Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 01 de setembro de 1999 Páx. 10.804

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, que ten por obxecto ordenar e regular todo o persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do seu Estatuto de autonomía e no marco da lexislación básica do Estado, no punto 2º do artigo 1 inclúe unha habilitación normativa para a adaptación desta ás peculiaridades do persoal docente, investigador e sanitario.

Por outra parte, a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, recolle o desenvolvemento de accións de carácter compensatorio en relación cos alumnos, persoas, grupos ou ámbitos territoriais que se atopen en situacións desfavorables, co obxectivo de facer efectivo o principio de igualdade no dereito á educación.

Esta lei reestructura, desde perspectivas renovadoras, o conxunto do sistema educativo español e determina que os poderes públicos prestarán a debida atención a un conxunto de accións que favorezan a súa aplicación, tales como a formación do profesorado, a innovación e investigación educativas e a programación docente.

Así mesmo, a Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, de participación, avaliación e goberno dos centros docentes, establece un marco organizativo capaz de asegura-los fins da reforma e da mellora da calidade do ensino que pretende a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo.

É conveniente, pois, dar cobertura legal a determinadas accións, prazas ou postos que permitan prorroga-la temporalidade das comisións de servicios máis alá do tempo previsto no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, posto que as necesidades da Administración educativa así o esixen e a existencia da posibilidade de dictar normativa especial o posibilita, por ser necesario desenvolver funcións e programas diferentes á normal impartición directa da docencia ó alumnado.

En virtude do anteriormente exposto, desenvólvese un novo marco regulamentario para a provisión definitiva, a través de concurso de méritos específico, de distintas prazas e de postos de asesores técnicos, así como a cobertura temporal de vacantes ou necesidades educativas en réxime de comisión de servicios ordinaria ou en comisión de servicios cunha duración máxima, prórrogas incluídas, de seis anos.

Por todo iso, por iniciativa do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, oído o Consello Consultivo de Galicia, en

virtude da habilitación expresa da disposición derradeira primeira da Lei 4/1988, da función pública de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este decreto ten por obxecto, en uso da habilitación prevista no punto 2º do artigo 1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, establecer un marco normativo que permita a adaptación da normativa prevista na devandita lei ás peculiaridades e necesidades da Administración educativa, regulando a provisión, por funcionarios públicos docentes de niveis non universitarios, de distintas prazas e postos de asesores técnicos, con carácter definitivo, a través de concurso de méritos específicos e a cobertura temporal en réxime de comisión de servicios ordinaria e en réxime de comisión de servicios por un período máximo de seis anos.

Artigo 2º

1. Cando unha praza docente de nivel non universitario quede vacante ou eventualmente non estea ocupada, poderá ser cuberta, en caso de urxencia e inaprazable necesidade, en comisión de servicios de carácter voluntario, cun funcionario docente que reúna os requisitos para o seu desempeño.

Sen prexuízo das prórrogas que resulten procedentes, o prazo de terminación das comisións de servicio que se conceden ós funcionarios a que se refire este decreto non poderán exceder do comezo do curso escolar seguinte a aquel no que se conceden.

2. A praza docente cuberta en comisión de servicios incluirase, sempre que a continuidade do seu funcionamento estea prevista na planificación educativa, de acordo coa normativa aplicable ó respecto, na seguinte convocatoria do concurso xeral de traslados ou concurso específico, segundo o caso.

Artigo 3º

1. Cando as prazas docentes necesarias para atende-los programas, unidades ou centros que existan ou se creen para promove-la desaparición das desigualdades na educación de alumnos de niveis non universitarios, facilita-lo acceso ós niveis educativos e profesionais ou garanti-la continuidade do proceso educativo, sexan de duración indeterminada, proveraas, cando non proceda o sistema ordinario de provisión, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mediante concurso de méritos específico entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas de niveis non universitarios. No suposto de supresión futura da praza, terase dereito preferentemente á localidade ou zona de destino suprimido.

2. Nos convenios que a Administración educativa estableza con outras administracións públicas, universidades, institucións, entidades ou empresas públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para rea

lizar actividades educativas, para o desenvolvemento de programas, unidades ou centros, poderá, de se-lo caso, determinarse o sistema de cobertura de prazas que poidan resultar necesarias para o cumprimento deles. A provisión das prazas para cubrir pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizarase a través dun concurso específico de méritos para a súa provisión mediante nomeamento temporal, con reserva do posto de traballo de orixe, polo período de tempo que se estableza na correspondente convocatoria, que en ningún caso poderá exceder de seis anos.

Artigo 4º

No anexo de persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán figurar prazas de asesores técnicos, que deberán ser provistas por concurso de méritos específico entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios, e que percibirán as retribucións que lles correspondan como funcionarios de corpos docentes ós que pertenzan co complemento específico que se estableza ou estea establecido. No caso de supresión da praza, terán dereito preferente a outra praza na localidade ou zona de procedencia ou na do posto que se suprime, segundo opción do interesado.

Artigo 5º

Cubriranse en réxime de comisións de servicio, por concurso de méritos específico entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas de nivel non universitario, aquelas prazas que segundo as previsións contidas no artigo 59 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, fomenten e favorezan a integración en equipo de profesores para a elaboración de proxectos que inclúan innovacións curriculares, metodolóxicas, didácticas, de avaliación, apoio técnico á investigación e organización de centros docentes.

Estas comisións de servicio e, de se-lo caso, as súas prórrogas, rematarán ó cubrirse os obxectivos do proxecto e, en todo caso, non poderán exceder de seis anos.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria concretará mediante orde os programas, unidades e centros nos que as prazas deban ser provistas mediante concurso de méritos específico, conforme o previsto no artigo 3º.1 deste decreto.

Segunda.-A duración do nomeamento de inspector accidental de Educación rexerase pola súa lexislación específica.

Disposicións transitorias

Primeira.-Na sede central do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia e nas súas extensións e ata

as extincións das ensinanzas da Lei 14/1970, a Administración educativa poderá prorroga-las comisións de servicios que se consideren necesarias.

Segunda.-Mentres non se convoquen e resolvan os concursos de méritos específicos recollidos neste decreto, a cobertura das prazas á que se fai referencia nos artigos 3º.1 e 4 poderase prover por comisión de servicios cunha duración máxima dun curso académico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública