Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 17 de agosto de 1999 Páx. 10.320

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xuño de 1999 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 1999/2000, nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos.

Co obxecto de fixa-lo calendario escolar para o curso 1999/2000 nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta das direccións xerais de Centros e Inspección Educativa, de Persoal e de Ordenación Educativa e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo calendario escolar para o curso 1999/2000 nas condicións que se sinalan:

1. Duración do curso.

1.1. O curso escolar abranguerá en educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria desde o día 1 de setembro de 1999 ata o 31 de agosto do 2000.

1.2. O curso abranguerá no bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (escolas de arte, conservatorios de música e de danza, escolas oficiais de idiomas e escola de conservación e restauración de bens culturais) desde o día 15 de setembro de 1999 ata o 14 de setembro do 2000.

Nos primeiros días do mes de setembro, e ata o día 11 realizaranse as probas de setembro e as sesións de avaliación para os alumnos de bacharelato e formación profesional, e de ensinanzas de réxime especial.

Os alumnos que non puidesen matricularse no prazo ordinario poderano facer no prazo extraordinario, que abrangue desde o día 1 ata o 14 de setembro.

2. Clases.

2.1. En educación infantil, educación especial, educación primaria e as súas modalidades, as clases comezarán o día 15 de setembro e rematarán no mes de xuño, de acordo coa normativa reguladora das actividades de final de curso.

Desde o comezo do curso e ata o inicio das clases, o profesorado dos centros que impartan estas ensinanzas dedicarase a elabora-la programación xeral anual, a revisa-los proxectos educativo e curricular e a organiza-lo curso.

2.2. En bacharelato, formación profesional, educación secundaria obrigatoria e ensinanzas de réxime especial, (escolas de arte, conservatorios de música e de danza, escolas oficiais de idiomas e escola de conservación e restauración de bens culturais) as clases comezarán o día 24 de setembro, e rematarán no mes de xuño, de acordo coa normativa reguladora das actividades de final de curso.

Desde o comezo do curso e ata o inicio das clases, os departamentos didácticos dos centros de educación secundaria, baixo a coordinación e dirección do xefe de departamento, dedicaranse a elabora-la programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organiza-lo curso escolar.

2.3. Os delegados provinciais, por circunstancias concretas de organización, poderán autoriza-la modificación das datas de comezo das clases.

3. Xornada escolar.

Aqueles centros que combinen o servicio de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, permita garanti-lo axuste e perfecta coordinación dos centros co dito servicio.

Durante os meses de setembro e xuño establecerase a xornada lectiva continuada en horario matinal nos centros que impartan educación infantil ou educación primaria, ou infantil e primaria, ou primaria e secundaria obrigatoria, ou infantil, primaria e secundaria obrigatoria. Este tipo de xornada será aplicable ós alumnos de educación secundaria obrigatoria escolarizados en institutos de educación secundaria. En tódolos centros referidos será de aplicación este tipo de xornada, agás nos casos nos que teñan autorización expresa do delegado provincial para outro tipo de xornada.

4. Períodos vacacionais.

4.1. As vacacións de Nadal abranguerán desde o día 22 de decembro de 1999 ata o día 7 de xaneiro do 2000 (ámbolos dous inclusive).

4.2. As vacacións de Semana Santa abranguerán desde o día 17 ata o 24 de abril do ano 2000 (ámbolos dous inclusive).

4.3. Considéranse períodos non lectivos os días correspondentes ó entroido, luns e martes (días 6 e 7 de marzo do 2000).

5. Días festivos.

5.1. Son días festivos os así declarados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 1.31º do Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro (BOE do 7).

5.2. Considéranse días non lectivos para efectos académicos, ademais das festas laborais de carácter local publicadas por resolución da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, as festividades correspondentes ós patróns de cada nivel de ensino:

-24 de outubro de 1999: San Antonio Mª Claret (escolas de arte).

-22 de novembro de 1999: Santa Cecilia (conservatorios de música).

-27 de novembro de 1999: San Xosé de Calasanz (centros de educación primaria).

-28 de xaneiro de 2000: San Tomé de Aquino (centros de educación secundaria e bacharelato).

-31 de xaneiro do 2000: San Xoán Bosco (centros de formación profesional).

-A festividade de San Antonio Mª Claret trasládase ó día 22 de outubro (venres).

-A festividade de San Xosé de Calasanz trasládase ó día 26 de novembro.

Os centros que imparten máis dun nivel de ensino deberán unificar nunha única xornada as festividades correspondentes ós distintos patróns.

6. Celebración de conmemoracións.

Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

-Do 13 ó 19 de decembro: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

-10 de decembro: Día da Declaración Universal de Dereitos Humanos.

-30 de xaneiro: Día da Paz.

-8 de marzo: Día Internacional da Muller.

-14 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-Do 10 ó 14 de abril: Semana da Prensa; o seu día 14 declárase con xornais e sen libros.

-Entre o 3 e o 23 de abril: Día do Libro.

-7 de abril: Día Mundial da Saúde.

-9 de maio: Día de Europa.

-Do 15 ó 19 de maio: Semana das Letras Galegas.

5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente.

Estas datas son lectivas para tódolos efectos.

Sen prexuízo do anterior, os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salienta-la importancia das referidas conmemoracións. No caso de que algunha coincida en festivo, trasladarase ó día lectivo inmediatamente anterior.

7. Os consellos escolares dos centros así como os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica, ata dous días non lectivos. A dita petición deberá facerse antes do día 31 de outubro, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quen, logo de informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda.

É desexable que os centros da mesma localidade elixan os mesmos días non lectivos.

8. Calquera modificación que se precise facer ó calendario escolar deberalle ser solicitada ó delegado provincial polo centro interesado, alomenos con quince días de antelación, que, logo do informe da

inspección educativa e os que considere oportunos, resolverá o procedente.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria