Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 12 de agosto de 1999 Páx. 10.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio da pel.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio da pel, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios do Comercio da Pel de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, o 1-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982. do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de xullo de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para o sector do

comercio da pel

Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión General de Trabajadores (UGT), en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio de la Piel, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ambito de aplicación.

O presente convenio regula as relacións laborais entre empresarios e traballadores, en tódalas empresas da provincia de Pontevedra, integradas ou non en asociacións empresariais legalmente constituídas e dedicadas á actividade do comercio da pel.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor ós dez días da súa sinatura con independencia da súa publicación no BOP, se ben os efectos económicos do primeiro ano de vixencia do convenio se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1999.

Artigo 4º.-Duración e prórrogas.

Terá unha duración de tres anos, contados a partir do 1 de xaneiro de 1999, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 2001.

Non obstante, entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cunha antelación mínima de tres meses antes da data do seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas, debendo darse traslado da denuncia ás asociacións afectadas polo presente convenio.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó establecemento do presente convenvio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberá conservalas.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo que se realizarán segundo o horario de traballo seguinte:

a) Horario de verán: 1 de xuño a 30 de setembro.

-Mañás: de 9.45 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.30 a 20 horas.

Neste período o presente horario de traballo realizarase de luns a sábado pola mañá, comprendendo, en consecuencia, o descanso semanal de día e medio, a tarde do sábado e o día completo do domingo, de acordo co previsto no artigo 37.1º do Estatuto dos traballadores.

Dito o anterior sinalar que en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios os sábados pola tarde; neste caso os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados.

b) Horario para o resto do ano:

-Mañás: de 10 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.15 a 20 horas.

No resto do ano rexerá este horario de traballo de luns a sábado pola tarde, para o que en cada empresa se fixará o descanso compensatorio polo traballo nas tardes dos sábados, segundo o previsto no Real decreto 1561/1995.

Non obstante o sinalado nos parágrafos anteriores, en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns traballadores, para a modificación do horario de traballo, tanto o fixado para verán como para o resto do ano.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio as partes asinantes del acordan a supresión das horas extraordinarias habituais.

Pola contra, acórdase a realización de horas extraordinarias que veñan esixidas por necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, e o mantemento das que resulten necesarias por períodos de maior venda, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de marzo a outubro, ámbolos dous inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada unidade de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que quen tivo preferencia de elección de quenda no ano anterior é o último á hora de elixir quenda no presente ano.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Con independencia do disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal logo de aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais nos casos de nacemento de fillo.

c) Ata 5 días naturais nos casos de morte do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que en cada caso concorran.

d) Ata un máximo de tres días naturais por ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que poidan imporse ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días ó ano, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 5 días, polo menos, para un deles, fixándose o segundo de acordo coas necesidades da empresa.

Esta última licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Os dereitos en materia de permisos retribuídos recoñecidos ós cónxuxes nas letras b) e c) deste artigo, estenderanse ás parellas de feito inscritas no rexistro do organismo que competa; para as previstas na letra c) deberase acreditar un período de convivencia mínimo dun ano.

Artigo 10º.-Salarios.

As retribucións salariais para o primeiro ano de vixencia do convenio (1-1-1999 ó 31-12-1999) son as que para cada categoría fixan na táboa salarial anexa e supoñen un incremento respecto das vixentes o 31-12-1999, do 5,4%.

Para o segundo ano de vixencia do convenio (1-1-2000 ó 31-12-2000) incrementaranse as táboas vixentes o 31-12-1999 no IPC real do ano 1999 máis dous puntos.

Para o terceiro ano de vixencia do convenio (1-1-2001 ó 31-12-2001) incrementaranse as táboas vixentes o 31-12-2000 no IPC real do ano 2000 máis dous puntos.

Artigo 11º.-Antigüidade consolidada.

Con efectos do 1 de xullo de 1999 acórdase a supresión do concepto de antigüidade, non obstante, os traballadores manterán e cosolidarán os importes ós que tivesen dereito polo complemento persoal de antigüidade o 30 de xuño de 1999.

A este importe engadiráselle a parte proporcional que o traballador tivese devengada e non cobrada, que se calculará por meses completos, computandose como tal calquera fracción destes.

A antigüidade consolidada así calculada incrementarase durante a vixencia deste convenio, na mesma porcentaxe na que o fagan as súas táboas salariais, isto é, no 5,4% no primeiro ano de vixencia do convenio; no IPC real do ano 1999 máis un 2% no segundo, e no IPC real do ano 2000 máis un 2% no terceiro.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade completa (salario convenio máis antigüidade consolidada, de se-lo caso), cada unha delas nas seguintes datas: 1 de marzo (paga de beneficios), xullo e Nadal.

Artigo 13º.-Complemento de transporte.

Establécese para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio un complemento de transporte que, para o ano 1999, será de 7.838 pesetas mensuais, efectuándose o seu devengo en 12 pagas.

Este complemento incrementarase no segundo ano de vixencia do convenio (2000), no IPC real do ano 1999 máis dous puntos; e no terceiro ano de vixencia (1001), no IPC real do ano 2000 máis dous puntos.

En todo caso, este complemento terá a consideración de concepto extrasalarial para tódolos efectos, polo que non computará para o cálculo de antigüidade consolidada, gratificacións extraordinarias, etc, e tampouco se percibirá cando o traballador se atope en situación de incapacidade temporal, quedando, así mesmo, exento de cotización á Seguridade Social.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal.

Durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade ou accidente debidamente xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas ata o importe íntegro das retribucións do convenio.

Artigo 15º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ambas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas cubri-las ditas vacantes con calquera traballador inscrito como demandante en oficinas de emprego.

Artigo 16º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a un ano, contados desde a terminación do descanso de maternidade a que se refire o nº 3 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a el, unha vez finalizada a excedencia, sempre que soliciten o reingreso cun mes de antelación ó termo desta.

Artigo 17º.-Protección da maternidade.

1. A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, sobre prevención de riscos laborais, deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente, a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en

calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. Estas medidas incluirán, cando cumpra, a non realización de traballo nocturno ou de traballo por quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resulte posible ou malia esta adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifique o médico que no réxime da Seguridade Social asista facultativamente a traballadora, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, mesmo aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou a categoría equivalente, aínda que conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. O disposto nos anteriores números deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo e así o certificase o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

4. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e da xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 18º.-Axuda por xubilación.

Ó producirse a xubilación dun traballador con máis de vinte anos de servicio na empresa, recibirá dela o importe dunha mensualidade incrementado con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Á marxe do citado no parágrafo anterior, os traballadores que se xubilen ós 65 anos recibirán da empresa unha axuda consitente nunha mensualidade; dúas mensualidades se o fan ós 64 anos e tres mensualidades ós 63 anos. En todo caso, respectaranse as superiores axudas que por este concepto veñan realizando as empresas.

Artigo 19º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento do traballador, cun ano polo menos pertencendo á empresa, esta queda obrigada a satisfacer ós seus dereitohabentes o importe de dúas mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Artigo 20º.-Desconto en compras.

O desconto en compras que o persoal realice nas súas empresas será, como mínimo, do 15%, respectándose as situacións máis favorables que se viñesen dando ata a data. O dito desconto non será efectivo nos artigos en rebaixas ou en saldo.

Artigo 21º.-Contratación.

Contrato eventual.-A teor do disposto no artigo 15 b) do texto refundido do ET e Real decreto lei 8/1997, do 16 de maio, ambos vixentes, este contrato ten por obxeto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, mesmo tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato.-Formalizarase por escrito, consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancias que o motiven, e rexistrándose no Inem.

Duración e prórroga.-A duración destes contratos non poderá ser inferior a 30 días nin superior a 13 meses, dentro dun período de 18, contados a partir do momento do contrato inicial. Limítase a dous o número de contratos para realizar, na súa duración mínima, a unha mesma persoa.

No caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós trece meses, poderá ser prorrogado por unha única vez mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

Nos contratos superiores ós seis meses, se no momento do remate do período inicial non houbese unha comunicación previa de dez días de antelación á súa finalización, o contrato entenderase prorrogado automaticamente ata a súa duración máxima. Se no momento do remate da súa duración máxima non houbese denuncia expresa con dez días de antelación e se continuase prestando servicios, o contrato considerarase por tempo indefinido, agás proba en contrario que acredite a natureza temporal da prestación.

Formación.-A súa duración mínima será de 6 meses, ata un máximo de 30 meses, e poderán acordarse ata duas prórrogas por un período mínimo de seis meses cada unha, sen que a duración total do contrato poida exeder da citada duración máxima. A retribución que se aboará será do 85% do salario fixado en convenio para a categoría na que se vai forma-lo traballador.

Os contratos regulados neste artigo serán de aplicación durante a vixencia deste convenio, período durante o cal se poderán concertar este tipo de contratos, aceptándose a vixencia destes ata o seu remate.

Artigo 22º.-Contraprestación.

En compensación ás melloras pactadas neste convenio os productores obríganse a presta-los seus servicios co maior interese e productividade.

Artigo 23º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó que dispoñen as normas legais vixentes de aplicación.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e para atender a cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, que estará integrada por tres representantes de cada unha das partes que negocien o convenio.

Vigo, 1 de xullo de 1998.

Táboa salarial anexa para o ano 1999

CategoríasSalario

mensual

Grupo I:
Enxeñeiros e licenciados113.782
Axudantes técnicos96.700
Practicantes86.267

Grupo II:
Xefe de persoal108.093
Xefe de vendas108.093
Xefe de compras108.903
Encargado xeral108.093
Xefe de almacén96.700
Xefe de sucursal96.700
Xefe de grupo96.700
Xefe de sección86.497
Encargado de establecemento, vendedor,

comprador

85.922
Viaxante86.497
Corredor de praza81.639
Dependente86.152
Dependente maior94.516
Axudante79.976
Traballadores en formación: 85% do salario da categoría para a que se vai formar. (Artigo 21º.-Contratación).

Grupo III:
Xefe administrativo100.332
Xefe de sección93.255
Contable, caixeiro, taquimecanógrafo85.922
Oficial administrativo102.401
Auxiliar de caixa85.922
Auxiliar administrativo85.922

Grupo IV:
Debuxante97.003
Escaparatista85.922
Rotulista85.922
Cortador85.922
Axudante de cortador85.922

Grupo V:
Persoal de limpeza: a razón de 585 ptas./hora

Profesionais de oficio: nas demais categorías non previstas nesta táboa, faranse as asimilacións que correspondan.