Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 01 de setembro de 1999 Páx. 10.805

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 245/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu título cuarto, onde recolle e regula un conxunto de factores estrictamente educativos que favorecen a calidade e mellora do ensino, sinala, en primeiro lugar, a cualificación e a formación do profesorado. En concreto, no artigo 56 establece que a formación permanente é un dereito e unha obriga de todo o profesorado e, consecuentemente, unha responsabilidade da Administración educativa. Despois de concretar ese deber na realización periódica de actividades de actualización científica, didáctica e profesional nos centros educativos, nas institucións formativas específicas, nas universidades e nas empresas, tamén define o deber da Administración educativa de fomentar tres elementos claros da formación permanente do profesorado: os programas, a creación de centros ou institutos para o seu desenvolvemento e a colaboración con universidades, Administración local e outras institucións.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros

docentes non universitarios, no seu título preliminar, artigo 1.c), fundamenta a garantía dun ensino de calidade, entre outros elementos, no impulso e estímulo á formación continua e ó perfeccionamento do profesorado, xunto coa innovación e a investigación educativa. No artigo 32 da citada lei amósase unha especial preocupación pola actualización e o perfeccionamento da cualificación profesional do profesorado e pola adecuación dos seus coñecementos e métodos á evolución do campo científico e da metodoloxía didáctica no ámbito da súa actuación docente. Finalmente, na disposición adicional sexta faise unha mención explícita á participación do profesorado nos seus plans de formación.

Con posterioridade á promulgación destas dúas leis orgánicas xorde unha serie de normas que as desenvolven: os Decretos 342/1996 e 374/1996, onde se recollen, respectivamente, os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria, das escolas de educación infantil e dos colexios de educación infantil e primaria; o Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados e o Decreto 120/1998, que regula a orientación educativa e profesional. Nesta normativa asígnanselle ó profesorado novas funcións como son, entre outras, a coordinación, dinamización, titoría, atención á diversidade, etc., das que se desprende a necesidade de articular plans de formación permanente que lle proporcionen as estratexias adecuadas para abordar con éxito a dinamización dos centros educativos, a optimización dos recursos humanos e materiais e a posta en marcha de plans de mellora da calidade da educación.

As modificacións introducidas pola LOXSE e demais disposicións que a desenvolven, no modelo de ensino-aprendizaxe, e as rápidas transformacións que se están producindo na sociedade demandan un profesorado motivado, dotado da necesaria competencia profesional, que fomente o traballo en equipo, que sexa quen de enfronta-las novas funcións que se lle atribúen (titoría, participación na organización do centro, integración, atención á diversidade, etc.) e cunha capacidade de comunicación e diálogo que axude ó alumnado a aprender por si mesmo.

Este perfil do profesorado require, pola súa vez, unha formación permanente centrada na aula, orientada ó traballo en equipo, sensible ás necesidades do profesorado, ás demandas sociais e ás recomendacións dos organismos internacionais, e aberta á colaboración con institucións de prestixio no ámbito educativo.

Polo tanto, un sistema de formación que pretenda responder adecuadamente a estes principios deberá dispor duns servicios de apoio integrados, coordinados e dotados duns profesionais debidamente capacitados para realizar unha oferta formativa de calidade.

Por outra banda, nestes momentos vénse desenvolvendo en Galicia un plan de formación permanente do profesorado no que participan diferentes institucións e servicios de apoio que, pola súa vez, están regulados por distintas normas.

Así, os centros de recursos, concibidos como lugares de encontro e intercambio de experiencias, de información e de apoio técnico para o profesorado, están regulados polo Decreto 198/1986, do 12 de xuño.

A través do Decreto 42/1989, do 23 de febreiro, creáronse os centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios, configurados como entes de apoio e perfeccionamento do profesorado, así como o instrumento para levar a termo as actividades de innovación e renovación pedagóxica, a dinamización e axudas ós centros de ensino, e o apoio, fomento e difusión de investigacións e experiencias educativas.

Pola Orde do 6 de maio de 1993, e dentro do Plan de Aplicación das Novas Tecnoloxías na Educación en Galicia (Panteg), fíxose unha convocatoria pública para a provisión de postos de monitores deste programa, que tiñan como cometido, entre outras funcións, o desenvolvemento de actividades formativas sobre as novas tecnoloxías da información.

Perante esta situación, ponse de manifesto a necesidade de reestructurar non só o deseño global da formación continua do profesorado desta Comunidade Autónoma senón tamén as estructuras que posibilitan a súa realización. E, polo tanto, cómpre unifica-la normativa que regula a creación e o funcionamento dos distintos servicios de apoio á formación do profesorado e establecer unha única estructura de formación que aglutine as existentes e permita lograr unha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, consultado o Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e definición

Artigo 1º

1. Este decreto ten por finalidade regula-la formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios en centros docentes públicos e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a planificación aprobada pola Administración educativa.

2. A formación permanente do profesorado desenvolverase a través do Servicio de Formación do Profesorado e dos centros de Formación e Recursos, sen prexuízo da posible participación doutras institucións.

Artigo 2º

1. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria aprobará, periodicamente, o Plan marco de formación do profesorado, de duración plurianual, no que se expresarán os obxectivos e as liñas prioritarias de formación para o período correspondente.

2. O Plan marco desenvolverase a través de plans anuais de formación do profesorado, aprobados pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que conterán o conxunto de accións formativas que se realizarán durante cada curso escolar, preferentemente polos centros de Formación e Recursos. Esta preferencia entenderase sen prexuízo da participación, nas condicións que se determinen, doutros departamentos da Administración, das universidades, empresas e outras institucións.

Capítulo II

Elaboración e aprobación das accións de formación

permanente do profesorado

Artigo 3º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral competente, exercerá as seguintes funcións:

a) Establece-los principios xerais que orienten a formación do profesorado de ensinanzas non universitarias, a súa programación, coordinación, seguimento e avaliación.

b) Elabora-lo Plan Marco e propoñelo para a súa aprobación polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Elaborar, coa participación dos centros de Formación e Recursos, e aproba-los plans anuais de formación do profesorado.

d) Definir, proporcionar, distribuír e realiza-lo seguimento e control dos recursos necesarios para a consecución dos obxectivos previstos no plan anual.

e) Promove-la investigación e a aplicación de novos métodos á formación do profesorado.

f) Propicia-la colaboración con outras entidades e institucións no deseño e a execución de accións de formación continua do profesorado.

g) Levar a cabo procesos de avaliación sobre a elaboración e execución dos plans de formación do profesorado.

Artigo 4º

1. Créase, como órgano asesor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en materia de formación do profesorado, a Comisión Asesora de Formación do Profesorado, que forma parte dos órganos colexiados da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria previstos no artigo 12 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo.

2. A Comisión Asesora de Formación do Profesorado estará presidida polo director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e integrada por:

a) Os seguintes representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O director xeral de Centros e Inspección Educativa , o director xeral de Persoal e o director xeral de Política Lingüística.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-O inspector xefe da Inspección Central.

-Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Catro directores de centros de Formación e Recursos, un por provincia, designados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Un representante de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia coas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten asinados convenios de colaboración sobre formación do profesorado, con categoría de director xeral.

c) Un representante de cada unha das universidades galegas.

d) O xefe do Servicio de Formación do Profesorado, que actuará como secretario.

3. Os membros da Comisión Asesora de Formación do Profesorado serán nomeados polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria por proposta do titular do órgano ou ente respectivo.

Artigo 5º

A Comisión Asesora de Formación do Profesorado terá as seguintes funcións:

a) Emitir informe do Plan marco e os plans anuais de formación do profesorado que o desenvolvan.

b) Emitir informe da normativa de carácter xeral relativa á formación do profesorado.

c) Asesorar sobre os procesos de seguimento e avaliación que se establezan en relación coa formación do profesorado, coñecer e valora-los resultados e formular, se procede, propostas de mellora.

d) Formular propostas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria sobre a creación ou supresión dos centros de Formación e Recursos.

e) Informar e asesorar sobre outras actuacións que teñan como obxectivo a formación do profesorado.

Artigo 6º

1. No Servicio de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria integraranse os asesores especialistas de área ou materia, familia profesional, ensinanzas de réxime especial, educación infantil e orientación educativa,

que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desempeño das funcións que se establecen no artigo 3º deste decreto.

2. Os asesores do Servicio de Formación do Profesorado serán nomeados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en réxime de comisión de servicios, con reserva do posto de traballo de orixe, por un período dun ano, renovable ano a ano ata un máximo de seis, establecéndose un proceso de avaliación do exercicio da súa actividade que, no caso de ser positiva, determinará a súa continuidade. Rematado o período de seis anos, e para poder optar de novo ó desempeño desta función, os asesores deberán incorporarse ó exercicio da docencia durante dous cursos polo menos.

Estes asesores serán seleccionados previamente por concurso público de méritos entre os funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias, e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo III

Institucións encargadas da execución das accións

de formación

Artigo 7º

1. Os centros de Formación e Recursos son órganos que teñen como obxectivos a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas non universitarias, o intercambio de experiencias e reflexións sobre os procesos educativos e a dinamización pedagóxica dos centros como elementos que contribúen á mellora da calidade do ensino.

2. Os centros de Formación e Recursos dependerán organicamente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a promoción, creación, supresión e coordinación dos centros de Formación e Recursos, así como a determinación do ámbito territorial de actuación.

4. En cada Centro de Formación e Recursos existirá un director, un secretario, un consello directivo e un equipo de asesores de formación constituído por profesores en réxime de dedicación total ou parcial.

5. No ámbito de cada un dos centros de Formación e Recursos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer, como órganos territoriais deles, seccións nas que estarán destinados os membros do equipo de asesores que se determine.

Artigo 8º

Os Centros de Formación e Recursos terán as seguintes funcións:

a) Detectar e recolle-las necesidades de formación nos centros do seu ámbito de actuación e propoñer iniciativas e accións formativas que satisfagan esas necesidades ou demandas.

b) Coordinar e xestiona-las actividades formativas que integran o Plan Anual de formación permanente do profesorado aprobado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

c) Promover accións formativas nos centros, encamiñadas a impulsa-la investigación educativa, preferentemente no campo da innovación e experimentación didácticas.

d) Facilitarlles un servicio de documentación, elaboración e difusión de material didáctico e pedagóxico ós profesores e ós centros de ensino do seu ámbito territorial.

e) Realizar actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado.

f) Impulsar e apoia-la participación do profesorado en seminarios permanentes, grupos de traballo, proxectos de formación en centros ou calquera outra modalidade de formación.

g) Contribuír á dinamización social e cultural das zonas educativas de especial dificultade do seu ámbito de influencia.

h) Favorece-lo coñecemento e a utilización efectiva de materiais e recursos técnicos.

i) Calquera outra que a Administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.

Artigo 9º

1. As actividades de formación permanente levadas a cabo e dirixidas ó profesorado que imparte ensinanzas non universitarias nos centros da Comunidade Autónoma de Galicia estarán recollidas nun Rexistro de Actividades de Formación Permanente que se levará na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. En cada Centro de Formación e Recursos existirá un rexistro de carácter auxiliar.

Artigo 10º

1. O director de cada Centro de Formación e Recursos será nomeado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en réxime de comisión de servicios, por un período de tres anos, renovable, se é o caso, por outros tres, e seleccionado previamente por concurso público de méritos entre os funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias. A renovación estará condicionada polos resultados dun proceso de avaliación do exercicio da súa actividade.

2. O director do centro cesará nas súas funcións ó termo do seu mandato ou por algunha das seguintes causas:

a) Paso a situación de servicios especiais, excedencia voluntaria ou forzosa e suspensión de funcións, provisional ou firme.

b) Por resolución do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mediante expediente administrativo con audiencia do interesado, cando incumpra gravemente as súas funcións.

c) Por renuncia motivada aceptada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11º

O director do Centro de Formación e Recursos desenvolverá as seguintes funcións:

a) Representar oficialmente o centro.

b) Cumprir e facer cumpri-las leis e demais disposicións vixentes.

c) Exerce-la xefatura de todo o persoal adscrito ó centro.

d) Dirixir e coordinar tódalas actividades do centro, sen prexuízo das competencias do consello directivo e do equipo de asesores de formación.

e) Coordinar e dar publicidade ó plan de actividades do centro, como concreción do plan anual.

f) Estimula-la participación do profesorado no deseño e desenvolvemento de accións formativas encamiñadas a satisface-las necesidades de formación do propio centro educativo.

g) Convocar e presidi-lo consello directivo do centro.

h) Executa-los acordos do consello directivo do centro no ámbito da súa competencia.

i) Autoriza-los gastos do centro e ordena-los pagamentos.

j) Visa-las certificacións e demais documentos oficiais do centro.

k) Calquera outra que lle sexa atribuída pola Administración educativa.

Artigo 12º

1. Un dos membros do equipo de asesores exercerá a función de secretario do Centro de Formación e Recursos, para o que terá a reducción que se determine no seu horario de dedicación ás funcións de asesor.

2. Será nomeado polo delegado provincial por proposta do director do Centro de Formación e Recursos. O seu nomeamento terá a mesma duración có do director.

Artigo 13º

O secretario do Centro de Formación e Recursos desenvolverá as seguintes funcións:

a) As do director, no caso de ausencia ou enfermidade del.

b) A organización administrativa do centro de acordo coas directrices do director.

c) Actuar como secretario do consello directivo, con voz e sen voto, levantar actas das sesións e dar fe dos acordos, co visto e prace do director.

d) Custodia-los libros e arquivos do centro.

e) Expedir certificacións.

f) Confecciona-lo inventario do centro e mantelo actualizado.

g) Calquera outra función que lle encomende o director dentro do seu ámbito de competencia, ou que estableza o regulamento de réxime interno.

Artigo 14º

1. O consello directivo será presidido polo director do Centro de Formación e Recursos, terá como secretario, con voz e sen voto, o mesmo do centro e estará integrado polos seguintes membros:

a) Dous asesores de formación do centro elixidos polo equipo de asesores, entre os seus membros.

b) Dous representantes da Administración educativa, designados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Dous xefes de estudios e dous coordinadores de formación do profesorado, segundo corresponda en virtude do establecido no artigo 17º deste decreto, de centros educativos da zona de influencia do Centro de Formación e Recursos elixidos polo profesorado da zona, segundo determine o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

d) Se é o caso, un representante das institucións locais que colaboren na creación e no mantemento do centro.

2. Os membros electos do consello directivo serano por un período de tres anos.

3. Serán funcións do consello directivo:

a) Aproba-la proposta do plan de actividades do centro, de acordo coas liñas prioritarias que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e considerando as demandas do profesorado, e elevala ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

b) Aproba-la memoria anual de execución do plan de actividades do centro.

c) Confeccionar e aproba-lo orzamento do centro e supervisa-la súa execución.

d) Fomenta-lo mantemento de contactos regulares cos centros de ensino do seu ámbito de actuación, para efectos de cumprimento dos seus fins.

e) Propicia-lo establecemento de relacións de colaboración con outros centros ou institucións educativas afíns.

f) Elaborar e aproba-lo regulamento de réxime interior do centro.

g) Colaborar no deseño do Plan Anual de formación.

Artigo 15º

1. O equipo de asesores de formación estará integrado por funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas de niveis non universitarios, e que serán seleccionados mediante concurso público de méritos e nomeados, en réxime de comisión de servicios, con reserva do posto de traballo de orixe, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por un período improrrogable de seis anos, renovándose por terceiras partes cada dous. Realizarase anualmente un proceso de avaliación do exercicio da súa actividade que, no caso de ser positiva, determinará a súa continuidade. Rematado o período de seis anos, e para poderen optar de novo ó desempeño desta función, os asesores deberán incorporarse ó exercicio da docencia durante dous cursos polo menos.

2. Serán funcións do equipo de asesores de formación:

a) Coordinar e xestiona-la formación do profesorado prevista no plan anual.

b) Elixir, de entre os membros do equipo, os seus representantes no consello directivo.

c) Elaborar, baixo a coordinación do director, a proposta de plan de actividades do centro que vai formar parte do Plan Anual de formación.

d) Elaborar, baixo a coordinación do director, a memoria anual de execución do plan de actividades do centro.

e) Asesorar, coordinar e controla-lo desenvolvemento dos proxectos de formación e asesoramento do profesorado en centros.

f) Recolle-las necesidades de formación detectadas nos centros educativos e as demandas formativas do profesorado.

g) Ofrecer ós centros educativos un servicio de información, documentación, recursos pedagóxicos e materiais didácticos.

h) Aqueloutras funcións, referidas á formación, que a Administración educativa lles poida asignar.

Artigo 16º

Serán adscritos a cada Centro de Formación e Recursos tódolos profesores que imparten ensinanzas de niveis non universitarios e prestan servicios nos centros educativos do seu ámbito de influencia.

Artigo 17º

1. Nos colexios de educación infantil e primaria, colexios de primaria, centros públicos integrados e institutos de educación secundaria que conten co número de profesores que se determine, existirá un coordinador de formación do profesorado. Nos

demais centros, as funcións deste coordinador de formación serán asumidas polo xefe de estudios. A Administración educativa determinará cómo se cumprirán as funcións de coordinación nas escolas unitarias, nas escolas de educación infantil e nos colexios de educación infantil e primaria incompletos.

2. O coordinador de formación do profesorado será un profesor, preferentemente con destino definitivo no centro, designado pola dirección por proposta da xefatura de estudios, oída a comisión de coordinación pedagóxica. Desempeñará as súas funcións durante un período de catro anos como máximo, renovable, se é o caso, e cesará ó final deste ou cando se dea algunha das causas recollidas nos artigos 59 ou 76 dos regulamentos orgánicos das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e dos institutos de educación secundaria, respectivamente, e no artigo 26 do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados.

3. Cando se produza o cesamento do coordinador de formación antes de finaliza-lo prazo para o que foi designado, a dirección designará, de acordo co procedemento sinalado no punto anterior, un profesor para o tempo que lle resta de mandato.

4. O coordinador de formación do profesorado formará parte da comisión de coordinación pedagóxica prevista nos regulamentos orgánicos citados no punto 2º deste artigo.

Artigo 18º

Correspóndelle ó coordinador de formación, baixo a dirección da xefatura de estudios, a realización das seguintes funcións:

a) Colaborar co Centro de Formación e Recursos na planificación e realización das actividades de formación no propio centro.

b) Promove-la reflexión, o intercambio de experiencias e a resolución de problemas relacionados coa formación entre o profesorado do centro.

c) Planificar e organiza-las actividades de formación do profesorado realizadas polo centro.

d) Recolle-las necesidades de formación detectadas no centro e canalizalas ós centros de Formación e Recursos.

e) Propicia-los apoios demandados polo centro en canto a recursos pedagóxicos e didácticos que poidan facilita-los centros de Formación e Recursos ou outras institucións formativas.

Artigo 19º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Inspección Educativa, asesorará, velará para que o plan de actividades dea resposta ás necesidades de formación detectadas nos centros educativos, supervisará o funcionamento

ordinario dos centros de Formación e Recursos, participará na súa avaliación e, se é o caso, apoiará as iniciativas e as demandas de formación que xurdan nos centros educativos.

Artigo 20º

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer convenios con entidades da Administración local e con outros entes públicos, para efectos de creación e funcionamento dos centros de Formación e Recursos.

2. Así mesmo, para o desenvolvemento de programas de formación do profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá subscribir convenios específicos de colaboración coas universidades, a Administración local e outras institucións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os actuais centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios constitúense en centros de Formación e Recursos.

Segunda.-Os centros de recursos intégranse no Centro de Formación e Recursos da súa localidade.

Quedan suprimidos aqueles centros de recursos que non se constitúan en seccións dos centros de Formación e Recursos.

Terceira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá determinar que todos ou algúns centros de recursos non incluídos na disposición anterior funcionen como unha sección dun Centro de Formación e Recursos.

Disposicións derrogatorias

Única.

1. Quedan derrogados o Decreto 42/1989, do 23 de febreiro, polo que se regulan os centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios; o Decreto 198/1986, do 12 de xuño, polo que se regula a formación permanente do profesorado non universitario e a Orde do 31 de maio de 1993 pola que se regula a composición, elección e constitución do consello directivo dos centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios.

2. Quedan, así mesmo, derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Quedan modificados, no que se opoñan a este decreto, a alínea g do artigo 31 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria; a alínea g do artigo 34 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba

o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria; e a alínea c.6 do artigo 7 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias.

Segunda.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dictar, dentro do ámbito das súas competencias, as normas precisas para a aplicación e o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria