convocadas na presente convocatoria.

c) Os aspirantes pola quenda de promoción interna quedarán exentos do requisito de titulación esixido no punto c) do punto anterior.

2.3. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de finaliza-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas, o tribunal cualificador establecerá, para as persoas con minusvalidez que o tivesen demandado na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade do aspirante pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de auxiliar de servicios, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa

do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para emenda-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo, o rector dictará resolución da que declarará aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 9.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no artigo 13 do R.D. 364/1995 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación os seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será de seis meses desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

8. Lista de aprobados.

8.1. Concluído o exercicio da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de celebración do exercicio, así como naqueloutros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes neste, así como a de cada unha das probas que o compoñen.

8.2. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o exercicio da fase de oposición.

8.3. O tribunal publicará a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles opositores que, en número non superior ó das prazas convocadas e tendo acadado a puntuación mínima esixida para a primeira proba do exercicio da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final, con indicación da puntuación total obtida por cada un deles. Estas listas serán confeccionadas independentemente para cada quenda de acceso e segundo a orde de puntuación final acadada por cada aspirante. Os opositores que non se encontren incluídos nesta relación terán a consideración de non ter aprobado as probas selectivas, único extremo respecto do que o tribunal poderá certificar.

8.4. O tribunal elevará ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde de esta puntuación final por cada quenda de acceso, con proposta de que se formalicen con eles os correspondentes contratos de traballo.

9. Presentación de documentos.

9.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título de esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea deberán acreditar estes requisitos nos termos previstos na Lei 17/1993, do 23 de decembro.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

e) Certificado dos órganos competentes da Comunidade Autónoma que acredite a condición legal de minusvalidez, se é o caso.

9.2. Os aspirantes pola quenda de promoción interna estarán exentos de xustifica-las condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento ou contrato indefinido.

9.3. O órgano competente poderá requirir, respecto das persoas que ingresen pola quenda de discapacitados, dictame do órgano mencionado no punto 3.2 desta convocatoria sobre a compatibilidade do candidato co posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

10. Contratación e incorporación ó posto de traballo.

10.1. Formalizados debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, serán contratados como auxiliares de servicios da Universidade da Coruña.

10.2. A adxudicación de postos de traballo efectuarase de acordo coas peticións dos interesados entre os postos ofertados a eles, segundo a orde de puntuación obtida no proceso selectivo dentro de cada quenda de acceso. A este respecto, os aspirantes que accedan pola quenda de promoción interna terán preferencia para cubri-los postos convocados, sobre os aspirantes que non procedan desta quenda. Na adxudicación dos restantes postos daráselles prioridade ós aspirantes da cota de discapacitados.

10.3. O período de proba será de dous meses, durante os cales o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións correspondentes ás áreas de conserxería da Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril), que aproba o Regulamento xeral de ingreso de persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e os estatutos desta universidade, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei de 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (BOE do 27), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso ordinario contra os actos do tribunal cualificador

das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 27 de xullo de 1999.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización dun exercicio composto das seguintes probas, que se realizarán conxuntamente:

1ª proba: consistirá na contestación a un cuestionario de preguntas tipo test sobre o contido do programa que se especifica no anexo II.

2ª proba: consistirá na contestación a un cuestionario de preguntas tipo test sobre coñecementos de lingua galega.

Os aspirantes, pola quenda de promoción interna estarán exentos da realización da segunda proba.

B) Valoración e tempo de realización do exercicio.

A primeira proba do exercicio da fase de oposición valorarase de 0 a 20 puntos, non puntuándose negativamente as respostas incorrectas. A segunda proba valorarase de 0 a 5 puntos.

Para supera-lo exercicio precisarase obter un mínimo de 8 puntos na primeira das probas de que se compón este.

O tempo de realización do exercicio será establecido polo tribunal cualificador discrecionalmente.

Fase de concurso.

Quenda de promoción interna: valoraranse os servicios prestados como persoal laboral fixo na Universidade da Coruña, en calquera categoría laboral distinta á das prazas convocadas a razón de 0,40 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 10 puntos.

Quenda libre: valoraranse os servicios prestados como contratado laboral non permanente na área de conserxería pola Universidade da Coruña, a razón de 0,40 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 10 puntos.

Sistema de puntuación.

A puntuación final de cada aspirante virá determinada pola suma total de tódalas puntuacións acadadas na fase de concurso e no exercicio da fase de oposición.

No caso de empate na puntuación final entre dous aspirantes, o tribunal decidirá despois dunha entrevista que tratará sobre as funcións propias da praza.

ANEXO II

Programa das probas

Tema 1.-A Constitución Española: dereitos e deberes fundamentais.

Tema 2.-Creación, réxime xurídico e estructura das universidades. Natureza e fins da Universidade da Coruña.

Tema 3.-Estructura e organización da Universidade da Coruña: departamentos, escolas, centros, institutos universitarios e centros adscritos.

Tema 4.-O Goberno da Universidade da Coruña: órganos colexiados e órganos unipersoais.

Tema 5.-O persoal da universidade: o persoal de administración e servicios.

Tema 6.-Información, orientación e asistencia ó usuario.

Tema 7.-Distribución de correspondencia: recollida, entrega, tratamento, manipulación e clasificación simple da documentación e correspondencia. Recados e mensaxes.

ANEXO III

Tribunal cualificador

-Titulares.

Presidente: Alejandro Pazos Sierra. Vicerrector de Organización Docente e Profesorado

Vocais:

Víctor Manuel Cabrera Sánchez. Xerente da Universidade da Coruña

Cristina Ribao Álvarez. Auxiliar administrativo.

Manuel Romero Beade. Representante dos traballadores.

Salvador Peña Díaz. Representante dos traballadores.

Secretario: Justiniano Rodríguez Soto. Xefe do Servicio de Persoal

-Suplentes

Presidente: José Ramón Soraluce Blond. Vicerrector de Infraestructuras e Servicios.

Vocais:

Alfonso Barca Lozano. Secretario xeral da universidade.

Alfonso Vidal Carnota. Xefe da Sección de Estudiantes.

Mª. Josefa Padín García. Representante dos traballadores.

Mª. José Grueiro Maroño. Representante dos traballadores.

Secretario: Luis Vázquez López. Xefe da Sección de Xestión de Persoal.