Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 19 de agosto de 1999 Páx. 10.403

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de agosto de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Laxeiro.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Laxeiro, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito

1. Carlos García-Suárez Otero, na súa cualidade de secretario da fundación, en escrito de vinteún de xuño de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 23 de febreiro de 1999, ante a notaria Palmira Delgado Martín, co número trescentos cincuenta e seis do seu protocolo, por Manuel Pérez Álvarez, María Cruz Otero Villamarín, Heriberto García-Suárez Otero e Carlos García-Suárez Otero; intervén Manuel Pérez Álvarez en nome e representación do Concello de Vigo, e os restantes no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promocionar, fomentar, divulgar, prestixiar, protexer e defender especialmente na cidade de Vigo e no territorio da Xunta de Galicia e do estado español e no de calquera outro Estado, a obra artística e cultural do pintor José Otero Abeledo Laxeiro, e os dereitos de calquera natureza relacionados con esta, así como a súa experiencia vital, o seu pensamento e as súas inquedanzas, proxectos, ideas e obras; a súa memoria e o recoñecemento da súa obra e das súas achegas ás belas artes, e o seu preferente amor ó pobo de Vigo, e de modo especial á instalación, mantemento, mellora, aplicación, xestión, administración e dirección dun museo que reúna monograficamente a obra de Laxeiro, localizado na cidade de Vigo.

4. O padroado da fundación estará constituído polos membros que se designan no artigo 6º dos estatutos da fundación.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Laxeiro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Laxeiro e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública