Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 16 de agosto de 1999 Páx. 10.302

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización das instalacións denominadas: Gasificación do Noroeste, ramal Pontevedra-Ourense, addenda III (ramal ó Carballiño), promovido pola empresa Enagás, S.A.

De acordo co disposto na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, artigos 17 da Lei de expropiación forzosa e 56 do seu regulamento, Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia e demais normativa específica de aplicación, e para os efectos previstos no acordo do Consello da Xunta do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio coma órgano competente por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento, sométese a información pública o proxecto denominado Gasificación do Noroeste, ramal Pontevedra-Ourense, addenda III (ramal ó Carballiño), declarado de utilidade pública polo artigo 103 da citada Lei 34/1998.

Peticionario: Enagás, S.A., con enderezo Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, titular da concesión administrativa outorgada por orde do conselleiro de Industria e Comercio do 12 de marzo 1993 para a conducción e subministración de gas natural para

usos industriais, de conformidade co proxecto ramal Pontevedra-Ourense e redes de distribución para usos industriais na provincia de Ourense, nos termos municipais de Pontevedra, Ponte Caldelas, Cotobade, A Lama, Avión, Boborás, O Carballiño, Maside, Punxín, Amoeiro, Ourense, Barbadás e San Cibrao das Viñas.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de instalacións denominado Gasificación do Noroeste, ramal Pontevedra-Ourense, addenda III (ramal ó Carballiño).

A autorización de instalacións que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para o efecto de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

Características das instalacións: as variantes realizadas afectan o termo municipal do Carballiño, e son as que se expoñen a continuación:

A canalización parte da posición I-022.3 existente do ramal Pontevedra-Ourense, no termo municipal do Carballiño (ó sur do núcleo urbano de Matogrande). A partir de aí o ramal en alta presión-A discorre con diámetro de 4" paralelo ó ramal Pontevedra-Ourense, en dirección Pontevedra, durante un tramo de 1.000 metros, aproveitando deste xeito a pista empregada para o ramal existente. Manterase unha distancia mínima de paralelismo de 3 m. Durante o tramo de paralelismo cruzarase o regato Porto. A partir dun punto situado ó sur do núcleo das Caldas, a conducción abandona o paralelismo co ramal Pontevedra-Ourense, discorrendo en dirección norte. Tras cruza-lo núcleo urbano das Caldas, a canalización aproxímase á estrada G-137 (nova variante do Carballiño), e discorre paralela a esta durante uns 270 m. Nese punto cruza esa estrada á altura do PK 5 mediante perforación horizontal, situándose posteriormente paralela a un camiño asfaltado, ata acceder á estrada OUR-210. Desde este punto a

conducción discorrerá baixo a calzada da dita estrada durante un tramo duns 1.000 metros, ata as proximidades do antigo matadoiro municipal. Neste punto instalarase a válvula de acometida de diámetro 4" en arqueta.

A lonxitude da conducción é de 3.220 m con 4" de diámetro.

Termos municipais afectados: O Carballiño.

Orzamento: o orzamento ascende a cento dous millóns cento oito mil cento cincuenta pesetas (102.108.150 ptas.).

Afección a predios particulares: a afección a predios particulares derivada da construcción do gasoducto, concrétase na seguinte forma:

Un. Expropiación forzosa dos terreos sobre os que se contruirán as instalacións fixas en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

A. Imposición de servidume permanente de paso de gas ó longo do trazado da conducción, cunha largura de dous (2) metros, un (1) a cada lado do eixe, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta servidume que se establece estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción, edificación ou efectuar ningún acto que puidera danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado deste. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se recolle para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e realizaranse as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas para eses fins.

Tres. Para o paso dos cables de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica:

A. Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores da protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largo, o da instalación máis un (1) metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta

(50) centímetros, a plantar árbores ou arbustos e realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación a unha distancia inferior a metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houber a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é ocaso, dos danos que se ocasionen.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se recolla para cada predio nos planos parcelarios de expropiación, e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para eses fins.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

O que se fai público para coñecemento xeral e especialmente dos propietarios de terreos e demais titulares afectados por este proxecto, a relación insírese ó remate deste anuncio, para que poidan examinala nesta dirección xeral, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, e na Delegación Provincial de Ourense, Curros Enríquez, 1-4º, e presentar por triplicado neses centros as alegacións que consideren oportunas no prazo de vinte días a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria